[go: up one dir, main page]

O seo (termo que provén do latín sinus co significado de «curvatura , sinuosidade, pregamento»), peito ou mama é cada unha das glándulas das femias dos animais mamíferos que producen o leite, alimento necesario para a lactación das crías desde o parto. Están situados na parte ventral do corpo, na rexión anterosuperior lateral do tronco na muller e nas femias dos primates, e na rexión anterocaudal sobreexposta á pelve nas femias dos mamíferos inferiores. Nas femias dos animais mamíferos recibe o nome de ubre. Tanto nos mamíferos superiores como nos inferiores, o seo abrangue a glándula mamaria e os condutos galactóforos, empregados para a lactanción.

Seo, peito ou mama
Figura ilustrando o interior dunha mama humana
Aréola e mamila (ou bico do peito) dunha muller embarazada
Arteria arteria torácica interna
Vea vea torácica interna

Na anatomía humana, as mamas desenvólvense nun par, correlativas á área antes descrita para o ser humano e os primates, mentres que en mamíferos inferiores adoita dobrar o número na rexión descrita anteriormente. A súa estrutura é xeralmente asimétrica —a esquerda é de maior tamaño ca dereita na maioría dos casos, o contrario é moi pouco frecuente—, e sitúanse baixo a pel no tórax de todas as mulleres da especie humana.

Os mamíferos machos tamén posúen mamas, aínda que estas non están completamente desenvolvidas. Porén poden desenvolverse como consecuencia de distintas enfermidades conxénitas, como o pseudohermafroditismo.

Estrutura da mama

editar
 
Diagrama esquemático dun seo (sección dunha muller adulta humana) - Lenda: 1. Caixa torácica; 2. Músculo peitoral; 3. Lóbulos; 4. Mamila; 5. Aréola; 6. Ductos; 7. Tecido adiposo; 8. Pel

Os seos están constituídos por tres tipos de tecido: tecido adiposo, tecidos conectivos e glándulas mamarias, que producen o leite que é conducido a través de ductos ás mamilas. As glándulas mamarias distribúense por todo o seo, aínda que dous terzos do tecido glandular se encontran nos 30 mm máis próximos á base da mamila.[1] O resto das mamas está composto por tecido conxuntivo (coláxeno e elastina), tecido adiposo (graxa) e unha aponeurose chamada ligamento de Cooper. A proporción de glándula e tecido adiposo parte de 1:1 en mulleres non lactantes, até 2:1 en mulleres lactantes.[1]

Os homes tamén posúen glándulas mamarias e mamilas, mais non hai produción de leite debido á falta da hormona feminina estróxeno.

É comunmente aceptado por biólogos que o obxectivo real da evolución das mulleres de teren seos é atraer os machos da especie [Cómpre referencia], sendo os seos unha das principais características sexuais secundarias. Algúns biólogos sosteñen que a forma dos seos femininos evolucionou como unha especie de complemento estético fronte ás formas das nádegas; outros cren que os seos evolucionaron desta forma para previr que os bebés non se sufoquen mentres maman (debido a que os bebés non posúen unha mandíbula protuberante como outros primates, o nariz podería ser bloqueado por un peito feminino liso durante a lactación). De acordo con esta teoría, cando a mandíbula dos homínidos diminuíu, os seos aumentaron de tamaño para compensar esta diminución.

Drenaxe linfática

editar

Aproximadamente o 75% da linfa procedente das mamas viaxa aos ganglios linfáticos da axila do mesmo lado. O resto viaxa para os nódulos linfáticos paraesternais, para a mama no lado oposto e finalmente para os ganglios linfáticos abdominais. Os ganglios axilares inclúen o grupo inferior ou pectoral -que drena a parte profunda e trasmuscular-, o grupo interno ou subescapular -que drena a parte interna da glándula mamaria- e o grupo externo ou umeral -que drena a parte externa da mama-.

Esta drenaxe é particularmente importante na oncoloxía, porque as mamas son un sitio frecuente de desenvolvemento do cancro; de maneira que se se desprenden células malignas do tecido mamario, poderían espallarse por outras partes do corpo a través do sistema linfático para producir metástases. O feito de que os vasos linfáticos percorran o tecido trasmuscular do pectoral maior é xustificativo para a extirpación dese tecido no tratamento cirúrxico do cáncer de mama -a chamada de mastectomía radical por Halsted-.

