Cambridge, Massachusetts
Cambridge é unha cidade situada no condado de Middlesex no estado de Massachusetts, Estados Unidos.[1] No censo de 2010 tiña unha poboación de 105.162 habitantes e unha densidade de poboación de 5.713,94 persoas por km².[2] Segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos, Cambridge ten unha superficie total de 18,4 km², dos que 16,54 km² corresponden a terra firme e 1,87 km² (o 10,15 %) é auga.[3]
Cambridge é coñecida por ser a cidade sede da Universidade de Harvard e do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT).
A cidade
editarA poboación de Cambridge é moi diversa. Os seus residentes, coñecidos como "cantabrigians" (adaptado ao galego sería "cantabriguense"), van desde distinguidos profesores do MIT e de Harvard a familias de clase obreira, pasando por inmigrantes de todo o mundo. A primeira unión civil entre persoas do mesmo sexo nos Estados Unidos realizouse na sede da municipalidade de Cambridge (Cambridge City Hall).
Esta diversidade contribúe a un ambiente liberal e pode ser comparado con Berkeley, California, nalgúns aspectos. Isto, xunto coas históricas protestas estudantís e un rexeitamento ao control legal das rendas de arrendamento, valeulle a sarcástica denominación de "República Popular de Cambridge". Cambridge é hoxe en día unha cidade renovada urbanamente, de clase media-alta e cun crecente mercado de propiedades, cruzando o río desde Boston. Tamén se coñece como a "ribeira esquerda de Boston".
Cambridge foi tamén chamada por algúns a "cidade das prazas" ("City of Squares" en inglés), xa que a maior parte dos seus distritos comerciais son grandes interseccións coñecidas como squares.[4] Na rexión de Nova Inglaterra, o termo square aplícase a unha área comercial, xeralmente formada arredor da intersección de tres ou máis rúas. Cada unha destas prazas fai as veces dun centro veciñal. Entre elas inclúense Kendall Square, Central Square, Harvard Square, Porter Square, Inman Square e Lechemere Square.
Entre os barrios residenciais están Cambridgeport, ao oeste de Central Square, cara ao río Charles; Riverside, ao sur de avenida Massachusetts cara ao río Charles, entre Central e Harvard Square; East Cambridge; Wellington-Harrington; North Cambridge; Agassiz; Avon Hill; Brattle Street; Strawberry Hill; e Mid Cambridge, delimitada por Central, Harvard, Inman Square, e a cidade de Somerville.[5]
Na marxe occidental de Cambridge, o Cemiterio de Mount Auburn é coñecido polos distinguidos personaxes que están alí sepultados, así como polo seu magnífico paisaxismo e polo seu salientable arboredo.
Historia
editarCambridge estableceuse co nome de "Newtowne" en 1630. Newtowne foi unha das numerosas cidades fundadas polos 700 colonos puritanos orixinais da Colonia da baía de Massachusetts, baixo o mandato do gobernador John Winthorp.[6] O sitio orixinal do poboado estivo no que hoxe é o corazón de Harvard Square, entanto que a cidade abranguía unha área moito máis grande que a actual, con varias áreas periféricas que se converteron en cidades independentes a través dos anos: Newton (orixinalmente Newtown) en 1690, Lexington (Cambridge Farms) en 1712, e Arlington (West Cambridge) e Brighton (Little Cambridge), que foron anexadas a Boston en 1807.[7]
En 1636 a colonia fundou o Harvard College para formar ministros, e elixiuse Newtowne como sede. En 1638 cambióuselle o nome á cidade polo de "Cambridge" (en relación a Cambridge, Inglaterra) para reflectir a súa condición como o centro de educación superior na colonia.
Cambridge creceu paseniño como unha poboación eminentemente agrícola, seguindo o camiño cara a Boston, a capital colonial, ao longo de 13 quilómetros. Na época da Guerra de Independencia, a maioría dos residentes vivían preto de Common e Harvard College, con granxas e facendas que abranguían a maior parte da cidade. A maioría dos habitantes eran descendentes dos primeiros colonos puritanos, aínda que había tamén unha pequena elite de Anglicanos "respectables" que non estiveron implicados na vida da cidade, preocupados das súas facendas, dos seus investimentos e do comercio, vivindo ao longo do camiño a Watertown (actual Brattle Street). A maioría desas leiras foron confiscadas despois da Revolución e vendidas aos lealistas.
