[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Mergullón cincento

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mergullón cincento

Ofrecer plantas acuáticas forma parte da exhibición de cortexo nesta especie
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Podicipediformes
Familia: Podicipedidae
Xénero: Podiceps
Especie: Podiceps grisegena
(Boddaert, 1783)
Distribución de P. grisegena      Área de reprodución     Área de invernada
Distribución de P. grisegena      Área de reprodución     Área de invernada

Distribución de P. grisegena      Área de reprodución     Área de invernada
Sinonimia

Podiceps griseigena (Lapsus)

O mergullón cincento[2][3][4] ou mergullón cinsento[5] (Podiceps grisegena) é unha ave acuática migratoria que se encontra en rexións temperadas do hemisferio norte. En Galicia é un invernante raro.[3] O seu hábitat de invernada está en gran medida restrinxido a augas calmas oceánicas máis alá da zona onde as ondas chegan á costa, aínda que algúns exemplares poden invernar en grandes lagos. Os mergullóns prefiren como sitios de reprodución corpos de augas doces pouco profundas, como lagos, pantanos ou lagoas con peixes.

O mergullón cincento é unha ave gris escura anódina en inverno. Durante a estación reprodutora, adquire a súa distintiva plumaxe co pescozo vermello, píleo negro e unha cara gris clara. Tamén realiza unha elaborada exhibición de cortexo e unha variedade de chamadas de apareamento altas. Unha vez que se emparellan, constrúen un niño feito de plantas acuáticas e situado sobre vexetación flotante nun lago ou pantano pouco profundo.

Como todos os mergullóns, o mergullón cincento é un bo nadador e un mergullador especialmente veloz que reacciona ante o perigo mergullándose antes que voando. Ten os pés situados moi atrás no corpo, preto da cola, o que fai que en terra sexa torpe. Mergúllase para capturar peixes ou insectos que están sobre a vexetación; tamén traga as súas propias plumas, posiblemente para protexer o seu sistema dixestivo. O status de conservación das súas dúas subespecies (P. g. grisegena de Europa e oesta de Asia, e a máis grande P. g. holbollii de Norteamérica e leste de Siberia) é avaliado como de "especie pouco preocupante" e a poboación global é estable ou crecente.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

O mergullón cincento foi descrito polo polígrafo francés Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon en 1781 na súa obra Histoire Naturelle des Oiseaux.[6] O paxaro foi ilustrado nunha placa gravada coloreada a man por François-Nicolas Martinet nas súas Planches Enluminées D'Histoire Naturelle, que se ralizaron baixo a supervisión de Edme-Louis Daubenton para que acompañasen o texto de Buffon.[7] Nin na información da placa nin no texto de Buffon se incluía un nome científico para a ave, pero en 1783 o naturalista holandés Pieter Boddaert acuñou para el o nome binomial Colymbus grisegena no seu catálogo de Planches Enluminées.[8] Seguidamente designouse como localidade tipo Francia.[9] Agora a especie está situada no xénero Podiceps, que foi credo polo naturalista inglés John Latham en 1787.[10][11] O nome do xénero Podiceps procede do latín podicis, 'ano' e pés, 'pé' e fai referencia á situación das patas do animal nunha parte moi traseira do seu corpo.[12] O nome da especie, grisegena, vén do latín griseus, 'gris, cincento' e de gena, 'meixela', e refírese á cor da face do adulto reprodutor.[13]

Os mergullóns son aves acuáticas de medio a gran tamaño con pés de dedas lobuladas en vez de palmadas. O xénero máis espallado é Podiceps, con nove especies, unha delas extinta recentemente. O parente máis próximo do mergullón cincento é o mergullón cristado comedor de peixes de Europa e oeste de Asia.[14] É posible que o mergullón cncento orixinalmente evolucionase en Norteamérica e posteriormente se espallase por Europa, onde un cambio na súa dieta na que empezou a incluír máis insectos axudoulle a reducir a competición co seu curmán máis grande.[15] Atopáronse fósiles da especie que datan da metade do Plistoceno en Italia.[16]

