Bundestag
O Parlamento alemán (en alemán: Bundestag, "Parlamento federal") é o órgano federal supremo lexislativo da República Federal de Alemaña. O seu cometido principal é representar a vontade do pobo. O Parlamento decide as leis federais, elixe ao Chanceler de Alemaña e controla o traballo do goberno. Os deputados elíxense cada catro anos. É o sucesor do Reichstag.
Funcións
editarO Bundestag é a Cámara Baixa do parlamento alemán, con maiores funcións cás do Bundesrat (Cámara Alta e órgano de representación dos estados federados).
É ante el onde adoitan comparecer o Chanceler e os Ministros. Componse de polo menos 598 deputados elixidos para catro anos a través do que se chama elección proporcional parcialmente personalizada. Os deputados son representantes de todo o pobo e non están vencellados a ningún mandato máis co da súa propia conciencia; é dicir, prohibición do mandato imperativo. O seu labor garántese mediante a inviolabilidade e a inmunidade. Na práctica, no Bundestag trabállase mediante comisións parlamentarias e grupos parlamentarios. Os grupos parlamentarios son formados por polo menos un 5% dos membros da Cámara que pertenzan a un mesmo partido ou partidos diferentes con obxectivos comúns, pero que non compitan en ningún Estado (é o caso dos dous partidos cristián-demócratas CDU e CSU).
O Bundestag ten funcións lexislativas, funcións electorais (tales como a elección do Chanceler Federal, a moción de censura, a moción de confianza), funcións de control do Goberno (como as comisións de investigación, preguntas, revisión de contas) e funcións de representación e de formación da vontade pública.
Elección
editarSegundo a Constitución alemá, o Bundestag é elixido por todos os cidadáns alemáns maiores de 18 anos nunha elección libre, igual, directa e segreda. Non existe obrigación de votar.
As eleccións seguen un sistema mixto proporcional e maioritario. Os partidos preséntanse con listas rexionais para cada estado federado e cun "candidato directo" para cada circunscrición (299 en total). Cada elector ten dous votos: o chamado "primeiro voto" (Erststimme) para o candidato directo, e o "segundo voto" (Zweitstimme) para a lista dun partido.
Os escanos no Bundestag soamente repártense entre os partidos que obteñan un mínimo do cinco por cento do "segundo voto" (representación proporcional) ou tres mandatos directos polo "primeiro voto" (representación directa). Esta cláusula do cinco por cento (Sperrklausel) debe evitar a presenza de grupúsculos minoritarios no Bundestag. Se un partido obtén menos do 5 por cento e só un ou dous mandatos directos, só estes deputados elixidos directamente obteñen o seu escano.
O Bundestag é elixido dende o ano 1987 segundo o método Hare-Niemeyer por un período de lexislatura de catro anos. O método é o seguinte:
- O número total de votos (do "segundo voto") que un partido consiga a escala federal multiplícase co número total dos escanos que hai no Bundestag (598 en total). Este número divídese polo número total dos votos válidos emitidos. O resultado é o número de escanos que consegue o partido.
- Co mesmo sistema, o número total de escanos dun partido é repartido proporcionalmente entre as súas diferentes listas rexionais. Polo tanto, se nun estado federado a participación electoral é maior que noutro, tamén conseguirá maior número de escanos no Bundestag.
- Dentro de cada estado federado, os candidatos directos máis votados en cada circunscrición teñen asegurado o seu escano. Se a un partido nun estado federado perténcenlle máis escanos dos ocupados polos candidatos directos elixidos, estes escanos serán repartidos segundo a lista rexional do partido.
- Con todo, se un partido conseguiu nun estado federado máis mandatos directos dos escanos que lle pertencerían pola súa proporción do "segundo voto", o partido pódese quedar con estes mandatos adicionais (os chamados Überhangmandate ou "mandatos suplementarios").
Nas derradeiras eleccións (2005) houbo 16 mandatos suplementarios (9 do SPD e 7 da CDU), polo que o número total de escanos do Bundestag elevouse a 614.
Edificio do Reichstag en Berlín
editar- Artigo principal: Reichstag.
Dende a mudanza das insituciones gobernamentais alemás de Bonn a Berlín, o parlamento alemán atópase no edificio do antigo Reichstag, emblemático edificio no centro da cidade. Tras ser practicamente destruído durante a segunda guerra mundial, foi restaurado e remodelado a finais do século XX para aloxar o novo parlamento da Alemaña reunificada, logo da caída do muro de Berlín.
O inmoble construído a finais do século XIX trala unificación alemá alcanzada no Segundo Reich, baixo a hexemonía de Prusia, foi escenario do trasegar político do país.
Pouco logo de acadar o poder en 1933, Adolf Hitler disolveu o parlamento e convocou eleccións, liderando o partido Nazi. Unha semana antes das votaciones produciuse un incendio no edificio do Reichstag e Hitler, tras acusar á oposición comunista e social-demócrata do incendio, promulga leis de excepción, eliminando e perseguindo a moitos adversarios políticos.
Na actualidade, a moderna cúpula do edificio, aínda que totalmente diferente á orixinal, converteuse nun dos símbolos da cidade, pois o acceso a ela está aberto ao público e desde o seu interior pódese contemplar unha ampla vista sobre a cidade.