[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Panthera tigris sondaica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Panthera tigris sondaica

Tigre de Xava en 1938.
Estado de conservación

Extinto dende 1979[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Xénero: Panthera
Especie: P. tigris
Subespecie: P. t. sondaica
Temminck, 1844
Antiga área de distribución do tigre de Xava.
Antiga área de distribución do tigre de Xava.

Antiga área de distribución do tigre de Xava.

O tigre de Xava (Panthera tigris sondaica) é unha subespecie de tigre, hoxe extinta, que se atopaba orixinalmente na illa indonesia de Xava. De aspecto bastante semellante ao tigre de Sumatra (Panthera tigris sumatrae), diferenciábase deste pola súa pelame máis escura e raias negras máis finas, abundantes e apertadas. Algúns exemplares desta subespecie chegaban a ter máis de 100 raias, moitas máis que calquera outra subespecie de tigre, e tamén moito máis finas. Así mesmo, o pelo das fazulas dos tigres de Xava era máis longo que o dos demais tigres, e as raias dos flancos e as costas distribuíanse por parellas.

Coñécense fósiles de tigres primitivos en Xava (Panthera tigris trinilensis) de até 1,2 millóns de anos de antigüidade, pero os modernos tigres de Xava non descendían destes, senón que chegaron á illa a finais do Plistoceno ou principios do Holoceno, provenientes do norte. Foron abundantes até o século XIX, cando a poboación humana comezou a incrementarse en Xava e destruíu cada vez máis áreas de bosque para destinalas á agricultura. A esta perda de hábitat engadiuse a caza, o tráfico das súas peles e a diminución das presas potenciais do tigre, que ocasionou á súa vez un aumento da competencia por conseguir o que quedaba destas con outros depredadores da illa como leopardos e cans salvaxes.

En menos de 100 anos, o tigre de Xava pasou de ser considerado unha peste a un animal en perigo. Na década de 1950 a poboación total xa se reduciu a 20 ou 25 individuos dispersos por toda a illa, e en 1960 desapareceron mesmo do Parque Nacional de Ujung Kulon, famosa reserva natural de Xava que acolle aos últimos rinocerontes da illa. O último lugar onde persistiron os tigres foi unha remota área montañosa do sueste de Xava chamada Meru - Betiri, que foi protexida en 1972 (aínda que iso non lle salvou de padecer a talla e roturación ilegal). Ese ano produciuse o último avistamento confirmado na zona, e en 1979 localizáronse por última vez unhas pegadas que poderían corresponder a tres exemplares diferentes. Desde entón non hai evidencias fiables da existencia do tigre de Xava, a pesar de que se realizaron algúns supostos avistamentos desde 2008 a 2010, que probablemente corresponden en realidade a leopardos.[2][3][4]

En 2017 un equipo de investigadores pertencentes á UICN publicaron unha nova clasificación taxonómica da familia felidae na que só recoñecían a dúas subespecies de tigres a saber: O tigre de Asia continental (Panthera tigris tigris) o cal agrupa ao tigre de bengala, siberiano, de indochina, sur da China, malaio así como os extintos tigres do Caspio e os tigres da sonda (Panthera tigris sondaica) que agrupa ao tigre de Sumatra así como aos xa desaparecidos tigres de Xava e Balí, esta avaliación baséase nunha extensa revisión de publicacións recentes sobre a morfología do tigre e o seu filogeografía.[5]

Extinción

[editar | editar a fonte]

Foi abundante até o século XIX, cando se incrementou a poboación humana na Illa de Xava, que destruíu bosques para a agricultura, iniciou o seu caza e o tráfico de peles. Tamén diminuíron as súas presas e aumentou a competencia con leopardos e cans salvaxes. Pasou de ser considerado unha alimaña a un animal en perigo até a súa extinción en 1979.

  1. Jackson, P. & Nowell, K. (2008). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. DetikNews Nov 17, 2008: Pendaki Wanita Tewas dei Gunung Merbabu, Diduga Diterkam Harimau[1][1]
  3. JawaPos 24 Januari 2009: Harimau Teror Warga Ringin Agung[2]
  4. The Sydney Morning Herald (2010) Tiger rumours swirl below Indon volcano[3] The Sydney Morning Herald, 2 de novembro de 2010.
  5. http://www.catsg.org/fileadmin/filesharing/5.Cat_News/5.3._Special_Issues/5.3.10._SI_11/CN_Special_Issue_11_Revised_taxonomy_of_the_Felidae.pdf

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]