Confucio
Kongzi ou Kong Fuzi (chinés tradicional e simplificado: 孔子 ou 孔夫子; pinyin: Kǒngzǐ ou Kǒngfūzǐ; Wade-Giles: K'ung3-tzu3 ou K'ung3-fu1-tzu3; literalmente, "Mestre Kong"[1]), latinizado como Confucio, nado o 551 a.C en Qufu durante a Dinastía Zhou e finado no mesmo lugar o 479 a.C.[2], foi un pensador e filósofo chinés. As súas ensinanzas influíron fondamente na Asia oriental ata hoxe en día, e sobre elas formouse o confucianismo.[3]
Nome orixinal | (zh) 孔夫子 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (zh) 孔丘 c. 551 a. C. Qufu (Reino de Lu) |
Morte | c. 479 a. C. (71/72 anos) Si River (Reino de Lu) |
Causa da morte | morte natural |
Lugar de sepultura | Cemetery of Confucius (en) |
Relixión | Confucianismo |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía, filosofía social e Ética |
Lugar de traballo | Reino de Lu |
Ocupación | filósofo, mestre, escritor |
Período de tempo | Período das Primaveras e Outonos |
Movemento | Confucianismo |
Alumnos | Zilu../... 77+ (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Qiguan Shi |
Fillos | Kong Li |
Pais | Shu-liang He e Yan Zhengzai |
Irmáns | Meng Pi |
Descrito pola fonte | Hoff's Kurze Biographien, vol 2 (en) , (p.299-314) Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron |
Confucio considerábase un transmisor dos valores das épocas anteriores que, segundo el, foran abandonadas na súa época. As súas ensinanzas filosóficas, chamadas confucianismo, enfatizaban a moral persoal e gobernamental, a corrección das relacións sociais, a xustiza, a bondade e a sinceridade. Os seus seguidores competiron con moitas outras escolas durante a época das cen escolas de pensamento, só para ser suprimidas en favor do legalistas durante a dinastía Qin. Tras o colapso da dinastía Qin e a vitoria da Han trala disputa Chu-Han, os pensamentos de Confucio recibiron autorización oficial no novo goberno. Durante as dinastías Tang e Song, o confucianismo desenvolveuse nun sistema coñecido en Occidente como neoconfucianismo, e máis tarde como novo confucianismo. O confucianismo formaba parte do tecido social e o modo de vida chines; para os confucianos, a vida cotiá era o ámbito da relixión.[4]
Tradicionalmente atribúese a Confucio a autoría ou edición de moitos dos textos chineses clásicos, incluídos os cinco clásicos, pero os eruditos modernos son cautos á hora de atribuír afirmacións concretas ao propio Confucio. Os aforismos relativos aos seus ensinos recompiláronse nas Analectas, pero só moitos anos despois da súa morte.
Os principios de Confucio teñen puntos en común coa tradición e as crenzas chinesas. Coa piedade filial, defendía unha forte lealdade familiar, a veneración dos antepasados, e o respecto a os anciáns polos seus fillos e dos maridos polas súas esposas, recomendando a familia como base para un goberno ideal. Adoptou a regra de ouro: "Non fagas aos demais o que non queiras que che fagan a ti".
O templo e cemiterio de Confucio, así como a residencia da familia Kong foron declarados patrimonio cultural da Humanidade en 1994.
Etimoloxía
editarO nome habitual de Confucio en chinés mandarín é Kǒngzǐ, literalmente «Mestre Kong», aínda que moitas veces se escribe «Kung Fu Tse» (sistema Wade-Giles). Unha variante deste nome, pouco habitual actualmente, é Kǒng Fūzǐ, da que se deriva o nome tradicional en galego -a partir da forma latinizada Confucius—[5] que lle deron os misioneiros xesuítas.[6] En época de Confucio a lingua coloquial do estado de Lu era o chinés antigo, que soaba bastante diferente do moderno chinés estándar, usando a reconstrución de Baxter e Saggart o apelativo 孔子 reconstruíuse fonoloxicamente como /*kʰˤoŋʔ tsəʔ/, aínda que B. Karlgren xa o reconstruira previamente como /*kʰuŋ tsjɛg/.
Traxectoria
editarMocidade
editarCrese que Confucio naceu o 28 de setembro do 551 a.C.[7][8] en Zou (鄒, na moderna provincia de Shandong).[8][9] A área estaba teoricamente controlada polos reis de Zhou, pero era efectivamente independente baixo os señores locais de Lu, que gobernaban desde a próxima cidade de Qufu. O seu pai Kong Hei (ou Shuliang Hei) era un comandante ancián da guarnición local de Lu.[10] A súa ascendencia remóntase aos duques de Song ata a dinastía Shang, que precedera aos Zhou.[11][12][13][14] Os relatos tradicionais sobre a vida de Confucio contan que o bisavó de Confucio trasladou á familia de Song a Lu.[15]
O seu pai morreu cando Confucio tiña tres anos e deixou á familia na pobreza, polo que foi criado, na pobreza, pola súa nai Yan Zhengzai (顏 徵 在).[16] Malia iso, recibiu unha esmerada educación pois foi educado en escolas para plebeos, onde estudou e aprendeu as seis artes chinesas.[17] A súa nai morrería despois cando el tiña menos de 40 anos.[16] Aos 19 anos casou con Qiguan (亓官) e un ano despois a parella tivo o seu primeiro fillo, Kong. Li (孔 鯉).[16] Qiguan e Confucio máis tarde terían dúas fillas xuntos, unha das cales crese que morreu de nena.[18]
Confucio naceu na clase social shi (士), entre a aristocracia e a xente común. Dise que traballou en varios traballos gobernamentais nos seus primeiros 20 anos, e como contador e garda de ovellas e cabalos, empregando os ingresos para darlle á súa nai un enterro axeitado.[16][19] Cando morreu a súa nai, Confucio, de 23 anos, dise que estivo de loito durante tres anos, como era tradición naqueles tempos.[19]
Unha das súas grandes influencias foi Zi Zhaan, primeiro ministro de Cheng, quen introduciu o primeiro código xurídico na China. Tamén influíu en Confucio o escepticismo da súa época no concernente á relixión, pois por mor de sufrir moitas guerras perdeuse a fe nos deuses.[20]
Carreira política
editarNa época de Confucio, o estado de Lu estaba encabezado por unha casa ducal gobernante.[21] Baixo o duque había tres familias aristocráticas, cuxos xefes levaban o título de vizconde e ocupaban postos hereditarios na burocracia Lu.[22] A familia Ji ocupaba o cargo de "ministro das masas", que tamén era o "primeiro ministro"; a familia Meng ocupou o cargo de "ministro de obras"; e a familia Shu ocupou o cargo de "ministro da guerra".[22] No inverno do ano 505 a. C., Yang Hu, un servente da familia Ji, rebelouse e tomou o poder da devandita familia[22] Con todo, no verán do ano 501 a.C., as tres familias hereditarias lograran expulsar a Yang Hu de Lu.[22] Para entón, Confucio gañouse unha reputación considerable a través dos seus ensinos, mentres que as familias chegaron a ver o valor da conduta adecuada e a rectitude para poder lograr a lealdade a un goberno lexítimo. Así, ese ano (501 a.C.), Confucio chegou a ser designado para o cargo menor de gobernador dunha cidade.[23] Finalmente, ascendeu ao cargo de ministro do crime[23]
