[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Países nórdicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Países escandinavos»)
Países nórdicos
Bandeiras dos cinco países nórdicos

O termo países nórdicos aplícase a cinco estados soberanos situados na Europa setentrional: Finlandia, Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.

A expresión países nórdicos é equivalente a Escandinavia, na acepción máis ampla deste último termo. O cal, en sentido propio, só corresponde aos estados da Península Escandinava: Noruega e Suecia. Sen prexuízo de que tamén se empregue para sinalar a todos os países nos que se falan linguas orixinarias da devandita península, como son Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.

Finlandia, aínda que non ten vencellos étnicos nin lingüísticos cos demais países denominados nórdicos, é considerada como un deles por cuestións de índole histórica (formou parte de Suecia durante oito séculos) e cultural.

Todas as bandeiras destes países teñen o mesmo deseño (a chamada Cruz escandinava), variando de cor en cada caso, o que reflicte a unidade histórica e cultural que posúen.

Adóitase usar como símbolo dos países nórdicos a imaxe de cinco cisnes voando na mesma dirección, cada un representando unha nación.

Os cinco países nórdicos conforman o Consello Nórdico (Nordiska rådet), organización interparlamentaria de cooperación, a cal inclúe ademais ás rexións autónomas das Illas Feroe, Groenlandia e Åland. É símbolo do consello, un cisne branco con oito ás sobre un círculo azul que á súa vez se atopa sobre un fondo branco.

Bandeiras

[editar | editar a fonte]

Todos os países nórdicos, incluíndo os territorios autónomos das illas Feroe e Åland, teñen unha bandeira semellante, baseada na Dannebrog, a bandeira dinamarquesa. Todas estas bandeiras teñen unha cruz descentrada, coa interacción máis preto do pau que do voo, e reciben o nome de «cruz nórdica».

Dinamarca Feroe Finlandia Islandia Noruega Suecia Åland

Groenlandia e o pobo saami adoptaron bandeiras sen a cruz nórdica, pero presentan un círculo descentrado situado no mesmo lugar que a cruz.

Groenlandia Laponia

Rexións vencelladas aos países nórdicos

[editar | editar a fonte]

Dende a súa independencia da Unión Soviética en 1991, Estonia presentouse como un país nórdico, de tal xeito que o actual presidente de Estonia, Toomas Hendrik Ilves, constantemente describe ao seu pais como "un país nórdico"[1]. Os estonianos considéranse un pobo nórdico, e non báltico[2][3] O pobo estoniano é étnica e lingüisticamente próximo ao finlandés e ademais comparte fortes vencellos culturais e históricos con Suecia e Dinamarca. A maioría dos investimentos e do comercio internacional de Estonia son cos países nórdicos.[4] No eido militar, Estonia é membro do Grupo de combate Nórdico da Unión Europea. Porén, o país é xeralmente considerado un dos países bálticos, malia que etnicamente se diferencie destes.

As illas Shetland e Orkney situadas no norte de Escocia tamén teñen fortes raíces cos países nórdicos. Estas illas foron colonias norueguesas durante máis de 500 anos ata 1472, e ata o día de hoxe manteñen intercambios culturais con Escandinavia. O deseño das bandeiras de Shetland e Orkney amosa os seus vencellos cos países nórdicos.

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 19 de marzo de 2008. 
  2. Publicación do Ministerio de relacións exteriores de Estonia Arquivado 25 de marzo de 2009 en Wayback Machine., 2004
  3. Publicación do Ministerio de relacións exteriores de Estonia Arquivado 07 de marzo de 2008 en Wayback Machine., 2002
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2007. Consultado o 19 de marzo de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]