The Cure
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
The Cure | |
---|---|
Robert Smith en concerto | |
Orixe | Crawley, West Sussex, Inglaterra |
Período | 1976 - presente |
Xénero(s) | post-punk, rock alternativo, rock gótico, New Wave |
Selo(s) discográfico(s) | Fiction, Geffen |
Membros | Robert Smith Simon Gallup Roger O'Donnell Jason Cooper Reeves Gabrels |
Antigos membros | Lol Tolhurst Michael Dempsey Matthieu Hartley Phil Thornalley Andy Anderson Boris Williams Porl Thompson Perry Bamonte |
Artistas relacionados | Malice, Easy Cure, Siouxsie and the Banshees, The Glove, Fools Dance, Levinhurst, The Magazine Spies, Babacar, Presence, Shelleyan Orphan |
Na rede | |
www.thecure.com | |
The Cure é unha banda de post-punk inglesa, liderada por Robert Smith, que comezou a súa carreira a no ano 1976 en Crawley, West Sussex. Smith vén sendo o único membro permanente da banda dende a súa fundación. O seu primeiro álbum foi Three Imaginary Boys, editado en 1979, e colocou á banda nos movementos post-punk e New Wave que surxiran a raíz da revolución punk rock no Reino Unido. Durante os primeiros anos da década dos 80 as letras e música cada vez máis escuras da banda axudaron a formar o xénero do rock gótico.
Despois da edición de Pornography en 1982 o seu futuro tornouse incerto e Smith quixo deixar atrás a triste reputación que a banda adquirira. Co sinxelo "Let's Go to Bed", aparecido ese mesmo ano, Smith comezou a inxectar unha sensibilidade máis pop na súa música. A popularidade de The Cure incrementouse a medida que pasaba a década, especialmente nos Estados Unidos onde os temas "Just Like Heaven", "Lovesong" e "Friday I'm in Love" entraron nas listas Billboard Hot 100. Co inicio dos anos 90, The Cure foi unha das bandas de rock alternativo máis populares do mundo, e aínda que esa popularidade diminuíu na actualidade, estímase que venderon uns 27 millóns de discos ata o 2004. The Cure leva editados trece álbums de estudio e uns trinta sinxelos dende o comezo da súa carreira.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Robert Smith, líder e único membro da banda dende a súa formación, naceu en Blackpool, Inglaterra, o 21 de abril de 1959, e mudouse de neno para a periferia da cidade de Crawley. Aos 16 anos montou cos compañeiros da escola a banda Easy Cure, que sería o embrión de The Cure, precursora e principal divulgadora do rock que sería coñecido como gótico.
En 1977, Easy Cure participou nun concurso dunha discográfica alemá chamada Hansa. O premio era un contrato para a gravación dun disco. Easy Cure gañou o concurso, pero ao gravar o disco déronse conta de que os produtores o que querían era un novo Sex Pistols, o que fixo que Robert Smith deixase as gravacións e compuxese un tema ao respecto, "Do the Hansa". En 1978, unha demo coa canción "Killing an Arab" caeu nas mans de Chris Parry, executivo da discográfica Polydor. Impresionado coa música e principalmente coa actitude estraña e orixinal da banda, Chris resolveu pagar a produción dun sinxelo, sendo dende entón o seu empresario.
O sinxelo foi lanzado e seguido dun intenso traballo de divulgación e concertos, esgotando a primeira tirada rapidamente. A pesar de que a canción non chegou aos primeiros lugares nas listas (polo menos non cando foi lanzada), a boa repercusión foi suficiente para que a banda puidese gravar o seu primeiro long play, o clásico Three Imaginary Boys, en 1979. Nos Estados Unidos o disco foi lanzado en 1980 como Boys Don't Cry, engadíndoselle os sinxelos non existentes en Three Imaginary Boys.
Os sinxelos que seguiron, "Boys Don't Cry" e "Jumping Someone Else's Train", serían éxitos aínda maiores. Ao final de 1979, The Cure xa tivera dous cambios de formación e dende entón ningún compoñente durou moito tempo. Proseguiu como un trío ata 1982 (Bob Smith na guitarra, voz e sintetizadores; Laurence Tolhurst como batería, e despois teclista; e Simon Gallup no baixo).