Confucio desexaba devolver a autoridade do estado ao duque desmantelando as fortificacións da cidade, fortalezas pertencentes ás tres familias.[24] Desta maneira, podería establecer un goberno centralizado.[24] Con todo, Confucio baseouse unicamente na diplomacia xa que el mesmo non tiña autoridade militar.[24] No ano 500 a.C., Hou Fan, o gobernador de Hou, rebelouse contra o seu señor da familia Shu.[24] Aínda que as familias Meng e Shu cercaron sen éxito a Hou, un oficial leal levantouse coa xente da rexión e obrigou a Hou Fan a fuxir ao estado de Qi.[24] A situación puido ser favorable para Confucio xa que isto probablemente fixo posible que este e os seus discípulos convencesen ás familias aristocráticas de desmantelar as fortificacións das súas cidades.[24] Finalmente, despois dun ano e medio, Confucio e os seus pupilos conseguiron que a familia Shu arrasase os muros de Hou, que a familia Ji derrubase os de Bi e a familia Meng os de Cheng.[24] Primeiro, a familia Shu dirixiu un exército cara á súa cidade, Hou, e derrubou os seus muros no 498 a. C.[24]
Revolta de Gongshan
editarPouco despois, Gongshan Furao (tamén coñecido como Gongshan Buniu), un servente da familia Ji, rebelouse e tomou o control das forzas en Bi.[25][26] Inmediatamente lanzou un ataque e entrou na capital Lu.[24] Antes, Gongshan achegouse a Confucio para que se unise a el, o que Confucio considerou como a oportunidade de poñer en práctica os seus principios, pero ao final renunciou á idea.[25] Confucio desaprobou o uso dunha revolución violenta por principio, a pesar de que a familia Ji dominou o estado Lu pola forza durante xeracións e exiliara ao duque anterior.[25] Creel (1949) afirma que, antes del, a diferenza do rebelde Yang Hu Gongshan puido tratar de destruír as tres familias hereditarias e restaurar o poder do duque. Creel (1949) afirma que, antes del, a diferenza do rebelde Yang Hu Gongshan puido tratar de destruír as tres familias hereditarias e restaurar o poder do duque[27] No entanto, Dubs (1946) opina que Gongshan foi animado polo vizconde Ji Huan a invadir a capital Lu nun intento de evitar o desmantelamento das murallas fortificadas de Bi.[26] Fora cal fora a situación, Gongshan foi considerado un home recto que seguiu defendendo o estado de Lu, mesmo despois de verse obrigado a fuxir.[27][28]
Durante a revolta de Gongshan, Zhong You lograra manter xuntos ao duque e os tres vizcondes na corte.[28] Zhong You era un dos discípulos de Confucio, que dispuxera que a familia Ji se lle dese o posto de gobernador.[29] Cando Confucio decatouse da incursión, solicitou que o vizconde Ji Huan permitira que o duque e a súa corte se retirasen a unha fortaleza nos terreos do seu palacio.[30] A partir de entón, os xefes das tres familias e o duque retiráronse ao complexo do palacio de Ji e ascenderon á Terraza Wuzi.[31] Confucio ordenou a dous oficiais que encabezasen un asalto contra os rebeldes.[31] Polo menos un dos dous oficiais era un servente da familia Ji, pero non puideron rexeitar as ordes mentres estaban en presenza do duque, os vizcondes e o tribunal.[30] Os rebeldes foron perseguidos e derrotados en Gu.[31] Inmediatamente despois de que a revolta foi derrotada, a familia Ji arrasou coas murallas da cidade Bi.[31]
Os atacantes retiráronse despois de darse conta de que terían que volverse rebeldes contra o estado e o seu señor.[30] A través das accións de Confucio, os funcionarios de Bi rebeláronse inadvertidamente contra o seu propio señor, o que obrigou ao vizconde Ji Huan a desmantelar os muros de Bi (xa que podería albergar a tales rebeldes) ou confesar haber instigado o evento indo en contra da conduta adecuada e a xustiza como funcionario.[30] Dubs suxire que o incidente sacou á luz a previsión, a capacidade política práctica e a comprensión do carácter humano de Confucio.[30]
Cando chegou o momento de desmantelar os muros da familia Meng, o gobernador mostrouse remiso a que os derrubase e convenceu ao xefe da familia que non o fixera.[31] O manuscrico do Zuo Zhuan lembra que o gobernador desaconsellou derrubar os muros porque dixo que iso faría a Cheng vulnerable ao estado de Qi e provocaría a destrución da súa familia.[30] Aínda que o vizconde Meng Yi deu a súa palabra de non interferir, volveu á súa promesa anterior de desmantelar os muros.[30]
Máis tarde, no 498 a. C., o duque Ding foi persoalmente cun exército para cercar Cheng nun intento de arrasar os seus muros, pero non tivo éxito.[32] Polo tanto, Confucio non puido lograr as reformas idealistas que quería, incluída a restauración do goberno lexítimo do duque.[33] Gañouse poderosos inimigos dentro do estado, especialmente co vizconde Ji Huan, debido aos seus éxitos ata o de agora.[34] Segundo relatos en Zuo Zhuan e Shiji, Confucio abandonou a súa terra natal no 497 a. C. despois do seu apoio ao intento errado de desmantelar as murallas da cidade fortificada das poderosas familias Ji, Meng e Shu.[35] Abandonou o estado de Lu sen renunciar, permanecendo no autoexilio e sen poder regresar mentres o vizconde Ji Huan estivese vivo.[34]
Exilio
editarO libro histórico Shiji afirmaba que o veciño estado Qi estaba preocupado porque Lu estaba a facerse demasiado poderoso mentres Confucio participaba no goberno do estado Lu.[36] Segundo este relato, Qi decidiu sabotar as reformas de Lu enviando 100 dos seus mellores cabalos e 80 fermosas bailarinas ao duque de Lu.[36] O duque entregouse ao pracer e non cumpriu coas súas obrigacións oficiais durante tres días. Confucio sentiuse decepcionado e resolveu abandonar Lu e buscar mellores oportunidades, pero marcharse de inmediato expoñería a mala conduta do duque e, xa que logo, supoñería unha humillación pública para o gobernante ao que Confucio servía. Confucio, xa que logo, esperou a que o duque cometese un erro menor. Pouco despois, o duque esqueceuse de enviar a Confucio unha porción da carne do sacrificio que lle correspondía segundo o costume, e Confucio aproveitou este pretexto para abandonar tanto o seu posto como o estado Lu.
