Patrick Swayze
Patrick Wayne Swayze (pronunciado ˈsweɪziː), nado en Houston (Texas) o 18 de agosto de 1952 e finado nos Ánxeles (California) o 14 de setembro de 2009, foi un actor, cantante e bailarín estadounidense. Foi coñecido sobre todo polos seus papeis nos filmes Dirty Dancing e Ghost.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Patrick Wayne Swayze 18 de agosto de 1952 Houston (Estados Unidos de América) |
Morte | 14 de setembro de 2009 (57 anos) Os Ánxeles (Estados Unidos de América) |
Causa da morte | cancro de páncreas |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Coastal Carolina University (en) San Jacinto College (en) Waltrip High School (en) |
Altura | 1,78 m |
Actividade | |
Lugar de traballo | Nova York |
Ocupación | actor de televisión, cantante, coreógrafo, actor de dobraxe, produtor de cinema, bailarín, cantautor, actor, actor de cinema, Aikidoka |
Período de actividade | 1979 - 2009 |
Instrumento | Voz |
Deporte | Taekwondo |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Lisa Niemi (1975–2009) |
Pais | Jesse Wayne Swayze e Patsy Swayze |
Irmáns | Don Swayze |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Traxectoria
editarNaceu no seo dunha familia católica de orixe irlandesa no estado de Texas. A súa nai era coreógrafa e o seu pai delineante. Na escola tomou contacto con disciplinas que serían importantes na súa vida, como o ballet clásico, o teatro e a patinaxe sobre xeo. Con vinte anos marchou a Nova York a completar os seus estudos de danza nas escolas de balé Harkness Ballet e Joffrey Ballet.
Cine, teatro e televisión
editarA primeira aparición profesional de Swayze como bailarín foi na compañía Disney on Parade. A finais dos setenta e primeiros oitenta fixo algunhas substitucións en producións teatrais de Broadway e papeis puntuais en series de televisión, ata que en 1983 se dá a coñecer como un dos personaxes principais de The Outsiders, o filme de Francis Ford Coppola. Esa participación dálle para encadear tres series de ficción para televisión: Amencer vermello (1984), Youngblood (1986), e sobre todo North and South (1986), ambientada durante a guerra civil estadounidense.
Aínda que eses traballos lle outorgan unha certa sona, o papel que o levou á fama foi a súa interpretación do profesor de danza Johnny Castle en Dirty Dancing, a comedia musical romántica daquela tempada (1987), e que gañou o Oscar á mellor canción orixinal. Swayze foi nomeado a un globo de ouro pola súa actuación, e o filme foi o primeiro da historia en vender máis dun millón de copias en vídeo. Despois de realizar algúns papeis menores e de aparecer en distintas promocións polo seu atractivo físico, en 1990 interpretou o seu segundo filme importante, a comedia Ghost, con Demi Moore e Whoopi Goldberg. O filme foi nomeado para varios óscares, pero só acadou o de mellor guión e o de mellor actriz secundaria. Ao ano seguinte foi elixido pola revista People como home vivo máis sexi.
Dende o ano 1996 ata o ano 2000 Swayze tivo que deixar de actuar como consecuencia dunha caída de cabalo, que lle rompeu as dúas pernas e lle ocasionou outras feridas e lesións. En 2001 filma Donnie Darko e en 2004 un remake de King Solomon's Mines. Durante todo este tempo non abandonou o teatro nin tampouco as series de televisión, aínda que non tivo moitos papeis principais. A súa última produción foi de feito a serie The Beast, cando xa anunciara publicamente que padecía cancro.
Vida persoal e falecemento
editarSwayze casou o 12 de xuño de 1975 con Lisa Niemi, e permaneceu casado ata a súa morte. Non tiveron fillos. Era afeccionado aos cabalos e sabía pilotar unha avioneta.
En xaneiro de 2008 foille diagnosticado un cancro de páncreas, que fixo público. Durante os dous últimos anos da súa vida mesturou as súas aparicións públicas para recadar diñeiro para a loita contra a enfermidade, con tratamentos médicos de quimioterapia e operacións. Faleceu de cancro no verán de 2009.