Etapa gótica
[editar | editar a fonte]O segundo álbum, Seventeen Seconds de 1980, marcou un avance na técnica de estudio da banda, con moita experimentación, teclados e arranxos moi elaborados, que os caracterizarían a partir de entón. É deste disco o seu primeiro gran hit, "A Forest". A banda converteuse nun éxito en Inglaterra e comezou a súa primeira xira mundial.
O terceiro álbum, Faith, editado en 1981, e o cuarto, Pornography, de 1982, marcaron a fase máis sombría de The Cure. Eses tres álbums reflicten un período moi confuso de Robert Smith, que tiña problemas coas drogas e principalmente co alcol. As letras son tristes pero destacan tamén os arranxos, onde Robert imprime toda a súa depresión.
Despois da publicación deste último disco, e tras a xira promocional Fourteen Explicit Moments, a banda estivo inactiva durante un tempo por problemas internos, que levaron a Robert Smith a considerar seriamente a separación do grupo. A saída de Simon Gallup da formación, tras os incidentes que protagonizou xunto a Smith durante a xira de Pornography, deixou ao grupo como un dúo, composto só polo propio Smith e Lol Tolhurst.
De Japanese Whispers a The Head on the Door
[editar | editar a fonte]O fin desta etapa escura da banda chegaría a finais do ano 1982 coa edición do sinxelo "Let's Go to Bed", un tema cun carácter alegre e con certas tendéncias cara á electrónica. A este seguiríanlle en 1993 dous sinxelos cun son electrónico máis acusado, "The Walk" e "The Lovecats", converténdose nuns dos seus primeiros éxitos comerciais de importancia tema jazzístico baseado no filme de animación The Aristocats, que se converterían nos primeiros éxitos comerciais de importancia (números 12 e 7 no Reino Unido, respectivamente), relanzando a carreira do grupo. Todos os sinxelos e as caras-b deste período compilaríanse no álbum de 1983 Japanese Whispers.
Á banda incorporaríanse Phil Thornalley e Andy Anderson, aos que posteriormente se lles sumaría o antigo membro Porl Thompson. The Cure volveu a entrar no estudio e gravou The Top, editado en 1984. Durante a xira mundial de promoción, a banda volveu a sufrir cambios na formación. Andy Anderson foi expulsado polos seus problemas co alcol e sería substituído por Boris Williams, e, ao final da xira, o baixista Phil Thornalley deixou o grupo e entrearía Simon Gallup no seu lugar. Neses momentos xa eran recoñecidos pola crítica musical, e co lanzamento do seu álbum The Head on the Door en 1985 volveron a recuperar o recoñecemento dos seus seareiros con sinxelos como "A Night Like This", "In Between Days" e "Close to Me", proporcionándolles este último o seu primeiro número 1 no Reino Unido.
En 1986, coincidindo co décimo aniversario da formación da banda, publicouse Standing on a Beach: the Singles 1978-1986, tamén titulado Staring at the Sea na súa versión en vinilo. Trátase dun recompilatorio onde se recollen todos os seus sinxelos entre 1978 e 1986.
Éxito internacional
[editar | editar a fonte]En 1987 The Cure lanzou o álbum dobre Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me. Grazas á ascendente popularidade do grupo nese momento, o traballo acadou o número 6 nas listas do Reino Unido e o 35 nos Estados Unidos. O primeiro sinxelo do álbum, "Why Can't I Be You?", foi top 30 en varios países europeos. A este seguíronlle "Catch" e "Just Like Heaven", o sinxelo de maior éxito de The Cure ata ese momento. Despois da edición do disco, a banda comezou o Kiss Tour, que foi un éxito de público. Porén, durante a xira, Lol Tolhurst atopou problemas para tocar polo seu excesivo consumo de alcol. Para solucionar o problema, a banda contratou a Roger O'Donnell, teclista de Psychedelic Furs, para substituilo.
Rematada a xira en 1988, o grupo tomou un descanso dun ano. Tras este parón, en 1989 The Cure editou Disintegration, no que retomou a estética escura de traballos anteriores. Converteuse inmediatamente no seu maior éxito ata ese momento, entrando nas listas británicas no terceiro posto. Tres dos sinxelos do disco, "Lullaby", "Lovesong" e "Pictures of You" enrtraron entre os 30 máis vendicos en varios países, incluído o Reino Unido. Disintegration acadou o posto 12 nas listas de Estados Unidos. "Fascination Street", o primeiro sonxelo editado neste país, acadou o primeiro posto na American Modern Rock Chart, e o terceiro, "Lovesong", o segundo posto nas listas absolutas. Tan só 3 anos despois da súa edición, en 1992, Disintegration vendera tres millóns de copias en todo o mundo.
