[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Tulipomanía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acuarela anónima do [[século XVII]] do Semper Augustus, o bulbo máis famoso, vendido por un prezo récord: 6.000 floríns.

A tulipomanía foi un período de euforia especulativa que se produciu nos Países Baixos no século XVII. O obxecto de especulación foron os bulbos de tulipán, cuxo prezo alcanzou niveis desorbitados, dando lugar a unha gran burbulla económica e unha crise financeira. Constitúe un dos primeiros fenómenos especulativos de masas dos que se ten noticia.

O relato destes acontecementos debémosllo ao xornalista escocés Charles Mackay, que o reflectiu no seu libro Memorias de extraordinarias ilusións e da tolemia das multitudes (1841).[1]

Varios factores explican a orixe da tulipomanía holandesa. Por unha banda, o éxito da Compañía Holandesa das Indias Orientais e a prosperidade comercial dos Países Baixos, e por outro, o gusto polas flores, especialmente as exóticas, que se converteron en obxecto de ostentación e símbolo de riqueza.

Á súa vez, e por razóns que naquel tempo se descoñecían, os tulipáns cultivados en Holanda sufrían variacións na súa aparencia, nacendo así os tulipáns multicores, irrepetibles, o que aumentaba o seu exotismo e xa que logo o seu prezo. Hoxe sábese que a causa dese fenómeno era un parasito da flor, o pulgón, que transmite un virus á planta coñecido como Tulip Breaking Potyvirus.[2]

Introdución do tulipán en Europa

[editar | editar a fonte]
Charles de l'Écluse, coñecido como Carolus Clusius, introdutor do tulipán nos Países Baixos.

O tulipán foi introducido nos Países Baixos en 1559, procedente da actual Turquía (naquel tempo, Imperio Otomán), onde tiña connotacións sacras e adornaba os traxes dos sultáns. De feito, a palabra tulipán procede do francés turban, deformación do turco otomán tülbent, vindo este termo do persa dulband e significando todos turbante.

Aínda que foron achadas evidencias do uso ornamental no Al-Ándalus do século XI que indican unha introdución en Europa máis remota no tempo, a versión tradicional atribúe a súa difusión ao embaixador austríaco en Turquía, Ogier Ghislain de Busbecq, no século XVI[3]. Ogier era un floricultor entusiasta, e cando regresou a Europa en 1544 levou consigo algúns bulbos aos Xardíns Imperiais de Viena. Máis tarde, en 1593, o destacado botánico Carolus Clusius deixou o seu traballo nos Xardíns Imperiais para tomar un cargo de profesor de botánica en Leiden, Holanda, ata onde levou unha colección de bulbos de tulipáns que crearon un grande interese e entusiasmo.

Clusius comezou a cultivar tulipáns de variedades exóticas: con todo, celoso da súa colección, mantíñaos gardados. Pero unha noite alguén penetrou no seu xardín e roubou os seus bulbos. O chan areoso holandés, gañado ao mar, resultou ser o idóneo para o cultivo da planta, e o tulipán estendeuse por todo o territorio.

Para moita xente os tulipáns poden parecer inútiles, sen cheiro nin aplicación medicinal, florecendo só unha ou dúas semanas ao ano. Pero os xardineiros holandeses apreciaban os tulipáns pola súa beleza, e moitos pintores preferían pintar unha desas flores antes que un cadro.[4]

A alza de prezo

[editar | editar a fonte]
Panfleto acerca da tulipomanía impreso en 1637.

A pesar de que se intentou controlar o proceso polo cal os tulipáns monocromos se convertían en multicolores, os horticultores holandeses non foron capaces, de maneira que o aleatorio do exotismo contribuíu a elevar progresivamente o prezo de cada bulbo. As variedades máis raras eran bautizadas con nomes de personaxes ilustres e almirantes de prestixio. Na década dos anos vinte do século XVII o prezo do tulipán comezou a crecer a gran velocidade. Consérvanse rexistros de vendas absurdas: luxosas mansións a cambio dun só bulbo, ou flores vendidas a cambio do salario de quince anos dun artesán ben pago. En 1623 un só bulbo podía chegar a valer 1.000 floríns neerlandeses: unha persoa normal en Holanda tiña uns ingresos medios anuais de 150 floríns. Durante a década de 1630 parecía que o prezo dos bulbos crecía ilimitadamente e todo o país investiu canto tiña no comercio especulativo dos tulipáns. Os beneficios chegaron ao 500%.

En 1635 vendéronse 40 bulbos por 100.000 floríns. Para os efectos de comparación, unha tonelada de manteiga custaba 100 floríns, e oito porcos 240 floríns.[5] Un bulbo de tulipán chegou a ser vendido polo prezo equivalente a 24 toneladas de trigo. O récord de venda bateuno o Semper Augustus: 6.000 floríns por un só bulbo, en Haarlem.

