[go: up one dir, main page]

Etiopía

país africano
(Redirección desde «Abisinia»)

Etiopía[1] (en amhárico: ኢትዮጵያ, ʾĪtyōṗṗyā, oficialmente República Democrática Federal de Etiopía) é un país situado na parte centroriental de África, no chamado Corno de África. Limita ao norte con Eritrea, ao leste con Djibuti e Somalia, ao sur con Kenya e ao oeste co Sudán e co Sudán do Sur. En 2017 tiña unha poboación estimada de máis de 94 millóns de habitantes[2], que o converten no segundo país máis poboado de África despois de Nixeria. É o décimo país africano en extensión con 1 104 300 quilómetros cadrados[3]. A súa capital é Adís Abeba, situada uns poucos quilómetros ao oeste do Rift de África Oriental que divide o país entre as placas nubia e somalí.

Modelo:Xeografía políticaEtiopía
የኢትዮጵያ ፌዴራላዊ ዲሞክራሲያዊ ሪፐብሊክ (am)
Federaalawaa Dimokraatawaa Repabliikii Itoophiyaa (om)
ናይኢትዮጵያ ፌዴራላዊ ዴሞክራሲያዊ ሪፐብሊክ (ti) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoWodefit Gesgeshi Widd Innat Ityopp'ya Editar o valor en Wikidata

Lema«Gwlad y tarddu» Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 9°N 40°L / 9, 40
CapitalAdís Abeba Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación104.957.438 (2017) Editar o valor en Wikidata (95,04 hab./km²)
Lingua oficialLingua amhárica Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie1.104.300 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoRas Dashan (4.533 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoDepresión de Danakil (−125 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Creación 21 de agosto de 1995:  (Constituição da Etiópia (pt) Traducir) Editar o valor en Wikidata
Santo padrónXurxo de Capadocia Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernorepública federal Editar o valor en Wikidata
• Presidente Editar o valor en WikidataTaye Atskeselassie (pt) Traducir (2024–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernment of Ethiopia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro ministro Editar o valor en WikidataAbiy Ahmed (2018–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAssembleia Parlamentar Federal (pt) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal111.261.882.913 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaBirr etíope Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.et Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+251 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia911, 907 (en) Traducir, 939 (en) Traducir e 991 Editar o valor en Wikidata
Código de paísET Editar o valor en Wikidata

BNE: XX451088

Etiopía, e tamén Eritrea, usan o alfabeto ge'ez, un dos alfabetos máis antigos do mundo en uso[4]. O calendario etíope, que vai aproximadamente sete anos e tres meses por detrás do calendario gregoriano, coexiste desde hai tempo co calendario borana. A relixión maioritaria é o cristianismo, principalmente a igrexa etíope tewahedo. O histórico reino de Aksum foi un dos primeiros estados en adoptar oficialmente a relixión cristiá. Arredor dun terzo da poboación e musulmá, principalmente da rama sunnita. As relacións do país co islamismo remóntanse aos inicios deste, cando o reino de Aksum acolleu a algúns dos primeiros seguidores de Mahoma que fuxían das persecucións que estaban sufrindo na Meca. De feito a vila de Negash, que naquela época facía parte do reino de Aksum, é considerada como o primeiro asentamento musulmán en África[5]. Ata a década de 1980 houbo unha considerable poboación de xudeus etíopes, coñecidos como Beta Israel[6][7]. Etiopía é unha nación multilingüe con arredor de 80 grupos etnolingüísticos, dos que os máis numerosos son os oromo, os amháricos, os somalís e os tigriña. A maioría da xente fala linguas afroasiáticas das ramas cuxita ou semítica. Adicionalmente, minorías étnicas que habitan as rexións do sur, falan linguas omóticas. Linguas nilo-saharianas son faladas por minorías étnicas do pobo nilótico. A lingua oromo é a máis numerosa en falantes nativos, mentres que a amhárica é a máis populosa en número total de falantes e serve como lingua de traballo no goberno federal e como lingua franca do país. O ge'ez conserva a súa importancia como lingua litúrxica, tanto para a igrexa etíope tewahedo como para os xudeus de Bete Israel.