Durante as sesións de gravación de Disintegration a banda enfrontouse abertamente con Lol Tolhurst. Estes feitos desembocaron na saída de Tolhurst en febreiro de 1989. Como resultado, Roger O'Donnell converteríase en membro permanente do grupo. Smith quedaba deste xeito como único membro fundacional na banda. A pesar da súa saída, Tolhurst apareceu nos créditos do álbum, tocando "outros instrumentos". Porén, algúns opinan que non contribuíu en absoluto á gravación do disco. A xira seguinte chamouse Prayer Tour e a súa popularidade en Estados Unidos xa era tan grande que abanda deixou de tocar en salas de concertos para tocar en estadios en moitas cidades daquel país.
En maio de 1990 Roger O'Donnell deixou a banda e foi substituído por Perry Bamonte, técnico de guitarras do grupo. En novembro The Cure editou unha colección de remesturas titulada Mixed Up, que contiña unha canción nova, "Never Enough", editada posteriormente como sinxelo.
En xaneiro de 1991 o grupo actuou dentro da serie de concertos MTV Unplugged e ese mesmo ano recibiu o premio BRIT á mellor banda británica do ano. Tamén en 1991, Lol Tolhurst demandou a Robert Smith e a Fiction Records polo pago dos dereitos de autor. Na demanda incluíase tamén a aspiración de Tolhurst a compartir a propiedade do nome "The Cure" con Smith. A demanda resolveríase en 1994 a favor de Smith.
Dous anos despois de editar Mixed Up, en 1992, a banda lanzou Wish, o seu disco máis vendido ata a data. Wish foi número un no Reino Unido, e número dous nos Estados Unidos. Os seus sinxelos "High" e "Friday I'm in Love" converteríanse en éxitos internacionais. No disco, o nome da banda transformaríase de "The Cure" a sinxelamente "Cure". Porén, dita denominación non duraría, xa que se retomaría o tradicional "The Cure" en Wild Mood Swings.
Da xira que acompañou ao álbum, a Wish Tour, a banda extraería dous álbums en directo, Show e Paris, editados en setembro e outubro de 1993, respectivamente.
De Wild Mood Swings á actualidade
[editar | editar a fonte]En 1994 a banda compuxo o tema "Burn" para a banda sonora da película The Crow, que chegaría ao número 1 da lista de álbums estadounidense Billboard 200.[1]
Entre 1994 e 1995 houbo varios cambios na formación. Boris Williams saíu e foi substituído polo batería Jason Cooper, e Porl Thompson deixou de novo o grupo e no seu lugar regresaría Roger O'Donnell para ocupar o posto de teclista. En 1996, con esta nova formación, a banda editou Wild Mood Swings, un disco cun contido bastante irregular. O álbum foi acollido con frialdade pola crítica, pero sobre todo polos tradicionais seguidores do grupo, marcando o final da etapa de máis éxito comercial da banda.[2]
En 1997 a banda publicou Galore, un recompilatorio de todos os seus sinxelos lanzados entre 1986 e 1996, así como o novo seinxelo "Wrong Number", que contaba co guitarrista de David Bowie Reeves Gabrels.[3] Este recompilatorio foi dalgún xeito continuado por Standing on a Beach, editado once anos despois deste, no que se recollen os sinxelos publicados entre 1987 e 1997.
En 1998 The Cure colaborou coa canción "More Than This" á banda sonora do filme The X-Files, así como cunha versión de "World in My Eyes" ao álbum tributo a Depeche Mode For the Masses.[4]
O limitado éxito artístico e comercial de Wild Mood Swings, unido ao feito de que só tiñan un disco máis por publicar baixo o seu contrato con Fiction, fixeron que Smith considerase, unha vez máis, terminar coa banda. En 1998, neste contexto, o grupo decidiu pospoñer o lanzamento dun álbum previsto para ese mesmo ano, de cara á compoñer un disco que, en forma de despedida, recollera a cara máis seria de The Cure. Froito deste esforzo foi o álbum Bloodflowers, publicado no ano 2000, co que o grupo recuperou as súas esencias.
