[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Pseudopeptidoglicano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O pseudopeptidoglicano, tamén chamado pseudomureína [1], é o principal compoñente da parede celular dalgunhas arqueas, de composición polisacarídica e peptídica, que ten unha similar morfoloxía, función e estrutura física ca o peptidoglicano das bacterias, pero unha diferente estrutura química.

Os compoñentes básicos do pseudopeptidoglicano son un polisacárido e pequenas cadeas de péptidos unidos a el. O esqueleto da molécula é o polisacárido, formado polos monosacáridos derivados N-acetilglicosamina e o ácido N-acetiltalosaminurónico (en vez deste último, o peptidoglicano bacteriano ten ácido N-acetilmurámico), os cales alternan na molécula, están unidos por enlaces glicosídicos β(1-3), e dispóñense en cadeas liñais paralelas. Os péptidos colgan do ácido N-acetiltalasoaminourónico e poden establecer enlaces cruzados cos péptidos doutras cadeas [2].

O encima lisozima, que é un mecanismo de defensa contra as bacterias, é ineficaz contra as arqueas que teñen pseudopeptidoglicano, xa que non pode danar as súas paredes. A lisozima só pode romper os enlaces β(1-4) que ten o peptidoglicano, pero non os enlaces β(1-3) do pseudopeoptidoglicano.

O peptidoglicano só aparece nalgunhas arqueas. Outras arqueas non teñen nin pseudopeptidoglicano nin peptidoglicano, senón paredes formadas por diversos polisacáridos, glicoproteínas ou proteínas (ver capa S).

  1. White, David. (1995) The Physiology and Biochemistry of Prokaryotes, pages 6, 12-21. (Oxford: Oxford University Press). ISBN 0-19-508439-X.
  2. M. Madigan, J. Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hall. 10ª edición (2003). Páxinas 78-79. ISBN 84-205-3679-2

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]