Forma e soporte

editar
 
Seos relativamente redondos que caen case horizontalmente

As mamas varían en tamaño e forma. A súa aparencia externa non responde a súa anatomía interna ou o seu potencial de lactación. A forma da mama depende sobre todo do seu soporte, o cal provén principalmente dos ligamentos de Cooper e do tecido torácico subxacente sobre o cal descansa. Cada mama adhírese na súa base á parede torácica por unha fascia profunda, que cobre o músculo pectoral. Na parte superior do tórax recibe algún apoio da pel que as reviste. Esta combinación de apoio anatómico é o que determina a forma dos seos. Nun pequeno grupo de mulleres, os ductos frontais son visíbeis por non se mesturaren co tecido que as rodea.

A localización do mamila en relación á dobra inframamaria coñécese como ptose, no cal a mama cae de tal maneira sobre o peito que a mamila supera a dobra inframamaria. Nalgúns casos, todo o conxunto mamila-aréola pode eventualmente chegar a caer até o nivel do embigo. A distancia entre a parte superior da mamila e a base do esterno nun seo xove ten unha media de 21 cm e é unha medida antropométrica usada para determinar a simetría e a ptose mamaria. Hai seos nunha gama de proporción entre a lonxitude e o diámetro da base, variando de 1:2 a 1:1.

Anatomía

editar
Artigo principal: Anatomía humana.
 
Os seos son zonas eróxenas
 
Seos dunha muller adulta

As mamas están situadas sobre o músculo pectoral maior e, xeralmente, prolónganse verticalmente a partir do nivel da segunda costela, até a sexta ou sétima. No sentido horizontal, esténdense desde o bordo do óso esterno até unha liña media, imaxinaria, na axila. Na parte máis separada do tórax, á altura do terceiro espazo intercostal, a pel especialízase para formar a mamila e a aréola.

Cada mama limita na súa cara posterior coa aponeurose (ou fascia) do músculo pectoral e contén abundante tecido adiposo onde non hai tecido glandular. A graxa e o tecido conxuntivo, xuntamente cos ligamentos de Cooper (que ligan a glándula á pel), constitúen un verdadeiro soporte que dan forma e a sosteñen, permitindo o deslizamento normal do seo sobre a musculatura subxacente. A mama tamén contén vasos sanguíneos, venosos e linfáticos, así como elementos nerviosos. Non existe nada dentro do peito que se pareza a unha cápsula continua que envolva o seo. Realmente, é moi común que exista un tecido chamado aberrante ou ectópico (literalmente "fóra de sitio"), en zonas moi afastadas da mama.

O cuadrante superior lateral (o máis afastado do esterno) esténdese diagonalmente na dirección da axila e coñécese como o rabo de Spence. Unha fina capa de tecido mamario esténdese desde encima da clavícula até a sétima ou oitava costelas por abaixo e desde a liña media até o bordo do músculo grande dorsal. Non é raro encontrar tecido mamario no oco da axila ou baixo a pel, na parte anterior do abdome.

A circulación sanguínea arterial da mama provén da arteria torácica interna (antes coñecida como arteria mamaria interna), que deriva da arteria subclavia, a arteria torácica lateral, a arteria toracoacromial (ambos orixinarios da arteria axilar) e das arterias intercostais posteriores. A drenaxe venosa dos seos realízaa principalmente a vea axilar, mais tamén pode intervir a vea torácica interna e as veas intercostais. Tanto os homes como as mulleres teñen unha alta concentración de vasos sanguíneos e nervios nas mamilas.

Tanto nos homes como nas mulleres hai unha gran concentración de nervios e vasos sanguíneos nas mamilas que son, por esa razón, altamente eróxenas. En ambos os sexos as mamilas teñen capacidade eréctil en resposta tanto a estímulos sexuais,[2] como ao frío. A innervación das mamas vén proporcionada por ramas frontais e laterais das IV a VI ramas intercostais, provenientes dos nervios espiñais. A mamila é innervada pola distribución do nervio torácico T4.

Embrioloxía

editar

Embrioloxicamente o tecido glandular da mama non é só o produto de desenvolvemento desproporcionado -en termos morfolóxicos e funcionais- de glándulas sudoríparas modificadas da pel, adaptadas para a produción de leite. O leite materno é un tipo de secreción de alto valor nutritivo, debidamente adaptado ás necesidades dos nenos acabados de nacer e única fonte de alimento e de anticorpos durante os primeiros meses de vida.