O mergullón cincento ten dúas subespecies, a subespecie nominal P. g. grisegena de Europa e oeste de Asia, e P. g. holbollii (denominada en honra do explorador danés Carl Peter Holbøll) de Norteamérica e leste de Siberia. Os exemplares do leste de Asia teñen peteiros significativamente máis pequenos que as formas americanas, aínda que as diferenzas son demasiado pequenas como para ter que separalas creando un terceiro taxon.[17]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O mergullón cincento é un mergullón de tamaño medio, máis pequeno que o mergullón cristado de Eurasia e que os mergullóns Aechmophorus occidentalis e Aechmophorus clarkii de Norteamérica.[18][19] O adulto da subespecie europea nominal é de 40 a 50 cm de longo cunha envergadura alar entre 77 e 85 cm de media,[20] e un peso entre 692 e 925 g.[20] En plumaxe reprodutor, a parte superior da cabeza é negra, cor que se estende ata debaixo do ollo, as meixelas e gorxa son cincentas claras, ten un pescozo de cor vermella oxidada, dorso e flancos negros cincentos, e partes inferiores brancas. Os ollos son marróns escuros e o bico agudo e longo é negro con base amarela.[21]

Adulto da subespecie americana con pitos

A plumaxe de inverno do mergullón de pescozo vermello é máis escura que a doutros mergullóns; o seu píleo cincento escuro é menos definido e fusiónase coa face cincenta, e un zona clara en cuarto crecente que se curva rodeando a face contrasta co resto da cabeza. A parte frontal do pescozo é abrancazada ou gris clara, a pate posterior do pescozo é gris máis escuro, e o amarelo do peteiro é menos obvio que en verán.[21] Aínda que o mergullón cincento é inconfundible en plumaxe reprodutora, é menos distingible en inverno e pode confundirse con especies similares. É máis grande que o mergullón real, cun peteiro relativamente máis grande, e face gris en vez de branca.[22] É de tamaño parecido ao mergullón cristado de Eurasia, pero esa especie ten un pescozo máis longo, ten un debuxo da cabeza máis contrastado e sempre ten cor branca por riba do ollo.[21]

Os sexos son de aparencia similar, aínda que o macho como media é máis pesado que a femia.[20] Os polos teñen unha cabeza e peito con raias, e as crías algo máis vellas teñen unha face con raias, un píleo anegrado difuso, pescozo vermello claro e moito amarelo no peteiro.[21]

A subespecie P. g. holbollii é máis grande que a nominal con de 43 a 56 cm de lonxitude, unha envergadura alar de 61 a 88 cm e un peso de 750 a 1600 g.[23] As plumaxes son iguais que as da raza nominal, aínda que o peteiro do adulto é máis amarelo.[22] A diferenza de tamaño entre os sexos é maior nesta subespecie que na P. g. grisegena.[17]

O mergullón cincento voa co seu longo pescozo estendido e os pés arrastrando por detrás do corpo, o que lle dá unha aparencia estarricada.[24] As ás son relativamente pequenas e cincentas con plumas secundarias brancas e baten moi rapidamente.[21] Por ter unha pequena área alar, este mergullón non pode engalar desde terra,[25] e debe facer unha carreira bastante longa sobre a auga para gañar a velocidade que cómpre para levantar o voo.[26] Igual que todos os mergullóns, é un experto nadador; utiliza os pés para propulsarse baixo a auga e cambia de dirección rotando as patas, xa que a súa cola é moi curta para este propósito.[27]