A publicación deste álbum viría acompañada dunha extensa xira mundial baixo o título de Dream Tour. A xira obtivo un gran recoñecemento, tanto de medios de comunicación como de público, con máis dun millón de asistentes. O éxito de álbum e xira motivaron a Smith a reconsiderar a súa decisión de disolver a banda.
No ano 2001, The Cure, aproveitando o fin do seu contrato, abandonou o seu tradicional selo discográfico Fiction Records para asinar con Geffen Records. Como despedida de Fiction, Smith accedeu á publicación dun recompilatorio de grandes éxitos, a condición de que o repertorio de cancións fose elixido por el. Resultado deste acordo foi o álbum Greatest Hits, que inclúe sinxelos e outros temas de toda a carreira da banda, dende 1978 ata 2000.
En 2003 Fiction publicou o DVD Trilogy, con dous concertos en Berlín onde a banda interpreta na mesma orde quenos discos todas as cancións de Pornography, Disintegration e Bloodflowers.
No ano 2004, xa en Geffen e tras varios proxectos menores do grupo, The Cure lanzou o seu álbum homónimo. De carácter variado como Wild Mood Swings, The Cure non foi recibido positivamente por crítica e público. Ese mesmo ano, en paralelo, Fiction lanzou un recompilatorio chamado Join the Dots, no que publica moito do material inédito que a discográfica aínda posuía nos seus arquivos.
Tras unha xira mundial por festivais, a mediados de 2005 Robert Smith decidiu prescindir do teclista Roger O'Donnell e do guitarrista Perry Bamonte, pouco antes do inicio da extensa xira que debería levalos por Europa no seu habitual encontro cos diferentes festivais de importancia. Ese mesmo ano, o grupo recrutou de novo a Porl Thompson, converténdose outra vez nun cuarteto, feito que non ocorría dende 1994.
Durante a xira europea de 2008, a banda comezou a ensinar retazos do seu, ata o momento, último álbum de estudio, 4:13 Dream. O disco foi lanzado o 28 de outubro do 2008, precedido polos sinxelos "The Only One", aparecido o 13 de maio, "Freakshow", o 13 de xuño, "Sleep When I'm Dead", o 13 de xullo, e "The Perfect Boy", o 13 de agosto.
No 2010 Porl Thompson abandonou a formación (semella que de modo definitivo, porque ao longo do 2012 vendeu tódalas súas pertenzas relacionadas coa banda, mesmo as guitarras, e cambiou o seu nome artístico por "Pearl"), mentres ao ano seguinte volvía a ela Roger O'Donnell.
Na xira "Reflections", que acontecera ao longo do 2011, Lol Tolhurst volveu excepcionalmente ao grupo, pechando desta maneira oficialmente a ferida aberta trala súa marcha 22 anos atrás. Na xira do ano 2012 uniuse ao grupo o guitarrista Reeves Gabrels, músico habitual de David Bowie e Tin Machine, substituíndo a Porl. Gabrels non era novo dentro da formación, posto que no ano 1997 xa colaborara na gravación do hit "Wrong Number". Anunciouse que Gabrels estaría durante a xira pero que non era un membro de pleno dereito do grupo.[5] Varias semanas despois a banda invitou a Gabrels a unirse como membro e el aceptou.[6]
The Cure rendeu homenaxe a Paul McCartney no álbum titulado The Art of McCartney, que foi publicado o 18 de novembro de 2014. The Cure versionou a canción dos Beatles "Hello, Goodbye", que contaba con voces e teclados do fillo de Paul, James McCartney. Un vídeo da banda e James interpretando a canción foi publicado o día 9 de setembro de 2014. O vídeo foi filmado no Brighton Electric Studio en Brighton.[7] Robert Smith tamén versionou o tema de McCartney "C Moon" no disco extra do álbum. No verán de 2015 o tema de Disintegration "Plainsong" apareceu nun momento da película Ant-Man, pero non apareceu na súa banda sonora.[8]
En xuño de 2018 The Cure foi cabeza de cartel do 25 Meltdown Festival en Londres.[9] Smith tamén seleccionou as bandas participantes no festival, entre as que estaban varios dos seus artistas favoritos como Nine Inch Nails, My Bloody Valentine, Deftones, Placebo, Manic Street Preachers e Kristin Hersh, entre outros.[10] O 7 de xullo de 2018 The Cure realizou un concerto de 40 aniversario en Hyde Park como parte da serie de concertos British Summer Time.[11] Para o Record Store Day de 2018, The Cure editou unha versión remasterizada de luxo de Mixed Up, xunto cunha secuela titulada Torn Down con 16 novas remesturas creadas por Robert Smith.[12]
Concertos en Galicia
[editar | editar a fonte]En toda a súa historia, só se ofreceron dous concertos en Galicia. Na Coruña no ano 1998 e en Santiago no 2004.
