[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Muhammad Alí de Exipto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Muhammad Ali de Exipto»)
Modelo:BiografíaMuhammad Alí de Exipto

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ota) محمد علی پاشا Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ar) محمد علي المسعود بن إبراهيم آغا القوللي Editar o valor en Wikidata
4 de marzo de 1769 Editar o valor en Wikidata
Cavala (Imperio Otomán) Editar o valor en Wikidata
Morte2 de agosto de 1849 Editar o valor en Wikidata (80 anos)
Alexandría (Historia do Exipto otomán) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMuhammad Ali Mosque (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Beylerbey of Egypt (en) Traducir
1805 – 1848
← Hurshid Pasha (en) TraducirIbrahim Paxá (pt) Traducir → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónSunnismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPolítica e militar Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Imperio Otomán Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónlíder militar, journal editor (en) Traducir, xornalista, estadista, político, journal editor (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1784 Editar o valor en Wikidata - 1845 Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaDinastia Mehmet Ali (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeAmina Hanim
Ayn al-Hayat Khanum Editar o valor en Wikidata
FillosIbrahim Paxá
 ()
Tusun Pasha
 () Amina Hanim
Ismail Kamil Pasha
 () Editar o valor en Wikidata
ParentesIsmail Paxá, neto
Abbas I de Exipto, neto Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEncyclopædia Britannica
Obálky knih,
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
WikiTree: Muhammad_Ali-5

Muhammad[a] Ali Pasha al-Mas'ud ibn Agha (en turco otomán: محمد علی پاشا المسعود بن آغا; en árabe: محمد علي باشا / ALA-LC: Muḥammad ‘Alī Bāshā; en albanés: Mehmet Ali Pasha; en turco: Kavalalı Mehmet Ali Paşa;[2] nado en Kavala o 4 de marzo de 1769 e finado en Alexandría o 2 de agosto de 1849, foi un comandante otomán albanés que chegou ao rango de Pasha, e converteuse en valí, autodeclarado Khedive de Exipto e o Sudán coa aprobación temporal dos otománs. A pesar de non ser un nacionalista moderno, está considerado o fundador do Exipto moderno polas reformas no exército, na economía e nas esferas culturais que instituíu. Tamén gobernou sobre territorios orientais fóra de Exipto. A dinastía que instituíu gobernou o baixo e o alto Exipto e o Sudán ata a revolución exipcia de 1952 liderada por Muhammad Naguib e Gamal Abdel Nasser.

Mocidade e servizo no exército otomán

[editar | editar a fonte]

Probablemente naceu en Kavala (Grecia), no seo dunha familia albanesa orixinaria de Korçë.[3][4] Foi o segundo fillo dun comerciante de tabaco chamado Ibrahim Agha, quen tamén serviu como comandante do exército otomán dunha pequena unidade en Kavala.[5][6] A súa nai, chamada Zeynep, era a filla do "Ayan de Kavala" Çorbaci Husain Agha. Cando o seu pai morreu, sendo Muhammad aínda moi novo, o rapaz foi enviado a vivir xunto ao seu tio e curmáns. Como recompensa polo seu duro traballo, o seu tío deulle o rango de "Bolukbashi" para recadar os impostos da cidade de Kavala.[6]

Tras o éxito de Muhammad na tarefa de recadar impostos, ascendeu ao rango de segundo oficial baixo o liderado do seu curmán Sarechesme Halil Agha no continxente de mercenarios albaneses voluntarios en Kavala, que máis tarde sería enviado a reconquistar Exipto.[6] Pouco despois casou coa filla de Ali Agha, Emine Nosratli, unha adiñeirada viúva, que tamén era a súa curmá por parte de nai. En 1801 a súa unidade foi enviada, como parte do exército otomán, a reocupar Exipto tras a breve ocupación francesa de Napoleón Bonaparte, poñendo en risco a súa vida. A expedición militar chegou a Aboukir na primavera dese ano.[7] Un dos seus máis fieis comandantes foi Miralay Mustafa Bey, quen casara coa irmá de Muhammad, Zubayda, e foi o fundador da familia Yakan.[8]

Ascenso ao poder

[editar | editar a fonte]

En 1798, Napoleón Bonaparte chegara a Exipto, entón parte do Imperio Otomán, coa fin de cortar as rutas de comunicación británicas coa India. Os mamelucos, que controlaban Exipto, non conseguiron detelo e foron derrotados na batalla das Pirámides. Pouco despois, a frota francesa foi destruída polos británicos na batalla do Nilo, pero as tropas napoleónicas continuaban a controlar parte do país. Entón, o sultán otomán decidiu enviar tropas para socorrer os seus vasalos. Así, en 1801[7] Muhammad Alí foi enviado como segundo oficial dun corpo de apoio albanés con ordes de unirse ao exército anglo-turco que marchaba cara a Exipto. As tropas turcas non eran moi eficaces debido á diversidade de xentes que as compuñan, que facían imposible a súa organización. A situación agravouse cando as pagas se atrasaron. Algúns soldados amotináronse e desertaron para dedicarse á rapina. Ante isto, Muhammad tomou o mando de todo o exército turco, logrando expulsar os franceses tras a toma do Cairo en 1803.

