[go: up one dir, main page]

Partido Comunista de Alemaña

O Partido Comunista de Alemaña (KPD, en alemán Kommunistische Partei Deutschlands) foi un partido político alemán de ideoloxía comunista, fundado en 1918. Non debe confundirse co Partido Comunista Alemán (en alemán Deutsche Kommunistische Partei) orixinado en 1968.

Partido Comunista de Alemaña
MocidadesKommunistischer Jugendverband Deutschlands (KJVD)
Filiación internacionalKomintern
Historia
Fundación1918
Disolución1933 (ilegalizado polas autoridades nazis)
1956 (ilegalizado na Alemaña occidental polo Tribunal Constitucional)
Posicións políticas
IdeoloxíaComunismo
Marxismo-leninismo
Internacionalismo
Outros datos
SedeBerlín, Alemaña Alemaña
PublicaciónDie Rote Fahne

Historia do KPD

editar

O KPD formouse en decembro de 1918 a partir da Liga Espartaquista dirixida por Róża Luksemburg e por Karl Liebknecht, que orixinariamente era parte do sector revolucionario do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) e do grupo Internacional Comunista de Alemaña (IKD). Ambos os partidos opuxéronse á Primeira guerra mundial argumentando que era un conflito imperialista que non interesaba á clase obreira. Durante a ditadura nazi, o KPD foi brutalmente suprimido e os seus membros enviados a campos de concentración.

Despois da Segunda guerra mundial, na zona de ocupación soviética, o KPD e o SPD unificáronse para formar o Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED), que gobernou a República Democrática Alemá até a reunificación alemá en 1990. Desde entón, o SED converteuse no Partido do Socialismo Democrático (PDS), refundado en 2007 baixo o nome de Die Linke (A Esquerda), que continúa hoxe tendo unha importante presenza en Alemaña, especialmente no leste.

Os inicios

editar

Antes da Primeira guerra mundial, o Partido Socialista Democrático (SPD) era a organización política socialista máis grande e con máis presenza tanto a nivel nacional como internacional. Malia manter oficialmente que se trataba dun partido marxista, desde 1914 a súa práctica foi claramente a dun partido reformista. Nese mesmo ano, membros do SPD no Reichstag votaron favorabelmente á guerra, polo que o sector esquerdista do mesmo, que se opuña fortemente á guerra liderado por Karl Liebknecht e Róża Luksemburg, provocou unha escisión que deu orixe ao Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e á máis radical Liga Espartaquista. En novembro de 1918, a revolución espallouse por Alemaña. Os esquerdistas, liderados por Róża Luksemburg, formaron o KPD e celebraron o seu congreso fundacional en Berlín, entre 30 de novembro de 1918 e 1 de xaneiro de 1919,[1] e decidiron participar na revolta, aínda cando non a iniciaron nin a dirixiron en momento ningún.

En resposta, o novo réxime socialdemócrata instituído tras a queda da monarquía, temendo que a revolta espartaquista se convertese nunha revolución bolxevique, ordenou ao Ministro da Defensa Gustav Noske organizar grupos paramilitares anticomunistas que recuperaron a denominación dos Freikorps do século XVIII e que estiveron formados principalmente por veteranos da Primeira guerra mundial. Os Freikorps detiveron e asasinaron Liebknecht e Luksemburg en xaneiro de 1919, o que conseguiu romper o partido en dous: por unha banda, o KPD, e por outra, o Partido Comunista dos Traballadores de Alemaña (KAPD). No KPD, o papel de liderado de Róża Luksemburg foi ocupado á súa morte por Leo Jogiches, tamén asasinado polos Freikorps e, pois, substituído por Paul Levi nun momento en que o KPD contaba con outros importantes membros, como Clara Zetkin, Paul Frölich, Hugo Eberlein, Franz Mehring, August Thalheimer ou Ernst Meyer. A dirección de Levi afastou o KPD da política de revolución inmediata, nun intento por gañar as eleccións perante o SPD, o USPD e os demais partidos. En consecuencia, unha gran parte do USPD reintegrouse ao KPD, converténdoo pola primeira vez nun partido de masas.

Na década de 1920, o KPD sufriu conflitos internos entre os sectores máis e menos radicais, reflectindo parcialmente a loita de poder que Iosiv Stalin e Grigori Zinoviev en Moscova. Alemaña convertérase nun escenario de grande importancia estratéxica para a loita polo socialismo, e a caída da revolución alemá foi considerado como unha perda fundamental, o que produciu numerosos movementos internos no inicio da década. Entre eles, en 1921, Paul Levi foi expulsado da Komintern por indisciplina e outros dirixentes foron expulsados após teren sido acusados de trotskistas. Entre eles estaban Heinrich Brandler, August Thalheimer, ou Paul Frölich, que fundarán o Partido Comunista Oposición (KPO).