O primeiro concerto tivera lugar na Praia de Riazor da cidade herculina, o día 8 de agosto, dentro da súa xira "The Summer Festivals". Foi un concerto gratuíto o que facilitou que a praia estivera completamente chea de xente. O abreconcertos foi o cantante Pablo Bicho, e inmediatamente despois subiron ao escenario The Cure. Dentro da actuación, Robert Smith decidiu, inopinadamente, botarse ao chan mentres cantaba un dos temas, ollando para a Domus. Tempo despois preguntáronlle o porque dese feito e Smith respondeu que, simplemente, estaba abraiado pola beleza do solpor na baía coruñesa.
O setlist foi o seguinte:
- Shake Dog Shake
- Fascination Street
- A Strange Day
- One Hundred Years
- Trust
- Pictures Of You
- Just Like Heaven
- Sinking
- Lullaby
- Wrong Number
- Never Enough
- Inbetween Days
- From The Edge Of The Deep Green Sea
- Cut
- Disintegration
Os "encores" ou bises foron os seguintes:
Encore 1
Encore 2
O segundo concerto en Galicia deuse no Auditorio do Monte do Gozo de Santiago de Compostela, dentro da súa xira "Euro Festivals Summer 04", e dentro á súa vez dos Concertos do Novo Milenio, que trouxeran á capital galega unha enchenta de grupos musicais punteiros naqueles anos. O concerto de The Cure tivo lugar o día 16 de xullo, e foi precedido no cartel por Starsailor, Muse e Lou Reed, quen substituiría nos días anteriores a David Bowie por un accidente que este tivera en Alemaña. Trala baixa de David Bowie, houbera unha certa confusión sobre quén debera ser o "cabeza de cartel" dese día: Lou Reed ou The Cure, cousa que se decantou pola formación británica. Finalmente deu comezo un concerto que, a dicir de moitos fans foi un dos mellores que deran na xira do 2004. A destacar a versión de Faith, que tivera unha especial significación na Cidade do Apóstolo.
O setlist fora o seguinte:
- Plainsong
- Fascination Street
- Before Three
- A Night Like This
- The End Of The World
- Lovesong
- Inbetween Days
- Just Like Heaven
- Pictures Of You
- Lullaby
- Alt.end
- Push
- From the Edge of the Deep Green Sea
- One Hundred Years
- Us Or Them
- Disintegration
Encore 1
Encore 2
Encore 3
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Three Imaginary Boys | 1979 | Fiction Records |
Seventeen Seconds | 1980 | Fiction Records |
Faith | 1981 | Fiction Records |
Pornography | 1982 | Fiction Records |
The Top | 1984 | Fiction Records |
The Head on the Door | 1985 | Fiction, Elektra |
Kiss Me, Kiss Me, Kiss Me | 1987 | Fiction, Elektra |
Disintegration | 1989 | Fiction Records |
Wish | 1992 | Fiction, Elektra |
Wild Mood Swings | 1996 | Fiction, Elektra |
Bloodflowers | 2000 | Fiction Records |
The Cure | 2004 | I AM, Geffen |
4:13 Dream | 2008 | Suretone, Geffen |
Songs of a Lost World | 2024 | Fiction, Lost, Polydor, Universal, Capitol |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Crow [Original Soundtrack]". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-10-15.
- ↑ Apter 2006, p. 275
- ↑ Gold, Adam (2012-05-30). "Reeves Gabrels Joins The Cure". Nashville Scene (en inglés). Consultado o 2024-10-15.
- ↑ "The Cure - EPK for The Masses Depeche Tribute (Robert Smith 1998)". 2017-05-10. Consultado o 2024-10-15.
- ↑ Craig (2012-05-26). "Chain Of Flowers: Reeves Gabrels joins The Cure for the Summer". Chain Of Flowers. Consultado o 2019-12-28.