A nación é unha terra de contrastes naturais co seu vasto e fértil oeste, os seus bosques e numerosos ríos, e o sitio rexistrado máis quente do mundo en Dallol, no norte do país[8]. O Macizo etíope é o conxunto continuo de montañas máis extenso de África e as Covas de Sof Omar conteñen a cova máis longa do continente. Etiopía é tamén o país africano, xunto con Marrocos e Suráfrica, co maior número de sitios Patrimonio da Humanidade (9)[9]. Ademais, Etiopía é membro fundador da Organización das Nacións Unidas, da Organización para a Unidade Africana, do Movemento de Países non Aliñados , do Grupo dos 24 e do Grupo dos 77. Ademais a capital, Adís Abeba, é a sede da Unión Africana, da Comisión Económica para África das Nacións Unidas, da Forza Africana de Intervención Rápida, da Cámara Panafricana de Comercio e Industria, e de moitas ONGs que traballan en África. Desde 1961, cando comezou a guerra de independencia de Eritrea, ata o ano 2008, Etiopía sufriu varios conflitos armados con países limítrofes, tivo que sufocar insurreccións nalgunhas rexións e mesmo aturar unha guerra civil. Esta situación de estado de guerra continuo obstaculizou o progreso da súa economía, porén, durante os últimos anos o país foise recuperando e hoxe é a maior economía[10] e o país máis populoso de África Oriental.

Historia

editar

Prehistoria

editar

Algúns achados importantes puxeron a Etiopía e rexións veciñas na vangarda da paleontoloxía. O homínido máis antigo do que se ten constancia, o Ardipithecus ramidus (coñecido popularmente por Ardi), foi descuberto en 1994 en Etiopía onde viviu hai 4,2 millóns de anos[11]. O homínido máis coñecido é un exemplar de Australopithecus afarensis, coñecido por Lucy. Foi descuberto na rexión etíope de Afar en 1974 e é un dos máis completos e mellor conservados fósiles dun Australopitecus adulto xamais atopado. Estímase que viviu hai 3,2 millóns de anos[12][13][14].

 
Cranio de Homo sapiens idaltu.

En Etiopía acháronse tamén algúns dos máis antigos fósiles de Homo sapiens. O máis vello descubriuse no suroeste do país, na formación rochosa de Omo Kibish e calcúlase a súa idade en 200.000 anos[15]. Ademais, encontráronse esqueletos de Homo sapiens idaltu, unha subespecie extinta de Homo sapiens, no val do río Awash, no sitio arqueolóxico do Awash medio, na rexión de Afar. Están datados en aproximadamente 160.000 anos[16]. Recentes escavacións no sitio arqueolóxico de Djebel Irhoud, en Marrocos amosaron fósiles de Homo sapiens máis antigos, de arredor 300.000 anos[17].

Segundo os lingüistas, os primeiros falantes afroasiáticos chegaron á rexión no neolítico procedentes da área onde se iniciaron estas linguas, probablemente no val do Nilo ou en Oriente Próximo[18][19]. Outros expertos sosteñen que a familia de linguas afroasiáticas se desenvolveu no Corno de África, e se espallou de aí para outros lugares[20].

Antigüidade

editar
 
Obelisco de Aksum.

Etiopía é un dos países máis antigos de África. As súas orixes remóntanse ao segundo milenio antes de Cristo. O sistema de goberno foi a monarquía durante a maior parte da súa historia. A tradición oral conta que a monarquía etíope foi fundada pola dinastía salomónica da Raíña de Saba, baixo o seu primeiro rei, Menelik I.[21]

Arredor do século VIII a.C., un reino coñecido como Damot estableceuse na rexión de Tigray, no norte de Etiopía, e en Eritrea. A capital estaba localizada en Yeha, no norte de Etiopía. Logo da caída de Damot durante o século IV a.C., a rexión foi dominada por pequenos reinos ata que no século I emerxeu o reino de Aksum no que hoxe é a rexión de Tigray e en Eritrea, e que máis tarde estendería o seu poder ao Iemen, na outra beira do Mar Vermello[22]. Fontes gregas refiren que o reino de Aksum era extremadamente rico no século I e a cidade de Adulis é frecuentemente mencionada como un dos máis importante portos de África. Rexistros oficiais, con todo, colocan a cidade de Aksum como a capital. Este reino tiña, no século II dereito a tributo de estados da Península Arábica e conquistara incluso o reino meroítico de Kush, no actual Sudán. Hai indicacións do carácter cosmopolita deste reino, con poboacións xudaicas, nubias, cristiás e mesmo minorías budistas. Unha moeda datada no ano 324 mostra que este reino foi o segundo país en adoptar o cristianismo como relixión oficial despois de o facer Armenia no ano 301.

O reino de Aksum foi declinando gradualmente, feito que foi aproveitado por un dos primeiros estados musulmáns para establecerse na rexión de Shewa[23]. A dinastía Zagüe estableceuse no século X en parte dos territorios que eran do reino de Aksum. Finalmente, en 1270 estableceuse o imperio etíope cuxa existencia se prolongou ata 1974.

