Real Filharmonía de Galicia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
Auditorio de Galicia | |
Alcume | RFG |
---|---|
País | Galicia |
Cidade | Santiago de Compostela |
Teatro | Auditorio de Galicia |
Anos de actividade | Dende 1996 |
Tipo de formación | Orquestra filharmónica |
Xénero | Música sinfónica, ópera |
Enderezo | Av. Burgo das Nacións, s/n 15705 Santiago de Compostela |
Membros actuais | Paul Daniel (director) Joana Carneiro (principal directora convidada) Maximino Zumalave (director asociado) |
Circunstancias de creación | 1996 |
Efectivo | ~50 músicos |
Sitio web | www |
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) é unha orquestra filharmónica con base en Santiago de Compostela. Creada pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina en febreiro de 1996 cun concerto dirixido polo mestre Helmuth Rilling. Dende 2013 o seu director principal é o británico Paul Daniel, mentres que o compostelán Maximino Zumalave e a portuguesa Joana Carneiro ocupan os cargos de director asociado e principal director convidado respectivamente. Ten a súa sede no Auditorio de Galicia da capital galega, onde presenta a súa tempada de concertos.
Levou a cabo xiras e concertos por Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal, así como algunhas das mellores salas e ciclos de concertos de España.
A Real Filharmonía de Galicia está estreitamente vinculada á Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia dende a creación desta última, formando un único proxecto xestionado polo Consorcio de Santiago.
Historia
[editar | editar a fonte]Antes da creación da Real Filharmonía de Galicia existía na capital galega a Xove Orquestra de Galicia,[a] unha orquestra non profesional fundada en 1987 e dirixida por Joám Trillo cuxa andaina finalizou abruptamente en 1996 por motivos políticos para dar paso a unha orquestra totalmente profesional, a actual Filharmonía.[2]
A Real Filharmonía de Galicia ofreceu o seu primeiro concerto o 29 de febreiro de 1996 da man do seu primeiro director titular, o alemán Helmuth Rilling,[3][4] que traballou partindo do repertorio sinfónico clásico e barroco.[5] Tralas súas actuacións en 1996 no Auditorio Nacional en Madrid, e en 1997 na Coruña, Valencia e León.
O 17 de xaneiro de 1998 a agrupación emprendeu a súa primeira xira Europea con concertos en Alemaña e Austria baixo a dirección do seu director titular Helmuth Rilling, sendo acompañada polo coro Gächinger Kantorei de Stuttgart. No primeiro dos concertos, que tive lugar na Liederhalle de Stuttgart, a RFG interpretou As Estacións de Joseph Haydn coas voces da soprano Ghristiane Oelze, o tenor James Tayior e o barítono Andreas Schmidt. No segundo programa da xira a RFG interpretou O Mesías de Georg Friedrich Händel na revisión realizada por Wolfgang Amadeus Mozart en 1789 nas cidades de Villingen-Schwenningen, novamente en Stuttgart, e finalmente na cidade austríaca de Salzburgo o 25 de xaneiro, converténdose na primeira orquestra do Estado español en actuar no Grosses Festspielhaus de Salzburgo durante a Semana Mozart.[6][7]
En marzo de 1998, a Real Filharmonía de Galicia emprendeu o seu primeiro traballo discográfico da man de Rilling cas sinfonías completas de Franz Schubert para a discográfica Hänssler Classic. En xullo do mesmo ano, baixo a dirección de Zumalave, a orquestra actuou no marco da Expo-98 de Lisboa, e en agosto inaugurou, co Mesías de Haendel, a primeira edición do Compostela Millenium Festival, concerto ofrecido na Catedral de Santiago ante máis de 2 000 persoas.[8][9]
A comezos de 1999 realizou a súa segunda xira internacional, na que interpretou o Elías de Mendelssohn no Auditorio Nacional de Madrid, como parte do ciclo Orquestas del Mundo de Ibermúsica, e no Festival Europeo da Música de Stuttgart. O alto nivel amosado pola orquestra, coro e solistas converteu á interpretación do oratorio do compositor alemán nun inesquecible e altamente louvado concerto.
