[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Carlito syrichta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Artigo principal: Tarsiiformes.
Carlito syrichta
Tarsio filipino

Rango fósil: eoceno (hai 45 Ma) - actualidade
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Eutheria (= Placentalia)
Orde: Primates
Suborde: Haplorrhini
Infraorde: Tarsiiformes
Familia: Tarsiidae
Xénero: Carlito
Groves & Shekelle, 2010
Especie: C. syrichta
Nome binomial
Carlito syrichta
(Linnaeus, 1758)
Tarsio filipino coa cría.
Tarsio filipino gabeando.

Carlito syrichta é unha especie de mamífero primate haplorrino tarsiiforme da familia dos tarsíidos, o único do xénero Carlito,[2] coñecio na bibliografía internacional como tarsio filipino e, localmente, como mawmag en cebuano, nas Visayas, como mamag en Luzón, e como mal entre os t'boli, un dos pobos indíxenas da provincia de Maguindanao, na Rexión Autónoma do Mindanao Musulmán, no suroeste da illa de Mindanao.

Até hai poucos anos estivo clasificado como Tarsius syrichta,[3] pero en 2010 reclasificouse como a única especie do novo xénero Carlito.[2]

É unha especie endémica de Filipinas, encontrándose na parte sueste do arquipélago, particularmente nas illas de Bohol, Samar, Leyte e Mindanao.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Como quedou dito, durante moito tempo, e até moi poucos anos, a especie estivo clasfificada dentro do xénero Tarsius. O novo xénero Carlito foi descito en 2010 polos investigadores Colin Groves, profesor de antropoloxía biolóxica da Australian National University de Canberra,[4] e Myron Shekelle, biólogo evolutivo, ecólogo e taxónomo da Western Washington University, de Bellingham, Estados Unidos,[5] no artigo "The Genera and Species of Tarsiidae" publicado en International Journal of Primatology 31 (6): 1071–1082.[2]

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae baixo o nome de Simia syrichta.[6][7]

Simia foi un dos catro xéneros nos que Linneo dividiu a orde dos primates, xunto con Homo, Lemur e Vespertilio. Vespertilio incluía a todos os morcegos e separouse cando se creou o taxon Chiroptera, Homo contiña aos humanos e os chimpancés (Homo sapiens e Homo troglodytes, respectivamnte), Lemur comprendía catro lémures e un colugo, e Simia englobaba ao resto, era un taxon caixón de xastre dos primates (e, evidentemente, parafilético). É interesante facar notar que Linneo non cría que Homo formara un grupo distinto de Simia, pero os separou inicialmente para evitar conflitos coas autoridades relixiosas. Tendo en conta esta inclusión, Simia equivalería aproximadamente á actual suborde dos haplorrinos (mentres que Lemur sería máis ou menos a dos estrepsirrinos).[6]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]
Especie

Ademais de polo nome orixinario de Linneo, e o de Trasiu syrichta, a especie foi tamén coñecida polos sinónimoss seguintes:[1][3]

  • Tarsius carbonarius Heude, 1898
  • Tarsius fraterculus Miller, 1911
  • Tarsius philippinensis Meyer, 1894

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Dentro da especie, moitos autores distinguen as seguintes subespecies:[8]

  • Tarsius carbonarius syrichta (Linnaeus, 1758) - tarsio filipino (propiamente dito). — Hoxe Carlito syrichta syrichta (Linnaeus, 1758)
  • Tarsius carbonarius carbonarius Heude, 1899 - tarsio de Mindanao. — Hoxe Carlito syrichta carbonarius (Heude, 1899)
  • Tarsius carbonarius fraterculus Miller, 1910 - tarsio de Bohol. — Hoxe Carlito syrichta fraterculus (Miller, 1911) [9]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]
Xénero

O nome do antigo xénero, Tarsius, deriva do latín tarsus, aludindo á lonxitude dos ósos tarsianos destes animais.[10]

O novo xénero, Carlito, foi así bautizado por Groves e Shekelle na honra do famoso conservacionista filipino Carlito Pizarras, coñecido como Carlito "Lito" Pizarras, Nong Lito e "Tarsier Man".[2][11]

A orixe do nome específico, syrichta, é escura.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]
Distribución de Carlito syrichta.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

O seu hábitat natural son os bosques primarios (virxes) e secundarios de clima tropical, desde o nivel do mar até os 700 m de altitude. Estas selvas tropicais, de vexetación densa e frondosa, permítenlle gorecerse en árbores de pequeno tamaño ou noutros elementos que lles confiran protección, tales como herbas altas, matogueiras ou brotes de bambú, situándose non máis alá dos 2 m do solo.

Realmente habita en todo tipo de vexetación onde haxa árbores. Aínda que mostra preferencia pola vexetación secundaria (afectada pola man do home), pero tamén se encontra nos bosques primarios. Así mesmo pode verse en plantacións de plátano, café e outros cultivos durante o tempo en que estes florecen.[8]

Distribúese polas selvas pouco densas do sueste do arquipélago filipino, principalmente nas illas de Samar, Leyte, Mindanao e Bohol.