Despois da dimisión de Confucio, comezou unha longa viaxe ou conxunto de viaxes polos estados principados do nordeste e centro da China, incluíndo Wey, Song, Zheng, Cao, Chu, Qi, Chen e Cai (e un intento errado de ir a Jin). Nos tribunais destes estados, expuxo as súas crenzas políticas pero non as viu cumpridas.[37]
Aos cincuenta anos comezou os seus ensinos. Viaxaba só dun lado para o outro instruíndo os contados discípulos que se reunían en torno a el. A súa fama como home de saber e carácter, con gran veneración polas ideas e os costumes tradicionais, axiña se propagou polo principado de Lu, e logo por toda a China.[20]
De volta tras o exilio
editarSegundo o Zuo Zhuan, Confucio regresou a súa casa natal de Lu cando tiña 68 anos, despois de que fose invitado a facelo por Ji Kangzi, o primeiro ministro de Lu.[38] As Analectas represéntano pasando os seus últimos anos ensinando a 72 ou 77 discípulos e transmitindo a vella sabedoría a través dun conxunto de textos chamados os Cinco Clásicos.
Despois do seu regreso, Confucio ás veces actuou como asesor de varios funcionarios do goberno en Lu, incluído a Ji Kangzi, en asuntos que incluían a gobernanza e o crime.[38]
Atafegado pola perda tanto do seu fillo como dos seus discípulos favoritos, morreu á idade de 71 ou 72 anos por causas naturais. Confucio foi enterrado no cemiterio de Kong Lin, que se atopa na parte histórica de Qufu na provincia de Shandong.[39]
Filosofía
editar- Artigo principal: Confucianismo.
Aínda que o confucianismo é seguido a miúdo de xeito relixioso polos chineses, moitos argumentan que os seus valores son seculares e que é, polo tanto, unha moral secular máis que unha relixión. Os defensores argumentan, con todo, que a pesar da natureza secular das ensinanzas do confucianismo, baséase nunha visión do mundo que é relixiosa.[40] O confucianismo discute elementos do máis aló e opinións relativas ao Ceo, pero se despreocupa relativamente dalgunhas cuestións espirituais a miúdo consideradas esenciais para o pensamento relixioso, como a natureza das almas.[Cómpre referencia]
Nas Analectas, Confucio preséntase como un "transmisor que non inventou nada". El pon o maior énfase na importancia do estudo, e na carácter chinés para o estudo (學) que abre o texto. Lonxe de tentar construír unha teoría sistemática ou formalista, quería que os seus discípulos dominasen e interiorizaran clásicos máis antigos, para que o seu profundo pensamento e o seu estudo exhaustivo permitise relacionar os problemas morais do presente co pasado. acontecementos políticos (como se recolle nos Anais) ou as expresións pasadas dos sentimentos dos plebeos e as reflexións dos nobres (como nos poemas do Libro das Odas). [Cómpre referencia]
A esencia dos seus ensinos concéntrase na boa conduta na vida, o bo goberno do estado (caridade, xustiza, e respecto pola xerarquía), o coidado da tradición, o estudo e a meditación. As máximas virtudes son: a tolerancia, a bondade, a benevolencia, o amor ao próximo e o respecto polos maiores e antepasados. Se o príncipe é virtuoso, os súbditos imitarán o seu exemplo: gobernante/súbdito, marido/muller e pai/fillo. Unha sociedade próspera só se conseguirá se se manteñen estas relacións en plena harmonía. A base da doutrina confuciana é recuperar os antigos sabios da cultura chinesa e influír nos costumes do pobo.
O mestre Hong foi o primeiro que reuniu a un grupo de discípulos provenientes de distintos principados para formalos adecuadamente no bo goberno. Xunto coas medidas a tomar que xa formulara na súa época de novo funcionario, propuxo levar á práctica as súas ideas baseándose no respecto das Tres Dinastías e recuperar a política do Duque de Tcheu. Confucio confiaba en que un príncipe seguise as súas indicacións. Deste xeito, ao final dun ciclo de doce meses, logrouse algún resultado; en tres anos, o seu proxecto social consumouse á perfección. Podemos resumir a doutrina confuciana nunha serie de mandatos que deberían ser os principais deberes de todo home de goberno:
- Amar o pobo, renovalo moralmente e procurarlle os medios necesarios para a vida acotío.
- Por este motivo, debe servirse en primeiro termo con soberano respecto a Aquel que é o Primeiro Dominador.
- Cultivar a virtude persoal e tender sen cesar á perfección.
- Na vida privada como na pública, observar sempre o carreiro superior do «Xusto Medio».