Masacre de mamelucos no Cairo.

Trala derrota francesa, quedou en Exipto un baleiro de poder que aproveitou Muhammad. A principios de maio de 1805 o pobo do Cairo levantouse en armas contra o valí otomán Khurshid Bajá, as rúas da cidade convertéronse nun campo de batalla e Khurshid quedou cercado na cidadela. A noite do 12 ao 13 de maio Muhammad Alí foi elixido valí de Exipto polos ulemas do Cairo e a situación acougouse. En xullo a súa autoridade foi recoñecida polo sultán Selim III. Muhammad sabía que os mamelucos recobrarían o control en canto se recuperasen da derrota ante os franceses. Por iso, nos primeiros anos do seu mandato dedicouse a afianzar e estender o seu poder por todo o país. En 1811, acabou definitivamente cos seus opositores. Coa escusa de celebrar unha festa de investidura do seu fillo Tusun como xeneral dos exércitos de Arabia, convidou os príncipes mamelucos á súa residencia. Entón, ordenou aos seus homes que lles tendesen unha emboscada nunha ruela da cidadela. Vinte e catro príncipes e os seus catrocentos acompañantes foron masacrados. En 1812, confiscou todas as terras do alto Exipto (sur do país) que pertencían aos mamelucos.

Política exterior

[editar | editar a fonte]

Período de fidelidade ao sultán

[editar | editar a fonte]

Campaña de Hiyaz

[editar | editar a fonte]

En 1811 combateu a insurrección dos wahhabís no principio da guerra Otomá–Wahhabi, a petición do Imperio Otomán, o que lle permitiu estender a súa autoridade sobre o Hiyaz. Ao partir á guerra deixou o seu fillo Ibrahim Bajá no goberno. En 1815, mentres combatía as tribos rebeldes, recibiu informes sobre a fuxida de Napoleón da illa de Elba e sobre unha posible invasión otomá de Exipto. Esta difícil situación internacional podería facerlle perder o goberno do país, por iso partiu en canto puido cara ao Cairo. O 18 de xuño (día da batalla de Waterloo) chegou á capital. A campaña pasou entón a ser dirixida polo seu fillo Tusun. En 1816, Ibrahim substituíu o seu irmán (morto en combate) e en 1818 acabou definitivamente coa insurrección.

Esta campaña significou o control exipcio das Cidades Santas da Meca e Medina e da costa oriental do mar Vermello. Con iso Muhammad Alí converteuse en salvagarda da peregrinación e conseguiu zonas estratéxicas para controlar as rutas comerciais de Arabia. O exército que loitou en Hiyaz estaba composto principalmente polas tropas albanesas coas que Muhammad chegou a Exipto. Ao seu regreso causaron unha serie de incidentes violentos que obrigaron o valí a reformar o Exército.

Campaña do Sudán

[editar | editar a fonte]
A expansión exipcia no Sudán, Grecia e Arabia.

Desde 1820 a 1822, outro dos seus fillos, Ismail Kamil, dirixiu unha campaña de conquista do Sudán, unha terra rica en recursos, como o ouro e os escravos. En febreiro de 1820 conquistou o oasis de Siwa (actualmente en Exipto), unha zona de vital importancia para controlar as rutas das caravanas de mercadores. En xullo, a Nubia sudanesa caeu sen dificultade en mans exipcias. Así o reino de Sennar desapareceu e Badi VII foi obrigado a renunciar á coroa. A continuación, Muhammed Bey, un defterdar, foi enviado por Muhammad ao mando de 4500 homes e oito canóns para conquistar Kordofán. A resistencia foi feroz, pero a campaña tivo éxito grazas á supremacía do exército exipcio e ás armas de fogo.

En outubro de 1822, Ismail morreu en combate. Pouco despois, todo Sudán atopábase xa en mans exipcias. En 1823 Mehmet fundou a cidade de Khartún, onde en 1830 estableceu un gobernador exipcio. Pretendía usar Sudán como ponte para novas expedicións cara a Etiopía ou a fonte do Nilo, aínda que ao final quedou en proxecto. Durante esta campaña uníronse ao exército exipcio algúns campesiños procedentes dos recrutamentos forzosos para substituír os soldados albaneses que non conseguían adaptarse ás condicións climáticas da zona, chegando entón a haber entre 8500 e 9500 homes loitando no Sudán. Estas dúas primeiras campañas militares tiñan uns intereses económico-comerciais claros: o control das rutas comerciais, a obtención de materias primas e a apertura de novos mercados para os produtos exipcios.

Campaña de Morea

[editar | editar a fonte]

En 1824, o sultán otomán, Mahmut II, solicitou de novo a súa axuda, esta vez para combater aos rebeldes gregos, coa promesa de facerlle valín da Morea (actual Peloponeso). O seu fillo Ibrahim dirixiu novamente as tropas, compostas por 17 000 homes. Tamén enviou a Frota de Guerra Exipcia. Esta estaba constituída principalmente por buques que Muhammad encargara en estaleiros de Marsella, Toulon, Venecia, Trieste ou Livorno. O número total de barcos era de sesenta.

