Aquis Querquennis
Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, é un complexo arqueolóxico constituído por un campamento romano e unha mansión-viaria, situado na parroquia dos Baños (Bande). O campamento estableceuse no lugar para a construción da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta. Estivo ocupado entre o último cuarto do século I d.C. e os anos 20 do século II d.C. A mansión-viaria era unha hospedaxe de viaxeiros na citada calzada, ocupada nos séculos II - III d. C. No mes de setembro do ano 2018 foi declarado Ben de Interese Cultural[1].
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Os Baños, España | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie | 2,5 ha | |||
Historia | ||||
Período de tempo | Século I | |||
Atravesa o lugar unha ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, coñecida como Ruta da Raíña Santa, nome debido á peregrinación realizada por Sabela de Portugal, no século XIV e seguida nos séculos posteriores por numerosos camiñantes. Tal ruta coincide coa citada calzada romana Vía Nova no seu tramo inicial ata Bande e está a ser reivindicada como "camiño xacobeo" por diversas asociacións da comarca.[2]
No lugar atópase o moderno Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova, que alberga un museo e varias salas explicativas do complexo arqueolóxico.
Historia do campamento
editarAs primeiras prospeccións realizounas Florentino López Cuevillas na década de 1920, logo de visitar o recinto o 5 de xuño de 1921 canda Otero Pedrayo, Vicente Risco e o avogado de Bande Farruco Pena[3]. En 1949 foi anegado polo encoro das Conchas, de Fenosa. Esta empresa autorizou as escavacións a partir de 1975, baixo a dirección de Antonio Rodríguez Colmenero durante case vinte anos, centrándose especialmente no cuadrante noroeste para quedar, posteriormente, baixo a man de Santiago Ferrer Sierra.
O campamento, que ocupaba unha extensión de 2,5 hectáreas estaba rodeado por unha muralla con forma rectangular e esquinas arredondadas. Na mesma sobresaían torres defensivas cuadrangulares entre as portas e nas esquinas. A muralla foi levantada con perpiaños pequenos de granito, unidos a oso (encaixados sen cemento); tiña 3,20 m de anchura e unha altura próxima a 5 m. e estaba rematada por ameas semicilíndricas. O sistema defensivo posuía ademais un foxo exterior ten forma de V, con 5 metros de anchura e 3 metros aproximadamente de fondo. Contaba con catro portas monumentais, as cales están escavadas e consolidadas. As dúas Principalis, Sinistra e Dextra (portas principais no lado norte e sur) e a Decumana (no lado oeste) e a Praetoria (no lado leste). A Principalis Sinistra e a Praetoria contaba con dous ocos, un de entrada e outro de saída. A Decumana e a Principalis Dextra eran semellantes, mais cunha única abertura. O sistema defensivo complétase co intervallum de 11 metros de anchura, un espazo de seguridade sen construcións entre a muralla e a primeira liña de edificacións.
Escaváronse cinco barracóns para a tropa ou strigia, consistentes en aliñacións enfrontadas en torno a un patio central cunha cisterna para recoller a auga da choiva. As estancias ou contubernia eran de terra batida, estaban divididas en dúas partes: o espazo para durmir e as lareiras. En cada unha podían vivir oito soldados. Á entrada dos barracóns atópanse unhas bases circulares, que serían a parte de abaixo de fornos comunitarios. Hai ademais no campamento dous horrea ou graneiros rectangulares, que se elevarían sobre liñas de piares de pedra e estaban delimitados por muros grosos con contrafortes externos. Tamén se atopou un edificio de planta case cadrada, que sería o hospital ou valetudinarium, consistente en varias estancias cadradas arredor dun patio central (compluvium). É posíbel que este patio contase cun perístilo de columnas de madeira asentadas sobre un muro baixo de pedra. Tamén apareceu un canal que conduciría as augas do compluvium cara ao exterior do edificio.