- Ter en conta as dúas clases de inclinación propias do home: unhas proceden da carne e son perigosas; as outras pertencen á razón e son moi sutís e fáciles de perder.
- Practicar os deberes das cinco relacións sociais (explicadas máis abaixo).
- Ter por obxecto final a paz universal e a harmonía xeral.
No pouco legado escrito que deixou, Analectas, unha colección de conversas cos seus discípulos, vemos que baseaba toda a súa filosofía moral nun ensino central: o ren (jen), que é a virtude da humanidade e á súa vez está baseada na benevolencia, a lealdade, o respecto e a reciprocidade. Estes valores son imprescindibles nas relacións humanas, que Confucio describiu:
- Entre gobernador e ministro.
- Entre pai e fillo.
- Entre marido e muller.
- Entre irmán máis vello e irmán máis novo.
- Entre amigos.
Estas relacións teñen, ademais, unha característica principal: o superior ten a obrigación de protección e o inferior, de lealdade e respecto. En último termo, todas as persoas están suxeitas á vontade do Ceo ((tiamchi; t'ien-chih)), que é a realidade primeira, a fonte máxima de moralidade e de orde. Non é o tema de especulación, pero en certo xeito está relacionado mediante o ritual. Nalgúns textos é sinónimo de Shang-ti, o señor supremo. O Emperador gobernaba por mandato do Ceo.
Segundo Confucio, ademais do ren e as relacións adecuadas, son precisos os rituais e o sacrificio regular. O culto ao Ceo requiría do emperador, en canto que «fillo do Ceo», que realizase un sacrificio animal por ano no templo do Ceo de Pequín. Tamén se ofrecían sacrificios á terra, ao sol, á lúa e aos antepasados imperiais.
No entanto, todo o que Confucio quixo realizar non era novo, senón que correspondía, como el mesmo confesaba, ao xa dito por unha longa tradición de sabios. As súas ideas estaban baseadas nunha herdanza espiritual que a escola dos ru ou letrados, e máis concretamente o mesmo Confucio, compilaran e sistematizaran de forma sublime.
Tamén, atribúense a Confucio os «Cinco Clásicos», que apareceron após a morte do mestre. Tras esta, a súa obra e a súa vida convertéronse en obxecto de culto e xeraron todo un paradigma en torno aos seus ensinos, os cales alcanzan os nosos días.
Legado
editarDurante a segunda metade da época na que a China estivo rexida pola dinastía Chou, antes de Confucio, o goberno central sufriu un proceso de dexeneración e decadencia, e as intrigas e a relaxación de costumes xeneralizáronse. Confucio lamentaba a desorde característica daqueles tempos, así como a ausencia de modelos morais que reverteran tal situación. Por iso, chegou á conclusión de que o único remedio era recuperar e difundir entre a poboación os principios e preceptos dos sabios da antigüidade. Por este motivo instruía aos seus estudantes nos clásicos da literatura chinesa. Tamén subliñou a importancia da música chinesa, que naquela época tiña funcións cerimoniais e relixiosas nas prácticas do estado e do culto. Propugnou o gran valor do poder do exemplo. Os gobernantes, dicía, só poden ser grandes se levan vidas exemplares e guíanse por principios morais. Desta forma, os cidadáns dos seus estados terían o necesario estímulo para alcanzar a prosperidade e a felicidade.
As ensinanzas de Confucio foron máis tarde convertidas nun elaborado conxunto de regras e prácticas polos seus numerosos discípulos e seguidores, que organizaron as súas ensinanzas nas Analectas.[41][42] Os discípulos de Confucio e o seu único neto, Zisi, continuaron a súa escola filosófica despois da súa morte.[43] Estes esforzos difundiron os ideais confucianos entre os estudantes que logo se converteron en funcionarios de moitas das cortes reais da China, dando así ao confucianismo a primeira proba a grande escala do seu dogma.[Cómpre referencia]
Dous dos máis famosos seguidores posteriores de Confucio fixeron fincapé en aspectos radicalmente diferentes das súas ensinanzas. Nos séculos posteriores á súa morte, Mencio (孟子) e Xunzi (荀子) ambos compuxeron importantes ensinanzas que elaboraban de diferentes xeitos as ideas fundamentais asociadas a Confucio. Mencio (século IV a. C.) articulaba a bondade innata no ser humano como fonte das intuicións éticas que orientan as persoas cara ao rén, o yì, e o lǐ, mentres Xunzi (século III a. C.) salientou os aspectos realistas e materialistas do pensamento confuciano, sinalando que a moral foi inculcada na sociedade a través da tradición e nos individuos a través da formación. Co paso do tempo, os seus escritos, xunto coas Analectas e outros textos fundamentais, chegaron a constituír o corpus filosófico do confucianismo.[44]
Este reaxuste no pensamento confuciano foi paralelo ao desenvolvemento do legalismo, que vía a piedade filial como un interese propio e non como unha ferramenta útil para que un gobernante crease un Estado eficaz. Li Si, primeiro ministro da dinastía Qin, convenceu a Qin Shihuang para que abandonase a recomendación dos confucianos de conceder feudos similares aos da dinastía Chou, que el consideraba contrarios á idea legalista de centralizar o Estado en torno ao gobernante. Cando os conselleiros confucianos insistiron, Li Si mandou matar a moitos eruditos confucianos e queimar os seus libros, o que supuxo un duro golpe para a filosofía e a erudición chinesas.[Cómpre referencia]