Tempos modernos

editar
 
Haile Selassie, derradeiro emperador de Etiopía.

Deste xeito, Etiopía (ou Abisinia, como era referida polos europeos) nunca foi colonizada polos expansionistas[24] e, no século XIX, foi convidada á Conferencia de Berlín, onde as potencias coloniais decidiron a división de África, e conseguiu manter a súa independencia grazas á vitoria en Adua do emperador Menelik II sobre o exército de invasión italiano[25]. Despois da primeira guerra mundial, Abisinia, gobernada polo emperador Haile Selassie I, integrouse na Liga das Nacións, e apenas perdeu a súa independencia entre 1936 e 1941, cando o exército de Mussolini a invadiu[26]Italia posuía xa dúas pequenas colonias no corno de África, Eritrea e a Somalia italiana, e tiña vontade de se tornar un imperio, aliándose coa Alemaña nazi— mais o negus recuperouna, despois da segunda guerra mundial, con auxilio da Gran Bretaña (onde se refuxiara) e comezou a modernizar o país.

 
Meles Zenawi, primeiro presidente despois da caída do Derg.

En 1963, Etiopía participou na fundación da Organización da Unidade Africana, que colocou a súa sede en Adís Abeba[27]. No 1974, o emperador foi deposto nun golpe militar, liderado por Mengistu Haile Mariam[28], mais o goberno despótico que se seguiu, de carácter marxista e dirixido por un comando militar, o Derg, non conseguiu, nin desenvolver, nin estabilizar politicamente o país e, en 1991, este goberno foi deposto por un movemento de guerrilla, comandado por Meles Zenawi, quen foi elixido Presidente interino[29] . En 1993 conseguiu . En 1993 conseguiu negociar a independencia de Eritrea, pondo momentaneamente fin a cerca de 30 anos de guerra.negociar a independencia de Eritrea, pondo momentaneamente fin a cerca de 30 anos de guerra.

Unha Asemblea Constitutiva foi elixida en 1994 e, no ano seguinte, proclamouse a República Federal Democrática de Etiopía e foron convocadas as primeiras eleccións multipartidistas que foron gañadas pola Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope (EPRDF, nas súas siglas en inglés)[30]. Negasso Gidada foi elixido Presidente e o líder da EPRDF, Meles Zenawi, foi proclamado Primeiro Ministro, cargo que ocuparía ata a súa morte en 2012.

En 1998, problemas fronterizos con Eritrea, levaron a ambos países a unha nova guerra que terminou no ano 2000 coa mediación da ONU e da OUA[31]. Nese mesmo ano houbo novas eleccións, gañando novamente a EPRDF e continuando Meles Zenawi como Primeiro Ministro. Meles Zenawi revalidaría o cargo de Primeiro Ministro nas eleccións de 2005 e 2010. Tras o falecemento de Zenawi en 2012, ocupou o seu posto Hailemariam Desalegn[32] ata as seguintes eleccións de 2015, nas que revalidou o cargo. Logo de tres anos de protestas e disturbios, Hailemariam Desalegn renunciou ao seu cargo o 15 de febreiro de 2018[32]. O 2 de abril de 2018 foi nomeado Primeiro Ministro Abiy Ahmed[33], declarando que unha das súas prioridades era rematar co conflito fronteirizo con Eritrea, así o 9 de xullo de 2018 ambos países asinaron en Asmara a "Declaración conxunta de paz e amizade entre Eritrea e Etiopía".[34][24]

Xeografía

editar
 
Mapa de Etiopía.

Etiopía está localizada no nordeste de África, entre as latitudes 3º e 15º norte, e as lonxitudes 33º e 48º leste, cunha superficie total de 1 104 300 km2 [3]. É un país sen saída ao mar con 5 311 km de fronteiras terrestres repartidas do seguinte xeito: 912 km con Eritrea, ó norte; 830 km con Kenya, ó sur; 1626 km con Somalia e 337 km con Djibuti, ó leste; e finalmente ó oeste, 723 km con Sudán e 883 km con Sudán do Sur.