É un dos mergullóns máis vocalizadores durante a estación reprodutora, pero, igual que os seus parentes, é principalmente silencioso o resto do ano. Teñen unha chamada de exhibición alta, queixumenta ou ouleante que soa uooooh, que fai un só paxaro ou unha parella a dúo, pola noite ou o día, e a miúdo a cuberto. Poden facer longas secuencias de ata 60 notas consecutivas durante os enfrontamentos cantando entre aves territoriais rivais. Tamén fan unha gran variedade de chamadas de tipo grallido, cacarexo, asubío, repenico ou vibración, con moita variación individual.[20]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Un adulto reprodutor da subespecie nominal

A reprodución ten lugar en lagos de auga doce pouco profundos, baías de grandes lagos, pantanos, e outros corpos de auga, a miúdo de menos de 3 ha de extensión e menos de 2 m de profundidade. Mostra unha preferencia por augas de zonas forestais ou, máis ao norte, en tundra de matogueira, e gústanlle os sitios con abundante vexetación emerxente, como as xunqueiras.[28] O mellor hábitat reprodutor son as lagoas con peixes, porque teñen abundante comida e outras características axeitadas.[29] A subespecie americana está menos ligada a lugares que teñan unha alta densidade de plantas acuáticas e ás veces reprodúcese en lagos bastante abertos.[15]

Todas as poboacións son migratorias e invernan principalmente no mar, xeralmente en estuarios e baías, pero a miúdo a bastante distancia da costa, onde os peixes estean dentro do límite de mergullo que eles poden acadar, preto de illas ou bancos pouco fondos.[17] Os hábitats preferidos de paso e invernada son as augas de menos de 15 m de profundidade cun fondo de area e grava, con rochas e manchas de vexetación espalladas.[28] Durante o inverno, aliméntanse normalmente en solitario e raramente se xuntan en bandadas, pero na migración, poden verse concentracións duns 2 000 individuos nos lugares bos de paso.[28] A migración realízase xeralmente de noite, pero pode ocorrer durante o día, especialmente cando se produce cruzando as augas. Isto é especialmente evidente en outono sobre os Grandes Lagos, cando poden cruzalos ata 18 000 aves por Whitefish Point no Lago Superior; crese que estas son aves reprodutoras canadenses que se dirixen ao océano Atlántico para invernar. Esta ruta cara ao leste é máis longa que a do Pacífico, mais evita pasar polas Montañas Rochosas.[17]

A área reprodutora desta especie solápase coa do mergullón real, aínda que este último tende que ser desprazado dos sitios que serían axeitados para os dous. O mergullón cincento prefire un clima temperado do interior e ten menos éxito preto das costas e nas zonas temperadas cálidas ou subárticas. É xeralmente unha ave de terras baixas, que se reproduce por debaixo dos 100 m de altura, aínda que se sabe que ten nidificado ata a 1 800 m sobre o nivel do mar en Turquía.[20]

A subespecie nominal reprodúcese desde o sur de Suecia e Dinamarca a través de Europa central e oriental cara ao leste ata o oeste de Siberia, e inverna principalmente no mar do Norte e no Báltico, e pequenas cantidades deles invernan no Adriático, mar Negro, mar Caspio, mar Mediterráneo e en lagos interiores.[30] P. g. holbollii reprodúcese en América do Norte en Alasca, oeste e centro do Canadá, e no norte dos Estados Unidos cara ao leste ata Minnesota; en Asia nidifica no leste de Siberia desde a Kamchatka cara ao sur ata Hokkaido e oeste de Mongolia. As aves asiáticas invernan no mar desde Xapón ao mar da China Oriental, e os reprodutores americanos invernan no Pacífico, principalmente desde o sur de Alasca á Columbia Británica (con pequenos continxentes de exemplares que o fan no sur de California), e no Atlántico desde Terra Nova e Labrador a Florida. Algunhas aves permanecen nos Grandes Lagos se están suficientemente libres de xeo.[30] Esta especie aparece como un raro invernante errante en Afganistán, Paquistán[31] e partes do norte e leste da India.[32][33][34]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Reprodución e supervivencia

