[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cafarnaún

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCafarnaún
Imaxe

Localización
Mapa
 32°52′52″N 35°34′30″L / 32.881111111111, 35.575
EstadoIsrael
DistritoDistrito Norte Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie1.728 Editar o valor en Wikidata
Bañado porMar de Galilea Editar o valor en Wikidata
Creaciónséculo II a. C. Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

Capernaum ou Cafarnaún (en hebreo: כְּפַר נָחוּם [Kəfar Nāḥūm], "pobo de Nahum") é un antigo poboado situado en Galilea, hoxe Israel, nas ribeiras do mar de Galilea, tamén chamado lago Tiberiades ou Kineret. É coñecida polos cristiáns como "a cidade de Xesús". Nomeada no Novo Testamento, foi un dos lugares elixidos por Xesús de Nazaret para transmitir a súa mensaxe e realizar algúns dos seus milagres. Está situada a 2,5 km de Tabgha e a 15 km da cidade de Tiberías, na marxe noroeste do lago.

E entraron en Cafarnaún; e os días de repouso, entrando na sinagoga, ensinaba.
San Marcos 1, 21
Entrou Xesús outra vez en Cafarnaún despois dalgúns días; e oíuse que estaba na casa.
San Marcos 2, 1

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome semítico da pequena cidade era Kfar Nahum («pobo de Nahum»), sendo Nahum un profeta. Nos escritos de Flavio Xosefo, o nome é traducido en grego como "Kαφαρναουμ (Kapharnaum)". En lingua árabe, a este lugar chámaselle "Tell Hum" , é dicir, o outeiro (Tell) de Hum (abreviatura de Nahum).

Recuperación de Cafarnaúm

[editar | editar a fonte]

En 1838, o norteamericano Edward Robinson descubriu as ruínas deste lugar. A antiga Cafarnaúm presentouse aos primeiros exploradores como un lugar desolado e triste.

En 1866, foi o explorador británico Capitán Charlles W. Wilson quen identificou os restos da sinagoga, e no ano 1894 o franciscano Frai Giuseppe Baldi de Nápoles, en nome da Custodia de Terra Santa, conseguiu adquirir aos beduínos unha boa parte das ruínas.

Os franciscanos levantaron un cercado para protexer as ruínas de frecuentes vandalismos; plantaron palmeiras e eucaliptos traídos de Australia para crear un pequeno oasis para recibir os peregrinos nesta zona situada a 210 metros baixo o nivel do mar. Ademais construíron un porto pequeno para facilitar a entrada polo lago. Estas obras tomaron un grande impulso baixo a dirección do franciscano Virxilio Corbo.

Descubrimentos arqueolóxicos

[editar | editar a fonte]

As escavacións máis importantes iniciáronse en 1905, baixo a dirección dos alemáns Heinrich Kohl e Carl Watzinger e foron continuadas polos franciscanos Frai Vendelin von Benden (1905-1915) e Gaudencio Orfali (1921-1926). Os resultados foron o descubrimento de dous edificios públicos, a famosa sinagoga mencionada anteriormente (que fora parcialmente restaurada polo pai Orfali) e unha igrexa de planta octogonal. Máis tarde, en 1968, as escavacións foron reiniciadas por Corbo e Stanislao Loffreda, coa axuda financeira do goberno italiano. Durante esta etapa o maior descubrimento foi a casa de San Pedro, algúns barrios do poboado da época evanxélica. Estas escavacións continuaron até 1986.

As escavacións deron como resultado saber que o lugar se estableceu no comezo da Dinastía Asmonea, ao redor do século II a.C. e foi abandonada ao redor do século XI.

Historia do poboado

[editar | editar a fonte]
Igrexa católica en Cafernaún

Baseándose nas fontes literarias e nos resultados das escavacións púidose reconstruír parte da historia deste poboado.

O pobo non é mencionado no Antigo Testamento. Arqueoloxicamente está demostrado que existía xa no século II a.C., no período dos Asmoneos. O sitio non tiña ningún muro defensivo e estendíase ao longo da ribeira do lago (do leste ao oeste). A 200 metros ao norte da sinagoga encontrábase a zona do cemiterio, que se achaba fóra da zona habitada. Tiña unha extensión de 3 km, até Tabgha, onde se dedicaban á agricultura, feito probado polos diversos muíños para aceite ou gran que se encontraron nas escavacións. Outra fonte de ingresos era a pesca. Foron achados restos dun porto ao oeste do que construíron os franciscanos.