A mediados de maio de 1824 comezou a invasión de Creta. A continuación as tropas desembarcaron en Morea. Ante o avance exipcio, os gregos fuxiron ás montañas, onde comezaron unha guerra de guerrillas contra o invasor. O 15 de abril de 1825 o exército turco-exipcio comezou o sitio de Missolonghi, que se rendeu tras un longo asedio o 24 de abril de 1826. O 20 de outubro de 1827, a frota exipcia, combinada coa turca, sufriu unha gran derrota en Navarino fronte á coalición formada polo Reino Unido, Francia e Rusia, que loitaban a favor dos gregos para protexer os seus intereses no Mediterráneo. As potencias europeas obrigaron entón o Imperio Otomán a recoñecer a independencia grega. En 1828 os últimos soldados exipcios abandonaron Grecia.

Negociacións con Francia

[editar | editar a fonte]

En 1827, Francia comezou unha serie de negociacións con Muhammad coa fin de conseguir apoio bélico en Alxeria, Bernardino Drovetti, o cónsul francés (con grande influencia sobre Muhammad) pediu a intervención do exército exipcio en Trípoli, Tunisia e Alxeria para apoiar a ocupación francesa deste último país. Finalmente en 1829 as negociacións acabaron en fracaso. Muhammad rexeitou a proposta pola forte oposición dos gobernos otomán e británico, e porque xa tiña en mente unha campaña máis rendible para os seus plans: Siria.

Como proba de boa vontade, en 1829, Mehmet Ali ofreceu a Francia os dous obeliscos da entrada ao templo de Luxor. Un obelisco chegou a París en 1833, e tres anos máis tarde, en 1836, o rei Lois Filipe mandou erixilo no centro da praza da Concordia, onde se levantou unha guillotina durante a revolución. O outro obelisco quedou en Exipto por ser demasiado difícil e pesado para trasladalo a Francia coa tecnoloxía da época.

Período de desobediencia ao sultán

[editar | editar a fonte]

Primeira crise oriental

[editar | editar a fonte]

En 1831, Abdallah, valí de Acre, aceptou que 6000 campesiños, que fuxían do recrutamento forzoso, se refuxiasen no seu territorio. Así, coa escusa de capturar os desertores, Muhammad Alí entrou en conflito co sultán ao exceder a fronteira de Siria. O inicio desta nova campaña coincidiu coas necesidades de madeira e doutras materias primas para a construción de barcos. Muhammad enviou as súas tropas mandadas novamente polo seu fillo Ibrahim. O exército exipcio cruzou a fronteira con Siria e puxo sitio a Acre o 3 de novembro. A cidade caeu o 27 de maio de 1832. O exército vitorioso seguiu a súa marcha cara a Anatolia. O 21 de decembro en Konya o exército otomán foi derrotado. Tras esta batalla, Ibrahim tiña o camiño libre ata a capital, Constantinopla. Ante a ameaza do avance, os turcos aceptaron a axuda que lles ofrecía Rusia para mediar no conflito. Así asinouse o tratado de Unkiar Skelessi en Kütahya en 1833. As condicións de paz eran: retirada das tropas exipcias de Anatolia, Exipto anexionaríase Acre, Damasco, Alepo e Adana e recibiría Candía (Creta) e o Hiyaz como compensación de guerra e Ibrahim Bajá converteríase en gobernador (valí) de Siria.

Ao acceder ao goberno en Siria, Ibrahim comezou unha serie de reformas para modernizar o país coa instalación en Acre do goberno militar exipcio e a proclamación da igualdade de culto e de relixión. En 1835 o prelado apostólico de Siria declarou: Lonxe de ter queixas do trato que reciben os cristiáns, debemos felicitarnos pola tolerancia que se lles brinda e O xeneralísimo exipcio confía aos cristiáns os postos máis importantes. Autorízaselles a montar de a cabalo, a levar turbante branco, privilexio exclusivo dos musulmáns.

Autorízase aos cristiáns a realizar negocios comerciais nas mesmas condicións que os musulmanes e refórmase a agricultura (fundou o Crédito Agrícola, fomentou o cultivo do tabaco, multiplicou a plantación da moreira e plantáronse 260 000 cepas de vide importadas de Bordeos). A industria siria, sobre todo a do algodón, viviu tamén un gran florecemento competindo co algodón indio. Tamén mellorou o porto de Sidón. O comercio inglés e francés non foi molestado, mais advertíuselles aos seus cónsules que estes debían adaptarse ás leis do país. Esta paz era humillante para os turcos, xa que perdían unha gran cantidade de terreo a mans de quen fora o seu vasalo.

Segunda Crise Oriental

[editar | editar a fonte]

En 1838 Mehmet Alí anunciou o seu desexo de conseguir a independencia do Imperio Otomán e converter Exipto nun reino hereditario. Este anuncio provocou unha segunda crise nas tensas relacións entre o sultán e o seu vasalo. A situación pareceu acougarse, mais ese mesmo ano, o goberno otomán e o británico asinaron o tratado de Balta Liman, que obrigaba a abolir os monopolios en todas as provincias do Imperio, Exipto incluído, e impuña novas tarifas aduaneiras altísimas. Estas medidas, especialmente a segunda, afectaron moito á economía exipcia e baleiraron as súas arcas. Exipto negouse a aceptar o tratado, o cal provocou unha nova guerra turco-exipcia.