Os anos da República de Weimar

editar

En 1923 foi escollido un novo liderado do KPD máis favorábel á URSS. O novo líder, Ernst Thälmann abandonou definitivamente o obxectivo da revolución inmediata e, en 1924, concorreu ás eleccións ao Reichstag con certo éxito. Durante os anos da República de Weimar, o KPD converteuse no maior partido comunista de Europa e no partido que liderou o movemento comunista fóra da Unión Soviética, mantendo ademais, en Alemaña, un sólido papel nas eleccións: en 1932 conseguiu 10% do voto, asegurando 100 deputados no parlamento; e nas eleccións presidenciais do mesmo ano, Thälmann conseguiu o 13,2% do voto fronte ao 30,1% atinxido polo candidato nazi Adolf Hitler. Malia este éxito, os críticos co KPD acusárono de practicar unha política sectaria e denunciando o SPD como "socialfascistas", o cal imposibilitou a creación dunha fronte unida co SPD contra o poder crecente do nazismo. Isto foi rexeitado por membros do KPD quen, pola súa banda, acusaron ós líderes do sector dereitista do SPD de rexeitaren as propostas da KPD e a creación dunha unión da clase operaria capaz de oporse á presenza nazi. Con efecto, despois do golpe de Estado que acabou co goberno de Papen en Prusia, o KPD chamou á folga xeral e pediu ao SPD que se unise a ela. O SPD recusou cooperar co KPD.

A era nazi

editar

Pouco antes do nomeamento de Adolf Hitler como chanceler, o Reichstag foi incendiado. O líder comunista holandés Marinus van der Lubbe foi atopado nas inmediacións do edificio, o que levou ó nazismo a culpar do incendio aos axitadores comunistas en xeral, malia que a xustiza alemá determinou que van der Lubbe tiña actuado só, tal como el mesmo tiña declarado. Após o incendio, o requisito do habeas corpus foi suspendido, e a Acta de Habilitación, que deu a Hitler plenos poderes e o control ditatorial de Alemaña, foi aprobada polo Reichstag após todos os deputados comunistas teren sido arrestados e encadeados.

O KPD foi eficientemente suprimido polos nazis. Milleiros de comunistas foron encarcerados en campos de concentración, incluído Thälmann. Outros líderes, como Wilhelm Pieck e Walter Ulbricht conseguiron exiliarse na Unión Soviética. O KPD mantivo unha organización clandestina en Alemaña durante todo o período nazi, pero a perda do núcleo principal danou seriamente a infraestrutura do partido.

A purga de 1937

editar

Un importante número de líderes do KPD foron procesados pola Gran Purga stalinista de 1937-1938. Entre eles Hugo Eberlein, Heinz Neumann, Hermann Remmele, Fritz Schulte e Hermann Schubert, foron executados. Outros, como Margarete Buber-Neumann, foron enviados ao Gulag. A persecución stalinista tamén se realizou contra os que non se exiliaron na URSS: Gustav von Wangenheim e Erich Mielke denunciaron a persecución do NKVD nos seus respectivos exilios, e Willi Münzenberg, o xefe de propaganda do KPD, foi atopado morto en misteriosas circunstancias en Francia en 1940.[2]

O KDP despois da Segunda guerra mundial

editar

Despois da división de Alemaña en dous Estados, o KPD seguiu operativo na República Democrática Alemá (RDA, ao Leste, controlada pola URSS) dirixido por Pieck e Ulbricht. Algúns elementos do SPD uníronse ao KPD. O partido modificou o seu nome polo de Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED) e converteuse no partido de goberno na Alemaña do leste até 1990.

No Berlín Occidental operou unha especie de filial baixo o nome de Partido Socialista Unificado de Berlín Occidental. Na República Federal Alemá (RFA, a área controlada polos Aliados), o KPD reorganizouse e chegou a alcanzar o 5,7% do voto na primeira elección ao Bundestag en 1949. Pero o estabelecemento da guerra fría e dun estado comunista na RDA causaron axiña un colapso no KPD occidental, pasando ao 2,2% dos votos conseguidos e a perder todos os representantes nas eleccións de 1953. En agosto de 1956, o KPD foi declarado ilegal polo Tribunal Constitucional da RFA e continuou funcionando na clandestinidade malia a crecente vixilancia do goberno.

Unha parte dos seus membros refundaron o partido en 1968 como Partido Comunista Alemán (DKP), que aínda existe hoxe. Non obstante, despois da Reunificación alemá, algúns membros do DKP uníronse ao novo PDS. En 1968, fundouse un autodenominado "verdadeiro sucesor" do banido KPD da Alemaña Occidental: o KPL/ML (marxista-leninista), cunha práctica tamén maoísta. En 1986, ese grupo unirase a sectores trotskistas para formar o Partido Socialista Unificado (VSP), que, porén, non foi quen de conseguir peso específico na década de 1990. Hoxe, perviven multitude de grupos orixinados no KPD/ML, levando as siglas KPD.

Organización

editar

Ao inicio da década de 1920, o partido operou baixo o principio do centralismo democrático, aínda cando o poder directivo do partido descansaba no seu Congreso, que se celebraba unha vez ao ano.[3] Entre os Congresos, o liderado do partido residía no Comité Central, elixido polo Congreso. Os cargos elixidos podían ser reclamados polos distritos polos que foron escollidos[4] O KPD empregou un total de 200 traballadores a tempo completo durante os seus primeiros anos de existencia, e, segundo nota Broue, "recibían a paga dun traballador medio, e non tiña privilexios agás os de seren os primeiros en verse arrestados, perseguidos e sentenzados, e cando as loitas comezaban, os primeiros en caer" [5]

  1. Informe sobre a nosa organización, do Congreso Fundacional do KPD Arquivado 20 de novembro de 2008 en Wayback Machine. (en alemán)
  2. Conquest (2006), pp. 576-77
  3. Broué (2006), p. 635
  4. Broué (2006), p. 864 (Broué cita os casos de Freisland e de Ernst Meyer, que foron reprobados polos seus electores insatisfeitos polas súas accións).
  5. Broué (2006), pp. 863-864

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar