[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rosario (cristianismo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe da Virxe de Fátima co rosario nas mans.

O rosario é unha práctica devocional na que se venera á Virxe María propia da Igrexa católica. Durante a súa práctica, vanse meditando sobre os misterios do rosario, unha serie de acontecementos especialmente significativos da vida da Virxe segundo a perspectiva bíblica e católica.

Caracterízase pola repetición da oración do avemaría, cunha cadencia que contribúe a crear un ambiente propicio á contemplación relixiosa.

Segundo a tradición cristiá a Virxe apareceuse en 1208 a Domingos de Guzmán nunha capela do mosteiro de Prouilhe (Francia) cun rosario nas mans, ensinoulle a rezalo e díxolle que o predicase entre os homes; ademais, ofreceulle diferentes promesas referentes ao rosario. O santo ensinoullo aos soldados liderados polo seu amigo Simón IV de Montfort antes da batalla de Muret, cuxa vitoria sería atribuída á Virxe. Por iso, Montfort erixiu a primeira capela dedicada a esta advocación.

No século XV decaera a súa devoción, polo que novamente a imaxe apareceuse ao beato Alano de la Rupe, pediulle que a revivise, que recollese nun libro todos os milagres levados a cabo polo rosario e recordoulle as promesas que séculos atrás deu a Santo Domingo.

Máis alá desta piadosa lenda podemos dicir que foi San Domingos de Guzmán o creador e divulgador do rosario. Domingos de Guzmán foi o fundador da Orde dos Predicadores, máis coñecidos como dominicos. Esta orde centraba a súa actividade na predicación e na ensinanza, e foi das primeiras que fundou unha orde segrar.

A oración diaria dos relixiosos tiña o seu alicerce na Liturxia das horas, que consistía fundamentalmente no rezo do Salterio xunto con textos de grandes escritores cristiáns. Este rezo quedaba limitado a aqueles que tiveran formación suficiente e sabían ler.

Nun tempo en que o analfabetismo era norma e a capacidade lectora excepción, Domingos de Guzmán pensa unha devoción que recolla o espírito do salterio e o popularice para que poida chegar ao pobo cristián:

  • Se o Salterio está composto por 150 salmos divididos en tres grupos de 50, no rosario completo rézanse 150 avemarías, divididas en tres grupos de misterios, con 50 avemarías cada un.
  • O salterio, tal como se reza na tradición monástica, vai repasando os momentos centrais da Biblia e o rosario repasa os momentos principais da participación da Virxe na historia da salvación.
  • Igual que en moitas oracións ou celebracións litúrxicas había unha invocación ou ladaíñas aos santos, o rosario remataba cunhas ladaíñas á Virxe.

Aínda no século XIX, cando o viveirense Luis de Trelles funda a Adoración Nocturna Española dispón que os adoradores, cando non estean en quenda de adoración, recen o salterio ou o rosario para aqueles que non saiban ler.

Aínda que o rosario está asociado co catolicismo é común entre os anglicanos de tradición anglo-católica[1] e máis tamén nunha minoría dos luteranos[2].

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Os misterios

[editar | editar a fonte]

Comézase cunha introdución en forma de invocación e breve acto penitencial. Despois enúncianse os misterios correspondentes. Cada misterio vai seguido do rezo dun nosopai, 10 avemarías e remátase cun gloria. Entre o enunciado do misterio e a primeira oración pode, libremente, facerse unha breve monición ou comentario sobre o que se vai contemplar. Os misterios fan referencia a acontecementos bíblicos ou ao desenvolvemento teolóxico posterior. Divídense en tres grupos temáticos: de gozo, de dor e de gloria.

Misterios gozosos

[editar | editar a fonte]

Fan referencia aos chamados “Evanxeos da infancia” de Xesús, sobre todo seguindo a versión do Evanxeo de Lucas. Na distribución semanal tradicional rézanse os luns e xoves. Os misterios son:

  1. O anuncio do Anxo a nosa Señora.
  2. A visitación de María á súa prima Isabel.
  3. Xesús nace en Belén.
  4. A presentación do Neno Xesús
  5. O Neno Xesús, perdido e achado no templo.

Rézanse luns e sábados.

Misterios de dor

[editar | editar a fonte]

Referidos á Paixón e Morte de Xesús:

  1. A oración de Xesús en Xetsemaní.
  2. A flaxelación do Señor.
  3. A coroación de espiñas.
  4. Xesús coa cruz a costas.
  5. Xesús morre na cruz.

Rézanse martes e venres.

Misterio de gloria

[editar | editar a fonte]

Referidos á glorificación (de aí o seu nome) de Xesús e da Virxe. Os dous últimos son os únicos que non están recollidos no Novo Testamento:

  1. A Resurrección de Cristo.
  2. A Ascensión do Señor.
  3. O Espírito Santo descende sobre a Virxe e os Apóstolos.
  4. A Asunción de María.
  5. A Coroación da Virxe como Raíña da creación.

Rézanse mércores e domingos.

Achega de Xoán Paulo II. Os Misterios Luminosos

[editar | editar a fonte]

O papa Xoán Paulo II, que sempre se declarou gran devoto do rosario, na carta apostólica Rosarium Virginis Mariae, publicada o 16 de outubro de 2002, introduciu unha nova serie de misterios, os luminosos.