O exército otomán foi derrotado en Nísibis, preto de Urfa, o 24 de xuño de 1839. De novo quedaba libre o camiño ata Constantinopla, mais esta vez, Muhammad prohibiu ao seu fillo Ibrahim continuar a marcha. Ante esta situación, Gran Bretaña, Rusia, Austria e Prusia, que vían temerosas o aumento do poder exipcio, apoiaron a causa otomá. Só Francia apoiaba a Exipto. As potencias aliadas esixían que Muhammad se retirase da rexión interior de Siria e do actual Líbano, a cambio de conservar Acre e o dereito a transmitir o trono aos seus descendentes, baixo ameaza de intervir. Muhammad non aceptou as condicións e proseguiu a loita. A reacción das potencias aliadas non se fixo agardar: naves británicas e austríacas bloquearon a saída do Nilo ao Mediterráneo, os británicos cortaron as vías de comunicación de Exipto con Siria e deixaron o esgotado exército exipcio sen reforzos, o 11 de setembro de 1840 Beirut foi bombardeada e o 3 de novembro Acre capitulou. Ante tales acontecementos, Francia rompeu a súa alianza con Exipto. A guerra estaba perdida. O 27 do mesmo mes, Muhammad aceptou as condicións que lle impuxeran, renunciando ademais a Creta e a Hiyaz. Ademais, a partir de entón Exipto quedaba sen Armada e o exército non podería superar os 18 000 efectivos. No único que saía gañando Muhammad era en que podería transmitir os seus dereitos sobre Exipto aos seus descendentes, que gobernarían Exipto ata o derrocamento do rei Fuad II en 1953.

Política interior

[editar | editar a fonte]
Muhammad Alí (1769 - 1849).

Ademais dos seus grandes logros en política exterior, a súa achega ao reino foi importantísima, xa que se atopou cun país atrasado e falto de infraestruturas. En canto afianzou o seu goberno, comezou unha serie de reformas na administración do país, modernizou e reorganizou o exército, potenciou a agricultura, construíu canles e presas e impulsou o comercio e a industria. Así mesmo, mellorou o sistema educativo e construíu escolas. Por todo iso é considerado o fundador do Exipto moderno.

Reforma agraria

[editar | editar a fonte]

As primeiras medidas que tomou tiñan como fin reestruturar o sistema de posesión das terras. En 1809, ordenou a tasación das terras waqf (propiedades de carácter relixioso), ata entón exentas, e a confiscación ese mesmo ano da metade dos beneficios obtidos polos multazim (aqueles que gozaban do dereito da libre explotación de determinadas propiedades rurais ou urbanas).

En 1814, confiscou as terras do baixo Exipto dos multazim. A cambio deulles unha suma de diñeiro equivalente á porcentaxe de beneficios que obtiñan por elas. Esta compensación non a recibiron os multazim do alto Exipto, xa que a maioría eran mamelucos. Unha vez feito isto, Muhammad fixo dividir os terreos en parcelas e distribuílas entre os campesiños exipcios. Non obstante, a administración directa de gran parte das terras cultivables quedou en mans do Estado.

Gran parte das terras waqf correron a mesma sorte que as terras dos multazim. Os beneficios destes campos eran teoricamente utilizados para o financiamento de institucións e actividades relixiosas. Aqueles propietarios que non puideron demostrar os seus dereitos de explotación sobre devanditas propiedades, perdéronas en beneficio do Estado. Segundo o historiador e ulema Abdalrahman Al-Yabarti:

Un quinto das terras cultivables do país convertéronse de forma ilegal en waqf.

Para un mellor control sobre as terras e a súa administración, ordenou realizar un catastro das propiedades do país. O catastro do baixo Exipto estaba listo en 1814, pero ata 1820 non se completou o do alto Exipto. As terras dividíronse en categorías de tasación e a maioría delas quedaban rexistradas a nome das vilas e aldeas circundantes.

Reforma da administración

[editar | editar a fonte]

En 1814, levou a cabo a reestruturación da división territorial administrativa. Establecéronse trece gobernacións, divididas en departamentos, e estableceuse un sistema xerarquizado de gobernadores provinciais e oficiais de departamentos co fin de lograr un maior control da produción agrícola. Máis tarde, esta división territorial foi modificada en diversas ocasións. Entre 1830 e 1834, levou a cabo a definitiva reestruturación: o país quedaba dividido en dez provincias, divididas á súa vez en distritos e estes, en subdistritos. Cada provincia era asignada a un oficial gobernamental que dependía directamente do valí.

A administración central

[editar | editar a fonte]
Muhammad Alí recibe o cónsul británico en Alexandría, o 16 de maio de 1839, debuxo do pintor escocés David Roberts, quen participou na reunión.