O edificio central, que sería o cuartel xeral ou principia, ten planta rectangular. Nel atópase un vestíbulo flanqueado por deambulatorios cubertos e abertos á fachada. A continuación hai dúas habitacións pequenas a ambos lados, que son os posibles armamentaria, onde gardarían as armas de uso non cotián. Logo se atopa un patio rectangular grande con perístilos en tres dos lados, coñecido como o foro. Despois hai unha basílica á que se accede por unha entrada central grande e dúas laterais máis estreitas. No fondo estaría a área sacro-administrativa, cun templo oficial ou aedes rodeado de cinco estancias, dúas polo norte e tres polo sur, que puideron ser o tabularium ou arquivo.
Tamén se escavaron as latrinas, un edificio rectangular pegado á muralla. Nelas atópase un canal de desaugadoiro, unha cloaca central e un espazo no cal se situarían uns bancos de madeira ou retretes, que non se conservan.
Fóra da muralla, na área máis cara ao sur atopáronse dúas bases circulares pavimentadas con tégula, probablemente fosen bases de fornos cerámicos, Tamén apareceron vestixios dunha vivenda. Neste lugar asentaríase un vicus ou cannaba, que sería un pequeno poboado coetáneo ao campamento[4].
Na actualidade está a escavarse o praetorium ou casa do pretor, o máximo cargo da unidade militar.
Crese que a unidade militar que ocupaba Aquis Querquennis foi a cohorte III, que dependía da Legio VII Gemina (cuxa base estaba en León) debido a que apareceron marcas cerámicas sobre tégula que así o confirman. Sería unha unidade con 600 soldados de infantaría e de cabalaría.
Historia da mansión-viaria
editarA escasos metros do campamento atópase a mansión-viaria. Sería a terceira dende Braga. Nela hai varias estancias, que se empregarían para hospedar aos viaxeiros que percorrían a vía romana e como cuadras para as cabaleirías. Tamén se atopou un forno para cocer o pan e un pozo circular. Consérvase ademais un vestíbulo enlousado para acceder á mesma[5].
Moi preto da pousada atópase unha zona de augas termais, coñecida como O Baño. Nela hai varias piscinas e bañeiras de pedra, que son vestixios dun balneario que funcionou ata a construción do citado encoro das Conchas. No lugar estaría a terma romana, pero aínda non se levaron a cabo escavacións.
Galería de imaxes
editar- Artigos principais: Galería de imaxes de Aquis Querquennis, Galería de imaxes da Galicia romana e Galería de imaxes de Bande.
Notas
editar- ↑ "A Xunta declara bens de interese cultural o castro de Castromao e o campamento romano de Aquis Querquernnis". Cultura Galega. 7 de setembro de 2018. Consultado o 13 de setembro de 2018.
- ↑ L.F. (15/12/2009). "Asociaciones de A Baixa Limia reclaman el camino xacobeo de A Raíña Santa". La Región (en castelán). Consultado o 11-11-2018.
- ↑ "Unha paisaxe arqueolóxica asolagada: Aquae Querquennae (Bande, Ourense)", artigo de José M. Costa en Roman Army, 18 de marzo de 2016.
- ↑ Rodríguez Colmenero, Antonio (2009). Aqvae Qverqvennae.Campamento militar romano y mansión viaria. Guía del yacimiento romano.41-43.
- ↑ Rodríguez Colmenero (2009). Aqvae Qverqvennae. Campamento militar romano y mansión viaria. Guía del yacimiento arqueológico.15-18.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aquis Querquennis |
Bibliografía
editar- Barciela Garrido, Pilar; Rey Seara, Eusebio (2000). Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Vigo: Xerais. pp. 234–239. ISBN 9788483024843..
- Rodriguez Colmenero, Antonio; Ferrer Sierra, Santiago (2006). Excavaciones Arqueológicas en Aquis Querquennis. Actuaciones en el campamento romano (1975-2005). Anejos de Larouco 4 (en castelán). Lugo: Grupo Arqueolóxico Larouco / Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova. p. 633. ISBN 9788461139736.
Ligazóns externas
editar- Páxina web (en castelán)