- ↑ "Alumni Profile: Reeves Gabrels | Berklee College of Music". www.berklee.edu (en inglés). Consultado o 2019-12-28.
- ↑ "The Cure - Hello Goodbye". Consultado o 2019-12-28.
- ↑ "The Cure’s “Plainsong” featured during a fight scene in the Marvel film “Antman”". www.post-punk.com. Consultado o 2019-12-28.
- ↑ "The Cure perform career-spanning setlist at Robert Smith's Meltdown Festival: Video + Setlist". Consequence (en inglés). 2018-06-25. Consultado o 2021-04-26.
- ↑ "Nine Inch Nails, My Bloody Valentine to play Meltdown Festival curated by The Cure's Robert Smith". Consequence (en inglés). 2018-03-06. Consultado o 2021-04-26.
- ↑ "The Cure to headline BST Hyde Park festival in 2018". The Independent (en inglés). 2017-12-12. Consultado o 2021-04-26.
- ↑ "This is the full list of Record Store Day 2018 releases". NME (en inglés). 2018-03-06. Consultado o 2021-04-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: The Cure |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barbarian, L.; Sutherland, Steve; Smith, Robert (1988). Ten Imaginary Years. Zomba Books. ISBN 0-946391-87-4.
- Bétrisey, Jean-Christophe; Fargier, David (2007). One Hundred Songs: The Dark Side of the Mood.
- Carman, Richard (2005). Robert Smith: "The Cure" and Wishful Thinking. Independent Music Press (UK). ISBN 978-0-9549704-1-3.
- Hopkins, S.; Smith, Robert; Foo, T. (1989). The Cure: Songwords 1978–1989. Omnibus Press. ISBN 0-7119-1951-8.
- Nuzzolo, Massimiliano (April 2004). The latest album by The Cure (L'ultimo disco dei Cure). Sironi Publishing. ISBN 88-518-0027-8.
- Thompson, Dave; Greene, Jo-Ann (1988). The Cure: A Visual Documentary. Omnibus Press. ISBN 0-7119-1387-0.
- Thompson, Dave (outubro de 2005). In Between Days: An Armchair Guide to The Cure. Helter Skelter Publishing. ISBN 1-905139-00-4.
- The Cure, A Book Of Song Words 1979-1985. autoedición de The Cure. 1985.
- GREENE, Jo-Ann (1985). The Cure. Bobcat Books, Londres.
- SMITH, Robert (1987). Three Imaginary Weeks: What We Did On Our Holidays. Melody Maker.
- MATHUR, Paul (1987). The Cure Poster Book. Atlanta Press, Londres.
- MERCER, Mick (1988). Gothic Rock Black Book. Omnibus Press.
- SUTHERLAND, Steve (1989). Bands Of The Eighties: The Cure. Melody Maker.
- DISTER, Alain (1989). The Cure. Éditions A. Michel/Rock & Folk, París.
- ZARATA, Iñaki (1990). The Cure. Salvat Editores. Colección Video Rock Salvat, Barcelona. ISBN 84-345-5317-1. 79 páxinas.
- BUTLER, Darren (1995). The Cure On Record. Omnibus Press.
- BOWLER, Dave; DRAY, Bryan (1995). The Cure. Faith. Sidgwick & Jackson.
- THOMPSON, Dave (1996). The Making of Disintegration. CGP.
- LLORENTE, Jesús (1997). The Cure. Las vidas de Robert Smith. La Máscara.
- THOMPSON, Dave (2003). The Dark Reign of Gothic Rock. Helter Skelter.
- APTER, Jeff (2005). Never Enough. The Story of The Cure. Omnibus Press, Londres. ISBN 1-84449-827-1. 338 páxinas.
- PAÍNO, Fernando O. (2008). La Década Obscura. Una aproximación a la subcultura gothic Rock. Mentenebre.
- Jeremy Wulc: My Dream Comes True: Carnet de route avec The Cure. 2009.
- PAÍNO, Fernando O. (agosto 2010). Oraciones por la lluvia. La Historia de The Cure. Quarentena Ediciones, Llinars del Vallés. ISBN 978-84-937880-7-0. 208 páxinas.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio oficial (en inglés).
- Chain Of Flowers (en inglés). O blog Chain of Flowers (COF para os fans), escrito por Craig J. Parker, é un taboleiro extraoficial sobre a actualidade de The Cure.