Uvas e granito
Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia) | |
---|---|
Título orixinal | Grapes and Granite |
Autor/a | Nina Epton |
Cuberta | Antón Pulido |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Xénero(s) | Libro de viaxes |
Editorial | Cassell and Company (col. Narrativa) Ir Indo |
Data de pub. | 1956 1993 |
Formato | Tapa branda con lapelas |
Páxinas | 234 320 |
ISBN | 9788476801505 |
Tradución | Antonio e Francisco Fernández del Riego |
[ editar datos en Wikidata ] |
Uvas e granito (Unha viaxe por Galicia) é un libro de viaxes da escritora inglesa Nina Epton publicado en lingua inglesa por Cassell en 1956 co título orixinal de Grapes and Granite. Foi traducido ao galego por Antonio[1] e Francisco Fernández del Riego[2] e publicado pola editorial Ir Indo no ano 1993, na colección Narrativa.
Relato
[editar | editar a fonte]É a crónica da viaxe que fixo a autora por Galicia no verán de 1953. A escritora vai cun magnetófono disposta a gravar música galega, así como poesía e outras expresións orais.
Chegou en barco a Vigo, nun vapor que facía a ruta desde Londres até Buenos Aires. Hospédase na pensión Celta, a carón da estación de trens. Cun empresario vai até Baiona e até o castro de Santa Trega. Despois contacta con varias personalidades do galeguismo. Vai á casa de Xosé María Álvarez Blázquez en Coruxo, onde se celebra unha festa de aniversario, na que coñece a Colmeiro (que daquela vivía en París), Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro ou o propio Paco Fernández del Riego, relación esta última que levou, moitos anos despois, á tradución do libro. Queda co grupo de amigos de se veren o 25 de xullo en Santiago de Compostela, e mentres tanto recoméndanlle visitar Ourense.
Vai en tren até a cidade das Burgas. Alí contacta con Xesús Ferro Couselo, quen está asistindo a un congreso de arqueoloxía. Xunto con el, Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo visita un poboado castrexo, e despois a catedral -da que dá unha detallada descrición- e o Museo Arqueolóxico Provincial, onde ve esculturas de Faílde, a quen coñece ao día seguinte. Xunto cos arqueólogos, e grazas a que Eleuterio González Salgado lles consegue un coche, vai coñecer os mosteiros de Oseira, Celanova -xunto coa capela de San Miguel e o santuario da Virxe do Cristal en Vilanova dos Infantes-, o de Santo Estevo de Ribas de Sil e o de San Pedro de Rocas.
O 23 de xullo vai en tren con Paco del Riego e Isidro Maiztegui até Santiago de Compostela, coincidindo coas festas do Apóstolo. A autora explica a lenda dos restos do Apóstolo Santiago e a creación do Camiño de Santiago, explicando que até a adopción do protestantismo e a aparición da Igrexa anglicana eran numerosos os peregrinos ingleses que viñan en barco. Desde a estación de tren van en autobús á praza de Galicia e logo van ao bar Derby. Alí reencóntrase cos grupos de Coruxo e Ourense, e coñece a Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xosé María Castroviejo, Perfecto López e Manuel María. Hospédase preto da catedral, e ao día seguinte vai ver os xigantes á praza da Quintana, e despois visita a catedral, o que lle dá pé para falar do pórtico da Gloria, da zanfona e de Faustino Santalices. Á noite entraron no pazo de Raxoi, de cara á praza do Obradoiro, para ver os fogos artificiais.
O día 25 foi á misa na catedral, mentres os galeguistas ían á misa en galego que se celebraba en San Domingos de Bonaval. Logo na Alameda visitou a feira de gando e probou o polbo á feira, e despois foron xantar no Hotel Compostela. Explica entón o paso de Xoán de Gante por Galicia. Despois visitou a Universidade, a capela das Ánimas en Casas, Reais, a colexiata do Sar e a Alameda. Conta que alí, ao pé da escultura de Rosalía de Castro, algún home lle botou algún piropo, que ela rexeitou con palabras de reproche.
Foi en autobús até Carballo e desde alí até Corme (Ponteceso), onde se hospedou dous días e sufriu un arrefriado. Cando se repón, sae pasear polo monte até Balarés, onde cea, e á volta asiste a unha cerimonia de bautismo anticipado. Desde alí vai en camioneta até Laxe, onde colleu o bus até A Ponte do Porto e alí outro até Camariñas. Viu como unhas mulleres facían encaixe de bolillos, e un home levouna en barca até Muxía, onde non puido visitar o Santuario da Virxe da Barca por estar pechado. Desde Camariñas vai no coche de liña a Berdoias, e alí toma o ómnibus até Fisterra. Nesta vila está con Francisco Esmorís Recamán, a quen coñecera en Ourense no congreso de arqueoloxía. En Muros contacta co rexistrador da propiedade Xesús Fabeiro, quen lle ensina a vila, e despois visita Noia.
Mentres agarda polo seu prometido Robert, que chega en barco a Vigo, vai até a illa da Toxa e reserva estancia no hotel. Pasa uns días en Sanxenxo, onde observa unha pastequeira curarlle un aire a un neno. Xa co seu mozo, visitan o mosteiro de Santa María da Armenteira, a península do Grove, A Illa de Arousa e Pontevedra. O 30 de agosto estiveron na romaría da ermida da Nosa Señora da Lanzada, e o 8 de setembro foron á romaría da Franqueira.
A seguir foron en autobús desde Vigo até Lugo, onde coñece a Xosé Fernández López. Foron en coche con Antonio Rosón pola estrada N-VI até Becerreá, onde un tratante de gando lles explica a existencia da rapa das bestas de Sabucedo. Despois Rosón levounos en coche até San Martín, onde os acolleu un seu curmán. Camiñaron até Quindous, onde xantaron, e seguiron até Piornedo, onde se hospedaron nunha palloza. Alí tiveron que pasar varios días, pois no camiño Robert escordara un nocello.
Van por Xantes até A Degarda, onde se supón que os vai recoller Antonio Rosón, mais este non aparece. Pasan alí a noite, e ao día seguinte van á Ponte de Doiras, desde onde ven o castelo de Doiras. Alí colleron o autobús a Liber, no que pasaron a noite, e ao día seguinte chegaron á fin a Becerreá. Rosón díxolles entón que os había levar até O Cebreiro, pero de novo non apareceu, se ben conseguiron que un home os levase a visitar da man do cura o Santuario de Santa María a Real do Cebreiro, a última visita antes de regresaren a Lugo e a Vigo para volveren a Inglaterra.
Tradución
[editar | editar a fonte]En 1957 Paco Fernández del Riego remitiulle a Luís Seoane un exemplar do libro en inglés animándoo a que se traducise e publicase na Editorial Citania[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ S. G. Rial (30/10/2011). "Nina Epton, la escritora inglesa que descubrió la Costa da Morte". La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ Ficha do libro na Rede de Bibliotecas de Galicia (consultado o 30 de agosto de 2017).
- ↑ Carta de F. Fdez del Riego a Luís Seoane, 5 de agosto de 1957.