O desenvolvemento mamario durante a puberdade ocorre debido ao estímulo das hormonas ováricas, principalmente estróxenos e proxesterona. O estróxeno estimula o desenvolvemento da porción excretora da glándula mamaria -principalmente os galactóforos- e a proxesterona é responsábel do desenvolvemento da porción secretora -os lóbulos-. Estas hormonas estimulan o desenvolvemento de características sexuais femininas, producindo o mesmo efecto sobre os homes cós desequilibrios hormonais, ou aqueles que queren mudar a súa identidade sexual.

A alimentación con leite materno é coñecida como lactación. O acto de alimentar directamente o lactante coñécese como aleitamento e realízase pola succión directa da mamila pola boca do bebé.

Estética

editar
 
Seos nunha pintura de Gustave Courbet

As mamas son vistas por moitos como un indicativo fundamental de feminidade ou un atractivo sexual, e por causa diso algunhas mulleres que pasan por procesos de mastectomía debido a un cáncer recorren á cirurxía para a súa reconstrución. A mastoloxía é o ramo da medicina que coida das doenzas que sofren as mamas.

Para aumentar os seos, algunhas mulleres sométense a cirurxía plástica de recheo interno con silicona. Cando o material non é adecuado ou a cirurxía está mal feita, esa práctica pode ocasionar efectos colaterais graves e irreversíbeis. Algúns especialistas diverxen sobre a necesidade desta cirurxía, algúns alegan que o risco compensa a autoestima adquirida da muller.

A cirurxía para a redución das mamas, retirando graxa ou nalgúns casos parte da glándula mamaria, tamén se practica por cuestións de estética ou por problemas posturais, debidos ao peso forzando a columna vertebral.

Fisioloxía da mama

editar
 
Tarxeta postal francesa mostrando unha muller cos seos á vista

Mudanzas durante a puberdade

editar

Durante a puberdade os seos crecen estimulados polos hormonas sexuais que actúan, aproximadamente, até os vinte anos de idade. O desenvolvemento dos tecidos adiposo e conectivo aumenta baixo a influencia doutras hormonas, como a proxesterona, prolactina, corticoides e hormona do crecemento.

Mudanzas durante a gravidez

editar

O aumento dos niveis de estróxenos e de proxesterona durante o embarazo estimulan o desenvolvemento glandular. As mamas tenden a tornarse esféricas debido ao aumento do tecido adiposo.

Mudanzas durante a lactación

editar

A lactación tende a manter as mudanzas ocorridas durante a gravidez. Ao inicio da lactación e durante as primeiras horas, os repetidos movementos de succión por parte do meniño acabado de nacer acaban por provocar a saída dunha secreción espesa e amarelada, rica en colesterol, chamada costro (ou formigo).

Funcións dos seos

editar
 
Neno mamando

Lactación

editar

A produción de leite nas mamas comeza inmediatamente despois do parto. Ao cabo de doce a vinte e catro hora, a muller segrega o costro, líquido ao cal se atribúen propiedades laxantes (dado o seu elevado teor de colesterol), que facilitaría a evacuación do meconio do intestino do recentemente nado. Poucas horas despois as mamas deixan de producir o costro para secretar o leite normal.

A composición do leite normal inclúe proporcións elevadas de auga (até un 85%) e máis de 300 compoñentes. Aínda que poida parecer que isto limite o fornecemento de nutrientes ao bebé, é importante considerar que a osmolaridade elevada non é aínda unha condición equilibrada nos riles do lactante que, nos primeiros meses, debe extraer a auga necesaria exclusivamente do leite e sen outra administración adicional.

 
Becerro mamando nun teto

No leite materno hai numerosos nutrientes, así como proteínas, aminoácidos, vitaminas e minerais esenciais, ademais de encontrarse unhas potentes inmunoglobulinas tipo IgA que actúan como anticorpos proporcionando ao neonato unha importante protección ante potenciais infeccións. As fórmulas lácteas elaboradas a partir do leite de vaca carecen deste compoñente, e aínda que recentemente algúns laboratorios (tal é o caso de Bayer) indican que a gammaglobulina (ou inmunoglobulina) IgA se conserva en microfragmentos dentro da fórmula, esta non é aproveitada polo ser humano debido á súa estrutura molecular ligada a certos elos de aminoácidos que o organismo humano non pode recoñecer e que incluso certos individuos poden rexeitar. Esta é unha das razóns polas que se recomenda a lactación materna durante o primeiro ano de vida, como mínimo. Incluso a Organización Mundial da Saúde suxire aleitar seis meses con lactación exclusiva (só leite materno, sen auga, infusións ou fórmulas lácteas bovinas ou caprinas) e continuar lactando polo menos até os dous anos complementando con sólidos a alimentación do neonato.

