[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

The Doors

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A banda en 1968
OrixeOs Ánxeles, California, Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1965 - 1973
Xénero(s)rock, rock psicodélico, blues rock, acid rock, hard rock
Selo(s) discográfico(s)Elektra Records
MembrosJohn Densmore
Robby Krieger
Ray Manzarek
Jim Morrison
Ian Astbury
Na rede
www.TheDoors.com
IMDB: nm1401980 Facebook: thedoors Twitter: TheDoors Instagram: thedoors Tumblr: thedoors MySpace: thedoors Youtube: UCYgJ2M1mq8Ae0QOm_VQU4VQ TikTok: thedoors BNE: XX106875 Souncloud: thedoors Spotify: 22WZ7M8sxp5THdruNY3gXt iTunes: 1248588 Last fm: The+Doors Musicbrainz: 9efff43b-3b29-4082-824e-bc82f646f93d Songkick: 477246 Discogs: 56798 Allmusic: mn0000114342 Deezer: 847 Genius: The-doors Editar o valor en Wikidata

The Doors foi unha banda de rock estadounidense formada nos Ánxeles (California) no ano 1965. A súa historia xirou sobre a figura do seu vocalista Jim Morrison. Estaba composta tamén polo teclista Ray Manzarek, o batería John Densmore e o guitarrista Robby Krieger. Despois da morte de Morrison en 1971 o resto dos membros continuaron como trío, pero a banda finalmente desfíxose en 1973.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Jim Morrison naceu o 8 de decembro de 1943 en Florida. Dende pequeno a Jim gustáballe ler libros de autores como Kafka e Nietzsche. Un acontecemento marcou a súa infancia: nunha viaxe coa familia pasaron ao lado dun coche accidentado, segundo el mesmo, viu o espírito dun vello indio. Reza a lenda que o indio acompañou a Morrison durante toda a súa vida.

Despois de estudar psicoloxía en Florida decidiu matricularse na facultade de cine da UCLA, nos Ánxeles, onde coñeceu a Ray Manzarek. Manzarek era un teclista de formación clásica con bastante experiencia en bandas de jazz. Jim descubriu con el a súa paixón polo blues e o jazz, e decidiu amosarlle algunhas das súas poesías. Bastante impresionado, Ray formou con Morrison unha nova banda. O nome, escollido por Jim, vén dun verso do poeta inglés William Blake: "Cando as portas da concepción sexan abertas, o home verá as cousas como elas realmente son: infinitas". Nacía así The Doors. O dúo coñeceu o batería John Densmore nunha conferencia do gurú hindú Maharishi Maheshi Yogi. Densmore xa tocaba noutras bandas pero decidiu xuntarse a The Doors.

Facendo unha combinación de piano, batería e poesía, conseguiron un contrato coa Columbia, grazas a Billy James, que xa contratara a The Byrds. James púxolles unha condición: deberían contratar un guitarrista. Aí entra en escena Robbie Krieger, amigo de Densmore nas súas meditacións transcendentais. Robbie fora rexeitado por outras bandas polo seu estilo de jazz e flamenco. Pero foi xustamente este ecletismo o que o fixo entrar en The Doors.

Durante o ano 1965 non gravaron nada e perderon o contrato coa Columbia. Comezaron entón a tocar por California. A transformación nos escenarios de Jim era evidente: deixaba de ser tímido e fráxil para converterse nun performer visceral, sensual e incendiario, creando a eterna fama de sex-symbol, a pesar de que el quería ser visto como un artista serio. Arthur Lee, da banda Love, apaixonouse do son de The Doors e levounos á discográfica Elektra, que contratou a Paul Rotchild para producilos.

The Doors

[editar | editar a fonte]

A finais de 1966 The Doors iniciaron unha serie de presentacións no lendario bar Whisky A Go-Go, provocando un impacto enorme nos grandes medios. Rotchild aproveitou o momento e levounos para o estudio, onde rexistraron as cancións do primeiro disco en seis días. Unha semana máis para as mesturas e a elección dos temas e o LP, The Doors, estaba listo.

