[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Piñeiro do Paraná

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piñeiro do Paraná
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Araucariaceae
Xénero: Araucaria
Especie: A. angustifolia
Nome binomial
Araucaria angustifolia
(Bertol.) Kuntze, 1898
Sinonimia

Araucaria brasiliana Richard
Araucaria brasiliensis London
Colymbea angustifolia Bertoloni
Pinus dioica Vellozo

O piñeiro do Paraná ou araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), en guaraní: kuri'y, é unha especie arbórea pertencente á familia Araucariaceae, orixinaria da Rexión Sur do Brasil e da provincia arxentina de Misiones, aínda que tamén existe unha pequena poboación no Paraguai, no departamento do Alto Paraná e se dá espontaneamente na Serra dos Ríos, no nordés do Uruguai. Como todas as araucarias, é unha planta dioica, é dicir, presenta os xéneros masculino e feminino en pés distintos.

É símbolo do estado brasileiro do Paraná e a súa capital, a cidade de Curitiba, así como de São Carlos no estado de São Paulo, así como da cidade de San Pedro en Misiones, Arxentina.

En Galiza plántase coma ornamental, sendo común en xardíns urbanos e palacianos. Algúns exemplares acadan talles monumentais.

Orixe e taxonomía

[editar | editar a fonte]
Descrición anatómica de partes da Araucaria angustifolia por Siebold & Zuccarini, en Flora Japonica, 1870.
Detalle da disposición radial da copa.
Detalle do tronco, coa casca rugosa típica.

O xénero Araucaria formaba parte da flora terrestre xa no período Triásico e encontrou o seu apoxeo no Gondwana;[2] hoxe é restrinxido ao Hemisferio Sur e comprende 19 especies.[3] A especie Araucaria angustifolia orixinouse no inicio do período Xurásico, hai 200 millóns de anos, e a súa ocorrencia primitiva diverxe bastante da actual, sendo encontrados fósiles no nordés brasileiro.[3] A súa expansión para o sur é recente, ocorrendo durante o Plistoceno serodio e Holoceno inicial, posibelmente resultado dunha mudanza climática e de migracións de floras refuxiadas nos vales das serras a través dos cursos dos ríos.[4][5]

Foi descrita inicialmente como Columbea angustifolia por G. Bertolini en 1819; Araucaria brasiliana por A. Richard, en 1822. Hoxe a súa denominación oficial é Araucaria angustifolia (Bertol.) O. Kuntze 1898, e a súa descrición foi publicada na súa Revisio Generum Plantarum. O seu nome xenérico deriva da provincia de Arauco, unha rexión do Chile, e o seu nome específico é unha palabra latina que significa "folla estreita".[6] Pertence á orde Coniferae, clase Coniferopsida, familia Araucariaceae.[3] A especie Araucaria angustifolia ramifícase en 9 subespecies: elegans, sancti josephi, angustifolia, caiova, indehiscens, nigra, striata, semi-alba e alba.[3]

Popularmente é coñecida como piñeiro do Paraná ou araucaria brasileira (en portugués: "pinheiro-do-paraná, pinheiro-brasileiro, pinheiro-branco, pinheiro-chorão, curiúva, pinheiro-elegante, pinheiro-de-ponta-branca, pinheiro-preto, pinheiro-rajado, pinheiro-são-josé, pinheiro-macaco, pinheiro-caiová, pinheiro-das-missões") Os indios chamábana curí; no comercio internacional chámana Brazilian pine ou Paraná pine.[3][6][7][8]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Distribución da Araucaria angustifolia a mediados do s. XX.

Até case comezos do século XX case a totalidade do estado do Paraná estaba cuberto pola foresta de curí ou piñeiro do Paraná (agás unhas poucas zonas de matogueira chamadas campos), tamén gran parte de Santa Catarina estaba cuberta polo mesto piñeiral que se estendía polo terzo norte do estado de Rio Grande do Sul e por unha importante faixa meridional do estado de São Paulo, ao oeste gran parte das Misiones da Arxentina tamén posuían o mesto bosque de curí.

O nome da cidade de Curitiba (anteriormente escrito Curytiba e incluso Curytibá) quere dicir "bosque de curís". Esta especie está actualmente en perigo de extinción.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha conífera terrestre de solo seco, perennifolia, heliófita, usualmente dioica.[3] A súa forma é inconfundíbel, cun tronco columnar que pode chegar a 50m de altura e 2,5 m de diámetro, cunha casca rugosa e persistente de 15 cm de espesura, sustentando unha copa de simetría radial en candelabro ou umbela. Cando son novas, as árbores teñen unha copa en forma de cono.[3][9] Por regra, porén, non atinxe dimensións tan impoñentes, cunha altura que varía de 10 a 35m e diámetro do tronco entre 50 e 120 cm, cando adulta.[3]