Pódense considerar as seguintes rexións orográficas[35]:

  • O macizo etíope ao norte, cunha altitude media de 1 680 m ocupa máis da metade da superficie total do país. Está dividido en dúas partes, estando na parte occidental o pico máis alto do país, o Ras Dashen que se ergue a 4 550 metros de altitude. Os bordos orientais do macizo, de pronunciadas escarpas, caen uns 1 200 m cara a depresión de Danakil; mentres que os bordos occidentais descenden suavemente cara ás áreas desérticas do Sudán. Estas terras altas están atravesadas por numerosos ríos e profundos vales. Un destes ríos é o Nilo Azul (Abay para os etíopes[36]) que, logo despois de nacer, pasa polo lago Tana, o maior do país.
  • No nordeste está o triángulo de Afar, tamén chamado depresión de Afar ou de Danakil. É unha zona desértica e volcánica onde as placas africana e arábica estanse separando. Na súa parte máis baixa chega aos 116 m baixo o nivel do mar.
  • A depresión do Gran Val do Rift corta o país na dirección nordeste-suroeste. Na súa parte central áchanse os lagos Shamo, Abaya e Zwai e o río Awash.
  • A rexión do Ogadén no leste. Está formada por altiplanos semidesérticos.
  • Nos extremos sueste e suroeste, as terras perden altitude ata conectar co lago Turkana, na veciña Kenya.

Organización territorial

editar

Antes de 1996 Etiopía estaba divida en 13 provincias (14 antes da independencia de Eritrea en 1993). Este sistema de provincias foi substituído en 1992 baixo o Goberno de Transición e foi formalizado en 1995, cando entrou en vigor a vixente Constitución.

A Constitución establece que Etiopía é unha república federal, subdividida en 9 estados rexionais[37] cun compoñente etno-lingüístico común denominadas kililoch (singular: kilil) e dúas cidades cun status especial denominadas astedader akababiwach (singular: astedader akabibi). Os estados rexionais teñen o dereito constitucional de reclamar a súa independencia cumprindo os requisitos e seguindo o procedemento establecidos no mencionado artigo 47[37].

Rexión ou cidade (ክልል/የከተማ አስተዳድር) Capital Superficie (km2) Poboación
Censo de maio de 2007[38] Estimación para 2017 [2]
Adís Abeba (አዲስ አበባ) astedader Adís Abeba 526,99 2.739.551 3.433.999
 
Rexións e Zonas de Etiopía.

Afar (ዓፋር) kilil Semera 72.052,78 1.390.273 1.812.002
Amhara (አማራ) kilil Bahir Dar 154.708,96 17.221.976 21.134.988
Benishangul-Gumuz (ቤ/ጉሙዝ) kilil Asosa 50.698,68 784.345 1.066.001
Dire Dawa (ድሬዳዋ) astedader Dire Dawa 1.558,61 341.834 466.000
Gambela (ጋምቤላ) kilil Gambela 29.782,82 307.098 435.999
Harari (ሐረሪ) kilil Harar 333,94 183.415 246.000
 
Rexións de Etiopía.

Oromia (ኦሮምያ) kilil Adís Abeba 284.538,00 26.950.510 35.467.001
Somali (ሶማሌ) kilil Jijiga 279.252,00 4.488.642 5.748.998
Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur (ደቡብ ብ/ብ/ሕ) kilil Awasa 105.887,18 14.929.548 19.170.007
Tigray (ትግራይ) kilil Mekele 41.410,00 4.316.988 5.247.005
Zonas enumeradas especiais 96.570 123.001
Totais 1.127.127 76.654.180 94.351.001

O segundo nivel de división administrativa é a zona (en amhárico: ዞን, zonə). O número exacto de zonas non está claro pois os nomes e o número delas varían en documentos da Axencia Central de Estatística de Etiopía. Hai 68 ou máis zonas.

Os woredas (distritos) son o terceiro nivel de división administrativa. Finalmente, cada woreda está subdividida en kebeles ou asociacións de veciños, que é a unidade máis pequena de goberno local en Etiopía.

Economía

editar
Artigo principal: Economía de Etiopía.
 
Sede do Banco Comercial de Etiopía en Adís Abeba.