A administración central controlaba de forma directa a gran maioría dos asuntos do país. O gabinete do vicerreinado tomaba as decisións últimas, tanto administrativas como militares, a través de "ordes vicerreinais" (unha mestura de decreto lei e real decreto). A través del, o valí exercía o seu control sobre todos os asuntos do país, supervisaba as contas e designaba os oficiais gobernamentais (e xulgábaos se for necesario). Os membros do gabinete eran seleccionados coidadosamente e controlábase a súa formación continua. Outros corpos administrativos centrais eran os departamentos ministeriais (diwan), encargados da xestión administrativa cotiá e os consellos (maŷlis), encargados das funcións xudiciais e disciplinarias, aínda que as decisións destes corpos moitas veces eran substituídas polas do gabinete do vicerreinado de Muhammad.

En 1837, reestruturouse a administración central, abolíronse os consellos e repartíronse as súas obrigas entre os departamentos ministeriais. A nova administración quedou así constituída:

  • Gabinete do vicerreinado: as súas funcións non variaron.
  • Departamento de asuntos civís (Diwan ao-Jidiwi): tiña ao seu cargo o servizo postal, os pasaportes, o censo de poboación, as obras públicas, as institucións relixiosas, o arsenal, os hospitais, os consellos de comercio e os xulgados.
  • Departamento de educación (Diwan ao-Madaris): tiña ao seu cargo as escolas, as imprentas e o telégrafo.
  • Departamento de guerra (Diwan ao-Yihandiya): encargado do exército e a defensa do país.
  • Departamento de mariña: encargado da construción e mantemento dos barcos de guerra.
  • Departamento de asuntos exteriores: encargado das relacións coas potencias, o comercio e o sistema de alfándegas.
  • Departamento de finanzas: encargado do orzamento e o cobro de impostos.
  • Departamento de industria: encargado da construción e abastecemento das fábricas.
  • Departamento de obras públicas e instrución pública: encargado da construción e mantemento de canles, presas etc.

Durante os primeiros anos de goberno de Muhammad, os funcionarios otománs foron gradualmente substituídos por oficiais da contorna do valí.

Reforma do exército

[editar | editar a fonte]

Muhammad Alí comprendeu que para conservar o poder era prioritario posuír unhas tropas numerosas coas que manter a orde e defender o país e reformar o exército, para incrementar a súa eficacia. Para iso levou a Exipto o modelo europeo. Os primeiros oficiais estranxeiros que chegaron foran italianos.

En 1816, abriuse no Cairo a primeira escola militar de Exipto. Alí, mozos mamelucos ao servizo persoal do valí aprendían o Corán, linguas (turco, persa e italiano), realizaban exercicios físicos e equitación, aprendían tácticas militares, e o uso das armas. En 1820, estableceuse o primeiro campamento de formación militar no alto Exipto baixo as ordes dun militar francés, o «coronel» Joseph Sève.[9] Alí adestrou un rexemento de antigos mamelucos e algúns escravos do Sudán. Os bos resultados de Sève influíron en Muhammad, que a partir de entón comezou a substituír os instrutores italianos por franceses.

Coronel Sève.

O núcleo central do exército exipcio estaba formado polas tropas albanesas coas que Muhammad chegara a Exipto, ás que se uniron algunhas tropas turcas e mamelucas, algúns tunisianos e alxerianos e auxiliares beduínos. O exército non estaba correctamente xerarquizado, os soldados obedecían só aos seus propios oficiais, dos que cobraban directamente, e cada grupo posuía o seu propio estilo. Debido á súa experiencia nas filas otomás, sabía que este tipo de formación non sería unha forza fiable a longo prazo. Muhammad quería un exército de soldados regulares e disciplinados dependentes dunha soa liña de mando. Tamén quería dotalos con armas modernas e artillaría. Os homes que tiña dispoñibles para a loita non eran suficientes para os seus plans de expansión.[10] Por iso, tivo que adoptar o modelo de recrutamento forzoso de Napoleón. Esta decisión foi moi meditada e adoptouse no último momento, xa que Muhammad non estaba de acordo con iso, pero non vía outra solución.[11] Aínda que en 1820 algúns campesiños xa foran recrutados para a campaña do Sudán, foi en 1823 cando comezou a porse en práctica con asiduidade. O rexeitamento a este sistema foi xeneralizado e provocou graves disturbios entre a poboación.

Convencido da eficacia do novo exército, disolveu todos os vellos rexementos de albaneses e de mamelucos. Para dirixir as novas tropas necesitábanse oficiais formados nas novas manobras militares. Por iso, construíronse numerosas escolas militares en distintos puntos de Exipto. Nelas, profesores turcos e europeos impartían tácticas militares, linguas, música e uso de armas e artillaría. As campañas militares serviron de campo de probas do novo exército. Os impresionantes resultados serviron para seguir a impulsar as reformas emprendidas. Creouse un novo corpo de cabalaría ao estilo europeo e unha armada de construción propia.

Reforma da agricultura

[editar | editar a fonte]
Ibrahim Bajá, Mehmet Alí e Sève. Lenda da pirámide:"L'Egypte au XIX siècle / Mehemet Ali est un grand homme / Ibrahim un héros!" ("Exipto no século XIX / Muhammad Alí é un grande home / Ibrahim un heroe!").