Cafarnaúm encontrábase xunto a unha das principais arterias que unían Galilea con Damasco. Non se encontraron evidencias de que Cafarnaúm participou nas sanguentas sublevacións xudías contra os romanos nos anos 70 e 135.

Xesús escolleu este pobo como centro do seu ministerio público en Galilea, despois de deixar Nazaret, que era unha humilde aldea de montaña.

Descrición do poboado

[editar | editar a fonte]

O plano do poboado era bastante regular. A ambos os lados dunha ampla rúa con orientación norte-sur, xurdían pequenos barrios ou illas, limitadas por pequenas rúas transversais e ruelas sen saída. Os muros estaban construídos con rudimentarios bloques de basalto e reforzados con pedra e barro. A parte máis espazosa da casa era o patio, onde estaba o forno circular feito de terra refractaria, muíños para o grande e a escaleira de pedra para ir á terraza. O piso das casas era empedrado. En torno ao patio aberto dispúñanse humildes celas que recibían luz a través dunha serie de aberturas ou fiestras baixas. O descubrimento da escaleira á terraza esclarece o feito evanxélico do paralítico descolgado a través do teito.

E como non podían acercarse a el a causa da multitude, descubriron o teito de onde estaba, e facendo unha abertura, baixaron o leito en que xacía o paralítico.
San Marcos 2, 1-12

Polo tipo de construción non era difícil subir ao teito pola escaleira do patio e remover unha parte para facer descender o individuo na mesma estancia onde se encontraba Xesús.

Un estudo acerca do barrio situado entre a sinagoga e a igrexa octogonal, mostrou que varias familias vivían xuntas ao estilo patriarcal, usando comunitariamente os mesmos patios e as pasaxes internas desprovistas de portas. As casas eran, en xeral, bastante pobres. Non había servizos hixiénicos e de desaugadoiros; as habitacións eran estreitas e non moi cómodas. Encontráronse obxectos na súa maioría de arxila: olas, pratos, ánforas e lámpadas. Tamén apareceron anzois de pescar, punzóns e fusos para tecer; muíños de basalto para a moenda de grans ou para prensar a oliva. O muíño era un verdadeiro capital que era herdado de pais a fillos durante moitos séculos.

A partir do século IV houbo un certo melloramento no estilo de vida: as casas construíronse con boa argamasa e usábase cerámica fina importada. Non se notaron diferenzas de clases sociais. Os edificios construídos na época inicial do poboado seguíronse utilizando até a época do abandono.

A casa de San Pedro

[editar | editar a fonte]
Ruínas da casa de Pedro

A illa sagrada onde se achaba a casa de San Pedro ten unha historia moi complexa. Alí encontráronse diante dun labirinto de moitos que en realidade pertencían a períodos diferentes. Identificáronse tres estratos principais:

  1. Un conxunto de casas privadas construídas para o século I a. C. e que permaneceron en uso até principios do século IV.
  2. A gran transformación no século IV
  3. A igrexa octogonal da metade do século V.

As casas na época evanxélica

[editar | editar a fonte]

As casiñas de basalto agrupábanse en torno a dous grandes patios, o do norte e o do sur. A tradicional casa de San Pedro de xeito case cadrada, con lados de preto de 7,50 m, comunicaba con ambos os patios. No lado oriental, nun espazo libre había un forno de terra refractaria. Aínda se conserva en bo estado o limiar a través do cal se entraba ao patio norte.

Esta casa de Pedro, santificada pola presenza de Xesús, converteuse moi axiña nun lugar de reunións relixiosas (‘‘domus-ecclesia’‘) da comunidade cristiá de orixe xudía. A partir da segunda metade do século I d. C., a casa de Pedro comeza a distinguirse de todas as demais que foron escavadas. Os rudimentarios muros foron revocados con coidado e enchéronse de inscricións; os pavimentos son cubertos con finas capas de xeso; desta época case non se encontraron restos de cerámica doméstica, mais apareceu unha gran cantidade de lámpadas.

