[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Northrop Grumman B-2 Spirit

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Northrop Grumman B-2 Spirit
Tipobombardeiro estratéxico furtivo
FabricanteNorthrop Corporation
Northrop Grumman
Primeiro voo17 de xullo de 1989
Introducidoabril de 1997
Estadoen servizo
Unidades construídas21

O Northrop Grumman B-2 Spirit (tamén coñecido como Stealth Bomber) é un bombardeiro estratéxico estadounidense, que conta con certas características furtivas, deseñado para penetrar defensas antiaéreas densas; é capaz de lanzar tanto armas convencionais como nucleares. O bombardeiro ten capacidade para dous tripulantes e pode cargar 18 bombas guiadas por GPS JDAM de 230 kg, ou 16 bombas nucleares B83 de 1.100 kg. O B-2 é o único avión que pode levar armas standoff aire-terra en configuración furtiva.

O seu desenvolvemento orixinal comezou co proxecto "Advanced Technology Bomber" (ATB) durante a administración Carter, e o seu rendemento foi un dos motivos da cancelación polo B-1 Lancer. O proxecto ATB continuou durante a administración Reagan, pero preocupacións polo atraso na súa introdución fixeron que tamén se rehabilitase o programa do B-1. O seu custo elevouse durante a fase de desenvolvemento. Deseñado e fabricado por de Northrop Grumman coa asistencia de Boeing, o custo de cada exemplar era de 737 millóns de dólares (en 1997). Os custos de adquisición de cada avión eleváronse a 929 millóns, o que incluía pezas de reposto, equipamento, reacondicionamento e soporte de software. O custo total do programa, contando desenvolvemento, enxeñería e probas, supuxo 2.100 millóns por unidade en 1997.

Debido ao investimento e aos custos operativos elevados, o proxecto foi controvertido no Congreso e no Estado Maior Conxunto dos Estados Unidos. A desaparición da guerra fría a finais dos anos 80 reduciu dramaticamente a necesidade do avión, que fora deseñado coa intención de penetrar o espazo aéreo soviético e atacar obxectivos de alto valor. Durante os últimos anos dos 80 e os primeiros do 90, o Congreso recortou os plans iniciais para mercar 132 bombardeiros a tan só 21. No ano 2008 un B-2 resultou destruído nun accidente pouco despois da súa engalaxe. Un total de 20 B-2 continúan en servizo na USAF.

Aínda que orixinalmente foi deseñado principalmente como bombardeiro nuclear, o B-2 foi usado en combate por vez primeira con armamento convencional en Serbia, durante a guerra de Kosovo en 1999, e continuou operando nas guerras de Iraq e Afganistán. Os B-2 foron tamén usados durante a guerra civil en Libia do 2011.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]