Os tratados comerciais que o Imperio Otomán asinara coas potencias occidentais, permitían a libre circulación dos produtos europeos en todas as provincias otomás, incluído Exipto. Esta política arruinaba o comercio exipcio, que non podía competir cos produtos estranxeiros. En 1808, Exipto asinou un acordo co goberno británico polo que se comprometía a vender grandes cantidades de gran a Gran Bretaña para paliar a escaseza de víveres provocada polas guerras napoleónicas. Grazas a iso, Muhammad deuse conta das posibilidades de controlar a produción e o comercio. Isto levou a un sistema extremadamente proteccionista e a monopolizar a produción e a venda de todos os produtos exipcios. En 1811, prohibiu o comercio privado de gran do alto Exipto. En 1812, fixo o mesmo co arroz do baixo Exipto e, en 1815, co azucre do sur. Finalmente, en 1816, pasou a controlar o resto de cultivos.

En 1821, empezouse a cultivar a grande escala o algodón de fibra longa: delimitáronse grandes terreos para o seu cultivo no fértil delta e distribuíronse sementes entre as aldeas. Tamén se concederon créditos aos campesiños para comprar o que necesitasen, que serían devoltos descontándoos do diñeiro que pagaba o Estado pola colleita. O algodón era un cultivo de verán,[12] o que obrigou a mellorar as obras hidráulicas e construír outras novas. Coas novas construcións apareceron novos cultivos de verán como o azucre, o índigo, o opio e o arroz, que achegaron grandes beneficios ao país. Coa introdución do algodón de fibra longa a grande escala, os campesiños comezaron a traballar a maior parte do ano, como resultado do novo sistema de rotación de cultivos, e nos períodos de nula actividade agrícola debían traballar no mantemento e construción de obras hidráulicas. Por outra banda, as mulleres e os nenos comezaban a verse nos campos, xa que se incorporaron aos labores agrícolas durante a recolección do algodón. A produción de cultivos de inverno, como os cereais, tamén creceu considerablemente.

Para levar a cabo as reformas e a introdución dos novos cultivos, Muhammad levou a Exipto expertos granxeiros estranxeiros, como franceses para os cultivos de algodón e cáñamo ou armenios para o opio. Do mesmo xeito que ocorreu co exército, o éxito inicial das reformas da agricultura animaron a Muhammad a continuar coa monopolización de cultivos. Así, tocoulle a quenda ao trigo, ao arroz, ao sésamo, aos legumes ou ao índigo.

Industrialización do país

[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que coa agricultura, Mehmet implantou un réxime proteccionista que controlaba todo o proceso industrial, dende a contratación de obreiros á distribución do produto. A finalidade desta política era conseguir que Exipto fose autosuficiente. A industria exipcia era practicamente medieval e consistía nuns poucos obradoiros artesanais cuxos obreiros se agrupaban en gremios á maneira feudal.

As primeiras fábricas apareceron en 1815 coa creación dalgunhas industrias militares, como as dedicadas á fabricación de armas ou pólvora. En 1816 creouse no Cairo a primeira fábrica téxtil. Deste xeito, este sector converteuse no campo de probas das reformas industriais. Ese mesmo ano comezou a monopolización da produción téxtil, pechando os talleres existentes e facendo que os traballadores pasasen á nova fábrica estatal, á vez que se prohibía a actividade privada no sector. Muhammad comprou modernas máquinas europeas e convidou expertos para que o axudasen. Ante a escaseza de obreiros, recorreuse ao recrutamento forzoso de campesiños.

Posteriormente comezou a fabricación doutros produtos como o índigo e outras tinguiduras, fariña, aceite ou vidro. O algodón de fibra longa, do mesmo xeito que pasara coa agricultura, tamén revolucionou a industria. Ata 1828 construíronse trinta e cinco fábricas algodoneras téxtiles, que procesaban anualmente de 3000 a 4000 toneladas de algodón. En 1822, construíuse unha fábrica de vidro en Alexandría. Cinco anos máis tarde construíuse en Rosetta unha fábrica para tratar o arroz. Tamén se construíron tres refinarías de azucre e varias fábricas para elaborar fariña, aceite ou tinguiduras. Tamén foi destacable a fábrica de papel do Cairo, creada en 1831.

Debido á decisión de Muhammad de ter unha frota construída en Exipto, a industria siderúrxica tamén floreceu. O estaleiro estableceuse en Alexandría baixo a supervisión dun enxeñeiro francés, quen o converteu no complexo industrial máis importante do país. En só tres anos construíronse vinte e seis modernos buques de guerra, o que a converteu nunha das sete frotas máis poderosas da época.

Obras públicas

[editar | editar a fonte]

Obras hidráulicas

[editar | editar a fonte]

Os cultivos de verán propiciaron a aparición de novas obras hidráulicas. Ademais de noras tradicionais, comezaron a construírse canles, diques e presas. Uns 400 000 campesiños traballaban cada ano na construción de todas estas obras, polo que recibían unha pequena cantidade de diñeiro.

