Peixe bobo
O peixe bobo, peixe momo, mormoso, momo ou peixorro,[2][3][4][5] ás veces chamado tamén tiburón peregrino,[6][7][8] de nome científico Cetorhinus maximus, é unha especie de elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformes), único representante vivo da familia dos cetorrínidos (Cetorhinidae).[9] É o segundo peixe máis grande do mundo,[10] xa que pode alcanzar como máximo os 10 m de lonxitude e as catro toneladas de peso [9] (normalmente alcanzan da orde dos 9 m os machos e 8–9 m as femias, pero segundo algúns autores, poden chegar até os 12 m, cun peso de até 10 t.[11]
Peixe bobo (Cetorhinus maximus) Rango fósil: oligoceno temperán - actualidade [1] | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Vulnerable | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Cetorhinus maximus (Gunnerus, 1765) | |||||||||||||||||||||
Distribución do peixe bobo
|
Aínda que a súa silueta recorda á dun tiburón cazador, con forma hidrodinámica e fociño agudo, aliméntase de organismos planctónicos (zooplancto, peixes pequenos e invertebrados) filtrando a auga, para o que nada, moi lentamente, cunha velocidade de cruceiro aproximada duns 2 nós [4][12](quizais a isto se deban os seus nomes populares galegos), coa gran boca aberta até facela redonda que filtra a auga (a razón dunhas 1 500 t por hora) a través dunhas inmensas branquias.[12]
Divisados moitas veces cerca das costas (en mares do norte de Europa no verán, e no inverno nos mares máis temperados, nas costas de África, Portugal, Galicia [13] e o resto de España), os peixes bobos son un obxectivo frecuente dos ecoturistas, pois pódense ver comunmente na superficie e ademais son moi tolerantes coa presenza dos homes (outro motivo para os nomes galegos da especie).
Ao igual que outras especies de tiburóns, os mormosos, especialmente polos factores anteriormente citados, foron obxecto dunha intensa caza por parte dos pescadores. O seu enorme tamaño converteunos no pasado en animais altamente rendíbeis para os barcos de pesca comercial; tan só un deles pode xerar até unha tonelada de carne, e o seu fígado, rico en vitaminas, pode representar entre o 25 e o 30 % do peso total do animal,[12] e del poden extraerse entre 6 e 15 hl de aceite.[14]
Debido á grande persecución e explotación de que foron obxecto no pasado, os peixes bobos están agora protexidos por lei na maioría dos países, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualifica o seu estado de conservación como VU (vulnerábel).[11] De todos os xeitos, segue sendo obxecto de pesca polos xaponeses, sobre todo polo aceite que se extrae do seu fígado.
Descrición
editarAs principais características do peixe bobo son as seguintes:[4]
- Corpo fusiforme, de gran tamaño e moderadamente forte.
- Fociño cónico, apuntado, e non deprimido; existen diferenzas entre os adultos e os xuvenís (até que alcanzan un tamaño de 4 ou 5 m de lonxitude), posuíndo estes últimos o fociño máis pequeno en relación ao tamaño da cabeza, e moito máis estreito, de xeito que semella unha trompa achatada superiormente e afiada na súa extremidade.
- Boca grande e arqueada, na rexión ventral da cabeza.
- Fendeduras branquiais moi grandes, estendéndose nas superficies ventral e dorsal da cabeza e sendo todas anteriores á base das aletas pectorais. Os arcos branquiais están transformados nunha masa compacta debido a uns longos filamentos córneos, denominados braquiespiñas, que forman o aparello filtrador.[14]
- Dentes moi pequenos, como anzois, dispostos en 200 columnas e separados os anteriores dos laterais no maxilar superior por un amplo diastema ou segmento sen dentes.
- Primeira aleta dorsal grande, alta, erecta e angular. A segunda aleta dorsal e a anal moderadamente grandes (pero menos que a metade da primeira dorsal). Aletas pelvianas máis pequenas que a primeira dorsal e maiores que a segunda. Aletas pectorais pequenas e ríxidas. Aleta caudal grande, en forma de lúa crecente, co lobo superior moderadamente longo, pero menor que 1/3 do resto do tiburón.
- Pedúnculo caudal deprimido, con quillas laterais fortes.
Historia natural
editarPeixes de distribución peláxica, pódense encontrar tanto preto da costa (ás veces en pequenas baías) como afastados. Viven sos ou en reunidos en pequenos cardumes, e realizan longas migracións (de aí o epíteto de peregrino que se lle dá en moitos idiomas), con segregación de poboación en función da estación.[4][12]
Aliméntase por filtración.
Alcanzan a madurez sexual cando chegan aos 7 m de lonxitude (a unha idade de 3-4 anos). Vivíparos, probabelmente con canibalismo intrauterino,[15] a femia ten un período de xestación de 3 anos, e pare dunha a dúas crías que miden máis de 1,70 m ao naceren.[12]
De crecemento lento, sofren períodos de perda do aparello filtrador.[4] No Atlántico norte, perden este aparello en novembro, formándose de novo en febreiro, de xeito que se pode inferir que estes tiburóns non se alimentan durante o inverno, cando existe, con todo, plancto; algúns científicos supoñen que durante este período os momos xacen pasivamente no fonodo do océano, e que utilizan o seu enorme fígado como almacén de enerxía; porén, tamén se postulou que, cando carecen de braquiespiñas se alimentan de animais bentónicos.[12]
Importancia para os seres humanos
editarHistoricamente, o peixe bobo foi un elemento básico da pesca industrial nalgunhas zonas de augas frías en altas latitudes, debido á súa lenta velocidade de natación, a súa natureza inofensiva e a abundante presenza de exemplares no pasado. Comercialmente, o mormoso empregouse para finalidades moi distintas: carne para a alimentación e para a fabricación de fariña de peixe, diferentes usos da pel e do seu gran fígado (que ten un alto contido en aceite). Na actualidade, péscase principalmente polas súas aletas (para cociñar sopa de aleta de tiburón). Outras partes do animal, como as cartilaxes de tiburón, tamén se utilizan na medicina tradicional chinesa e son consideradas, sen fundamento científico ningún, como un afrodisíaco no Xapón.