Etiopía é a economía número 70 mundial por volume de PIB. A súa débeda pública en 2016 foi de 35.910 millóns de euros, o 56,06% do PIB[39]. Antes de 2016, o Produto Interior Bruto estivo crecendo durante máis dunha década entre o 8% e o 11%, un dos máis altos crecementos mundiais. Este crecemento foi debido a un progreso sostido da agricultura e do sector servizos, pero principalmente aos investimentos do goberno en infraestruturas. Proxectos de infraestruturas en curso inclúen a produción e distribución de enerxía, estradas, ferrovías, aeroportos e parques industriais[40]. O peso do estado na economía é moi forte, non só polo investimento en infraestruturas senón tamén porque é propietario de gran parte de sectores económicos clave coma as telecomunicacións, a banca, os seguros e a distribución de enerxía[40]. Ademais, segundo a constitución etíope, o estado é propietario de toda a terra e ofrece arrendamentos a longo prazo, ata 99 anos. Os arrendamentos varían segundo a localización, o tipo de investimento, o tipo de terra e os incentivos dispoñibles[36]. Debido que estes arrendamentos non están moi regulados, as concesións dos dereitos de uso están afectadas pola corrupción, especialmente en Adís Abeba[40]. Para tratar de liberalizar a economía, o goberno etíope, en colaboración co Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, está a desenvolver un plan de reformas económicas que, entre outras medidas, inclúe un programa de privatización, iniciado en 1995, que permitiu a desnacionalización dun gran número de empresas estatais[36].

Máis do 70% da poboación aínda está empregada no sector agrícola, pero o sector servizos xa superou a agricultura como a principal fonte do PIB[40]. No bienio 2009/2010 a economía creceu un 10,4% fronte a unha media estimada do 6% para toda a África subsahariana; a agricultura e actividades asociadas contribuíron a este incremento nun 30%, mentres que o sector servizos e a industria fixérono nun 56% e 13% respectivamente[36].

Etiopía ten un dos máis baixos niveis de desigualdade salarial de África e tamén un dos máis baixos do mundo, cun coeficiente de Gini comparable ao dos países escandinavos. Porén, a pesar dos esforzos por eliminar a pobreza, segue sendo un dos países máis pobres do mundo debido ao rápido crecemento da poboación e ao baixo nivel de partida. Aínda por riba, unha forte seca en 2015-16, criou unha forte inseguridade alimenticia para millóns de etíopes[40]. O Índice de Desenvolvemento Humano en 2018 foi un baixo 0,463, que sitúa a Etiopía no posto 173 mundial;[41] xa que logo, os etíopes están entre os países con peor calidade de vida do mundo[39].

Os ingresos que proveñen das exportacións están liderados polo sector servizos grazas ás exportacións de diferentes mercadorías, pero fundamentalmente pola compañía aérea estatal Ethiopian Airlines. Porén o café, orixinario de Etiopía, permanece como a maior fonte de ganancias. Nos últimos tempos, Etiopía diversificou as súas exportacións. Mercadorías coma o ouro, sésamo, qat, gando e produtos de horticultura están a gañar unha importancia crecente nas exportacións. As manufacturas representaron menos do 8% do total das exportacións en 2016, pero o seu peso nas exportacións debería incrementarse nos vindeiros anos debido á súa crecente presenza nos mercados internacionais[40][36].

 
Proxecto do encoro do Renacemento.

A pesar de que importantes negocios e industrias como a banca, os seguros, as telecomunicacións e os microcréditos, están restrinxidas a investidores nacionais, Etiopía atraeu 8.500 millóns de dólares en investimentos estranxeiros directos (IED), procedentes principalmente da China, Turquía, a India e os Estados Unidos e destinados primariamente a infraestruturas, construción, agricultura e horticultura, procesado de produtos agrícolas, téxtiles, coiro e produtos de coiro. En 2017 o goberno depreciou a moeda nacional, o birr, nun 15% para favorecer as exportacións e aliviar a escaseza crónica de divisas estranxeiras[40].

Para apoiar a industrialización en sectores nos que Etiopía ten unha vantaxe comparativa, como o téxtil e a roupa, produtos de coiro e procesado de produtos agrícolas, o país pretende incrementar a súa capacidade de xeración de enerxía instalada ampliando a outras fontes de enerxía renovable e mediante a construción de grandes encoros para a produción de enerxía hidroeléctrica[40], destacando a que vai ser a maior obra de enxeñería xamais feita en Etiopía, o proxecto da Presa do Renacemento no Nilo Azul que xerará 6.000 Mw, parte dos cales está previsto exportar para Sudán e Exipto, ao mesmo tempo que regulará as inundacións do río e ofrecerá posibilidades substanciais de regadío. O encoro vai crear un lago cun volume dobre ao do lago Tana, o maior do país. Estanse facendo tamén estudos de viabilidade doutros tres encoros na bacía do Nilo Azul: Mendaia (200 MW), Beko Abo (2.100 MW), e Karo Dodi (1.600 MW), e proxectos similares nos ríos Takezze e Dedessa para producir 450 Mw e 301 Mw respectivamente[36].