O primeiro gran proxecto foi a reconstrución da canle Mahmudiya, entre 1817 e 1819, co fin de permitir o transporte rápido de mercadorías desde o Nilo ata Alexandría. En 1833, Linant de Bellefonds, un enxeñeiro francés, reorganizou o sistema de obras públicas. Estableceuse unha asemblea anual de enxeñeiros para decidir as obras que levarían a cabo no ano seguinte, e como debían construírse. En 1835, creouse para tal efecto, un corpo de enxeñeiros especializados na irrigación e un consello xeral de obras públicas.

Co fin de crear grandes extensións de terreo dedicados aos cultivos de verán, iniciouse en 1834 o gran proxecto da presa do Delta. Ás obras chegaron máis de 40 000 traballadores, os alumnos da escola de enxeñaría e modernas máquinas e ferramentas construídas no complexo industrial de Alexandría. O proxecto foi un fracaso, as enfermidades que afectaron aos traballadores e a segunda campaña de Siria prolongaron a construción ata 1861. Porén, isto non significou o seu funcionamento, xa que a obra presentou graves defectos na súa estrutura. Este foi o único fracaso de todos os proxectos de Muhammad, que conseguiu a construción de 41 encoros, 32 canles e 10 diques, ademais doutras construcións menores. Todo iso proporcionou máis de 1 420 000 hectáreas de novas terras cultivables.

Transporte e telecomunicacións

[editar | editar a fonte]

O transporte, fundamental para o comercio, tamén tivo un gran desenvolvemento durante o goberno de Muhammad. En 1845, fundou unha compañía de navegación a vapor que unía Alexandría con Constantinopla. Entre 1821 e 1826, instalouse unha liña telegráfica entre O Cairo e Alexandría e en 1841 outra entre Suez e O Cairo.

Reforma da educación

[editar | editar a fonte]

Muhammad sabía que se quería que Exipto fose un país independente e autosuficiente, non podería servirse sempre dos servizos de profesionais europeos para levar a cabo os seus proxectos. Por iso, fronte ao ensino tradicional, impartido polos imáns, creou novas institucións educativas como a Escola de Enxeñaría e Agrimensura (1821), a Escola Naval (1824), a Escola de Estado Maior (1825), a Escola de Medicina (1826), a Escola de Veterinaria (1827), a Escola de Comadroas (1831), a Escola de Artillaría (1831), a Escola de Enxeñaría ou Escola Politécnica (1834) ou a Escola de Linguas e Tradución (1837), entre outras. Cada unha delas era dirixida por un membro da elite exipcio-otomá e no seu persoal había tantos profesores otománs como europeos (aínda que terminarían sendo substituídos polos exipcios formados en Europa). A Escola de Medicina foi a primeira escola superior exipcia en ter un alumnado integramente árabe-exipcio.

As clases das escolas militares impartíanse en turco, xa que a maioría do alumnado era otomán-exipcio. Pola contra, as escolas “civís” empregaban o árabe. Agás na Escola de Linguas e Tradución, as clases non se impartían en linguas estranxeiras, o que provocaría algún problema cos profesores europeos. Os exalumnos destas escolas pasaron a formar parte activa nas reformas do país. Moitos foron parar á administración central, outros ao exército, como enxeñeiros aos proxectos de construción etc.

Na década de 1810, Mehmet mandou instalar unha imprenta gobernamental no Cairo en substitución da que montaran os franceses, devolta a Francia. Pero foi en 1822, coa instalación dunha nova en Bulaq, cando comezaron a publicarse decenas de libros en árabe, tantos, que esta lingua desbancou o turco como idioma difusor da ciencia. Posteriormente instaláronse outras, entre as que destacou a da Escola de Medicina, onde se imprimiron importantes obras científicas. Ata 1849 traducíronse ou compuxéronse en árabe 52 obras para esta escola.

Dende 1822 ata 1845 publicáronse en Exipto 430 obras, das que 221 estaban escritas en turco, 198 en árabe, 10 en persa (o idioma culto no Imperio Otomán) e un dicionario italiano-árabe. Tamén é destacable a publicación, en 1845, dunha obra de medicina popular para as comadroas e os cirurxiáns-barbeiros, cuxa tirada alcanzou os 10 000 exemplares. A maior parte destas publicacións trataban sobre temas militares ou navais, seguidas polas obras de medicina e veterinaria e pola historia natural, a física ou a química.

Dende a publicación en 1798 de Le Courrier de l'Égypte (do que o propio Napoleón Bonaparte era o redactor-xefe), todos os xornais de Exipto escribíanse en francés. Pero en 1828 comezou a publicarse a gaceta oficial al-Waqai al-Misriya, o primeiro en árabe e turco. Porén, isto non significou a desaparición das publicacións en francés, xa que era un idioma culto. Desta época son: L'Echo des Pyramides (1827) ou Le Moniteur Egyptien (1833).

Últimos anos

[editar | editar a fonte]
Mesquita de Muhammad Alí.

O sistema extremadamente proteccionista do valí sobreviviu algúns anos, mais a desastrosa segunda campaña de Siria levouno practicamente á destrución. En 1837, as graves epidemias e unha crise financeira internacional foron un duro golpe para o país. Os ingresos baixaron e o goberno tivo que tomar medidas. O Estado vendeu terras aos que se comprometesen a pagar puntualmente por elas e a contratar campesiños para traballalas. Tamén se eliminaron moitas barreiras proteccionistas.