A Real Filharmonía de Galicia foi ademais unha das orquestras convidadas no XXIV Festival Internacional de Música de Segovia, do Festival Internacional de Música de Galicia e na II Edición do Compostela Millenium tocou baixo a batuta de Neville Marriner.
A partir do ano 2001 a orquestra, xa baixo a dirección de Antoni Ros-Marbà, ofreceu concertos por diferentes cidades españolas como Sabadell, Bilbao, Madrid ou Barcelona, salientando na tempada 2001-2002 os das óperas Fidelio de Beethoven e Così fan tutte de Mozart, que se representaron con grande éxito en Santiago, Vigo, Barcelona e A Coruña. A RFG tamén foi convidada ao Concurso Internacional de Piano de Santander "Paloma O’Shea" en 2002, 2008, 2012.[10] Dende xaneiro de 2013 o británico Paul Daniel é o director titular.[11]
Nunha enquisa realizada no 2005 entre directores de orquestra, solistas, críticos e músicos elixiu á Real Filharmonía de Galicia como a cuarta mellor orquestra do Estado español, unicamente por detrás da Orquestra Sinfónica de Tenerife, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquesta Ciudad de Granada[Cómpre referencia].
Na tempada 2010-11 a RFG celebrou o seu 15º aniversario cun total de 31 concertos programados, celebrándose o primeiro deles o 24 de setembro de 2010 cunha interpretación da Misa de Coroación baixo a batuta de Jonathan Webb. Salientou a presenza dos dous primeiros directores titulares da orquestra compostelá, con dous programas cada un, e outros directores que acadaran éxitos coa agrupación, así como figuras emerxentes do momento como o alemán David Afkham. Outro feito salientable foi a unificación na xestión da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia coa Real Filharmonía, pasando ambas a ser xestionadas polo Consorcio de Santiago dentro dun único proxecto.[12][13]
O 31 de xaneiro de 2014 faleceu Palmira Martínez, violonchelista da orquestra dende a súa fundación.[14][15]
A Real Filharmonía de Galicia presentou dous traballos discográficos inéditos adicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou, editados polos selos Claves e Warner respectivamente. O seu último disco, editado en 2013, leva por título “Variaciones”, no que a orquestra e a soprano María Bayo renden homenaxe a Antón García Abril.
A Real Filharmonía de Galicia está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).
Repertorio
[editar | editar a fonte]O amplo repertorio da RFG, que vai de J.S. Bach a compositores da actualidade, séguese enriquecendo con especial atención aos compositores do clasicismo vienés, e recuperando e asumindo asemade a obra de compositores galegos como Rogelio Groba, Xavier de Paz, Paulino Pereiro, O. Rodríguez, Xoán Viaño, Manuel Balboa, Andrés Gaos, Juan Durán ou J.J. Castro.
Proxectos
[editar | editar a fonte]A Real Filharmonía de Galicia ten un protagonismo central nos "Concertos Didácticos para Xoves" que ofrece o Auditorio a colexios e institutos galegos. Tamén potenciou a súa actividade en Compostela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela co ciclo de cámara Música na Compañía e no proxecto son[UT]opías, no que participou por primeira vez en 2014.[16] Dende 2008 inicia diferentes actividades coordinadas co Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Además, a orquestra intervén, cada mes de agosto, no ciclo de música española co que o Auditorio de Galicia se suma á celebración de Música en Compostela, o curso internacional de música máis antigo do Estado español.