Outro fito importante para o crecemento económico produciuse o 5 de outubro de 2016 coa inauguración do ferrocarril Adís Abeba-Djibuti. É un ferrocarril de ancho de vía internacional que une Adís Abeba, capital de Etiopía, co porto de Djibuti, capital do país homónimo, no golfo de Adén, proporcionando acceso ferroviario ao mar a Etiopía. Máis do 95% do comercio de Etiopía pasa polo porto de Djibuti, representando o 70% da actividade deste porto. O ferrocarril de ancho estándar substitúe o antigo ferrocarril de Adís Abeba a Djibuti, de vía métrica, construído polos franceses entre 1894 e 1917, e que foi abandonado en 2006[42].

Demografía

editar
Artigo principal: Demografía de Etiopía.
 
Pirámide de poboación de Etiopía en 2017.

Os últimos censos oficiais foron os de 1984, que incluía a Eritrea, 1994 e 2007. En abril de 2019 fíxose o traballo de campo do novo censo do que aínda non se publicaron os resultados. Na seguinte táboa aparece a poboación nos dous últimos censos[43][38] e a proxección para 2017[2]:

Ano 1994 2007 2017
Poboación  53 387 800 73 654 180 94 531 001

En 2018 a esperanza de vida, segundo a Organización Mundial da Saúde, era de 65,5 anos, que sitúan ao país no posto 141 mundial[44]. A taxa de natalidade en 2016 foi do 31,78‰ e o índice de fecundidade de 4,2 fillos por muller, cifras que indican un descenso progresivo de ambos parámetros nos últimos anos[45]. Segundo datos da UNESCO de 2007, a taxa de alfabetización dos homes etíopes era do 49,13% mentres que só estaban alfabetizadas o 28,92% das mulleres, existindo, xa que logo, unha gran diferenza entre ambos sexos que fai que as mulleres teñan máis dificultades para acceder ao mercado laboral[46]. Segundo a Organización Mundial da Saúde, en 2017 faleceron 20.425 persoas en Etiopía por mor da SIDA, un 3,21% das mortes dese ano, que colocan o país no posto 47 mundial neste aspecto[47]. A 1 de xaneiro de 2018, estimábase que o número total de etíopes infectados polo virus HIV era de 710.000, o décimo segundo país do mundo con máis infectados[48].

 
Rapaza wolayta.

Grupos étnicos etíopes

editar

Etiopía posúe unha gran variedade de grupos étnicos, máis de oitenta, distribuídos en cinco ramas principais[49]:

  • Etnias de falas cuxitas, cuxo principal grupo, e tamén de todo o país, é o oromo que viven principalmente no centro e no sur do país e son eminentemente agrícolas e gandeiros.
  • Etnias de falas semíticas, cuxo grupo máis numeroso é o amhárico, localizado na meseta central do macizo etíope.
  • Etnias de falas omóticas, localizadas no suroeste do país. A etnia omótica máis numerosa é a wolayta.
  • Etnias de falas nilo-saharianas que se estenden ao longo da fronteira occidental desde Eritrea ata o lago Turkana. A etnia nilo-sahariana máis numerosa é a berta cuns 180.000 membros.
  • Pequenas etnias de difícil clasificación espalladas por todo o país.

Cidades máis poboadas

editar
Cidades con máis de 100.000 habitantes
Posto Cidade Rexión Poboación
1 Adís Abeba Adís Abeba 3.434.000
2 Gondar Amhara 360.600
3 Mekele Tigray 358.528
4 Hawassa Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur 355.508
5 Adama Oromia 355.475
6 Bahir Dar Amhara 313.997
7 Dire Wara Dire Wara 293.600
8 Dessie Amhara 209.226
9 Jima Oromia 195.228
10 Jijiga Somali 169.390
11 Shashemene Oromia 162.127
     