Baixo as dinastías Han e Tang, as ideas de Confucio adquiriron aínda máis importancia. Baixo o mandato do emperador Han Wudi, as obras de Confucio convertéronse na filosofía imperial oficial e en lectura obrigatoria para os exames da función pública no 140 a.C., o que se mantivo case ininterrompidamente ata finais do século XIX. A medida que o mohísmo perdía apoio na época dos hans, os principais contendentes filosóficos foron o legalismo, que o pensamento confuciano absorbeu en certa medida, os ensinos de Laozi, cuxo enfoque en ideas máis espirituais afastárono do conflito directo co confucianismo, e a nova relixión budista, que gañou aceptación durante a época das dinastías do Norte e do Sur. Na dinastía Ming e mesmo na dinastía Yuan confiábase tanto nas ideas confucianas como nos funcionarios formados por Confucio, aínda que Khublai Khan desconfiaba de entregarlles o control provincial.[Cómpre referencia]
Durante a dinastía Song, o erudito Zhu Xi (1130-1200) incorporou ideas do taoísmo e o budismo ao confucianismo. En vida, Zhu Xi foi ignorado en gran medida, pero pouco despois da súa morte, as súas ideas convertéronse na nova visión ortodoxa do que significaban realmente os textos confucianos. Os historiadores modernos consideran que Zhu Xi creou algo bastante diferente e chaman á súa forma de pensar neoconfucianismo. O neoconfucianismo prevaleceu na China, Xapón, Corea e Vietnam ata o século XIX.[Cómpre referencia]
As obras de Confucio foron traducidas por primeira vez a linguas europeas por misioneiros xesuítas no século XVI, a finais da dinastía Ming. O primeiro esforzo coñecido foi o de Michele Ruggieri, que regresou a Italia en 1588 e levou a cabo as súas traducións mentres residía en Salerno. Matteo Ricci comezou a informar sobre o pensamento de Confucio, e un equipo de xesuítas -Prospero Intorcetta, Philippe Couplet e outros dous- publicou en París, en 1687, unha tradución de varias obras confucianas e unha visión xeral da historia chinesa.[45][46] François Noël, tras fracasar no seu intento de persuadir ao Clemente XI de que a veneración chinesa dos antepasados a Confucio non constituían idolatría, completou o canon confuciano en Praga en 1711, con tratamentos máis eruditos das demais obras e a primeira tradución das obras reunidas de Mencio.[47] Crese que ditas obras tiveron unha importancia considerable nos pensadores europeos da época, en particular entre os deístas e outros grupos filosóficos da Ilustración interesados pola integración do sistema de moral de Confucio na civilización occidental.[46][48]
Na era moderna seguen existindo movementos confucianos, como o Novo Confucianismo, pero durante a Revolución Cultural, o confucianismo foi atacado con frecuencia por figuras destacadas do Partido Comunista da China. Isto foi en parte unha continuación das condenas do confucianismo por parte de intelectuais e activistas a principios do século XX como causa da cerrazón etnocéntrica e o rexeitamento da Dinastía Qing a modernizarse que conduciron ás traxedias que arrasaron China no século XIX.[Cómpre referencia]
As obras de Confucio son estudadas por eruditos de moitos outros países asiáticos, en particular os da esfera cultural chinesa, como Corea, Xapón e Vietnam. Moitos deses países seguen celebrando cada ano a tradicional cerimonia conmemorativa.[Cómpre referencia]
Entre os tibetanos, Confucio adoita ser venerado como rei santo e mestre de maxia, adiviñación e astroloxía. Os budistas tibetanos consideran que aprendeu adiviñación do Buda Manjushri (e que ese coñecemento chegou posteriormente ao Tíbet a través da princesa Wencheng), mentres que os practicantes do Bön considérano unha reencarnación de Tonpa Shenrab Miwoche, o lendario fundador do bön.[49]
A comunidade musulmá ahmadía cre que Confucio foi un profeta divino de Deus, do mesmo xeito que Laozi e outros eminentes personaxes chineses.[50] [51]
Segundo a tradición Siddhar de Tamil Nadu, Confucio é un dos 18 estimados Siddhars de outrora, e é máis coñecido como Kalangi Nathar ou Kamalamuni.[52][53][54] O Templo de Thyagaraja en Thiruvarur (Tamil Nadu) alberga ao seu Jeeva Samadhi.[55]
Na época moderna, Asteroide 7853, "Confucio", recibiu o nome do pensador chinés.[56]
Unha popular tradición sobre a súa vida establece que aos 50 anos de idade converteuse en maxistrado de Zhongdu e un ano despois foi nomeado para exercer en Lu un cargo equivalente ao de ministro de xustiza. Confucio establecería numerosas reformas que conduciron a unha administración de xustiza caracterizada pola súa imparcialidade e á práctica erradicación do crime. Lu chegou a ser tan poderoso que o gobernante dun estado veciño intrigou para conseguir a destitución do ministro. É máis probable, con todo, que só fora un funcionario menor. En calquera caso, Confucio deixou o seu cargo no 496 a.C.