A súa morfoloxía presenta variacións de acordo coas condicións do solo, competencia e dispoñibilidade de luz. O tronco é ortotrópico, monopodial e con crecemento rítmico indefinido. O padrón de ramificación é tamén rítmico e as pólas presentan un desenvolvemento siléptico. No adulto as pólas arránxanse en pseudoverticilos no tronco, sendo predominantemente plaxiotrópicos cunha tendencia ortotrópica dos ápices. As franzas arránxanse nas pólas en pares, máis ou menos no mesmo plano.[10] As follas, as acículas, son verde escuras, simples, alternas, espiraladas, lineares a lanceoladas, coriáceas, coa punta terminada nun espiño moi punxente, podendo chegar a 6 cm de longo por 1 cm de largura.[3][9]

A casca externa ten cor marrón arroxada, é persistente, áspera, rugosa, desprendéndose en lámina na parte superior do fuste; a casca interna é resinosa, de cor abrancazada rosada.[6] O sistema radicular depende do tipo de solo. Cando medra nos chamados ‘’latosolos’’ brasileiros (solos constituídos predominantemente por material mineral) a planta produce unha raíz axial (ou pivotante) de cerca de 1,8m de profundidade, mais medra como sistema fasciculado en ‘’litosolos’’ (rasos, rochosos, colocados inmediatamente sobre a rocha) ou solos moi húmidos, con crecemento lateral mais pronunciado.[11]

As flores femininas son estróbilos, coñecidos popularmente como piñas, e as masculinas son amentos ou conos cilíndricos con escamas coriáceas que protexen os sacos de pole, cunha lonxitude que varía de 10 a 22 cm e diámetro entre 2 e 5 cm.[3] As araucarias non teñen froitos verdadeiros, ou sexa, as súas sementes non están envolvidas por unha polpa.[12] Os pseudofroitos fican agrupados nas piñas que, maduras, asumen unha forma esférica, cun diámetro de cerca de 15 a 30 cm, e chegan a pesar 5 kg. As sementes, os piñóns, orixínanse en brácteas do amento feminino, desenvolvéndose a partir de óvulos nus; son de cor marrón, cónicas, aladas, con cerca de 5 cm de lonxitude, peso medio de 8,7g, ápice en espiño achatado e curvo; o seu tegumento coriáceo agocha un endosperma nutritivo, ou améndoa, rico en amidón e aminoácidos, que envolve os cotiledóns.[2][3][6]

Piñón do piñeiro do Paraná.

As súas sementes era importantes na alimentación dos indíxenas, e aínda hoxe en día son usadas en moitas receitas. Nas árbores caídas prospera un verme chamado koro que tamén é un excelente alimento para as poboacións autóctonas.

Árbores senlleiras en Galiza

[editar | editar a fonte]

Atopamos araucarias monumentais en moitos parques e arboredos de Galiza. O piñeiro do Paraná do Parque de Caldas de Reis en Caldas de Reis (Pontevedra) figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

  1. "Araucaria angustifolia". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Koehler, Alexandre Bernardi. Modelagem biométrica e morfometria em povoamentos jovens de Araucaria angustifolia (Bert.) Ktze., en Tijuca do Sul, Estado do Paraná Arquivado 24 de novembro de 2012 en Wayback Machine.. Curitiba: Universidade Federal do Paraná, 2009. p. 4. Tese de Posgraduación en Enxeñaría Florestal.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Angeli, Aline. Araucaria angustifolia (Araucaria) Arquivado 31 de xullo de 2013 en Wayback Machine.. Departamento de Ciências Florestais - ESALQ/USP, 2003. Disponível no site do Instituto de Pesquisas e Estudos Florestais, Piracicaba/SP
  4. Müller-Starck, Gerhard & Schubert, Roland. Genetic response of forest systems to changing environmental conditions. Springer, 2001. p. 94
  5. Registros históricos da Araucária - Entrevista com Hermann Behling Arquivado 29 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. Unisinos. Dispoñíbel en Amaivos, acceso o 24 feb 2011
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Carvalho, Paulo Ernani Ramalho; Medrado, Moacir José Sales & Hoeflich, Vitor Afonso. Cultivo do pinheiro-do-paraná Arquivado 31 de xullo de 2013 en Wayback Machine.. Embrapa Florestas, Sistemas de Produção, 7. Versão Eletrônica, Jan./2003
  7. Caribé, José (1991). Plantas que ajudam o homem: guia prático para a época atual (en portugués). Cultrix/Pensamento. 
  8. "Araucaria angustifolia (BERT.) O. KUNTZE. (FAMILIA". studylib.es (en castelán). Consultado o 2022-02-24. 
  9. 9,0 9,1 Mecke, Roland. Insetos do pinheiro brasileiro. EDIPUCRS, 2002. p. 12
  10. Koehler, 2009 p. 8
  11. Da Silva et alii, p. 66-67
  12. De Souza, Alexandre Fadigas. Araucária: A regeneração das populações da árvore-símbolo do sul do Brasil Arquivado 07 de maio de 2015 en Wayback Machine.. Ciência Hoje, vol. 44, nº 260, p. 41

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]