Pterigotos
Pterygota | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Apis mellifera | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Ordes | |||||||||
Infraclase Neoptera
Superorde Exopterygota Superorde Endopterygota |
Os pterigotos (Pterygota), do grego πτερυγωτος pterigotos, 'alado', son un grupo monofilético de insectos caracterizados por presentar ás no segundo e terceiro segmentos torácicos (mesotórax e metatórax, respectivamente). A presenza de ás vai sempre acompañada dun reforzo do exoesqueleto (esclerotización) neses segmentos torácicos, os cales normalmente están unidos formando o pterotórax. O concepto oponse ao de apterigotos ('sen ás'). Porén, Apterygota é un grupo artificial de insectos sen carácter taxonómico.[1]
Características
[editar | editar a fonte]A á dos insectos é unha estrutura laminar de consistencia membranosa á cal a presenza de veas lle outorga a rixidez que cómpre para o voo, as cales se clasifican como veas lonxitudinais e transversais, e o padrón de venación é un carácter distintivo das especies. Existen diferentes sistemas de homologación das veas, os cales se utilizan para recoñecelas e interpretalas, e desta maneira poder recoñecer a que especie pertence un certo insecto. Os sistemas de homologación máis utilizados son o de Comstock e Needham (1898)[2] e de Kukalova-Peck (1983).[3]
A á presenta moitas variacións en canto a forma, tamaño, textura e coloración, e algunhas son moi coloridas, como as dos lepidópteros, as cales deben estas cores a que están cubertas por escamas pigmentadas ou a cores estruturais.
Considérase que a evolución das ás nos insectos foi a clave do seu éxito evolutivo (os insectos son o grupo animal máis diverso do planeta); isto ocorreu posiblemente no Carbonífero ou o Devoniano, xa que o fósil máis antigo que se coñece dunha á é do Carbonífero e pertence a un insecto da orde extinta Palaeodictyoptera.
A existencia de insectos que teñen características de pterigotos pero que carecen de ás (ápteros) considérase como unha perda secundaria, xa que derivan de antepasados con ás (non confundir cos apterigotos, que nunca tiveron ás), como é o caso das ordes Grylloblattodea (grilos-cascuda), Phthiraptera (piollos) e Siphonaptera (pulgas). Considérase que a condición áptera nestas ordes é secundaria entre outras cousas porque existe evidencia no rexistro fósil de membros alados destes grupos, como a especie extinta Liomopterum ornatum da orde Grylloblattodea que tiña ás, a diferenza de todos os representantes actuais deste grupo.
Aínda que a condición ancestral do grupo dos Pterygota é a presenza de dous pares de ás, encóntranse grupos nos cales un dos pares de ás está reducido, como no caso dos dípteros (o segundo par de ás) e estrepsípteros (o primeiro par de ás), ou modificado para ter unha función de protección, como nos élitros (primeiro par de ás esclerotizado) de coleópteros e dermápteros.
Os insectos foron os primeiros animais en voar, moito antes de que o fixeran pterosauros e aves; os primeiros insectos alados voaron nunha atmosfera diferente da actual, que tiña unha densidade e unha concentración de oxíxeno maiores que as actuais, o que se cre facilitou a evolución do voo, así como a aparición de insectos voadores xigantes, sen equivalentes na fauna actual, como o xigantesco protodonato Meganeura monyi con 63 centímetros de envergadura.
En canto á orixe desta estrutura presentáronse varias hipóteses, das cales dúas son as que máis aceptación atoparon; a primeira postula que a á se orixinou a partir de extensións laterais da rexión dorsal do tórax (noto) e coñécese como teoría paranotal debida a Crampton (1919)[4]; a outra hipótese postula que a á se orixinou a partir de estruturas das patas dos antepasados crustáceos, os órganos coxais; estes órganos coxais son parte dun complexo respiratorio, o que explicaría a alta venación das ás entre outras cousas e coñécese como teoría epicoxal, proposta por Kukalova-Peck (1978);[3] recentes descubrimentos nos campos de xenética do desenvolvemento e filoxenia molecular apoian a teoría epicoxal.
Orixe
[editar | editar a fonte]Os primeiros pterigotos apareceron nos inicios do Carbonífero. No Carbonífero medio estaban xa perfectamente diferenciados en polo menos 11 ordes, entre as que salientan os Palaeodictyoptera†, Diaphanopterodea† e Megasecoptera†, que lembran os odonatos actuais e que nalgúns casos acadaron envergaduras de case 75 cm, e os Ephemeroptera, que chegaron a acadar os 45 cm de envergadura e dos que aínda existen numerosos representantes actuais, pero moito menores.[5]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Este grupo de insectos tradicionalmente foi dividido en paleópteros (Palaeoptera) e neópteros (Neoptera), diferenciados fundamentalmente na capacidade que teñen os neópteros de pregaren as ás sobre o corpo, cousa que non poden facer os paleópteros.
Entre os Palaeoptera encontramos as ordes Odonata e Ephemeroptera, xunto cos grupos paleozoicos Diaphanopteroidea, Paleodictyoptera, Megasecoptera e Archodonata; as demais ordes de pterigotos están todas incluídas dentro de Neoptera.
A validez dos paleópteros como grupo monofilético (clado) foi moitas veces cuestionada e presentáronse alternativas, sen que no momento actual exista un acordo ao respecto:
- Considerar os odonatos máis próximos aos neópteros que aos efemerópteros, chamándose a este grupo (Odonata + Neoptera) Metapterigota.
- Considerar os efemerópteros máis próximos aos neópteros que aos odonatos, chamándose Opisthoptera ao grupo formado por Ephemeroptera + Neoptera.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vincent H. Resh; Ring T. Cardé (4 de abril de 2003). Encyclopedia of Insects. Academic Press. p. 64. ISBN 978-0-08-054605-6.
- ↑ Fraser, F. C. 1938. A note on the fallaciousness of the theory of pretracheation in the venation of Odonata. Proc. Roy. Ent. Soc. London (A) 13: 60–70
- ↑ 3,0 3,1 Kukalova-Peck, J. 1992. Fossil History and Evolution of Hexapod Structures. En:The Insects of Australia, p.:1412-179. Melburne University Press.
- ↑ G. Crampton. The Phylogenetic Origin and the Nature of the Wings of Insects According to the Paranotal Theory. Journal of the New York Entomological Society. Vol. 24, No. 1 (Mar., 1916), pp. 1-39. [1]
- ↑ Marínez-Delclòs, X. 1996. El registro fósil de los insectos. Boln. Asoc. esp. Ent., 20(1-2):9-30 (resume) Arquivado 10 de xullo de 2018 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Naumann, I. D. (Ed). The Insects of Australia. Cornell University Press. NY.
- Osuna, E. 1995. Morfología del exoesqueleto de los insectos. Volumes I e II. CDCH. Universidad Central de Venezuela
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pterigotos |