Entre 1790 e 1840, Cambridge comezou a crecer rapidamente coa construción da ponte West Boston ou Longfellow en 1792, que conectou a cidade directamente con Boston, facendo innecesario viaxar os 13 quilómetros a través de Boston Neck, Roxbury e Brookline para cruzar o río Charles. En 1809 construíuse unha segunda ponte, a Canal Bridge, que cruza a canle Middlesex. As novas pontes e vías fixeron que os terreos agrícolas e as marismas se transformasen nun distrito industrial e residencial. Axiña se construíron estradas como a Concord Turnpike (actual Broadway e avenida Concord) e a Middlesex Turnpike (rúa Hampshire e avenida Massachusetts ao nordés de Porter Square), e as actuais rúas Cambridge, Main e Harvard foron camiños para conectar distintas áreas de Cambridge cara ás pontes. Ademais, nesa mesma época, os ferrocarís entrecruzaron a cidade favorecendo o desenvolvemento de Porter Square e a creación da veciña cidade de Somerville, a partir das zonas rurais de Charlestown.
Cambridge converteuse na segunda cidade do estado de Massachusetts en 1846. O seu centro comercial tamén comezou a trasladarse desde Harvard Square a Central Square, zona que pasou a ser o centro da cidade. Entre 1850 e 1900, Cambridge adquiriu a maior parte da súa actual fisionomía, incluíndo o desenvolvemento do tranvía suburbano ao longo das estradas, barrios industriais e de clase obreira en East Cambridge, construción de confortables casas de clase media en antigas facendas en Cambridgeport e Mid-Cambridge, e zonas de clase alta preto da Universidade de Harvard e nos outeiros menos elevados da cidade. A chegada do ferrocarril a North Cambridge e Northwest Cambridge permitiu os tres maiores cambios na cidade: o desenvolvemento de fábricas de ladrillos e a construcións feitas neste material entre as avenidas Massachusetts, Concord e Alewife Brook; a fábrica de xeo de Frederic Tudor en Fresh Pond; e a conversión en parcelas das derradeiras facendas para a súa conversión en subdivisións residenciais, o que permitiría construír vivendas para os milleiro de inmigrantes que se chegaron a traballar nas novas industrias.
En 1920, Camdridge era unha das principais cidades industriais de Nova Inglaterra, con preto de 120.000 habitantes. Como a industria no leste dos Estados Unidos comezou a declinar coa Gran Depresión e logo coa segunda guerra mundial, Cambridge perdeu boa parte da súa base industrial. Ademais, comezou a transición desde ser un centro industrial a un intelectual. A Universidade Harvard sempre foi importante na cidade (tanto pola cantidade de terreo da que é dona como pola importancia institucional), pero comezou a exercer un papel máis dominante na vida e a cultura da cidade. A mudanza do Instituto Tecnolóxico de Massachusetss desde Boston en 1912 asegurou o status de Cambridge como o centro intelectual dos Estados Unidos.
Despois dos anos 50, a poboación da cidade comezou a baixar lentamente, e as familias comezaron a verse substituídas por persoas solteiras e parellas novas. A finais do século XX, Cambridge tiña un dos mercados inmobibliarios máis expansivos no nordeste dos Estados Unidos
Demografía
editarSegundo o censo de 2010, dos 105.162 habitantes, Cambridge estaba composto por un 66,57 % de brancos, un 11,65 % de negros, un 0,23 % de amerindios, un 15,1 % de asiáticos, un 0,04 % de insulares do Pacífico e un 6,41 doutras razas ou de varias razas a un tempo. Do total da poboación, o 7,58 % eran latinoamericanos de diferentes razas.[8]
Lugares de interese
editarPersonaxes ligados a Cambridge
editarNotas
editar- ↑ Cambridge Arquivado 16 de xuño de 2016 en Wayback Machine.. En Local Data Search. USA.com
- ↑ City of Cambridge Arquivado 18 de outubro de 2019 en Wayback Machine.. Geographic Names Information System (GNIS).
- ↑ American Fact Finder Arquivado 12 de febreiro de 2020 en Archive.is. United States Census Bureau.
- ↑ Cambridge: A City of Squares. En The Harvard Crimson. 1969
- ↑ Plano da cidade de Cambridge Arquivado 10 de outubro de 2022 en Wayback Machine..
- ↑ A Very Brief History of History of Cambrige.
- ↑ Abbott, Rev. Edward. Cambridge. En Drake, Samuel Adams. History of Middlesex County, Massachusetts. Boston. 1880. Páxinas 305 a 316.
- ↑ Demografía da cidade de Cambridge Arquivado 12 de febreiro de 2020 en Archive.is (2009-2013). United States Census Bureau.