Discípulos
editarConfucio comezou a ensinar despois de cumprir os 30 anos, e ensinou a máis de 3.000 estudantes na súa vida, uns 70 dos cales foron considerados destacados. Os seus discípulos e a primitiva comunidade confuciana que formaron convertéronse na forza intelectual máis influente do período dos Estados Combatentes.[57] O historiador da dinastía Han Sima Qian dedicou un capítulo das súas Actas do Gran Historiador ás biografías dos discípulos de Confucio, dando conta da influencia que exerceron na súa época e posteriormente. Sima Qian rexistrou os nomes de 77 discípulos na súa biografía colectiva, mentres que Kongzi Jiayu, outra fonte temperá, rexistra 76, que non coinciden completamente. As dúas fontes xuntas dan os nomes de 96 discípulos.[58] Vinte e dous deles menciónanse nas Analectas, mentres que o Mencio rexistra 24.[59]
Confucio non cobraba ningunha matrícula e só pedía un agasallo simbólico dun fardo de carne seca a calquera futuro estudante. Segundo o seu discípulo Zigong, o seu mestre trataba aos estudantes como os médicos aos pacientes e non rexeitaba a ninguén.[58] A maioría deles procedían de Lu, o estado natal de Confucio, con 43 rexistrados, pero aceptaba estudantes de toda China, con seis do estado de Wey (como Zigong), tres de Qin, dous de Chen e Qi, e un de Cai, Chu, e Song. [58] Confucio consideraba irrelevante a orixe persoal dos seus alumnos, e aceptaba a nobres, plebeos e mesmo a antigos criminais como Yan Zhuoju e Gongye Chang.[60] Os seus discípulos de familias máis ricas pagaban unha suma acorde coa súa riqueza, que se consideraba unha doazón ritual.[58]
O discípulo favorito de Confucio era Yan Hui, moi probablemente un dos máis empobrecidos de todos.[59] Sima Niu, a diferenza de Yan Hui, pertencía a unha familia nobre hereditaria do estado Song. Baixo os ensinos de Confucio, os discípulos chegaron a coñecer ben os principios e métodos de goberno.[61] A miúdo discutía e debatía cos seus alumnos e concedía grande importancia aos seus estudos de historia, poesía e rituais.[61] Confucio avogaba pola lealdade aos principios máis que á perspicacia individual, na que a reforma debía lograrse mediante a persuasión e non a violencia.[61] Aínda que Confucio os denunciou polas súas prácticas, é probable que a aristocracia se sentise atraída pola idea de contar con funcionarios dignos de confianza e estudados en moral, xa que as circunstancias da época facíano desexable.[61] De feito, o discípulo Zilu chegou a morrer defendendo ao seu gobernante en Wey.[61]
Yang Hu, que era un subordinado da familia Ji, dominara o goberno Lu de 505 a 502 e mesmo tentou un golpe de estado, que fracasou por pouco.[61] Como consecuencia probable, foi despois disto que os primeiros discípulos de Confucio foron nomeados para postos de goberno.[61] Algúns dos discípulos de Confucio chegaron a ocupar cargos oficiais de certa importancia, algúns dos cales foron dispostos por Confucio.[62] Cando Confucio tiña 50 anos, a familia Ji consolidara o seu poder no estado Lu sobre a casa ducal gobernante.[63] A pesar de que a familia Ji tiña prácticas coas que Confucio non estaba de acordo e desaprobaba, con todo déronlles aos discípulos de Confucio moitas oportunidades de emprego.[63] Confucio seguía lembrando aos seus discípulos que se mantivesen fieis aos seus principios e renunciaba aos que non o facían, á vez que criticaba abertamente á familia Ji.[64]
En Occidente
editarA influencia de Confucio observouse en múltiples pensadores occidentais, entre eles Niels Bohr,[65][66][67] Benjamin Franklin,[68][69][70] Allen Ginsberg,[71][72][73] Thomas Jefferson,[74][75][76] Gottfried Wilhelm Leibniz, Robert Cummings Neville, Alexander Pope,[77][78] Ezra Pound, François Quesnay, Friedrich Schiller,[79][80][81] Voltaire,[82][83][84] e Christian Wolff.
Retratos visuais
editarNon se conserva ningunha pintura ou escultura contemporánea de Confucio, e só durante a dinastía Han representóuselle visualmente. As tallas adoitan representar o seu lendario encontro con Laozi. Desde entón houbo moitos retratos de Confucio como filósofo ideal. Unha das primeiras representacións verbais de Confucio atópase no capítulo "Cousas externas" (en chinés) do libro Zhuangzi (en chinés), terminado cara ao século III a.C., moito despois da morte de Confucio.[85] O retrato máis antigo que se coñece de Confucio foi desenterrado na tumba do gobernante da dinastía Han o marqués de Haihun (morto no 59 a.C.). O retrato foi pintado no marco de madeira dun espello de bronce puido.[86]
Antigamente, era costume ter un retrato no Templos de Confucio; con todo, durante o reinado do emperador Hongwu (Taizu) da dinastía Ming, decidiuse que o único retrato apropiado de Confucio debía estar no templo da súa cidade natal, Qufu en Shandong. Noutros templos, Confucio está representado por unha lápida conmemorativa. En 2006, a Fundación Chinesa Confucio encargou un retrato estándar de Confucio baseado no retrato da dinastía Tang realizado por Wu Daozi.
O Friso da parede sur da sala de vistas do Tribunal Supremo dos Estados Unidos representa a Confucio como mestre de harmonía, aprendizaxe e virtude.[87]
Representacións de ficción
editarHoubo dúas adaptacións cinematográficas da vida de Confucio: a película de 1940 Confucio, protagonizada por Tang Huaiqiu,[88] e a película de 2010 Confucio protagonizada por Chow Yun-fat.[89]
Notas
editar- ↑ normalmente abreviado para chinés 孔子e pinyin Kǒng Zǐ
- ↑ La Gran Época (ed.). "La benevolencia y la moderación de la filosofía de Confucio" (en castelán). Archived from the original on 23 de outubro de 2013. Consultado o 27 de decembro do 2015.
- ↑ "The Life and Significance of Confucius". www.sjsu.edu. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2019. Consultado o 6 de marzo do 2023.
- ↑ "Confucianism". World History Encyclopedia. Arquivado dende o orixinal o 2021-04-17. Consultado o 2020-11-04.
- ↑ (coord.), Antoni Prevosti i Monclús; Río, Antonio José Doménech del; Prats, Ramon N. (6 de novembro de 2014). Pensamiento y religión en Asia Oriental (en castelán). Editorial UOC. ISBN 9788490641811. Consultado o 6 de marzo de 2023.
- ↑ Lenoir, Frédéric (2018) [2008]. Breve tratado de historia de las religiones. Barcelona: Herder Editorial. p. 75. ISBN 978-84-254-3976-6.
- ↑ Hugan, Yong (2013). Confucius: A Guide for the Perplexed. A&C Black. p. 3. ISBN 978-1-4411-9653-8. Arquivado dende o orixinal o 2017-04-16.
- ↑ 8,0 8,1 Creel 1949, p. 25.
- ↑ Rainey 2010, p. 16.
- ↑ Legge 1887, p. 260.
- ↑ Legge 1887, p. 259.
- ↑ Yao 1997, p. 29.
- ↑ Yao 2000, p. 23.
- ↑ Rainey 2010, p. 66.
- ↑ Creel 1949, p. 26.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 Huang, Yong (2013). Confucius: A Guide for the Perplexed. A&C Black. p. 4. ISBN 978-1-4411-9653-8. Consultado o 8 de marzo do 2023.
- ↑ Huang, Yong (2013). Confucius: A Guide for the Perplexed. A&C Black. pp. 4–5. ISBN 978-1-4411-9653-8. Arquivado dende o orixinal o 2017-04-16.
- ↑ Schuman, Michael (2015). Confucius: And the World He Created. Basic Books. ISBN 978-0-465-04057-5. Arquivado dende o orixinal o 2017-04-16.