(proxección para 2017)[2]
Posto Cidade Rexión Poboación
12 Sodo Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur 161.450
13 Bishoftu Oromia 161.354
14 Arba Minch Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur 159.019
15 Hosaena Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur 148.847
16 Harar Harari 137.000
17 Dila Nacións, Nacionalidades e Pobos do Sur 125.599
18 Nekemte Oromia 121.385
19 Debre Berhan Amhara 113.693
20 Debre Markos Amhara 108.882
21 Asella Oromia 108.571
22 Kombolcha Amhara 102.224
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para etíope.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Central Statistical Agency of Ethiopia (ed.). "Population projection of Ethiopia for all Regions at wereda level from 2014 - 2017" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2019. Consultado o 3 de maio de 2019. 
  3. 3,0 3,1 World Population Rewiew (ed.). "Largest countries in the world by area 2019" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2019. Consultado o 7 de maio de 2019. 
  4. Page, Willie F. (2001). "African kingdoms (500 to 1500)". En Facts on File. Encyclopedia of African history and culture (en inglés) 2. p. 230. ISBN 978-0-8160-4472-6. 
  5. Henze, Paul B. (2000). Layers of Time: A History of Ethiopia (en inglés). Nova York: Palgrave. p. 43. 
  6. Weil, Shalva (2008). "Jews in Ethiopia". En Erlich, M.A. Encyclopaedia of the Jewish Diaspora (en inglés) 2. Santa Barbara, USA. pp. 467–475. 
  7. Weil, Shalva (2011). Baskin, Judith, ed. Ethiopian Jews. Cambridge Dictionary of Judaism and Jewish Culture (en inglés) (Nova York: Cambridge University Press). pp. 165–166. 
  8. Mandell, Muriel; Garbot, Dave (2006). Weather Experiments (en inglés). Sterling Publishing Company, Inc. p. 9. ISBN 1-4027-2157-9. 
  9. "Ethiopia: Most World Heritage Sites in Africa". Deep from an Ethiopian – An Ethiopian blog (en inglés). Consultado o 8 de maio de 2019. 
  10. "List of African countries by GDP". Statistics Times (en inglés). Consultado o 8 de maio de 2019. 
  11. Ansari, Azadeh (7 de outubro de 2009). "Oldest human skeleton offers new clues to evolution". CNN.com/technology (en inglés). Consultado o 10 de maio de 2019. 
  12. Bbc.co.uk (ed.). "Mother of man – 3.2 million years ago" (en inglés). Consultado o 10 de maio de 2019. 
  13. Johanson, Donald C.; Wong, Kate (2010). Lucy's Legacy: The Quest for Human Origins (en inglés). Crown Publishing Group. pp. 8–9. ISBN 978-0-307-39640-2. 
  14. Arizona State University, ed. (15 de xuño de 2016). "Institute of Human Origins: Lucy's Story" (en inglés). Consultado o 10 de maio de 2019. 
  15. Mcdougall, Ian; Brown, Francis H.; Fleagle, John G. (Febreiro 2005). "Stratigraphic placement and age of modern humans from Kibish, Ethiopia". Nature (en inglés) 433 (7027): 733–736. Bibcode:2005Natur.433..733M. PMID 15716951. doi:10.1038/nature03258. 
  16. Clark, J. Desmond; Yonas, Beyene; WoldeGabriel, Giday; Hart, William K.; Renne, Paul R.; Gilbert, Henry; Defleur, Alban; Suwa, Gen; Katoh, Shigehiro; Ludwig, Kenneth R.; Boisserie, Jean-Renaud; Asfaw, Berhane; White, Tim D. (2003). "Stratigraphic, chronological and behavioural contexts of Pleistocene Homo sapiens from Middle Awash, Ethiopia". Nature (en inglés) 423 (6941): 742–747. Bibcode:2003Natur.423..742W. PMID 12802332. doi:10.1038/nature01669. 
  17. Callaway, Ewen (7 de xuño de 2017). "Oldest Homo sapiens fossil claim rewrites our species' history". Nature (en inglés). doi:10.1038/nature.2017.22114. Consultado o 10 de maio de 2019. 
  18. Zarins, Juris (1990). "Early Pastoral Nomadism and the Settlement of Lower Mesopotamia". Bulletin of the American Schools of Oriental Research (en inglés) 280 (280): 31–65. JSTOR 1357309. doi:10.2307/1357309. 
  19. Diamond, J.; Bellwood, P. (2003). "Farmers and Their Languages: The First Expansions" (PDF). Science (en inglés) 300 (5619): 597–603. Bibcode:2003Sci...300..597D. JSTOR 3834351. PMID 12714734. doi:10.1126/science.1078208. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de xullo de 2022. Consultado o 11 de maio de 2019. 
  20. Blench, R. (2006). Archaeology, Language, and the African Past (en inglés). Rowman Altamira. pp. 143–144. ISBN 978-0-7591-0466-2. 
  21. National Geographic, ed. (3 de decembro de 2018). "In search of the real Queen of Sheba" (en inglés). 
  22. Phillipson, David W. (1998). Ancient Ethiopia. Aksum: Its Antecedents and Successors (en inglés). The British Museum Press. pp. 7, 48–50. ISBN 978-0-7141-2763-7. 
