Hermanarico
Hermanarico (en gótico: 𐌰𐌹𐍂𐌼𐌰𐌽𐌰𐍂𐌴𐌹𐌺𐍃/Aírmanareiks; en latín: Ermanaricus ou Hermanaricus; en inglés antigo: Eormanrīc [ˈeorˠmɑnriːtʃ]; noruegués antigo: Jörmunrekr [ˈjɔrmunrekr], antigo alto alemán: Ermenrîch) foi un rei de orixe grutunga,[1] da dinastía dos amalos, sendo o derradeiro que reinou sobre todas as tribos godas unificadas (grutungos e tervingos) entre o 340 (ou 350) e o 375. Aínda que non se coñece exactamente a localización do seu reino, os historiadores coinciden en que estaría situado na actual Ucraína, entre o Don e o Dnister.
Nome orixinal | (got) 𐌰𐌹𐍂𐌼𐌰𐌽𐌰𐍂𐌴𐌹𐌺𐍃 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 291 |
Morte | c. 376 (84/85 anos) |
Causa da morte | suicidio |
Rei dos ostrogodos | |
← Xeberico – Vitimiro → | |
Datos persoais | |
Relixión | Paganismo |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Outro | |
Título | Rei |
Familia | Amalos |
Fillos | Hunimundo, o Jovem |
Pai | Achiulfo |
Descrito pola fonte | Allgemeine Deutsche Biographie Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
As súas mencións proveñen de dúas fontes romanas principais: os escritos contemporáneos de Amiano Marcelino e en Getica do historiador Xordanes do século VI. Tamén aparece de forma ficticia en lendas heroicas xermánicas posteriores.
Segundo Xordanes, na súa obra De origine actibusque Getarum, sucedeu a seu pai Achiulfo.[2]
Etimoloxía
editarO primeiro elemento do nome Hermanarico parece estar baseado na raíz protoxermánica *ermena-, que significa "universal".[3] O segundo elemento é do elemento *-rīks, reiks gótico, que significa "gobernante" e que se adoita atopar nos nomes reais góticos.[4]
Traxectoria
editarComo rei gobernou un extenso imperio situado na actual Ucraína, con capital en Kíiv. No nordeste incluía o país dos fineses, que habitou na chaira do río Oka e do Volga. No noroeste ao país dos eslavos, ata a área da fonte do Dnister, o Vístula e o Daugava. Ao leste do Don tiña aos alanos como veciños, e ao oeste do Dnister aos visigodos. De todos os xeitos, o reino de Hermanarico, aínda que extenso, non se podía comparar en ningún modo co imperio romano, pois non tiña cidades, nin un goberno realmente organizado.
A poboación, que fora traída gradualmente por Achiulfo e Hermanarico, era principalmente sármata, escita ou xépida, sometidos aos ostrogodos pola forza. Pero os ostrogodos nunca se mesturaron coa poboación autóctona de eslavos nin cos pobos conquistados. Tratábanos como escravos. De feito, os ostrogodos usaban a palabra eslavo co sentido de prisioneiro ou escravo, e este é precisamente a orixe da palabra escravo. Unha pequena aristocracia ostrogoda gobernaba a toda a poboación. Esta tiña que pagar algúns impostos e realizar o servizo militar para o rei, e en compensación copaban o goberno e as xudicaturas.
Ao redor do 370 apareceron nas fronteiras ostrogodas os primeiros xinetes hunos. Os ostrogodos loitaban de forma parecida, pero ao final sempre saían derrotados en todas as escaramuzas. Desde entón ata o 375, os hunos provocaron un baño de sangue no país, Gothiscandza, que foi practicamente desintegrado como tal. Xa ancián, ferido e totalmente desesperado pola desaparición do seu imperio, Hermanarico decidiu suicidarse. Sucedeuno Vitimiro, un membro da súa familia. Tras a súa morte, os ostrogodos e visigodos separáronse definitivamente.
Fontes históricas
editarSegundo Amiano, Hermanarico, era "un rei belicosísimo" que acabou por suicidarse, ante a agresión dos alanos e dos hunos, que invadiron os seus territorios na década de 370. Tamén indicou que "gobernaba sobre rexións amplas e fértiles".[5][6] Amiano tamén di que despois da morte de Hermanarico, un tal Vitimiro foi elixido como novo rei dos ostrogodos.
Segundo a Getica de Xordanes, Hermanarico gobernaba o reino de Oium e descríbeo como un "Alexandre gótico" que "gobernaba todas as nacións de Escitia e Xermania como se fosen súas". Tamén afirma que o rei mandou axustizar á súa esposa Sunilda, atándoa a catro cabalos que a desmembraron ao tirar cada un nunha dirección, acusada de adulterio co fillo do rei, Randver. Entón os seus dous irmáns, Sarus e Amio, feriron gravemente a Hermanarico, deixándoo incapaz de defender o seu reino das incursións dos hunos. As variacións desta lenda tiveron un profundo efecto na literatura xermánica medieval, incluída a de Inglaterra e Escandinavia (ver Fillos de Jonakr). Xordanes afirma que gobernou con éxito aos godos ata a súa morte aos 110 anos.
Edward Gibbon acepta a versión de Amiano e Xordanes como histórica, informando de que Hermanarico conquistou sucesivamente, durante un reinado duns 30 anos entre o 337 e o 367, aos godos occidentais, os Hérulos, os Venedi e os Aestii, establecendo un reino desde o Báltico ata o Mar Negro;[7] e morreu aos 110 anos dunha ferida inflixida polos irmáns da muller á que executara cruelmente pola revolta do seu marido, sendo sucedido polo seu irmán Vitimiro.[8]
Notas
editar- ↑ Malia que na historia tradicional se tende a falar de ostrogodos, hoxe, diversos historiadores (como Heather, Christensen) prefiren referirse a "grutungos" como o pobo anterior aos ostrogodos, e mencionan aos ostrogodos a partir da dominación húnica.
- ↑ Christensen, 2002, p. 129
- ↑ Gillespie 1973, p. 39
- ↑ Gillespie 1973, p. 30
- ↑ "AMMIANUS MARCELLINUS. ROMAN ANTIQUITIES, Libro XXXI, 3". penelope.uchicago.edu (en inglés). Consultado o 27 de setembro de 2022.
- ↑ Kulikowski (2007), pp. 111, 112
- ↑ Gibbon 1932, pp. 890, 891
- ↑ Gibbon 1932, pp. 920, 921
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Christensen, Arne Søby (2002). Cassiodorus, Jordanes and the History of the Goths: Studies in a Migration Myth (en inglés). Copenhagen: Museum Tusculanum Press. ISBN 9788772897103.
- Gibbon, Edward (1932). The Decline And Fall Of The Roman Empire (en inglés). The Modern Library.
- Gillespie, George T. (1973). Catalogue of Persons Named in German Heroic Literature, 700-1600: Including Named Animals and Objects and Ethnic Names (en inglés). Oxford: Oxford University. ISBN 9780198157182.
- Heather, Peter (1991). Goths and Romans: 332-489 (en inglés). Oxford: Clarendon Press. ISBN 9780198202349.
- Kulikowski, M. (2006). Rome's Gothic Wars. From the Third Century to Alaric (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 9781139167277.
- Wolfram, Herwig (2006). The Roman Empire and Its Germanic Peoples (en inglés). Berkeley, Os Ánxeles e Londres: University of California Press. ISBN 9780520244900.
Outros artigos
editarPredecesor: Achiulfo |
Rei dos grutungos 340 - 375 |
Sucesor: Vitimiro |