[go: up one dir, main page]

Esterno

óso do tórax

Para o esterno dos artrópodos, ver Esterno (artrópodos).

Esterno
Caixa torácica
Vista posterior do esterno humano
Latín Sternum
Gray tema #27 119

O esterno (Sternum) é un óso do tórax, plano, impar, central e simétrico, composto por varias pezas soldadas (estérnebras). Axuda a protexer o corazón e pulmóns.

O esterno humano

editar

Divídese en tres porcións: o mango ou manubrio; o corpo formado por sete pezas; e o apéndice xifoide, que ten unha forma moi variable. O mango e o corpo articúlanse nunha sinartrose[1] formando o chamado ángulo de Louis, articulación que pode osificarse nos adultos.

Ten dúas caras, a anterior e posterior; dous bordos laterais; e dous extremos, o superior ou base e o inferior ou vértice.

Atópase na parte media e anterior do tórax e articula superiormente coas clavículas e nos bordos laterais coas costelas chamadas verdadeiras mediante a cartilaxe costal, pero coas falsas faino mediante unha única cartilaxe. As costelas falsas, oitava, novena e décima, únense entre elas formando a arcada costal que, á súa vez, se une á sétima costela e esta, ao bordo lateral do esterno. O tipo de articulación condroesternal permite pequenos movementos. As articulacións denomínanse articulacións costo-esternais ou condro-esternais.

A articulación coas clavículas é de tipo encaixe recíproco imperfecto. Denomínase tecnicamente articulación esternocostocondroclavicular. Entre a clavícula e o esterno sitúase unha cartilaxe de adaptación, máis groso a nivel anterior e posterior ca no centro, que pode estar furado. Intervén tamén o extremo interno da primeira costela.

A articulación está reforzada por:

  • Cápsula articular, que contornea as superficies articulares.
  • Ligamento superior: formado por fibras profundas e curtas (de clavícula a esterno) e fibras superficiais, que constitúen un ligamento único: ligamento interclavicular, de clavícula a clavícula.
  • Ligamento inferior, ou costoclavicular, que vai da clavícula á primeira costela.
  • Ligamento anterior.
  • Ligamento posterior.
 
Articulación do esterno coas clavículas e as primeiras costelas

Os movementos da articulación inclúen ascenso, descenso, proxección cara a adiante e cara a atrás. É ademais a articulación interna do ombreiro funcional.

No mesmo bordo superior hai outra zona, a superior, que se relaciona co espazo supraesternal, onde se localizan as veas xugulares anteriores e a súa anastomose.

O bordo inferior é a propia apófise xifoide, de morfoloxía variable.

A cara anterior presta inserción do músculo esternocleidomastoideo no manubrio, do músculo serrato anterior, no corpo e do músculo recto anterior maior do abdome na apófise xifoide.

A cara posterior presta inserción ó músculo esternotiroide e esternocleidohioideo no manubrio, ó músculo triangular do esterno, no corpo; e ó diafragma na apófise xifoide.

  1. Articulación entre dous ósos fixada por un tecido fibroso que non permite o movemento.