En 1840, coa firma do tratado de paz co Imperio Otomán, Exipto perdeu extensos territorios, diñeiro, fábricas, materias primas e, o máis importante, persoas. As fábricas xa non funcionaban a pleno rendemento. Ademais, coa obrigada redución do exército, as súas necesidades de armas, munición e alimentos xa non eran tan grandes, o que tamén repercutiu na industria. Por todo iso, aínda que a maior parte da industria continuou, o seu ritmo de produción e a súa calidade empeoraron. Así, as reformas de Muhammad e todas as institucións que creou resentíronse pola falta de diñeiro. As medidas que tomou Mehmet conseguiron que Exipto non dependese tanto das potencias estranxeiras, porque sabía que un control excesivo doutros países, acabarían por arruinar Exipto e convertelo de novo en parte dun imperio (como ocorreu máis tarde).

Muhammad Alí gobernou ata que llo permitiu a saúde. En 1848, abdicou en favor do seu fillo Ibrahim por mor da súa senilidade. Non obstane, Muhammad sobreviviu ao seu fillo, xa que este, moi enfermo, morreu apenas uns meses despois. Muhammad faleceu aos oitenta anos de idade en Alexandría o 2 de agosto de 1849 e foi enterrado na mesquita de Muhammad Alí do Cairo, mandada construír por el en 1830.

  1. Fahmy, Khalid (1998). All the Pasha's Men: Mehmed Ali, his Army and the Making of Modern Egypt. Cambridge University Press. 
  2. Blackwood's Edinburgh Magazine xaneiro–xuño 1841 (indexado por Google Books)
  3. Gibb, Sir Hamilton (1954). The Encyclopaedia of Islam. Brill. p. 266. 
  4. Kiel, Machiel (1990). Ottoman architecture in Albania, 1385-1912. Research Centre for Islamic History, Art and Culture. 
  5. Kia, Mehrdad (2017). The Ottoman Empire: A Historical Encyclopedia [2 volumes] (en inglés). ABC-CLIO. p. 87. ISBN 9781610693899. O seu pai...era o comandante dunha pequena unidade do exército que servía ao gobernador de Kavala 
  6. 6,0 6,1 6,2 Robert Elsie (2012). A Biographical Dictionary of Albanian History. I.B.Tauris. p. 303. ISBN 9781780764313. 
  7. 7,0 7,1 Cleveland, William L, A History of the Modern Middle East, (Boulder: Westview Press, 2009), 65–66
  8. Terri DeYoung (2015). Mahmud Sami al-Barudi: Reconfiguring Society and the Self. Syracuse University Press. p. 161. ISBN 978-0-8156-5315-8. 
  9. En realidade, tan só conseguira o grao de tenente, ou segundo algúns de capitán, no exército francés.
  10. En total estaba composto, na época da campaña de Hiyaz, por uns dez mil homes.
  11. Antes desta decisión, existen ordes de Mehmet de 1814 en que prohibía o recrutamento de campesiños.
  12. Nas beiras do Nilo podíanse cultivar produtos de inverno, que se sementaban trla crecida do río (agosto-novembro), aproveitábanse dela para regarse, e recollíanse en primavera; ou os produtos de verán, que se sementaban antes da crecida do Nilo e precisaban obras hidráulicas para o seu rego.
  1. A ortografía do nome de Muhammad Alí en árabe: محمد (Muhammad). Este é o nome polo que era coñecido nos asuntos exipcios, e o nome empregado entre os estudosos históricos exipcios e árabes. Non obstante, dado o status orixinal como comandante no exército otomán, o seu nome aparece tamén como Mehmed, ou Mehmet en albanés. Tipicamente, os historiadores que puñan o acento no carácter exipcio do seu dominio optan por "Muhammad", mentres os que destacan a orixe otomá escollen "Mehmed" ou "Mehmet". Esta distinción ocorre no alfabeto latino, mais non no árabe.[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • "Nueva Geografía Universal". M. Luís Grègoire (1883)
  • "Diccionario Enciclopédico Abreviado". Editorial Espasa-Calpe (1957)
  • "Historia Universal". Editorial Salvat (2004)
  • "La Enciclopedia". Editorial Salvat (2003)
  • Merveilles biographiques et historiques ou chroniques du Cheih Abd al Rahman al Djabarti. Abdalrahman al-Yabarti (1888)
  • Voyage en Égypte et en Nubie. J.J. Ampére (1868)
  • An Introduction to the History of Education in Modern Egypt. J.Heyworth-Dunne (1968)
  • The Social Origins of Egyptian Expansionism during the Muhammad Ali Period. Fred H.Lawson (1989)
  • Egypt in the Reign of Muhammad Ali. Afaf Lutfi al-Sayyid Marsot (1984)
  • All The Pasha's Men: Mehmed Ali, his army and the making of modern Egypt. Fahmy, Khaled (1997).
  • The era of Muhammad Ali Pasha, 1805-1848. Fahmy, Khaled (1998).
  • The History of Modern Egypt: From Muhammad Ali to Mubarak. Vatikiotis, P.J. (1991). Baltimore: The Johns Hopkins University Press.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]