Falo
Chámase falo (do grego φαλλός, transliterado phallós, fallós) á representación do pene en erección. Como icona ten estado presente en practicamente todas as culturas e todas as épocas como representación da fertilidade. Dentro do sistema de imaxes psicanalítico o falo é a representación da preeminencia viril, que o home desexa conservar e a muller adquirir.
Historia
editarAo longo da historia practicamente todas as relixións empregaron o falo como símbolo de fecundidade, moitas veces herdado de substratos mitolóxicos anteriores aos que se lles daba un tratamento asimilador á nova fe.
A pesar disto convén ter en conta que moitos dos obxectos fálicos de épocas pasadas, alén do seu vínculo formal co sexual, tiñan unha funcionalidade práctica e non erótica, considerando como erótico aquilo que desperta o desexo sexual. Debemos ter presente que o erotismo é cultural, pois conecta cuestións persoais e sociais que varían de acordo coa época e o grupo social aos que o individuo pertence. En todas as culturas o símbolo fálico fai referencia ao pene, nalgunhas delas é tamén un símbolo de superioridade masculina, noutras é a representación relixiosa da fecundidade e da sorte.[1]
Exipto
editarNo imperio exipcio atopáronse, entre outros, exvotos con forma fálica que os crentes presentaban a Hathor, divindade asociada ao sexo e á fertilidade e que era coñecida como Señora da Vulva.[2] Segundo a mitoloxía exipcia, o corpo de Osiris foi dividido en catorce anacos por Tifón, xenio do mel, quen os espallou por todo o país. Porén Isis reuniunos todos salvo o seu pene, que substituíu por un feito de sicómoro, que por este motivo é unha árbore sagrada. O Osiris exipcio corresponde co Baco grego e porta o mesmo emblema fálico. O escolástico Sócrates indica que o falo simbolizaba para os pagáns a vida por vir.[3]
A semellanza da flor do loto co órgano masculino valeulle o seu carácter sagrado: con el se adornaban os deuses exipcios e nel detíñanse, tanto como os da India.[4]
Mesopotamia
editarNas súas festas públicas os caldeos paseaban en procesión o falo e o cteis como símbolos dos principios xeradores da harmonía da natureza. Facían sacrificios aos seus deuses e ofrecíanlles en holocausto vítimas humanas. Segundo Herodoto, todas as mulleres debían prostituírse polo menos unha vez no templo a un estranxeiro, que pagaba o seu servizo desexándolle o favor da deusa Milita.[4]
Antiga Grecia
editarA festa das Faloforías celebrábase en honor do deus sol Baco, á que os participantes acudían cunha representación do falo. Nas dionisíacas facíase unha procesión con viño, froita e unha estatua do falo. Os pasteis en forma de falo acompañábanse de especias e dunha torta con forma de embigo chamada placenta. As bacantes executaban danzas lascivas e místicas. A cerimonia representaba a morte de Polimnio, compañeiro de Baco e a quen este prometeu prostituírse con el.[5] En Chipre as celebracións de Venus e Adonis incluían a adoración do falo, festas voluptuosas nas que as sacerdotisas só se vestían con teas transparentes e os homes usaban roupa de muller. Nesas datas os altares non recibían vítimas que non fosen machos.[4]
Moito despois da difusión do cristianismo, as mulleres gregas continuaban levando un falo como amuleto. O culto ao falo foi introducido na Etruria por sacerdotes gregos e o seu culto foi establecido baixo o nome de Baco e Liber. O seu símbolo denomínase mutino. Co mutino levábanse a cabo as mesmas cerimonias de desfloración e de cura da infertilidade. Máis adiante este culto foi transformado en culto a Priapo, ao que as mulleres ofrecen sacrificios.[5]
Antiga Roma
editarAs referencias á sexualidade na sociedade romana era moi diferente á actual, nela as imaxes de órganos sexuais masculinos e ata de actos sexuais podían non ter un carácter pornográfico senón relixioso, dependendo dos valores simbólicos atribuídos a eles. As representacións do falo atópanse sobre os máis variados obxectos de uso cotián atopados en todo o imperio. A dimensión relixiosa desta iconografía está recollida tamén na literatura, en especial na poesía.[1] No Quirinal existiu un templo adicado ao culto fálico, seguindo a tradición grega das festas dionisíacas. Periodicamente celebrábanse nel as Faloforías, procesións en honor de Dioniso nas que o falo era trasladado con grande pompa como símbolo da potencia xeradora e a actividade fecunda de Baco. Plutarco informa dunha suposta orixe exipcia deste culto, a partir do Osiris Itifálico (de falo recto), que segundo algúns autores non celebraría a procreación e a fertilidade, senón a resurrección. Na época máis arcaica o falo estaba representado con frecuencia nos edificios máis notables e nas sepulturas.[4]
A fertilidade simbólica do falo non era exclusiva do ser humano, senón que se daba tamén en relación aos animais e ás plantas. No panteón romano había unha serie de divindades vinculadas á fertilidade e á terra, entre elas o deus Priapo, protector dos campos e das hortas, que adoita ser representado cun gran pene. A partir destas divindades fálicas, o falo tería adquirido o seu simbolismo dual: protector por unha banda e agresivo e perigoso pola outra.[1]
Hinduísmo
editarEntre os indios o falo recibía o nome de lingam. As representacións do lingam atópanse sobre os muros dos templos, ben sexa illadas, ben mesturadas en escenas eróticas. En ocasións o lingam era levado como ornamento ou como amuleto. O lingam era obxecto de veneración e posuía virtudes medicinais: as mulleres estériles buscaban o seu contacto e algunhas mulleres virxes facíanse desflorar por el. Ocasionalmente eran os sacerdotes os que facían as funcións do lingam.[5] Unha das representacións do deus Siva é un lingam dentro dunha vulva, que simboliza a unión de Siva coa súa enerxía dinámica ou sakti.[6]
Cristianismo
editarO falo estivo presente como símbolo dende os comezos do cristianismo, pois san Antonio Abade e a súa orde adoptárono como insignia, que finalmente terminou sendo a cruz rematada por unha asa e unha tau.[3]
Máis adiante, na representación de Cristo que fan os crucifixos toscanos do século XII, preséntase unha figura espida e, por tanto, sometida a vexación. Só o anaco de pano que oculta os seus xenitais conserva un ámbito de privacidade no corpo espido, aínda que ese pano insinúe cos seus pregos a forma do falo, recreando a erección que a crenza popular atribúe aos estertores da morte. Noutros casos as formas anatómicas do corpo crucificado traspoñen sobre o ventre do crucificado unha figura explicitamente fálica en erección vertical.[7]
Antes da revolución francesa en moitas igrexas de certas zonas de Francia e Italia había representacións de falos que adoitaban estar situados sobre as portadas e cuxa presenza se considera herdanza de tradicións pagás anteriores ao cristianismo. No coro da igrexa de Ciudad Rodrigo consérvanse representacións fálicas formando parte do cadeirado ou do facistol.[7]
Este sistema de representacións englóbase dentro do chamado phallus paschalis, que constitúe a estratexia iconográfica da cristiandade medieval, e en concreto das fantasmagorías fálicas nas escenas do Cristo crucificado. Suponse que o phallus paschalis ten conexións con tradicións grego-romanas anteriores, tales como a de Hermes, Fascinus etc.[7]
Aspectos simbólicos e psicolóxicos
editarPerspectiva freudiana
editarPara a teoría psicanalítica o pene constitúe un obxecto libidinal durante o estadio prexenital do desenvolvemento psicosexual, do mesmo xeito que os seos, o ano ou a urina. Freud, a partir de Klein, considera que estes chamados obxectos parciais son os que confiren a súa condición sexuada á persoa que os posúe, e non ao revés.[8] Segundo Freud, nos primeiros anos da vida a esixencia libidinal vai aparecendo en distintos órganos, o que vai marcando fases sucesivas, das cales a fase fálica, centrada no pene, é a de culminación da sexualidade infantil. A fase edípica posterior aparece cando o neno se decata de que a nena non ten pene e de que o seu desexo de posuír á súa nai supón para el o risco de perder o seu propio pene, no que se denomina complexo de castración. O complexo análogo na nena é o que nace ao ser consciente de que é inferior ao home, debido á súa carencia de pene, é denomínase envexa fálica.[9] O falo é para Freud o pene como membro que é posible perder. En 1924 Freud formulou o complexo de castración como a preferencia do saber inconsciente pola oposición castrado-non castrado, en detrimento do binomio masculino-feminino que a anatomía sexual parece poñer en evidencia. Esta diferenza de perspectiva ten sobre o suxeito unha consecuencia: cando un neno ve o órgano sexual feminino non ve a expresión do sexo feminino, senón a da castración. Nun artigo sobre fetichismo de 1927 matiza dicindo que o modelo normal do fetiche é o pene do home e o pequeno pene feminino que é o clítoris.[10]
Perspectiva junguiana
editarO analista junguiano Robert M. Stein mostra a diferenza entre o pene como órgano e Falo, o deus que personifica o tipo especial de enerxía impulsiva e explosiva á que os homes son especialmente susceptibles. Dende esta perspectiva, a atención do home á súa potencia fálica, tendente á penetración como exploración, vai en detrimento da vertente afectiva da súa alma, que percibe a penetración como fusión. O pene como órgano está especialmente baixo a influencia do espírito fálico, de natureza esencialmente impredicible.[11]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 CAVICCHIOLI, M.R. O falo na antiguidade e na modernidade: uma leitura foucaultiana. En RAGO, M.; FUNARI, P.P.A. (2008). Subjetividades antigas e modernas. Annablume. ISBN 85-7419-874-9. (en portugués)
- ↑ REDFORD, D.B. (2008). Hablan los dioses. Diccionario de la Religión Egipcia. Editorial Critica. ISBN 84-7423-743-2. (en castelán)
- ↑ 3,0 3,1 BALTRUSAITIS, J. (2006). En busca de Isis. Siruela. ISBN 84-7844-460-2. (en castelán)
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 CANTÚ, C. (1854). Historia universal, 4. Imprenta de Gaspar y Roig. ISBN 84-7423-743-2. (en castelán)
- ↑ 5,0 5,1 5,2 MORALI-DANINOS, A. (1992). Historia de las relaciones sexuales. Publicaciones Cruz O. ISBN 968-20-0180-3. (en castelán)
- ↑ FLOOD, G. (2008). El hinduismo. Ediciones AKAL. ISBN 84-460-2839-5. (en castelán)
- ↑ 7,0 7,1 7,2 SÁNCHEZ, J.A. (2003). Situaciones: un proyecto multidisciplinar en Cuenca. Universidad de Castilla La Mancha. ISBN 84-8427-265-6. (en castelán)
- ↑ DORON, R; PAROT, F. (2004). Diccionario Akal de Psicología. Ediciones AKAL. ISBN 84-460-1258-8. (en castelán)
- ↑ GARCÍA VEGA, L. (2007). Breve historia de la psicología. Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-1294-0. (en castelán)
- ↑ ANDRÉ, S. (2002). Qué quiere una mujer?. Siglo XXI. ISBN 968-23-2367-3. (en castelán)
- ↑ DOWNING, C. (1994). Espejos del yo. Editorial Kairós. ISBN 84-7245-267-0. (en castelán)