En 1636 declarouse unha epidemia de peste bubónica que causou unha gran mortaldade na poboación holandesa. A falta de man de obra multiplicou aínda máis os prezos, e xerouse un irresistible mercado alcista. Tal foi a febre, que se creou un mercado de futuros, a partir de bulbos aínda non colleitados. Ese fenómeno foi coñecido como windhandel, "negocio de aire", e popularizouse sobre todo nas tabernas das pequenas cidades, a pesar de que un edicto estatal de 1610 prohibira o negocio polas dificultades de execución contractual que xeraba. A pesar da prohibición, os negocios deste tipo continuaron entre particulares. Os compradores endebedábanse e hipotecábanse para adquirir as flores, e chegou un momento en que xa non se intercambiaban bulbos senón que se efectuaba unha auténtica especulación financeira mediante notas de crédito. Publicáronse extensos e belos catálogos de vendas, e os tulipáns entraron na bolsa de valores. Todas as clases sociais, desde a alta burguesía ata os artesáns, víronse implicados no fenómeno.

Charles Mackay conta unha historia da época:

Un rico mercador pagara 3.000 floríns por un raro tulipán Semper Augustus, e este desapareceu do seu depósito. Tras buscalo viu a un mariñeiro (que confundira o bulbo cunha cebola) coméndose o tulipán. O mariñeiro foi detido de inmediato e condenado a seis meses de prisión.[6]
Evolución do prezo do tulipán en Holanda entre 1636 (12 de novembro) e 1637 (1 de maio).[7]

Final da burbulla

[editar | editar a fonte]

En 1637, o 5 de febreiro, un lote de 99 tulipáns de gran rareza vendeuse por 90.000 floríns: foi a última gran venda de tulipáns. Ao día seguinte púxose á venda un lote de medio quilo por 1.250 floríns sen atoparse comprador. Entón a burbulla estalou. Os prezos comezaron a caer en picado e non houbo xeito de recuperar o investimento: todo o mundo vendía e ninguén compraba. Comprometéronse enormes débedas para comprar flores que agora non valían nada. As bancarrotas sucedéronse e golpearon a todas as clases sociais. A falta de garantías dese curioso mercado financeiro, a imposibilidade de facer fronte aos contratos e o pánico levaron á economía holandesa á crebra.

  1. Charles Mackay. "The Tulipomania". Memoirs of Extraordinary Popular Delusions and the Madness of Crowds. Consultado o 18 de maio de 2007. 
  2. S. Phillips, 1986. "Tulip breaking potyvirus". Plant Viruses Online. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2009. Consultado o 18 de maio de 2007. 
  3. "El tulipán llegó a Holanda desde Al-Ándalus en el siglo XI" Arquivado 15 de outubro de 2010 en Wayback Machine.. Estudo da Universidade de Córdoba e da Escola de Estudos Árabes (en castelán)
  4. Simon Kuper. "Petal power". The Financial Times. Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2015. Consultado o 18 de maio de 2007. 
  5. Aline Sullivan. "8 Fat Swine for a Tulip: A Brief History of Bursts". International Herald Tribune. Arquivado dende o orixinal o 03 de xaneiro de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2011.  (en inglés)
  6. Charles Mackay. "The Tulipomania, Chapter 3, paragraph 3.4". Memoirs of Extraordinary Popular Delusions and the Madness of Crowds. Consultado o 22 de maio de 2007. 
  7. Earl A. Thompson, en Thompson, Earl (2007), "The tulipmania: Fact or artifact?", Public Choice 130(1–2): 99–114, doi:10.1007/s11127-006-9074-4

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Dash, Mike: Tulipomania, The Story of the World's Most Coveted Flower and the Extraordinary Passions It Aroused, 1999, ISBN 0-575-06723-3
  • Garber, Peter M.: Tulipmania, The Journal of Political Economy, 97, 1989, páxs 535-560
  • Garber, Peter M.: Famous First Bubbles, The Fundamentals of Early Manias, Cambridge, MA, MIT Press, 2000.
  • Goldgar, Anne: Tulipmania, Money, Honor, and Knowledge in the Dutch Golden Age, Chicago, IL, University of Chicago Press, 2007.
  • Harper's New Monthly Magazine: "The Tulip Mania", No. CCCXL, Harper's New Monthly Magazine, abril de 1876, Vol. LII.
  • Kindleberger, Charles P.: Manias, Panics, and Crashes, A History of Financial Crises, 2000, ISBN 978-0-471-38945-3
  • Mckay, Charles: Memoirs of Extraordinary Popular Delusions and the Madness of Crowds, 1852 (segunda edición).
  • Pavord, Anna: The Tulip, 2004, ISBN 0-7475-7190-2.
  • Pollan, Michael: The Botany of Desire, 2001, ISBN 0-375-76039-3.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]