A Psiquiatría estuda a maneira en que a lactación materna reforza de xeito particular o vínculo emocional na relación naifillo dunha forma tan sólida como primaria, o que proporciona unha satisfacción particular a ambos, desenvolvendo no neonato o afecto humano. De feito, algunhas nais prolongan a lactación do seu fillo durante dous anos ou máis, aínda a pesar de que o meniño tome xa unha alimentación moi variada e completa. En teoría, a prolongación da lactación ten tamén a consecuencia de manter elevados os niveis de prolactina no sangue da nai, o que impide que se produza unha secreción adecuada de hormona folículo estimulante FSH e luteínica LH, co que se inhibe a ovulación. Este atraso ao retorno da fertilidade deu lugar a un método de anticoncepción chamado MELA, que podería servir durante os primeiros seis meses de vida do bebé. Non obstante, a lactación como tal non é eficaz como método anticonceptivo.

Pódese inducir a lactación nunha muller que non estivese embarazada,[3] e neste caso non se encontraron diferenzas nutricionais entre o leite materno inducido ou o resultante dun embarazo.

Función sexual

editar

Os seos cumpren un papel fisiolóxico e cultural na función sexual feminina e masculina humanas. Como zona eróxena, é importante a súa participación nas relacións sexuais. Existen numerosas prácticas sexuais centradas nas mamas (como a masturbación cos peitos ou o fetichismo de seos). Nas sociedades occidentais tecnoloxicamente desenvolvidas moitos homes séntense atraídos, sobre todo, polos seos de gran tamaño. Outros, porén, prefírenos dun tamaño menor pero túrxidos e firmes.

A función sexual feminina da mama, despois do diagnóstico e tratamento do cáncer de mama, non tende a diminuír ou diferir, en especial en mulleres sometidas a cirurxías de reconstrución estética (mamoplastia). Non obstante, nas mulleres que se someteron a unha mastectomía total notouse unha diminución no interese sexual. A quimioterapia tende a cursar con problemas na función sexual da muller tratada.

Lactación

editar

Ao contrario do que moitos pensan, o tamaño, a forma ou a consistencia das mamas dunha muller non indica unha maior capacidade de produción de leite. De feito, gran parte da mama é tecido adiposo que, en parte, ten funcións estruturais e de sostén e que contribúe a proporcionar atractivo sexual á muller, pero en absoluto á lactación, mentres que as glándulas mamarias participan moi pouco no tamaño real dos seos.

Riscos da cirurxía plástica

editar

Calquera cirurxía efectuada nos seos, incluíndo a cirurxía estética, leva a un potencial de interferencia para unha futura lactación,[4][5][6] causando alteracións na sensibilidade da mamila e dificultades para interpretar unha mamografía (raios x dos seos). Algúns estudos demostraron unha capacidade de lactación comparábel entre mulleres con macromastia (hipertrofia da mama) en comparación con grupos de control nas mulleres nas que a operación de redución dos seos foi realizada usando unha moderna técnica cirúrxica chamada de "pedículo superior".[7][8][9][10] Algunhas organizacións de cirurxía plástica aconsellan adiar as reducións efectivas de seos en rapazas adolescentes debido ao feito de que o volume da mama pode continuar crecendo considerabelmente á medida que as rapazas madurecen e aínda non se coñecen os riscos a longo prazo destas intervencións estéticas.[11] A maioría dos cirurxiáns avalía cada caso individualmente, antes de someter unha paciente nova a unha redución considerábel dos seos, para corrixir a hipoplasia ou asimetría severa.

Enfermidades

editar

Cancro de mama

editar
Artigo principal: Cancro de mama.
 
Mamografía dun seo normal (esquerda) e doutro con cancro de mama (dereita).

O cancro de mama consiste na proliferación acelerada e incontrolada de células do epitelio glandular entre os condutos delgados que conectan a modo de ramas dunha árbore os acios de lóbulos e lobuliños que compoñen a glándula mamaria. Como noutros tumores malignos, estas células caracterízanse por presentar particularidades propias das células embrionarias: son células diferenciadas que aumentaron enormemente as súas capacidades reprodutivas e que se volveron inmortais, é dicir, non poden envellecer. O diagnóstico do cancro de mama require o exame microscópico dunha biopsia do tecido mamario sospeitoso. A exploración física, a mamografía e outros exames rutineiros son eficaces no diagnóstico temperá da enfermidade.