[editar | editar a fonte]
Ovo da especie na colección do Museo de Wiesbaden

As parellas de mergullón cincento nidifican illadas, deixando máis de 50 m entre un niño e o máis próximo, aínda que se pode dar unha nidificación semicolonial nos sitios máis axeitados, onde ata a 20 parellas poden e nidificar xuntas máis próximas e defender o seu propio territorio linear.[28] A reprodución semicolonial é máis probable en lugares con condicións excelentes, como grandes masas de vexetación flotante sen conexión coa costa. Ditos sitios son seguros ante a maioría dos predadores e o suficientemente grandes para proporcionar certa protección dos ventos e ondas, e neles os mergullóns nidifican moito máis próximos que os que se reproducen na costa, a unha distancia de só 10 m.[35] As parellas que nidifican nesas colonias fan maiores postas de ovos, que fan eclosión máis cedo na estación e dan lugar a roladas de pitos máis grandes.[36] Defenden o territorio con varias exhibicións de ameaza, incluíndo estender as ás, curvarse e peteirar;[22] as parellas das colonias son máis agresivas, é menos probable que abandonen o niño deixándoo desprotexido e mostran unha maior tenencia a moverse fóra da vista da colonia cando non están incubando.[37] A reprodución faise a miúdo en asociación laxa con gaivotas ou outras aves acáticas coloniais.[20]

As áreas reprodutoras deben ter vexetación emerxente

As parellas monógamas fórmanse en abril ou maio na migración ou nas augas onde se van reproducir e entón comeza un ritual de cortexo con moitas vocalizacións.[20] A elaborada exhibición de reprodución consta de abaneos da cabeza, unha postura de "gato" coa cabeza baixa, carreiras paralelas en posición ergueita e regalos mutuos de plantas verdes, e culmina cunha danza de "pingüín" na cal os membros da parella erguen todo o corpo, xuntando os peitos.[20][21][22]

Como todos os mergullóns, os mergullóns cincentos fan o niño preto da auga á cal poden escapar se for preciso, porque a posición tan traseira das súas patas impídelles moverse rápido en terra. Adoitan reproducirse máis frecuentemente en masas de xuncos que outros mergullóns. O niño é unha plataforma flotante de materia vexetal ancorada a vexetación submerxida ou emerxente,[20] en augas de 0,5 a 0,75 m de profundidade e coa maior parte do niño por riba da tona da auga.[15] A posta de ovos ten lugar principalmente desde a metade de abril a maio en Europa,[18] e algo máis tarde, da metade de maio a xuño, en América do Norte.[15] Os proxenitores poden abandonar o niño durante períodos de tempo significativos durante a noite, posiblemente para evadirse de predadores nocturnos. Non está claro se isto é por autoprotección ou para protexer os ovos distraendo a atención do depredador do niño; a posta non parece sufrir deste abandono temporal.[38]

Polos sobre as costas dos seus pais

Pon normalmente catro ou cinco (pode ser de un a nove) ovos azuis claros ou brancos, de media de 3,4 cm de ancho e 5,1 cm de lonxitude e un peso duns 30,5 g, dos cales o 10% corresponde ao peso da casca.[39] Os dous proxenitores fan quendas para chocar os ovos durante de 21 a 33 días ata que fan eclosión os polos cubertos de penuxe e precociais;[20] inmediatamente soben ás costas do seu pai ou nai, onde pasan a maior parte do tempo ata teren de 10 a 17 días de vida.[22][40] Os xoves poden ser alimentados polos proxenitores ata 54 días despois de emplumar,[15] e poden voar aos 50 a 70 días.[40] Os proxenitores non interfiren coa alimentación que reciban os polos cando eles aínda están sendo levados ás costas, pero posteriormente coidan os polos máis xoves durante máis tempo e son agresivos cos fillos máis vellos. Isto iguala a supervivencia despois de emplumar de todos os polos, e favorece a súa independencia.[41] A rolada de polos pode ser repartida entre os dous proxenitores para que cada un deles se encargue de alimentar só aos polos que lle corresponderon. Isto reparte a demamnda de alimentación por igual entre o pai e a nai.[42]