O traballo e obxectivos da Real Filharmonía de Galicia vense reforzados coa Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), un proxecto pedagóxico de formación de músicos de alto nivel estreitamente vinculado á Real Filharmonía de Galicia (sendo algúns membros da orquestra os seus profesores). En 2011 a EAEM pasou a estar xestionada polo Consorcio da cidade de Santiago, quedando deste xeito unidas baixo unha mesma xestión e dirección a orquestra e a escola.[13]
Directores
[editar | editar a fonte]O primeiro director da Real Filharmonía foi o alemán Helmuth Rilling, que estivo á fronte da agrupación dende a súa creación ata o ano 2000,[5] cando chegou á orquestra compostelá o catalán Antoni Ros-Marbá logo do seu nomeamento o 3 de xullo dese mesmo ano. Ros-Marbá foi nomeado inicialmente ata o ano 2003,[17] aínda que finalmente a súa vinculación coa orquestra santiaguesa ampliouse ata o final do ano 2012, sendo substituído o 1 de xaneiro de 2013 como director principal polo inglés Paul Daniel, quen colaboraba coa orquestra dende 2007 como principal director convidado.[11]
- Helmuth Rilling (1996-2000)
- Antoni Ros-Marbá (2001-2013)
- Paul Daniel (2013-actualidade)
O director compostelán Maximino Zumalave é o director asociado da Real Filharmonía de Galicia, da cal foi un dos seus fundadores, ocupando o posto dende a fundación da orquestra.[18]
Así mesmo a Real Filharmonía de Galicia conta cun principal director convidado. En 2020 a portuguesa Joana Carneiro foi nomeada como principal directora convidada da orquestra compostelá en substitución de Jonathan Webb, que ocupara o cargo dende a tempoda 2016-17,[19] quen á súa vez substituíra a Christoph König.[20]
Solistas e directores convidados
[editar | editar a fonte]Como solistas, actuaron coa Real Filharmonía de Galicia, entroutros, os violinistas Frank Peter Zimmermann e Ulrike-Anima Mahté, o violonchelista M. Rostropovich, a mezzosoprano Teresa Berganza, os pianistas Alicia de Larrocha, Tzimon Barto, Nikolaus Lahusen, Jeffrey Kahane, Rudolf Buchbinder, Robert Levin, Joaquín Achúcarro, Katia e Marielle Labèque, Evgeni Koroliov e György Sebök, e o frautista Jean-Claude Gérard.[21]
Ademais dos mestres Rilling, Ros-Marbá e Paul Daniel, así como do seu director asociado, o compostelán Maximino Zumalave, foron directores convidados: García Navarro, Odón Alonso, Enrique García Asensio, Edmon Colomer, Pedro Alcalde, e outros como Neville Marriner, David Shallon, Jeffrey Kahane, Gilbert Varga, Leopold Hager, Kryzstof Penderecki, Christoph Poppen, Jan Latham-Koenig, Antonio Florio e Peter Maxwell Davies.[21]
Discografía
[editar | editar a fonte]En 2021 a Real Filharmonía de Galicia grabara un total de 23 discos.[22] O primeiro disco da orquestra galega data de 1997, cando realizou un disco homenaxe a Rosalía De Castro xunto co cantante berciano Amancio Prada baixo a dirección de Maximino Zumalave.[23]
En marzo de 1998, a Real Filharmonía de Galicia comezou a gravar con Rilling o seu segundo traballo discográfico ao rexistrar as sinfonías completas de Franz Schubert para a compañía discográfica Hänssler Classic. Este proxecto culminou coa saída ó mercado dos dous primeiros CDs coas Sinfonías nº 1, 2, 3 e 4.[24][25]
En 2002 gravou para EMI Classics varias obras do mestre Joaquín Rodrido coincidindo co centenario do seu nacemento, realizando a orquestra compostelá as primeiras gravacións de Preludio para un poema a la Alhambra, así como da súa obra vocal, xunto con salientables personalidades da lírica española, o Orfeón Terra a Nosa e o Generalitat de Valencia.[26][27]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Non confundir coa Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, creada en 1996 e dirixida polo melidense Fernando V. Arias.[1]
- Referencias