- ↑ 19,0 19,1 Burgan, Michael (2008). Confucius: Chinese Philosopher and Teacher. Capstone. p. 23. ISBN 978-0-7565-3832-3. Arquivado dende o orixinal o 2017-04-16. Consultado o 8 de marzo do 2023.
- ↑ 20,0 20,1 "Confucio". biografias.es/. Consultado o 10 de marzo do 2023.
- ↑ Dubs 1946, pp. 274–275.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 Dubs 1946, p. 275.
- ↑ 23,0 23,1 Dubs 1946, pp. 275–276.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 24,5 24,6 24,7 24,8 Dubs 1946, p. 277.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Creel 1949, pp. 35–36.
- ↑ 26,0 26,1 Dubs 1946, pp. 277–278.
- ↑ 27,0 27,1 Creel 1949, p. 35.
- ↑ 28,0 28,1 Dubs 1946, p. 278.
- ↑ Dubs 1946, pp. 278–279.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 30,6 Dubs 1946, p. 279.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 Chin 2007, 30.
- ↑ Dubs 1946, p. 280.
- ↑ Dubs 1946, pp. 280–281.
- ↑ 34,0 34,1 Dubs 1946, 281.
- ↑ Riegel 1986, p. 13.
- ↑ 36,0 36,1 Nylan & Wilson 2010, p. 17.
- ↑ "Ancient China: Confucius Biography". www.ducksters.com. Consultado o 9 de marzo do 2023.
- ↑ 38,0 38,1 Huang, Yong (2013). Confucius: A Guide for the Perplexed. A&C Black. pp. 27–28. ISBN 978-1-4411-9653-8. Consultado o 2015-08-13.
- ↑ Centre, UNESCO World Heritage. "Temple and Cemetery of Confucius and the Kong Family Mansion in Qufu". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Consultado o 10 de marzo do 2023.
- ↑ Berger, Peter (15 de febreiro de 2012). "Is Confucianism a Religion?". The American Interest. Arquivado dende o orixinal o August 17, 2015. Consultado o 10 de marzo do 2023.
- ↑ Knechtges & Shih 2010, p. 645.
- ↑ Kim & Csikszentmihalyi 2010, p. 25.
- ↑ Ames, Roger T. and David L. Hall (2001). Focusing the Familiar: A Translation and Philosophical Interpretation of the Zhongyong. University of Hawaii Press. p. 132. ISBN 978-0-8248-2460-0.
- ↑ "Confucianism" (en inglés). National Geographic Society. 2022-05-20. Arquivado dende o orixinal o 2023-05-01. Consultado o 20 de novembro do 2023.
- ↑ Intorcetta, Prospero; et al., eds. (1687). Confucius Sinarum Philosophus, sive, Scientia Sinensis Latine Exposita [Confucius, Philosopher of the Chinese, or, Chinese Knowledge Explained in Latin]. Paris: Daniel Horthemels.. (in Latin)
- ↑ 46,0 46,1 Parker 1977, 25.
- ↑ Noël, François, ed. (1711). Sinensis Imperii Libri Classici Sex [The Six Classic Books of the Chinese Empire]. Prague: Charles-Ferdinand University Press. Arquivado dende o orixinal o 2020-07-14. Consultado o 17 de setembro do 2023.. (in Latin)
- ↑ Hobson 2004, pp. 194–195.
- ↑ Lin, Shen-yu (2005). "The Tibetan Image of Confucius" (PDF). Revue d'Études Tibétaines (12). pp. 105–129. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de setembro de 2017.
- ↑ Ahmad
- ↑ "Confucianism". alislam.org. Consultado o 3 de decembro do 2023..
- ↑ "SHAKING THE TREE: Kundalini Yoga, Spiritual Alchemy, & the Mysteries of the Breath in Bhogar's 7000". www.alchemywebsite.com. Arquivado dende o orixinal o 2023-04-14. Consultado o 5 de decembro do 2023.
- ↑ "Kamala Muni Siddhar @ Kalangi Nathar @ Kanja Malai Siddhar 5.1". www.mail-archive.com. Arquivado dende o orixinal o 2023-05-30. Consultado o 5 de decembro do 2023.
- ↑ R. N. Hema (decebro de 2019). Biography of the 18 Siddhars (Tese). National Institute of Siddha. Arquivado dende o orixinal o 2023-05-16. Consultado o 5 de decembro do 2023.
- ↑ "18 Siddhars". www.satsang-darshan.com. Arquivado dende o orixinal o 2023-05-12. Consultado o 5 de decembro do 2023.
- ↑ IAU Minor Planet Center Arquivado 2022-01-21 en Wayback Machine.. International Astronomical Union Minor Planet Center. Consultado o 5 de decembro do 2023.
- ↑ Shen 2013, p. 86.
- ↑ 58,0 58,1 58,2 58,3 Shen 2013, p. 87.
- ↑ 59,0 59,1 Creel 1949, p. 30.
- ↑ Shen 2013, p. 88.
- ↑ 61,0 61,1 61,2 61,3 61,4 61,5 61,6 Creel 1949, p. 32.
- ↑ Creel 1949, p. 31.
- ↑ 63,0 63,1 Creel 1949, p. 33.
- ↑ Creel 1949, pp. 32-33.
- ↑ Allinson, Robert E. (decembro de 1998). "Complementarity as a Model for Eastwest Integrative Philosophy".