Despois da reprodución os adultos mudan as plumas das ás e quedan temporalmente sen capacidade de voar; a migración comeza unha vez que creceron as plumas de voo.[28] Realizan unha soa posta, aínda que pode haber unha segunda posta e renidificación se se perdeu a primeira posta, estendendo a nidificación a xullo e agosto.[20]

Diversos predadores poden destruír os ovos ou matar os polos, como o mapache en Norteamérica e o corvo pequeno en Europa.[15][43] Os lucios poden capturar os polos cando nadan.[44] Como media, por cada adulto, están aínda vivas 0,65 aves novas no cuarto mes de vida, aínda que a taxa de mortalidade dos adultos non se coñece. Intentan evadirse das aves de presa mergullándose baixo a auga. Cando se alimentan, mergúllanse como media durante menos de 30 segundos, aínda que os mergullos para fuxir son máis prolongados.[15]

Alimentación

[editar | editar a fonte]
Os polos son alimentados polos proxenitores durante varias semanas.

Nos seus terreos de reprodución os mergullóns cincentos aliméntanse principalmente de invertebrados, como insectos acuáticos adultos e larvarios, tales como escaravellos acuáticos e larvas de libélulas, e tamén de cangrexos de río e moluscos. Os peixes (como os osméridos[45]) poden ser impotantes localmente ou estacionalmente, especialmente para a subespecie americanas, e crustáceos poden constituír ata o 20% da dieta dos mergullóns. As aves que se alimentan na costa a miúdo fan voos para alimentarse a lagos do interior ou a áreas lonxe da costa.[28]

Capturan as presas acuáticas mergullándose ou nadando na superficie coa cabeza submerxida, e apañan os insectos terrestres e as súas larvas na vexetación.[20] Poden utilizar unha liña visual inclinada cara a abaixo desde o ollo ao extremo da mandíbula inferior aberta para ollar a presa antes de mergullarse ou cando nadan baixo a auga. O mergullón probablemente abre o peteiro e olla por esa liña visual cara á súa diana.[46] Os reprodutores europeos, que teñen que competir polos peixes coa especie de maior tamaño mergullón cristado, comen unha maior proporción de invertebrados que as subespecies americanas de peteiro máis longo, aínda que ambas as razas comen principalmente peixes en inverno.[15] As aves da subespecie nominal das poboacións que se reproducen máis ao norte en Finlandia e Rusia, alén da área do mergullón cristado, teñen un peteiro máis longo e delgado que as do sur, reflectindo unha maior proporción de peixes na dieta, onde o seu principal competidor está ausente.[47] Se o alimento é escaso, os dous pais poden abandonar ovos que non fixeron eclosión, ou permitir que os pitos máis pequenos morran de fame, aínda que esta última estratexia non parece ser particularmente eficiente para protexer as crías máis vellas.[48]

Igual que outros mergullóns, o mergullón cincento inxire grandes cantidades das súas propias plmas, que permanecen no estómago da ave.[22] As plumas non só son tragadas polos adultos, principalmente durante o seu autoacicalamento, senón con frecuencia tamén llelas dan ás crías, ás veces só un día despois da eclosión. Estas plumas axiña se descompoñen orixinando unha masa amorfa como de feltro.[49] Non se sabe cal é a función destas plumas no estómago, aínda que se suxeriu que lle axudan a protexer o seu tracto dixestivo de ósos e outro material duro indixerible.[22]

Adultos e polos.

