Corion
O corion[1] é a membrana fetal máis externa que rodea o embrión de mamíferos, aves e réptiles (os animais amniotas). Desenvólvese a partir do pregamento da superficie do saco vitelino, o cal se encontra fóra da zona pelúcida (en mamíferos), chamada membrana vitelina noutros animais. Nalgúns ovos de invertebrados tamén se fala de corion. En insectos o corion desenvólveno células foliculares mentres o ovo está no ovario.[2] Algúns moluscos teñen tamén corions que forman parte dos seus ovos. Por exemplo os fráxiles ovos de polbo teñen un corion como única envoltura protectora.[3]
Estrutura
[editar | editar a fonte]En humanos e outros mamíferos (excluíndo os monotremas), o corion é unha das membranas fetais que se forman durante o embarazo entre o feto en desenvolvemento e a nai. O corion e o amnio forman xuntos o saco amniótico. En humanos está formado polo mesoderma extraembrionario e as dúas capas do trofoblasto que rodea o embrión e outras membranas; as vilosidades coriónicas emerxen do corion, invaden o endometrio e serven para a transferencia de nutrientes desde o sangue materno ao fetal.
Capas
[editar | editar a fonte]O corion consta de dúas capas: unha externa formada polo trofoblasto e outra interna formada polo mesoderma somático.
O trofoblasto está formado por unha capa interna de células cúbicas ou prismáticas, o citotrofoblasto ou capa de Langhans, e outra capa externa multinucleada (sincitial) chamada sincitiotrofoblasto.
Crecemento
[editar | editar a fonte]O corion sofre unha rápida proliferación e forma numerosos procesos, as vilosidades coriónicas, que invaden e destrúen a decidua uterina, mentres que simultaneamente absorben dela materiais nutritivos para o crecemento do embrión.
As vilosidades coriónicas son ao principio pequenas e non vasculares e consisten soamente en trofoblasto, pero aumentan o seu tamaño e ramifícanse, mentres que o mesoderma, que trae ramas dos vasos umbilicais, crece nelas, e quedan vascularizados.
O sangue chega ás vilosidades polas arterias umbilicais pares, que se ramifican orixinando as arterias coriónicas e entran nas vilosidades coriónicas como arterias dos cotiledóns. Despois de circular a través dos capilares das vilosidades, o sangue torna ao embrión pola vea umbilical. Ata aproximadamente o final do segundo mes de embarazo, as vilosidades cobren todo o corion, e son case uniformes en tamaño, pero, despois dese momento, desenvólvense desigualmente.
Partes
[editar | editar a fonte]A parte do corion que está en contacto coa decidua capsular atrófiase, así que no cuarto mes case non quedan trazas das vilosidades. Esta parte do corion faise lisa,[4] e denomínase corion liso ou leve (do termo latino chorion laeve, que significa 'corion liso'). Como non toma parte na formación da placenta, tamén se chama parte non placentaria do corion. A medida que o corion crece, o corion liso queda en contacto coa decidua parietal e estas capas fusiónanse.
As vilosidades no polo embrional, que está en contacto coa decidua basal, aumentan moito en tamaño e complexidade, e, por tanto, esta parte denomínase corion frondoso.[4]
Así, a placenta desenvólvese desde o corion frondoso e a decidua basal.
Xemelgos monocoriónicos
[editar | editar a fonte]Os xemelgos monocoriónicos son xemelgos que comparten a mesma placenta. Isto ocorre no 0,3% dos embarazos,[5] e no 75% dos xemelgos monocigóticos (idénticos), cando a separación ten lugar no terceiro día ou máis tarde despois da fecundación.[6] O restante 25% de xemelgos monocigóticos fanse diamnióticos dicoriónicos.[6] Esta condición pode afectar a calquera tipo de nacemento múltiple, o que orixina múltiples monocoriónicos.
Infeccións
[editar | editar a fonte]Estudos recentes indican que o corion pode ser susceptible de infeccións patóxenas.[7] Descubrimentos recentes indican que a bacteria Ureaplasma parvum pode infectar o tecido do corion, afectando así ao resultado do embarazo.[8] Ademais, detectáronse os perfis xenéticos do poliomavirus JC e o poliomavirus de células de Merkel nas vilosidades coriónicas en mulleres que sufriron abortos espontáneos e en mulleres embarazadas.[9][10] Outro virus, o poliomavirus BK detectouse nos mesmos tecidos, pero en menor grao.[11]
Outros animais
[editar | editar a fonte]En réptiles, aves e monotremas, o corion é unha das catro membranas extraembrionarias que constitúen o ovo amniótico que proporcionan nutrientes e a protección necesarios para a supervivencia do embrión. Está localizado dentro do albume, que é a clara do ovo. Encerra o embrión e o resto do sistema embrional. Durante o crecemento e desenvolvemento do embrión, aumenta a necesidade de oxíxeno. Para compensar isto, o corion e o alantoide fusiónanse para formar a membrana corioalantoide. Xuntas forman unha dobre membrana, que funciona eliminando dióxido de carbono e captando oxíxeno a través da casca porosa. No momento da eclosión, a cría queda separada do corion a medida que emerxe da casca.