A súa distribución xeográfica tamén inclúe as pequenas illas de Maripipi,[12] Basilan.[13] Siargao e Dinagat.[1]

Membros dalgunhas tribos, como os b'laans os t'bolis dicían que tamén se encontraba na provincia de Sarangani, na illa de Mindanao, algo que finalmente se corroborou cando o 30 de marzo de 2002 se capturou unha parella desta especie nas zonas montañosas dos municipios de Maitum e Kiamba, aínda que poden ser de diferentes subespecies.[1]

Caracterísiticas

[editar | editar a fonte]

É un primate de tamaño reducido, duns 15 cm de lonxitude, o que fai moi difícil a súa localización. A cabeza e o tronco alcanzan unha lonxitude de 8 a 16 cm, aos que hai que engadir entre 13 e 27 cm da cola. Pesa de 85 a 165 g.

Os ollos son moi grandes. As orellas tamén son grandes e moi mobíbeis: pódenas dobrar para mantelas pegadas á cabeza.

Os dedos son longos e delgados, e están ensanchados na súa porción distal nunha expansión en forma disco, adhesiva (o que facilita a súa suxeición ás pólas das árbores). Pola parte dorsal, os dedos rematan en uñas planas, agás no segundo eterceiro dedoss de cada pata, que rematan en pequenas garras que usan para o aseo.

Son nocturnos e insectívoros. Durante o día dormen en agochos escuros cerca do chan.

Poden xirar a cabeza 180º en ambos os sentidos e as súas grandes orellas membranosas parecen estar en continuo movemento.

Polos seus ollos, fixos ao cranio e abertos coma pratos, ostentan o récord Guinness do mamífero cos ollos máis grandes en relación ao tamaño do corpo.

Utilizan a súa longa e delgada cola, dúas veces máis grande que o tronco, para balancearse. Gabean verticalmente polos árboees e saltan de rama en rama.

Curiosidade

[editar | editar a fonte]

Paradoxalmente, unha superstición local serviu para preservar esta especie en perigo. Os indíxenas sóltanos no bosque porque cren que traen mala sorte.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Shekelle, M. & Arboleda, I. (2008): Tarsius syrichta na Lista vermella de especies ameazadas da UICN- Versión 2015-4. Consultada o 17-02-2016.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Groves, C. & Shekelle, M. (2010): "The Genera and Species of Tarsiidae" International Journal of Primatology 31 (6): 1071–1082.
  3. 3,0 3,1 Tarsius syrichta en Mammal Species of the World.
  4. Professor Colin Groves, Curriculum Arquivado 21 de febreiro de 2011 en Wayback Machine..
  5. Myron Shekelle, Profile.
  6. 6,0 6,1 Simia Linnaeus, 1758 Arquivado 25 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Fossilworks (Paleobiology Database) .
  7. Carlito syrichta (Linnaeus 1758) Arquivado 07 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Fossilworks (Paleobiology Database).
  8. 8,0 8,1 "O tarsio filipino (Tarsius syrichta)" en El Zoológico lectrónico.
  9. Tarsius syrichta syrichta na EOL.
  10. Tarsius no Merriam-Webster Dictionary.
  11. "New Tarsier Genus Named After 'Tarsier Man'". Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2013. Consultado o 17 de febreiro de 2016. 
  12. Rickart, E. A.; Heaney, L. R.; Heidman, P. D. & Utzurrum, R. C. B. (1993): "The distribution and ecology of mammals on Leyte, Biliran, and Maripipi islands, Philippines". Fieldiana: Zoology 72: 1-62.
  13. Lawrence, B. L. (1939): "Collections from the Philippine Islands". Mammals. Bulletin of the Museum of Comparative Zoology 86: 28-73.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brandon-Jones, D.; A. A. Eudey, T. Geissmann, C. P. Groves, D. J. Melnick, J. C. Morales, M. Shekelle & C. B. Stewart (2004):

"Asian Primates Classification" International Journal of Primatology 25 (1): 97-164. Resumo.

  • Chiarelli, A. B. (1972): Taxonomic Atlas of Living Primates. Londres, Reino Unido e Nova York, USA: Academic Press. ISBN 0-12-172550-2.
  • Groves, Colin P. (2001): Primate Taxonomy. Washington, USA e Londres, Reino Unido: Smithsonian Institution Press. ISBN 1-56098-872-X.
  • Gursky-Doyen, Sharon & Jatna Suprinata, eds. (2010): Indonesian Primates. Nova York / Dordrecht / Heidelberg / Londres: Springler. ISBN 978-1-4419-1559-3 / ISBN 978-1-4419-1559-7.
  • Kowalski, Kazimierz (1981): "Suborden Tarsioidea", en: Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, pp. 320–321.
  • Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Primates of the World. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-6251-5.
  • Parker, Sybil P. (1990): Grzimek's Encyclopedia of Mammals. Volume 2. Nova York, NY, USA: McGraw-Hill Publishing Company. ISBN 0-07-909508-9.
  • Vaughan, T. A. (1986): Mammalogy. Third Edition. Fort Worth, Texas, USA: Saunders College Publishing.
  • VV. AA. (1968): "Tarsioideos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 6. Animales vertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 290–292.
  • Walker, Ernest P. (1975): Mammals of the World, Third Edition, Volumes I & II. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-1657-2.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M., eds. (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference, 3ª ed. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.
  • Wright, P. (2003): "Are Tarsiers Silently Leaping into Extinction?". pp. 296–308 en P. Wright, E. Simons & S. Gursky, eds. Tarsiers: The Past, Present, and Future. New Brunswick, New Jersey, USA: Rutgers University Press.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]