En xaneiro de 1967 foi lanzado o álbum acompañado do sinxelo "Break On Through". A este tema realizouselle un vídeo promocional, unha especie de devanceiro do videoclip. O segundo sinxelo en aparecer foi "Light My Fire", que estivo durante 17 semanas nas listas. The Doors tamén tiña outros temas clásicos hoxe en día como "The End" ou "The Crystal Ship".

Strange Days

[editar | editar a fonte]

Pouco despois entrarían novamente no estudio para gravar o seu segundo traballo que sería publicado no mes de setembro de 1967. Strange Days incluía outros temas temas como "When The Music's Over", "Love Me Two Time" ou o tema que lle daba título ao disco, "Strange Days". Este traballo reafirmou a The Doors como unha das grandes bandas do momento. Jim Morrison converteuse definitivamente nun ídolo dos medios e adoptou a súa identidade The Lizard King (o rei lagarto), saíndo aos escenarios co seu característico traxe de coiro.

O álbum foi disco de ouro e chegou ao número 3 da lista da Billboard en 1967. "People Are Strange" acadou o número 12 nos Estados Unidos e "Love Me Two Times" posteriormente conseguiría o porto 25. Strange Days foi colocado no número 407 na lista da Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos.

O 9 de decembro de 1967, aconteceu un grave incidente nun concerto da banda en New Haven, Connecticut; Jim enfadouse cun policía que o empurrara, facendo un violento discurso contra o sistema policial. A polícia aproximouse ao escenario e Jim non parou co seu discurso. Ata que un oficial subiu e foi alcanzado na cara polo micrófono do vocalista. Os demais policías subiron e prendérono.

Waiting for the Sun

[editar | editar a fonte]

En abril a gravación do terceiro álbum estivo marcada pola tensión como resultado do incremento da dependencia de Morrison polo alcohol e as drogas, e polo rexeitamento do seu espectáculo poético "The Celebration of the Lizard" por parte do produtor da banda Paul Rothchild, que non o consideraba suficientemente comercial. Achegándose ao clímax da súa popularidade The Doors realizou unha serie de concertos ao aire libre no que se produciron enfrontamentos entre os seareiros e a policía, destacando o do 10 de maio no Chicago Coliseum.

A banda empezou a variar o seu material a partir do seu terceiro traballo, Waiting for the Sun, cansos do seu repertorio orixinal, e empezaron a escribir material novo. Este converteuse no seu primeiro número 1 das listas, e o seu sinxelo "Hello, I Love You" foi o seu segundo e derradeiro número 1 nos Estados Unidos. O disco tamén incluía a canción "The Unknown Soldier", da cal realizaron outro vídeo, e "Not to Touch the Earth", extraída da súa peza conceptual Celebration of the Lizard, aínda que foron incapaces de gravar unha versión satisfactoria do tema enteiro para o álbum.

Despois dun mes de escandalosas actuacións no Singer Bowl de Nova York, realizaron a súa primeira xira fóra de Estados Unidos, realizando un feixe de concertos por Europa. A banda celebrou unha conferencia de prensa no Institute of Contemporary Arts en Londres e tocou no teatro The Roundhouse. Estes actos foron televisados pola cadea británica Granada Television, nun programa chamado The Doors Are Open, posteriormente sacado á venda en vídeo. The Doors tamén realizou un concerto en Ámsterdan sen Jim Morrison, despois de que tivese un colapso polo uso de drogas. Morrison volveu a Londres o 20 de setembro e quedou alí durante un mes.

O grupo realizou nove concertos máis en Estados Unidos, e púxose a traballar no seu cuarto disco. 1969 sería un ano difícil para The Doors, pero empezou cun concerto cheo no Madison Square Garden de Nova York o 24 de xaneiro e un exitoso sinxelo, "Touch Me (The Doors)" (publicado no mes de decembro de 1968), que chegou ao número 3 nos Estados Unidos.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]