O corion tamén está presente en insectos.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Sección a través do embrión.
-
Diagrama do embrión humano.
-
Diagrama que ilustra a formación inicial do alantoide e a diferenciación do talo corporal.
-
Diagrama que mostra a etapa poterior do desenvolvemento do alantoide co comezo da constrición do saco vitelino.
-
Esquema da circulación placentaria.
Notas
[editar | editar a fonte]Este artigo incorpora texto en dominio público da P1343 da 20ª edición de Gray's Anatomy (1918)
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para corion.
- ↑ Chapman, R.F. (1998) "The insects: structure and function", Section The egg and embryology. Previewed in Google Books [1] o 26 de setembro de 2009.
- ↑ “The Octopoda are characterized by eggs that have only a chorion as an envelope” https://www.sciencedirect.com/topics/agricultural-and-biological-sciences/octopoda
- ↑ 4,0 4,1 Genbačev, O; Vićovac, L; Larocque, N (xullo de 2015). "The role of chorionic cytotrophoblasts in the smooth chorion fusion with parietal decidua.". Placenta 36 (7): 716–22. PMC 4476638. PMID 26003500. doi:10.1016/j.placenta.2015.05.002.
- ↑ Cordero L, Franco A, Joy SD, O'shaughnessy RW (decembro de 2005). "Monochorionic diamniotic infants without twin-to-twin transfusion syndrome". Journal of Perinatology 25 (12): 753–8. PMID 16281049. doi:10.1038/sj.jp.7211405.
- ↑ 6,0 6,1 Shulman, Lee S.; van Vugt, John M. G. (2006). Prenatal medicine. Washington, DC: Taylor & Francis. p. 447. ISBN 0-8247-2844-0.
- ↑ Contini C, Rotondo JC, Magagnoli F, Maritati M, Seraceni S, Graziano A (2019). "Investigation on silent bacterial infections in specimens from pregnant women affected by spontaneous miscarriage.". J Cell Physiol 34 (3): 433–440. PMID 30078192. doi:10.1002/jcp.26952. hdl:11392/2393176.
- ↑ Contini C, Rotondo JC, Magagnoli F, Maritati M, Seraceni S, Graziano A, Poggi A, Capucci R, Vesce F, Tognon M, Martini F (2018). "Investigation on silent bacterial infections in specimens from pregnant women affected by spontaneous miscarriage.". J Cell Physiol 234 (1): 100–9107. PMID 30078192. doi:10.1002/jcp.26952. hdl:11392/2393176.
- ↑ Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2019). "Footprints of BK and JC polyomaviruses in specimens from females affected by spontaneous abortion.". Hum Reprod 34 (3): 433–440. PMID 30590693. doi:10.1002/jcp.27490. hdl:11392/2397717.
- ↑ Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2020). "Droplet-digital PCR assay to detect Merkel cell polyomavirus sequences in chorionic villi from spontaneous abortion affected females". J Cell Physiol 235 (3): 1888–1894. PMID 31549405. doi:10.1002/jcp.29213. hdl:11392/2409453.
- ↑ Tagliapietra A, Rotondo JC, Bononi I, Mazzoni E, Magagnoli F, Maritati M (2019). "Footprints of BK and JC polyomaviruses in specimens from females affected by spontaneous abortion.". Hum Reprod 34 (3): 433–440. PMID 30590693. doi:10.1002/jcp.27490. hdl:11392/2397717.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Corioxénese
- Corioamnionite, unha inflamación do corion e o amnio, xeralmente de orixe bacteriana
- Hematoma coriónico
- Enfermidade trofoblástica xestacional, calquera proliferación anormal de trofoblastos, incluíndo o coriocarcinoma, un cancro moi invasivo.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxe de Histoloxía: 19903loa – Histology Learning System na Universidade de Boston — "Female Reproductive System: placenta, chorionic plate"
- McGill