- ↑ "XOVE ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA" (en castelán). Orquestra Sinfónica de Melide. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ Barón, Santiago (23 de xullo de 2017). "«Nadie tiene reparo en decir que no ha escuchado una sinfonía de Beethoven»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ Estévez, Xerardo (4 de decembro de 2011). "Real Filharmonía de Galicia, la escala musical". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ "...Cuando se celebró el concierto fundacional de la RFG, con el gran Helmuth Rilling como primer director titular". El Correo Gallego (en castelán). 23 de maio de 2019. Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 Carrillo, Julián (27 de febreiro de 2016). "La Real Filharmonía cumple 20 años". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ Gaviña, S. (16 de xaneiro de 1998). "LAREAL FILHARMONÍA, A LA CONQUISTA DE EOROPA". ABC (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ Gaviña, S. (30 de xaneiro de 1998). "LAREALFILHARMONÍAPONE UNAPICAENSALZBURBO". ABC (en castelán). Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ Bravo, Julio (25 de febreiro de 1998). "Teresa Berganza abrirá el programa musical español de la Expo de Lisboa". ABC (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ "Puesta de largo de la Filharmonía en el Auditorio Nacional de Madrid". El Correo Gallego (en castelán). 22 de abril de 2006. Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ "Premiados, Jurados, Orquestas y Artistas Invitados" (en castelán). Concurso Internacional de Piano de Santander "Paloma O’Shea". Consultado o 14 de outubro de 2019.
- ↑ 11,0 11,1 "Paul Daniel será en 2013 el nuevo director titular de la Real Filharmonía de Galicia". El Correo Gallego (en castelán). 25 de xaneiro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2019. Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ Carrillo, Julián (16 de setembro de 2010). "La Real Filharmonía celebra su 15º aniversario con 31 conciertos". El País (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ 13,0 13,1 "A EAEM" (en castelán). Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2019. Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ Zumalave, Maximino (4 de febreiro de 2014). "Palmira Martínez Espuig, in memóriam". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ Carrillo, Julián (7 de febreiro de 2014). "La Filharmonía dedica su concierto a su violonchelista Palmira Martínez". El País (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2019.
- ↑ Yáñez, Paco (18 de agosto de 2014). "son[UT]opías III". mundoclasico.com (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "Ros Marbá ya es el director oficial de la Real Filharmonía". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de xullo de 2000. Consultado o 28 de setembro de 2019.
- ↑ "Maximino Zumalave". Real Filharmonía de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2021. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "Joana Carneiro, nueva principal directora invitada de la Real Filharmonía de Galicia". Scherzo (en castelán). 25 de xaneiro de 2020. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "CRÍTICA: JONATHAN WEBB DEBUTA COMO PRINCIPAL DIRECTOR INVITADO DE LA REAL FILHARMONÍA DE GALICIA". Scherzo (en castelán). 28 de novembro de 2016. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ 21,0 21,1 "Real Filharmonía de Galicia". Auditorio de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ "La Real Filharmonía de Galicia cumple 25 años". Melómano (en castelán). 1 de marzo de 2021. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "Rosas a Rosalía. Amancio Prada". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "Franz Schubert, Sinfonías núm. 1 e 2". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ "Franz Schubert, Sinfonías núm. 3 e 4". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 27 de setembro de 2019.
- ↑ "Joaquín Rodrigo. Obra vocal IV e V". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 14 de xuño de 2021.
- ↑ "Joaquín Rodrigo. Obras orquestales II". Real Filharmonía de Galicia. Consultado o 14 de xuño de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial da Real Filharmonía de Galicia
- A Real Filharmonía de GaliciaArquivado 26 de setembro de 2019 en Wayback Machine. no sitio web da Asociación Española de Orquestas Sinfónicas (en castelán)
- Canle da RFG en YouTube
- A Real Filharmonía de Galicia en Facebook
- A Real Filharmonía de Galicia en Twitter