[go: up one dir, main page]

Nogueira común

especie de planta
Nogueira común
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Juglandaceae
Xénero: Juglans
Especie: J. regia
Nome binomial
Juglans regia
L.
Sinonimia

Juglans duclouxiana Dode
Juglans fallax Dode
Juglans kamaonia (C. de Candolle) Dode
Juglans orientis Dode
Juglans regia var. sinensis C. de Candolle
Juglans sinensis (C. de Candolle) Dode

A nogueira común (Juglans regia) é unha árbore nativa dos Balcáns, Asia central e do suroeste pasando polos montes Himalaias ata o sueste da China. Os bosques nativos máis grandes atópanse no Kirguizistán, a uns 1000–2000 m de altitude, especialmente en Arslanbob na provincia de Jalal-Abad. Cultivada en Galicia dende a antigüidade, naturalizada no leste do país. Recibe tamén en galego os nomes de caroleira e coucheira[1].

Juglans regia
Noces de Juglans regia.

Descrición

editar

A nogueira común é unha árbore caducifolia que chega a medir ata 25 ou 35 metros, con troncos grosos de ata 2 metros de diámetro e cilíndricos. En xeral o tronco é curto e a carrouceira ampla, en especial nos exemplares illados é unha especie que esixe zonas ben soleadas para medrar ben. A casca é suave de cor gris prateado, espallada con amplas gretas máis ásperas. A raíz principal, moi desenvolvida, pode penetrar ata unha profundidade de 3 m e as laterais poden acadar unha distancia de 15 m a partir da base do tronco. Coma tódalas nogueiras o endocarpo das pólas máis finas ten bolsas de aire. As follas ordénanse en espirais de entre 25 e 40 cm son imparipinnadas, con de 5 a 9 follas por grupo. As follas máis longas son as tres de cada ápice. 10–18 cm ó longo e 6–8 cm ó ancho. O par de follas basais é moito máis pequeno: 5–8 cm de lonxitude. As flores masculinas son amentos colgantes de 5 a 10 cm de lonxitude, as femininas son terminais, agrúpanse en acios de dúas a cinco flores que, no outono, maduran en forma dun froito de casca verde e semiflexible que cobre unha carabuña engurrada de cor marrón: a noz. O froito enteiro, incluída a casca, cae no outono. A semente é grande, cuberta dunha pel fina e comestible.

Cultivo e usos

editar

A nogueira común foi introducida no oeste e sur de Europa na época romana ou aínda antes, e chegou a América o século XVII. As rexións de cultivo máis importantes atópanse en Francia, Serbia, Grecia, Bulgaria e Romanía en Europa, China en Asia, California e Chile en América. Cultívase polas noces, de alta calidade, que poden ser consumidas frescas ou ser prensadas para facer aceite, ademais as súas pelas empréganse para facer tinguiduras. Os cultivadores buscan favorecer a aparición de noces grandes e de pel interior fina.

A madeira é tamén moi apreciada e amplamente usada en ebanistería.

editar

Aínda que na medicina popular é empregado como purgante cando se inxire ou bo para a cute por vía tópica, considérase unha árbore de efecto nocivo. A súa sombra áchase danina para animais e persoas.[2]

Atribuíanselle propiedades máxicas, por iso as follas empréganse como herbas de san Xoán.

Nome común

editar

Nogueiro, nogueira, nogal, noceira, cuncheiro, cuncheira, croucheira, coucheira, concheiro, concheira, conchal, carroleiro e caroleira[3].

  1. Termos esenciais de botánica Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo-Universidade de Santiago de Compostela, 2002
  2. Suárez Groba, Mónica, Breviario Enciclopédico, Eladio Rodríguez González, 2001
  3. "Nogueira (Juglans regia L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016.