  23. Greville Stewart Parker Freeman-Grenville; Stuart Christopher Munro-Hay (2006). Islam: An Illustrated History (en inglés). Bloomsbury Publishing. pp. 177–178. ISBN 978-1-4411-6533-6. 
  24. 24,0 24,1 Gérard Prunier (Novembro 2018). "El fin de las hostilidades entre Etiopía y Eritrea". Le Monde Diplomatique en Español. 
  25. Negash, Tekeste (2005). Eritrea and Ethiopia : The Federal Experience (en inglés). New Brunswick (New Jersey): Transaction Publishers. pp. 13–14. ISBN 1-56000-992-6. 
  26. Manzoni, Marco; Occhipinti, Francesca; Cereda, Fabio; Innocenti, Rita (2003). "La politica coloniale : La proclamazione dell'impero". Leggere la storia. Profilo - Documenti -Storiografia, Bd. 3: Dai Nazionalismi alla Seconda Guerra Mondiale (en italiano). Einaudi Scuola. pp. 302–303. 
  27. "Haile Selassie's Acceptance Speech as First President of the Organization for African Unity: Towards African Unity". blackpast.org (en inglés). 1963. 
  28. Valdés Vivo, Raúl (1977). Ethiopia's Revolution (en inglés). Nova York: International Publishers. p. 25. ISBN 978-0-7178-0556-3. 
  29. Crowell Anderson-Jaquest, Tommie (2002). "Restructuring the Soviet–Ethiopian Relationship: A Csse Study in Asymmetric Exchange" (PDF). London School of Economics and Political Science. p. 89. 
  30. Lyons, Terrence (1996). "Closing the Transition: the May 1995 Elections in Ethiopia". The Journal of Modern African Studies (en inglés) 34 (1): 121–142. doi:10.1017/S0022278X00055233. 
  31. Institute for Policy Studies (ed.). "The War Between Ethiopia and Eritrea" (en inglés). Consultado o 13 de maio de 2019. [Ligazón morta]
  32. 32,0 32,1 Agencia EFE, ed. (15/02/2018). "Dimite el primer ministro de Etiopía Hailemariam Desalegn" (en castelán). Consultado o 13 de maio de 2019. 
  33. EcoDiario.es, ed. (02/04/2018). "Abiy Ahmed, un joven oromo como nuevo primer ministro para apaciguar Etiopía" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 13 de maio de 2019. 
  34. Eritrea Ministry of Information (ed.). "Joint Declaration of Peace and Friendship between Eritrea and Ethiopia". Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2020. Consultado o 01 de maio de 2019. 
  35. abayetiopía.org (ed.). "Clima y geografía de Etiopía" (en castelán). Consultado o 14 de maio de 2019. 
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 Goberno de Etiopía (ed.). "About Ethiopia/Economy" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2019. Consultado o 16 de maio de 2019. 
  37. 37,0 37,1 Goberno de Etiopía (ed.). "Constitution of Ethiopia: State Structure" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2018. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  38. 38,0 38,1 qotera.org (ed.). "Ethiopian Census 2007" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  39. 39,0 39,1 Expansión (ed.). "Etiopía: Economía y demografía" (en castelán). Consultado o 16 de maio de 2019. 
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 40,5 40,6 40,7 theodora.com (ed.). "Ethiopia Economy 2019" (en inglés). Consultado o 16 de maio de 2019. 
  41. Nacións Unidas, ed. (2018). "2018 Human Development Report". Pograma de Desenvolvemento das Nacións Unidas (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2018. Consultado o 8 de maio de 2019. 
  42. Xinhuanet.com, ed. (05/10/2016). "Etiopía y Yibuti inauguran primer ferrocarril electrificado moderno de Africa" (en castelán). Consultado o 17 de maio de 2019. 
  43. qotera.org (ed.). "Ethiopian Census 1994" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 15 de maio de 2019. 
  44. worldlifeexpectancy.com (ed.). "Ethiopia: Life expectancy" (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  45. Expansión (ed.). "La natalidad se reduce en Etiopía en 2016". Datos Macro (en castelán). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  46. Expansión (ed.). "Sube la tasa de alfabetización entre los etíopes". Datos Macro (en castelán). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  47. worldlifeexpectancy.com (ed.). "Ethiopia: HIV/AIDS" (en inglés). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  48. indexmundi.com (ed.). "Habitantes infectados con VIH/SIDA - Mundo" (en castelán). Consultado o 15 de maio de 2019. 
  49. Goberno de Etiopía (ed.). "The People and the Culture" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2019. Consultado o 16 de maio de 2019. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar