[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Sergei Eisenstein

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaSergei Eisenstein

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ru) Сергей Михайлович Эйзенштейн Editar o valor en Wikidata
10 de xaneiro de 1898 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Riga (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Morte11 de febreiro de 1948 Editar o valor en Wikidata (50 anos)
Moscova (Unión Soviética) Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio Novodevichii Editar o valor en Wikidata
RelixiónAteísmo Editar o valor en Wikidata
EducaciónSaint-Petersburg State University of Architecture and Civil Engineering (en) Traducir (–1915) Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Unión Soviética Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndirector de cinema, director de fotografía, debuxante, fotógrafo, mestre, montador, guionista, inventor, realizador Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1924 Editar o valor en Wikidata - 1945 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorInstituto Gerasimov de Cinematografía Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoRealismo socialista e French Impressionist Cinema (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
AlumnosAleksandr Stolper (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
RepresentanteLight Cone Editar o valor en Wikidata
Participou en
24 de xuño de 1977Documenta 6 Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxePera Attacheva Editar o valor en Wikidata
PaiMihails Eizenšteins Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Эйзенштейн Сергей Михайлович)
Philip Cavendish: The Men with the Movie Camera. The Poetics of Visual Style in Soviet Avant-Garde Cinema of the 1920s (en) Traducir
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0001178 Allocine: 5260 Rottentomatoes: celebrity/sergei_eisenstein Allmovie: p88777
BNE: XX4721474 Discogs: 3858085 WikiTree: Эйзенштейн-1 Find a Grave: 8989895 Editar o valor en Wikidata

Sergei Mijailovich Eisenstein (en ruso Сергей Михайлович Эйзенштейн), nado en Riga, Letonia, o 23 de xaneiro de 1898 e finado o 11 de febreiro de 1948, foi un director de cine e teatro soviético. A súa innovadora técnica de montaxe serviu de inspiración a moitos cineastas actuais.

Biografía

[editar | editar a fonte]

Con 25 anos puxo fin á súa carreira teatral ó ver a artificiosidade do resultado na súa montaxe de Máscaras de gas, onde, segundo as súas propias palabras "o carro rompeu en pedazos e o condutor caeu de cabeza no escenario". Isto fixo que deixase o teatro e se centrase no medio que lle deu prestixio internacional, o cine.

Eisenstein foi un pioneiro do uso da edición no cine. Para Eisenstein a edición non era un simple método utilizado para enlazar escenas, senón un medio capaz de manipular as emocións da súa audiencia. Logo dunha longa investigación sobre o tema desenvolveu o que chamaría montaxe. As súas publicacións ó respecto serían logo de grande influencia para varios directores de Hollywood.

Eisenstein non utilizaba actores profesionais nas súas películas. A súa narrativa evitaba o individualismo, sendo dirixida a cuestións máis amplas da sociedade, especialmente a conflitos de clases. Os seus actores adoitaban ser persoas sen adestramento no campo dramático tomadas de ámbitos sociais adecuados para cada papel.

A súa principal mensaxe política baseouse na organización, a participación e a loita "como queiras, quero."

Os seus ideais comunistas conducírono en varias ocasións a conflitos con oficiais do réxime de Stalin. Stalin era consciente do poder do cine como medio de propaganda, e considerou a Eisenstein como unha figura controvertida. A súa popularidade acrecentouse máis tarde co éxito das súas películas, entre elas O acoirazado Potemkin (1925), considerada unha das mellores películas de tódolos tempos.

A súa etapa estadounidense

[editar | editar a fonte]

En 1928 inicia unha xira de dous anos por Europa (Berlín, Zürich, Londres e París) para aprender técnicas sobre o son no cinema e para facer chegar as obras soviéticas. En 1930 un directivo da Paramount Pictures viaxou ata París e convenceu a Eisenstein para asinar un contrato e rodar en Hollywood, onde chegaría a cobrar ata 900 dólares á semana. Foi recibido en Nova York como un xenio, pero pronto se dedicaría a dar conferencias nas Universidades de Columbia e Harvard. Pouco antes de marchar a Hollywood, estreouse nun cine de Arte e Ensaio de Nova York a súa película Staroye i novoye, e os directivos da Paramount Pictures puxéronse bastante nerviosos ó ver as súas ideas sobre a colectivización e o comunismo.

Ó entrar nos Estados Unidos de América tivo que xurar respecto á Constitución estadounidense, pero sufriu distintas presións para que non usase a súa gorra típica e non levase barba. Cando lle presentaron as diversas estrelas de Hollywood estivo distante, agás cando coñeceu a Charles Chaplin e a Coleen Moore.

O primeiro guión que escribiu para a Paramount, Sutter's Gold, baseado na obra de Jack London, foi rexeitado entre outros motivos porque o Maior Frank Pease, de tendencias fascistas, lanzou un panfleto titulado Eisenstein, o mensaxeiro do inferno en Hollywood e entre outras cousas chamábao can vermello e acusábao de tódalas barbaridades, fosen reais ou non, cometidas polos bolxeviques. A Paramount non quería renunciar aínda a Eisenstein e encargoulle outro guión, que se titularía An American Tragedy, adaptación dunha obra de Theodor Dreiser. Trataba sobre a xustiza americana nun xuízo por asasinato, e co que a produtora quedou encantada. O problema foi que o Comité Fish, antecesor do Comité de Actividades Antiamericanas, estaba actuando contra as actividades comunistas en California, e contra a idea de levar esa novela ó cine. Todo isto fixo que finalmente a Paramount rompese o seu contrato con Eisenstein.

Entre 1930 e 1932 Eisenstein visitou México, onde intentou producir unha nova película titulada ¡Qué viva México!. Nada máis chegar a México foron encarcerados tanto el como os seus dous axudantes de dirección, todos rusos, pero grazas á intervención dun amigo español, o panorama cambiou ata o punto de que o converteron en hóspede de honra. Chegou a rodar 60 000 metros de película, pero a produción parouse debido a que o novelista estadounidense Upton Sinclair deixou de patrocinar a película. Díxolle a Eisenstein que volvese a Moscova, a onde lle enviaría a película xa rodada, cousa que nunca ocorreu. Upton Sinclair terminou a película e estreou o resultado en 1933 baixo un título modificado: Thunder over Mexico. Sinclair acusou a Unión Soviética do fracaso do proxecto, e malia que puido ser así, é un punto aínda non aclarado.

De regreso á Unión Soviética

[editar | editar a fonte]

A visita de Eisenstein a Norteamérica converteuno en sospeitoso para Stalin, e esta sospeita xamais sería erradicada por completo da mente da elite stalinista. As seguintes dúas películas de Eisenstein serían censuradas por cuestións políticas, e foille asignado un supervisor oficial para vixialo durante a rodaxe de Alexandre Nevski, película moi popular entre os soviéticos, pola que se lle concedería a Orde de Lenin.

A súa película Ivan Grozniy, na que presentaba a Iván IV de Rusia como un heroe nacional, gañou a aprobación de Stalin xunto cun Premio Stalin, pero a súa secuela Ivan Grozniy, segunda parte non foi aprobada polo goberno. O traballo existente da película foi confiscado e destruído na súa maior parte, sobrevivindo só unha pequena parte do traballo orixinal.

Eisenstein sufriu unha terrible hemorraxia a causa dun infarto e morreu con 50 anos. Afírmase (sen que se poida comprobar) que científicos rusos preservaron o cerebro do cineasta, supostamente maior que un cerebro humano común. Está enterrado no Camposanto Novodevichy de Moscova.

Eisenstein estivo casado coa directora e escritora Pera Atasheva (1900-1965) entre 1934 e a súa morte en 1948. De todos os xeitos, varios biógrafos documentaron a súa vida como próxima á homosexualidade ou bisexualidade.[1]

Análise da súa obra

[editar | editar a fonte]

En 1925 puxo en práctica as súas teorías na súa primeira grande obra, Stachka (Стачка), se ben el mesmo considerou que fracasara á hora de facer fluír as emocións dos espectadores, e que era demasiado teatral. Incautouse da única copia que había da película, e non se puido volver distribuír ata despois da súa morte, se ben xa fora exhibida en Occidente, e obtivera o premio na Exposición Universal de París de 1925.

Será a súa seguinte película, O acoirazado Potemkin, a que dará a coñecer o seu nome en todo o mundo, sendo unha das películas sobre as que máis se escribiu en toda a historia do cine. Segundo Eisenstein, o guión da película, de Nina Agadzhánova-Shutkó, foi escrito para unha película en oito episodios, 1905, que se comezou a rodar en San Petersburgo e pensaba contar os sucesos da folga xeral dese ano. Tiveron que abandonar a rodaxe polo mal tempo, dirixíndose a Odesa a rodar o capítulo dedicado ó motín do Potemkin. O director decidiu entón centrar a película nese episodio, abandonando o proxecto de 1905.

