[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Tesmoforias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pintura da procesión das Tesmoforias, do artista estadounidense Francis Davis Millet.
As Tesmoforias conmemoraban o rapto de Perséfone por Hades, e o seu regreso canda á súa nai Deméter. Hades e Perséfone montan o carro na parte inferior da anfora; Deméter aparece na esquina superior dereita.

As Tesmoforias eran unhas festas celebradas nas cidades da Antiga Grecia na honra das deusas Deméter e a súa filla Perséfone. O nome procede de thesmoi, as ‘leis’ polas que os homes deben traballar a terra. As Tesmoforias eran as festas máis difundidas e a principal expresión do culto de Deméter, á parte dos misterios eleusinos. As Tesmoforias conmemoraban o terzo do ano en que Deméter se abstiña do seu papel de deusa da colleita e o crecemento, correspondendo cos severos meses estivais de Grecia, cando a vexetación morría e non chovía, por estar a deusa de loito pola súa filla, sita no reino do Inframundo. O seu trazo característico era o sacrificio de porcos[1].

Esta festa era para que as mulleres celebrasen os seus costumes privados, a súa oportunidade para deixar o fogar e levantar refuxios temporais algo afastados dos centros dos demos.[2] Só as mulleres que estaban casadas con cidadáns atenienses podían asistir á festa, non estando presentes solteiras nin homes, esperándose destes que enviasen ás súas esposas e corresen cos gastos, e tratábanos moi mal se tentaban espiar as cerimonias[3]. Supúñase que estas promovían a fertilidade, pero as mulleres preparábanse con abstinencia sexual. Tamén se tomaban baños co fin de se purificaren.

A palabra aplicábase como epíteto de Deméter no contexto de Deméter Tesmófora. Un relevo de Eleusis ilustrado por Kerényi[4] mostra á deusa sentada no chan mentres recibe ás súas devotas. «Nesta situación pode ser chamada Deméter Tesmofora, pois as atenienses imitábana cando sentaban no chan e xexuaban nas Tesmoforias»[5].

En Atenas e algúns outros lugares a festa duraba tres días, do 11 ao 13 de pianepsion[6].

  • O primeiro día en Atenas era o anodos, a ‘subida’ ao lugar sacro, o Tesmoforio, preto do outeiro Pnix.
  • O segundo día era o choroso día de xaxún (nesteia) sen grilandas, sentadas no chan, sen lume nalgunhas cidades, no que só se comían sementes de granada; aquelas que caían no chan eran a comida dos mortos e non debían recollerse[7].
  • O terceiro día, especialmente pola tarde e a noite que daba comezo ao día grego, celebrábase un banquete de carne en honra da Calixenia, unha deusa de fermoso nacemento que non aparece en ningún outro contexto e non tiña equivalente entre os deuses olímpicos, o que salienta aínda máis a natureza arcaica e preolímpica desta festa que reforzaba a solidariedade feminina. A ausencia de elementos das Tesmoforias nos mitos é notábel: os porcos do porqueiro Eubuleo, que foron tragados por unha fenda do chan cando Hades raptou a Core, son un intento por prover unha etioloxía aos antigos rituais; nalgúns lugares, Zeus penetra nas Tesmoforias como Zeus Eubuleo.[8]

Non se sabe moito máis sobre as Tesmoforias, dado que só as mulleres tiñan permitido asistir e era raro que escribisen nada nesta época. Os ‘misterios’ ou ritos de iniciación (teletai) que rodeaban ás restritivas cerimonias relixiosas eran celosamente gardados por quen os celebraban. A principal fonte é un escolio sobre Luciano explicando o termo «Tesmoforia»[9].

A cerimonia incluía o enterramento de sacrificios de noite e a recuperación dos restos en descomposición de porcos que se gardaron no megara de Deméter, unhas gabias e pozos ou gabias naturais do templo da deusa, o ano anterior. Como se sabía que as serpes se congregaban nestes pozos, o escolio sobre Luciano explica que quen non ían recuperar os restos berraban para asustaren ao que houbese neles. Tras orar, os fétidos restos dos porcos do ano anterior mesturábanse con sementes e plantábanse: «o máis claro exemplo na relixión grega de maxia agraria», sinala Burkert[10].

Aristófanes parodiou estas festas na súa obra As Tesmoforiantes, pero non puido dar moitos detalles sobre o propio festival.

  1. «Ósos de porco, porcos votivos e terracotas, que amosan unha sacerdotisa ou a propia deusa levando o porquiño no colo, son as pegadas arqueolóxicas dos santuarios de Deméter en todas partes.
  2. Outra festa arcaica celebrada baixo refuxios temporais é o sucot hebreo.
  3. A posición das escravas non está clara, segundo Burkert (1985).
  4. Kerényi (1967), fig. 7.
  5. Kerényi (1967), nota 141, p. 212, citando a Plutarco, De Iside et Osiride 378.
  6. Diodoro Sículo (v.4.7) relata que as Tesmoforias duraban 10 días en Siracusa.
  7. Clemente de Alexandría (Protrepticus ii.19.3) interpreta isto como debido a que a granada creceu das pingas derramadas do sangue de Adonis, un útil recordatorio de que as súas interpretacións sobre os cultos pagáns estaban a miúdo (intencionadamente?) lonxe do obxectivo.
  8. Burkert (1985), p. 243.
  9. Luciano, Diálogos das cortesás ii.1.
  10. Burkert (1985), p. 244.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]