Como resultado da rápida diminución dos exemplares, o peixe bobo está parcialmente protexido e o comercio dos seus produtos está restrinxido ou prohibido en moitos países. Está totalmente protexido no Reino Unido, en Malta e nos Estados Unidos así como en gran parte das augas do océano Atlántico e en grandes zonas do mar Mediterráneo, así como en Nova Zelandia.
Nos últimos anos están florecendo os safaris fotográficos onde os nadadores se acercan aos mormosos con absoluta tranquilidade, dada a natureza inofensiva e tolerante destes tiburóns cos mergulladores e as embarcacións, o que constitúe unha importante fonte de ingresos turísticos en áreas habitualmente deprimidas e sen grandes recursos económicos.
Os peixes bobos na criptozooloxía
editarDebido a que moitas veces cando se pescaban, o corpo dos mormosos era botado ao mar, despois de sacarlles as aletas e o fígado, en varias ocasións, durante o século XIX, os seus restos foron fonte de moitos informes de avistamentos de fabulosas "serpes mariñas" [12] ou incluso confundidos con plesiosauros. Outros exemplares en descomposición, como o lendario monstro de Stronsay (Escocia), foron identificados máis tarde como peixes bobos.
Notas
editar- ↑ Sepkoski, Jack (2002): "A compendium of fossil marine animal genera (Chondrichthyes entry)", Bulletins of American Paleontology, 364: 560.
- ↑ Ríos Panisse, M. C. (1997): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Comnpostela. ISBN 84-7191-008-X, pp. 169-171.
- ↑ Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 35.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Rodríguez Villanueva et al. (1992), pp. 50-51.
- ↑ Peixerroxo en Mañón (La Voz de Galicia, 23.07.2024, "Un tiburón atemoriza a los bañistas en la playa del Porto de Bares, en Mañón".
- ↑ Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.
- ↑ O nome tiburón peregrino talvez estea influído polos nomes castelán (tiburón peregrion), catalán (tauró pelegrí) e francés (requin pèlerin),
- ↑ Por outra parte, Lahuerta e Vázquez danlle o nome de peixe momo (e tamén tiburón durmiñón) á especie Heterodontus ramalheira (Smaith, 1949), tiburón da familia dos heterodóntidos alleo ás augas galegas, xa que vive na parte occidental do océno Índico, entre os 22° N e os 26° S.
- ↑ 9,0 9,1 Ranier Froese e Daniel Pauly, eds. (2010): Cetorhinus maximus (Gunnerus, 1765) en FishBase. (en inglés) Consultada o 5/12/2012.
- ↑ Despois do tiburón balea, Rhincodon typus, Andrew Smith 1828, único representante da familia dos rincodóntidos (Rhincodontidae).
- ↑ 11,0 11,1 Fowler, S. L. (2005):Fowler, S. L. (2005): Cetorhinus maximus na Lista Vermella da IUCN, versión 2010.3. Consultada o 5/12/2012.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Muus et al. (1998), pp. 48-49.
- ↑ Solórzano et al. (1988), p. 12.
- ↑ 14,0 14,1 Muus e Dalström (1977), p. 38.
- ↑ Martin, R. Aidan. "Biology of the Basking Shark (Cetorhinus maximus) [1]
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Peixe bobo |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Peixe bobo |
Bibliografía
editar- Compagno, Leonard; Marc Dando & Sarah Fowler (2005): Sharks of the World. New Jersey: Princeton University Press. ISBN 0-691-12072-2.
- Moreno, Juan A. (2004): Guía de los tiburones de aguas ibéricas, Atlántico nororiental y Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 978-84-282-1367-7.
- Muus, B. J. e P. Dahlström (1971): Guía de los peces de mar del Atlántico y el Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25031-7.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (I) Lampreas raias e tiburóns. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
- Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Avistamiento de un tiburón pergrino en Vigo, en Bajoelagua. (en castelán) Consultada o 5/12/2012.
- Cetorhinus maximus en MarineBio. (en inglés) Consultada o 5/12/2012.
- Requin pèlerin Arquivado 03 de decembro de 2012 en Wayback Machine. en Dinosora. Con numerosas fotos.(en francés) Consultada o 5/12/2012.
- Baskig sharkArquivado 21 de setembro de 2012 en Wayback Machine. Información sobre Cetorhinus maximus, e fotos, en Sharkinformation. (en francés) Consultada o 5/12/2012.
- Cetorhinus maximus en Discovery Channel. (en inglés) Consultada o 5/12/2012.
Vídeos
editar- Tiburón pergrino en Marbella. (en castelán) Consultado o 5/12/2012.
- Traslado dun tiburón pergrino capturado en Chile. Consultado o 5/12/2012.