Ó chegaren a Odesa, buscou os superviventes do masacre, e incluso localizou os debuxos dun francés que fora testemuña do ocorrido. Reescribiu o guión e realizou diversos intertítulos para dirixir a acción. Malia que os medios eran escasos, obtiveron resultados asombrosos grazas a unha serie de experimentos técnicos como pantallas proxectantes, fotografía desenfocada ou plataformas móbiles. Eisenstein monta a película con 1290 planos, combinados con xenial mestría mediante unha montaxe rítmica. Os movementos de cámara son escasísimos (só realiza algúns travellings) porque os considera innecesarios, xa que o movemento está determinado pola acción e pola montaxe. Destaca a escena da escalinata, con 170 planos, na que o pobo é brutalmente agredido polas forzas tsaristas, onde crea un tempo artificial, que fai que a secuencia dure case 6 minutos. Prescindirá de simbolismos intelectuais, e cunha espléndida fotografía, na que a masa se converte na auténtica protagonista da obra, acaba por ser considerada a primeira obra mestra do cine soviético.

Tras esta película fixo dous traballos máis, Oktyabr': Desyat' dney kotorye potryasli mir, onde narra os sucesos do asalto ó Pazo de Inverno durante a Revolución bolxevique de 1917, e Staroye i novoye, película sobre a reforma agraria. Desta última tivo que cambiar o guión en varias ocasións polos cambios na colectividade agraria na Unión Soviética. Nestas dúas obras volveu experimentar cunha nova linguaxe a través das imaxes, pero pola súa complexidade non chegaron a ser moi ben comprendidas na súa época. Ademais en Staroye i novoye a protagonista non é a masa, senón unha heroína individual, María Lápkina. O problema que tivo con Oktyabr' foi o atraso de ata cinco meses na estrea, porque en pleno proceso de posprodución decatouse de que Trotski caera en desgraza, polo que tivo que retirar os planos nos que aparecía.

Despois da experiencia por Europa e América, regresou profundamente deprimido á súa patria, onde tampouco puido culminar a súa seguinte rodaxe: Bezhin lug, traxedia campesiña, que será sabotada polo máximo responsable da cinematografía rusa, que a considera politicamente incorrecta. Entón, ó igual que fixera Vsevolod Pudovkin, refuxiouse no ensino e na elaboración da súa teoría sobre o emprego da cor e do son, que finalmente non logrou levar á práctica.

Dez anos despois da súa última obra dirixe Alexandre Nevski,[2] que conta as andanzas deste heroe nacional ruso, que derrotou os teutóns no século XIII. Nela volve facer gala da súa mestría para a montaxe. A protagonista volve ser unha soa persoa, non a masa, e desaparece o seu vigoroso estilo documental para ser substituído por unha delicada reconstrución da historia.

A comezos dos anos corenta proxectou unha ampla triloxía sobre a figura de Ivan Grozni, o tsar Iván o Terrible. Presenta o drama do tsar como a materialización das contradicións dun político crente, fiel e ortodoxo, que se ve obrigado a enfrontarse coa Igrexa rusa que non quere perder os seus privilexios feudais. A imaxe que presenta Eisenstein deste tsar torturado, que se cuestiona se o poder provén de Deus ou do pobo, desgusta os dirixentes comunistas soviéticos, e despois de recibir o Premio Stalin polo primeiro capítulo, a segunda e terceira parte, que pensaba rodalas en cor, son prohibidas. Eisenstein falece caído en desgraza.

Os seus ensaios literarios cinematográficos e os seus dotes como orador, tendo en conta que falaba alemán, inglés e francés, fixeron que exercese unha grande influencia sobre a teoría cinematográfica da época.

Características da súa obra

[editar | editar a fonte]
  • É fundamental a súa achega teórica, como a súa hipótese sobre "a montaxe de atraccións", onde postula o uso no cine de técnicas orixinarias do circo e do music-hall.
  • Repudia a montaxe clásica, tal como a concibe Griffith, e deriva as súas teorías sobre a montaxe do estudo dos ideogramas xaponeses, nos que dúas nocións xustapostas conforman unha terceira (Ollo + Auga = Choro; Porta + Orella = Escoitar; Boca + Can = Ladrar).
  • A montaxe é para el "unha idea que xorde da colisión de dúas pezas, independentes a unha da outra". Este método permítelle partir de elementos físicos representables para visualizar conceptos e ideas de complicada representación.
  • O movemento está determinado pola acción e pola montaxe.
  • O protagonista nas súas obras adoita ser a masa, o pobo.

Filmografía

[editar | editar a fonte]
  1. LaValley, Albert J.; Barry P. Scherr (2001). Eisenstein at 100: A Reconsideration. Rutgers University Press, 53. ISBN 0-8135-2971-9.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Eisenstein, Serguéi Miháilovich". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 752. ISBN 978-84-8288-942-9. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]