- ↑ Christianity and Confucianism: Culture, Faith and Politics. London, England: Bloomsbury Publishing. 2020. p. 382. ISBN 9780567657688. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Holton, Gerald (xuño de 1986). "Niels Bohr and the Integrity of Science: Integrity in science involves not merely the avoidance of dishonorable behavior but also some principles of action that are exemplified in the life and work of Niels Bohr". American Scientist 74 (3). pp. 237–243. JSTOR 27854096. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Wang, Dave. "Benjamin Franklin and China" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-04-11. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Hornung, Alfred (novembro 2018). "Confucius and Benjamin Franklin: Chinese Ideas in the Foundation of the United States". Arquivado dende o orixinal o 2021-04-11. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ "Confucius and Benjamin Franklin" (PDF). 2017-04-28. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-07-25. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ "Ginsberg and China". 9 de setembro de 2017. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2021. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Jackson, Brian (setembro de 2010). "Modernist Looking: Surreal Impressions in the Poetry of Allen Ginsberg". Texas Studies in Literature and Language 52 (3). pp. 298–323. JSTOR 40928069. doi:10.1353/tsl.2010.0003. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Chan, Tsz Shan (xaneiro de 2011). "Visions of Enlightenment: Aspects of Buddhism in Jack Kerouac, Allen Ginsberg and Gary Snyder" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-04-12. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Burstein, Andrew (outubro de 2007). "Review: Jefferson in Confucian Relief". William and Mary Quarterly. JSTOR 25096753. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ "Confucius influenced America's founding fathers: scholar". 2017-09-26. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Thompson, Kirill (outubro de 2015). "Traditional Chinese Concepts and 17th–18th Century Enlightenment Ideals: Reflections on the IHS Conference on Freedom, Equality, Democracy, and the Rise of Market Economy, October 2015". Arquivado dende o orixinal o 2021-04-12. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Warburton, William (1779). "The works of Alexander Pope ... With notes by Dr. Warburton, and illustrations on steel by eminent artists. From designs by Weigall, Heath, & others.". Arquivado dende o orixinal o 2022-01-21. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Feng, Dong (decembro de 2008). "The Great Harmony: An Essay on Man and Confucianism" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-04-11. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Danton, George (novembro de 1943). "Schiller and Confucius". The German Quarterly 16 (4). pp. 173–182. JSTOR 400763. doi:10.2307/400763. Arquivado dende o orixinal o 2021-08-09. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Schiller, Friedrich (2010-11-18). "Proverbs of Confucius". The Open Court 1905 (5). Arquivado dende o orixinal o 2021-04-12. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Von Schiller, Johann Christian Friedrich. "Proverbs of Confucius". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2021. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ "China, the Confucian Ideal, and the European Age of Enlightenment" (PDF). decembro de 1983. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2021-04-10. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Rowbotham, Arnold H. (decembro de 1932). "Voltaire, Sinophile". PMLA 47 (4). pp. 1050–1065. JSTOR 457929. doi:10.2307/457929. Arquivado dende o orixinal o 2021-05-03. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Bailey, Paul (2002-07-19). "Voltaire and Confucius: French attitudes towards China in the early twentieth century". History of European Ideas 14 (6). pp. 817–837. doi:10.1016/0191-6599(92)90168-C. Arquivado dende o orixinal o 2021-04-10. Consultado o 6 de marzo do 2024.
- ↑ Zhuangzi, "External Things". Chinese original Arquivado 2022-10-11 en Wayback Machine.: 「老萊子之弟子出薪,遇仲尼,反以告曰: 『有人於彼,修上而趨下,末僂而後耳,視若營四海,不知其誰氏之子。 』老萊子曰:『 是丘也,召而來!』」. Tradución de Burton Watson Arquivado 2022-10-27 en Wayback Machine.: "Un discípulo de Lao Lai-tzu estaba a recoller leña cando se atopou con Confucio. Volveu e informou: 'Hai un home por alí co corpo longo e as pernas curtas, as costas un pouco encorvada e as orellas moi cara atrás, que parece coma se tentase atender a todo o que hai dentro dos catro mares. Non sei quen pode ser. Lao Lai-tzu dixo: 'É Kung Ch'iu. Dille que veña'".
- ↑ "Confucius depicted on mirror". The Institute of Archaeology, Chinese Academy of Social Sciences (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2017. Consultado o 11 de marzo do 2024.
- ↑ "US Supreme Court Courtroom Friezes" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xullo de 2019. Consultado o 2 de abril do 2024.
- ↑
- ↑
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Ahmad, Mirza Tahir (n.d.). "Confucianism". Ahmadiyya Muslim Community. Arquivado dende o orixinal o 3 de outubro de 2012. Consultado o 3 de decembro do 2023.
- Confucio (2009). Analectas. EDAF. Madrid. ISBN 978-84-414-0317-8.
- Creel, Herrlee Glessner (1949). Confucius and the Chinese Way. New York: Harper.
- Creel, Herrlee Glessner (1953). Chinese Thought from Confucius to Mao Tse-tung. Chicago: Universidade de Chicago Press.
- Dubs, Homer H. (1946). "The political career of Confucius". Journal of the American Oriental Society 66 (4). pp. 273–282. JSTOR 596405. doi:10.2307/596405.
- Hobson, John M. (2004). The Eastern origins of Western civilisation (Reprinted ed.). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-54724-6.
- Legge, James (1887). "Confucius". Encyclopaedia Britannica, 9th ed., Vol. VI. pp. 258–265..
- Lévi, Jean (2005). Confucio. Tradución Albert Galvany Larrouquere. Madrid: Editorial Trotta. ISBN 978-84-8164-794-5.
- Rainey, Lee Dian (2010). Confucius & Confucianism: The essentials. Oxford: Wiley-Blackwell. ISBN 978-1-4051-8841-8.
- Shen, Vincent (2013). Dao Companion to Classical Confucian Philosophy. Springer. ISBN 978-90-481-2936-2. Arquivado dende o orixinal o 2019-10-11. Consultado o 4 de decembro do 2023.
- Suárez, Anne-Hélène (1997). Lunyu. Reflexiones y enseñanzas de Confucio. Clásicos Kairós. Barcelona. ISBN 978-84-7245-366-1.
- Yao, Xinzhong (1997). Confucianism and Christianity: A Comparative Study of Jen and Agape. Brighton: Sussex Academic Press. ISBN 978-1-898723-76-9. Arquivado dende o orixinal o 2020-10-21. Consultado o 2015-11-07.
- Yao, Xinzhong (2000). An Introduction to Confucianism. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-64430-3. Arquivado dende o orixinal o 2020-07-29. Consultado o 2015-11-07.
- Yu Dan (2009). Confucio para el alma o las claves milenarias para ser feliz. Editorial Planeta. Barcelona. ISBN 978-84-08-08845-5.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Confucio |
A Galicitas posúe citas sobre: Confucio |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Confucio |