A transformación no século IV

[editar | editar a fonte]

Nesta época a illa sagrada adquiriu unha nova fisionomía. Primeiro construíuse un recinto de grosos muros e trazado lixeiramente trapezoidal. Os seus lados teñen entre 27 e 30 metros. Construídos con argamasa, alcanzan unha altura de 2,30 no lado norte. A finalidade deste muro era dobre: encadrar a casa de San Pedro como punto focal da illa sagrada e acentuar a sacralidade da mesma. Tiña dúas portas: unha na esquina suroeste e a outra na esquina noroeste.

Se ben as casas privadas permaneceron en uso despois da transformación, a casa de San Pedro foi profundamente retocada e ampliada. A estancia venerada, orixinariamente cadrada, foi dividida en dous espazos rectangulares unidos por un arco central.

Esta domus-ecclesia durou até a metade do século V, cando os bizantinos desmantelaron toda a illa sagrada para construír encima a igrexa.

A igrexa octogonal

[editar | editar a fonte]

A igrexa componse dun octógono central con oito piares, dun octógono externo con limiares aínda "in situ", e dunha galería ou pórtico que introducía tanto ao interior da igrexa como ás dependencias situadas ao leste, que se comunicaban a través dun corredor. Posteriormente este corredor foi bloqueado e no centro do lado oriental foi construído unha ábsida cunha piscina bautismal, da que se encontraron dous chanzos a cada lado, e a saída da auga que se usaba no rito.

O chan da igrexa era de mosaico. No pórtico era un motivo puramente xeométrico con catro filas de círculos contiguos e cruciñas. Na zona do octógono externo, os mosaicos encontrados representaban a flora e a fauna, cun estilo semellante ao encontrado na basílica da Multiplicación dos Pans en Tabgha. No octógono central, o mosaico estaba composto dunha faixa con flores caliciformes, dun campo de escamas de peixe con flores e dun gran círculo cun pavón no centro.

É importante salientar a relación estreita entre a igrexa octogonal e a casa de San Pedro: os bizantinos, ao construír a nova igrexa, situaron o octógono central xustamente sobre os muros da casa, co obxecto de perpetuar a situación exacta da mesma. A partir dese momento, xa non se podía ver a humilde casa por estar cuberta polos mosaicos da nova estrutura.

A sinagoga

[editar | editar a fonte]
Ruínas da sinagoga

As ruínas deste edificio, descubertas por Wilson, salientan notabelmente entre as humildes vivendas do poboado. Foi construída case exclusivamente por brancos bloques de pedra calcaria traídos de canteiras afastadas.

O edificio componse de catro partes: sala de oración, patio oriental, balaustrada meridional e un cuartiño (ao noroeste da construción). A sala de oración mide 24,40 m por 18,65 m coa fachada para o sur, mirando a Xerusalén. As paredes internas estaban recubertas de argamasa pintada e de estucos de excelente realización, encontrados durante as escavacións. Tanto Watzinger como Orfali consideran a existencia dun piso superior reservado ás mulleres, con acceso a través dunha escaleira externa situada no cuartiño. Mais esta opinión non foi fundamentada nas posteriores escavacións que se realizaron no lugar.

Da sinagoga antiga conserváronse dúas inscricións, unha en grego e a outra en arameo, que recordan os benfeitores que facilitaron a construción do edificio. En 1926 o franciscano Orfali comezou a restauración da sinagoga. Despois da súa morte, foi continuada por Virxilio Corbo a partir de 1976.

Bote pesqueiro

[editar | editar a fonte]

No ano 1986, durante unha infrecuente baixante do lago, foi descuberto un antigo bote pesqueiro que data do século I a. C. Tiña unha lonxitude de 8 metros e encontrábase preservado na lama. Despois dun arduo traballo, que debeu realizarse antes da subida das augas, o bote foi retirado do lugar até a súa actual situación nas proximidades do kibbutz Xinosar.

Visita papal

[editar | editar a fonte]

No mes de marzo do 2000, Xoán Paulo II, durante a súa visita a Israel, visitou as ruínas de Cafarnaúm, entre outras cidades.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]