Os tipos de cancro que se desenvolven con máis frecuencia son o carcinoma ductal, se ocorre nos condutos, e o carcinoma lobular, se ocorre nos lóbulos.[12] O cancro de mama é raro nos varóns. Máis do 99 % dos casos danse en mulleres.

Outras doenzas

editar

A infección ou inflamación do seo coñécese como mastite. Prodúcese por diversas causas: bacteriana, por parálise do fluxo glandular (ectasia ductal), abscesos, sífilis, por fungos (actinomicose), etc.

Afeccións benignas inclúen a mamila invertida ou a conxénita (polimastia). Quistes (como a enfermidade fibroquística das mamas) e outros cambios fibróticos, adenomas, fístulas, galactorrea e papilomas son tamén frecuentes. Outras doenzas son a mastodinia, ou dor nas mamas, a galactocele, un tumor cistico que contén leite, e a xinecomastia, que produce un crecemento anormal dos seos do home.

Calquera anormalidade no seo debe ser consultada cun profesional da saúde.

  1. 1,0 1,1 Anatomy of the lactating human breast redefined with ultrasound imaging, D.T. Ramsay et al., J. Anat. 206:525-34.
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2010. Consultado o 13 de maio de 2010. 
  3. "Fourfriends.com". 8 de marzo de 2019. Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2019. Consultado o 16 de outubro de 2019. 
  4. Neifert, M; DeMarzo S, Seacat J, Young D, Leff M, Orleans M (1990). "The influence of breast surgery, breast appearance and pregnancy-induced changes on lactation sufficiency as measured by infant weight gain". Birth 17 (1): 31–38. PMID 2288566. doi:10.1111/j.1523-536X.1990.tb00007.x. 
  5. "FAQ on Previous Breast Surgery and Breastfeeding". La Leche League International. 2006-08-29. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2011. Consultado o 2007-02-11. 
  6. West, Diana. "Breastfeeding After Breast Surgery". Australian Breastfeeding Association. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 2007-02-11. 
  7. Cruz-Korchin N, Korchin L (2004). "Breast-feeding after vertical mammaplasty with medial pedicle". Plast. Reconstr. Surg. 114 (4): 890–4. PMID 15468394. doi:10.1097/01.PRS.0000133174.64330.CC. 
  8. Brzozowski D, Niessen M, Evans HB, Hurst LN (2000). "Breast-feeding after inferior pedicle reduction mammaplasty". Plast. Reconstr. Surg. 105 (2): 530–4. PMID 10697157. doi:10.1097/00006534-200002000-00008. 
  9. Witte, PM; van der Lei B, van der Biezen JJ, Spronk CA (2004-06-26). "Successful breastfeeding after reduction mammaplasty". Ned Tijdschr Geneeskd 148 (26): 1291–93. PMID 15279213. 
  10. Kakagia, D; Tripsiannis G, Tsoutsos D (2005-10). "Breastfeeding after reduction mammaplasty: a comparison of 3 techniques". Ann Plast Surg 55 (4): 343–45. PMID 16186694. doi:10.1097/01.sap.0000179167.18733.97. 
  11. Plastic Surgery: Policy Statements Index Arquivado 11 de decembro de 2007 en Wayback Machine..
  12. "Cáncer de mama". M.D. Anderson y el cáncer / ¿Qué es el cáncer? (en castelán). Fundación M.D. Anderson España - Centro Oncológico. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2009. Consultado o 30 de novembro de 2015. La glándula mamaria consta de dos elementos fundamentales: los acinos glandulares, donde se encuentran las células productoras de leche y los ductos, conjunto de estructuras arboriformes o ramificadas, tubulares y huecas, cuyas luces confluyen progresivamente en canalículos más y más gruesos. Cuando las células malignas tienen su origen en los acinos glandulares hablamos de carcinoma lobulillar, y cuando este se genera en el conducto carcinoma ductal. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Hollander, Anne Seeing through Clothes. University of California Press, Berkeley. 1993 ISBN 0-520-08231-1
  • Morris, Desmond The Naked Ape: a zoologist's study of the human animal Bantam Books, Canadá. 1967
  • Yalom, Marilyn A History of the Breast. Pandora, Londres. 1998 ISBN 0-86358-400-4

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar