Congreso de Viena
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2016.) |
O Congreso de Viena foi unha conferencia entre embaixadores das grandes potencias europeas que tivo lugar na capital austríaca, entre o 1 de outubro de 1814 e o 9 de xuño de 1815, cuxa intención era a de restablecer as fronteiras de Europa tras a derrota de Napoleón I a primavera anterior, e reorganizar a forma e ideoloxía políticas do Antigo Réxime.
Os acordos tiveron vixencia nos territorios de Europa Central e do Leste até o final da primeira guerra mundial. Con todo, a paz conseguiuse mediante o estabelecemento do absolutismo. Viena converteuse no eixo central de Europa Occidental durante trinta anos grazas a este congreso.
Foi convocado polo emperador de Austria Francisco I, dicindo este ao final do congreso que a nova Europa era a Europa da Restauración. A pesar das medidas que se concertaron para manter baixo control os inimigos do Antigo Réxime, non se puido evitar a difusión das ideas liberais que provocaron as revolucións de 1830 e 1848.
Do Congreso xurdiu a Santa Alianza, formada por Austria, Prusia e Rusia, que dicían procurar os bens dunha mesma relixión, malia que estes tres non compartían crenzas. Logo formaríase o que se coñecería como a cuádrupla alianza, formada por Gran Bretaña, Prusia, Rusia, e Austria.
Participantes
editarHoubo dous protagonistas destacados. Dunha banda Klemens von Metternich, que malia presidir a conferencia e ser un mediador entre todas as nacións integradas no congreso, buscaba principalmente territorio para o seu país natal, Austria. Doutra banda Charles Maurice de Talleyrand, que actuaba en representación de Lois XVIII, e que conseguiu varios éxitos para Francia a pesar da derrota.
O tsar Alexandre I de Rusia tivo un papel clave no Congreso, acompañado polos seus conselleiros Karl Nesselrode e o conde Andrey Razumovsky, co obxectivo de unificar os Estados alemáns e implantar un réxime constitucional en Polonia.
Estiveron presentes tamén Francisco I de Habsburgo e Federico Guillerme III de Prusia (acompañado de Hardenberg e Humboldt), xunto con representantes do Reino Unido, primeiro Lord Castlereagh e despois o Duque de Wellington (quen tivo que saír ao auxilio de Europa cando Napoleón escapou da illa de Elba mentres se estaba celebrando o congreso en 1815) e antigos aliados de Napoleón, como os reis de Saxonia e de Dinamarca. Tamén houbo españois (Pedro Gómez Labrador), portugueses (Pedro de Sousa Holstein, Conde de Palmela; António Saldanha da Gama; Joaquim Lobo da Silveira), Estados xermánicos (Hannover, Baviera e Württemberg), eslavos, nórdicos (Suecia) e enviados dos Estados Pontificios. Todos coincidiron en estar unidos e permanecer vixiantes contra os liberais, os republicanos e os ateos.
No tempo que durou o congreso, os participantes estiveron por Viena en residencias palacianas, dando paseos por parques e bosques. Todo estes lugares foron escenarios de lecer, banquetes e bailes; destes feitos naceu a frase do príncipe de Ligne: Le Congrés ne marche pas, il danse, e chegábanse a xuntar até máis de 2.000 cabalos e outros tantos cans nas cazarías que celebraban. Unha destas actividades de lecer contou cun concerto dunha cantata de Beethoven titulada O momento glorioso.
Cambios territoriais
editarComo resultado das negociacións sostidas no Congreso tomáronse as seguintes decisións:
- Francia perdeu todos os territorios conquistados.
- Prusia recibiu Prusia Occidental, Poznań, o norte de Saxonia e parte das provincias do Rin e de Westfalia.
- O Imperio Austríaco recuperou a maioría das zonas que perdera fronte a Napoleón e concedéronselle Tirol e Salzburgo, (Baviera), Lombardía e Véneto para compensar a perda dos Países Baixos austríacos e Dalmacia.
- Foi creada unha Confederación Xermánica de 39 estados, creada dos 309 anteriores, baixo a presidencia do Emperador Austríaco. Só as pequenas partes do territorio de Austria e Prusia foron incluídas na Confederación.
- Rusia viu o seu territorio ampliado cara ao oeste. Confirmou a súa posesión de Finlandia e de Besarabia, ademais da maior parte do Ducado de Varsovia.
- Noruega foi transferida de Dinamarca a Suecia.
- O Imperio Otomán concedería certa autonomía a Serbia, Montenegro, Valaquia e Moldova.
- Hannover conseguiu os antigos territorios do Bispo de Münster e Frisia oriental e pasou a ser un reino.
- A María Luisa, esposa de Napoleón, fóronlle outorgados Parma, Piacenza e Guastalla.
- Ratificouse a fundación do Reino Unido dos Países Baixos.
- O Reino de Sardeña recuperou o condado de Niza e Savoia e recibiu Xénova.
- A cidade de Cracovia e os seus arredores conformaron a República de Cracovia.
- Reino Unido anexionaouse Helgoland, Malta, as Illas Xónicas e outros territorios de ultramar.
Principios básicos
editar- Restauración do absolutismo. Acordouse restabelecer o poder absoluto dos soberanos.
- Lexitimismo monárquico. Devolveuse o trono ás monarquías tradicionais, consideradas únicas despositarias da lexitimidade política.
- Equilibrio internacional. Para evitar que unha potencia impuxese a súa hexemonía en Europa, coma pasara coa Francia napoleónica.
- Intervencionismo. As potencias asinantes arrogáronse o dereito de intervir militarmente naquel territorio que puxese en perigo os principios da Restauración. Para iso creáronse a Santa Alianza (Austria, Rusia e Prusia) e a Cuádrupla Alianza (á que se sumou o Reino Unido).
- Sistema de congresos. O congreso de Viena inaugurou unha nova concepción política exterior en Europa baseada na celebración de congresos para resolver os problemas internacionais.[1]
Notas
editar- ↑ Fernández Bulete, Virgilio (2010). Ciencias sociais: Historia. SM Xerme. ISBN 9788498542653.