  • O bautismo de Xesús no río Xordán.
  • A autorrevelación nas Vodas de Caná.
  • O anuncio do Reino de Deus.
  • A Transfiguración do Señor.
  • A institución da Eucaristía.

Rézanse xoves, desprazando os gozosos a luns e sábado e limitando os gloriosos a mércores e domingo.

Ladaíñas

[editar | editar a fonte]

Tralo quinto misterio rézase unha invocación á Trindade: tres avemarías ás que se lle modifica o comezo, para remarcar a relación da Virxe co misterio trinitario:

  1. Ave María, Filla de Deus Pai, chea es de graza...
  2. Ave María, Nai de Deus Fillo, chea es...
  3. Ave María, Esposa de Deus Espírito Santo, chea es...

O rosario remata coas ladaíñas, breves fórmulas de loanza á Virxe: quen dirixe a oración enuncia as ladaíñas e é respondido por un "Roga por nós", Raíña dos Apóstolos... roga por nós/Torre de David... roga por nós.

Coherente co conxunto do rosario, as ladaíñas son 50, e fan un repaso de citas bíblicas e teolóxicas referidas á Virxe.

Texto:

Señor, ten piedade de nós
Cristo, ten piedade de nós
Señor, ten piedade de nós
Cristo óenos
Cristo, escóitanos

Deus, Pai Celestial, Ten piedade de nós
Deus Fillo, Redentor do Mundo -Ten piedade de nós
Deus, Espírito Santo -Ten piedade de nós
Santa Trindade, un só Deus -Ten piedade de nós

Santa María. Roga por nós
Santa Nai de Deus. Roga por nós
Santa Virxe das Virxes. Roga por nós
Nai de Cristo. Roga por nós
Nai da Divina Graza. Roga por nós
Nai Purísima. Roga por nós
Nai Castísima. Roga por nós
Nai sen mancha. Roga por nós
Nai Inmaculada. Roga por nós
Nai amable. Roga por nós
Nai admirable. Roga por nós
Nai do bo consello. Roga por nós
Nai do Creador. Roga por nós
Nai do Salvador. Roga por nós
Virxe prudentísima. Roga por nós
Virxe venerada. Roga por nós
Virxe laudable. Roga por nós
Virxe poderosa. Roga por nós
Virxe clemente. Roga por nós
Virxe fiel. Roga por nós
Espello de xustiza. Roga por nós
Sé de sabedoría. Roga por nós
Causa da nosa alegría. Roga por nós
Vaso espiritual. Roga por nós
Vaso honorable. Roga por nós
Vaso insigne de devoción. Roga por nós.
Rosa Mística. Roga por nós
Torre de David. Roga por nós
Torre de Marfil. Roga por nós
Casa de ouro. Roga por nós
Arca da Alianza. Roga por nós
Porta do Ceo. Roga por nós
Estrela da mañá. Roga por nós
Saúde dos enfermos. Roga por nós
Refuxio dos pecadores. Roga por nós
Consolo dos Aflixidos. Roga por nós
Auxilio dos cristiáns. Roga por nós
Raíña dos Anxos. Roga por nós
Raíña dos Patriarcas. Roga por nós
Raíña dos Profetas. Roga por nós
Raíña dos Apóstolos. Roga por nós
Raíña dos Mártires. Roga por nós
Raíña dos Confesores. Roga por nós
Raíña das Virxes. Roga por nós
Raíña de todos os santos Roga por nós
Raíña concibida sen pecado orixinal. Roga por nós
Raíña levada ao ceo. Roga por nós
Raíña do Sacratísimo Rosario. Roga por nós
Raíña da paz. Roga por nós

Año de Deus, que tiras o pecado do mundo, Perdóanos Señor
Año de Deus, que tiras o pecado do mundo, Escóitanos Señor
Año de Deus, que tiras o pecado do mundo, Ten piedade de nós
Roga por nós, Santa Nai de Deus Para que sexamos dignos de alcanzar as promesas do noso Señor Xesucristo

Oremos, Señor, concede aos teus servos gozar sempre de completa saúde de alma e corpo, e pola intercesión la gloriosa sempre Virxe María, líbranos das tristezas desta vida e concédenos gozar das alegrías eternas. Por Cristo Noso Señor. Amén.

Nun Oracional Galego, que editou monseñor Araúxo, substituíronse as ladaíñas tradicionais por advocacións da Virxe propias de Galicia: Nosa Señora do Lodairo, Nosa Señora do Cristal, Nosa Señora da Franqueira, Nosa Señora dos Ollos Grandes...[3]

É costume popular engadir ao final do rosario outras oracións a modo de remate: polas ánimas do Purgatorio, a Salve Regina...[Cómpre referencia]

  1. [Penelope Duckworth (2004) Mary: The Imagination of Her Heart, p. 118 ISBN 1-56101-260-2
  2. Kimberly Winston (2008) Bead One, Pray Too: A Guide to Making and Using Prayer Beads Church Publishing, p. 37
  3. Araúxo Iglesias M.A., González Cougil R. Oracional Galego, Vigo 1991, editorial SEPT

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]