Ten unha ampla área de distribución, estimada en de 1 a 10 millóns de quilómetros cadrados e unha poboación global de 150 000–370 000 de individuos,[50] e P. g. holbollii é o dobre de numeroso que a raza nominal.[51] A tendencia da poboación non foi cuantificada, pero non se cre que cumpra os criterios de declive (descenso de máis do 30% en dez anos ou tres xeracións) da Lista vermella da IUCN. Por estas razóns, a especie é avaliada como "especie pouco preocupante".[1]

É unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-euroasiático (AEWA).[52] Os asinantes do acordo deben realizar diversas actividades e estratexias de conservación descritas nun plan de acción detallado. O plan pretende actuar sobre a conservación das especies e hábitats, xestión das actividades humanas, investigación, educación e posta en práctica.[53]

O mergullón cincento foi cazado polos humanos no norte de Europa no Mesolítico e Paleolítico,[54][55][56] mais non hai probas de que haxa ningún nivel significativo de caza actualmente.[1][43] En Norteamérica, está potencialmente ameazado pola contaminación por bifenilos policlorados (PCB) e pesticidas como o DDT, que causa unha redución no éxito reprodutor debido á esterilidade dos ovos e o adelgazamento da casca dos ovos. As áreas reprodutoras poden verse afectadas pola modificación e degradación de lagos e polas alteracións humanas causadas polas actividades acuáticas recreativas humanas.[28] Non hai probas que suxiran que estas ameazas puidesen ter como resultado poñer en risco significativo a poboación global; máis do 70% dos mergullóns cincentos de América do Norte reprodúcense no Canadá, onde a poboación é estable ou está a incrementarse.[43]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Podiceps grisegena". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. "mergullón cincento". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024. 
  5. "mergullón cinsento". TERGAL. Consultado o 17 de abril de 2024. 
  6. Buffon, Georges-Louis Leclerc de (1781). "Le grèbe a joues grises ou le jougris". Histoire Naturelle des Oiseaux (en French). Volume 15. París: De L'Imprimerie Royale. p. 374. 
  7. Buffon, Georges-Louis Leclerc de; Martinet, François-Nicolas; Daubenton, Edme-Louis; Daubenton, Louis-Jean-Marie (1765–1783). "Le Jougris". Planches Enluminées D'Histoire Naturelle. Volume 10. París: De L'Imprimerie Royale. Plate 931. 
  8. Boddaert, Pieter (1783). Table des planches enluminéez d'histoire naturelle de M. D'Aubenton : avec les denominations de M.M. de Buffon, Brisson, Edwards, Linnaeus et Latham, precedé d'une notice des principaux ouvrages zoologiques enluminés (en French). Utrecht. p. 55, Number 931. 
  9. Mayr, Ernst; Cottrell, G. William, eds. (1979). Check-list of Birds of the World. Volume 1 (2nd ed.). Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. pp. 150–151. 
  10. Latham, John (1787). Supplement to the General Synopsis of Birds. Londres: Printed for Leigh & Sotheby. p. 294. 
  11. Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2019). "Grebes, flamingos, buttonquail, plovers, painted-snipes, jacanas, plains-wanderer, seedsnipes". World Bird List Version 9.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 16 de xullo de 2019. 
  12. Ogilvie & Rose (2002) 98
  13. Ogilvie & Rose (2002) 102
  14. Ogilvie & Rose (2002) 8–9
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 15,7 Johnsgard, PA (1987) 130–135
  16. Bedetti, C. (2001). "Update Middle Pleistocene fossil birds data from Quartaccio quarry (Vitinia, Italy) – The World of Elephants" (PDF). Proceedings 1st International Congress – Rome, outubro 16–20: 18–22. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Ogilvie & Rose (2002) 57–60
  18. 18,0 18,1 Snow & Perrin (1998) 17–20
  19. Sibley (2000) 29
  20. 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 20,10 20,11 Snow & Perrin (1998) 20–22
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Mullarney et al. 18
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 22,6 "Red-necked Grebe". BirdFacts. Cornell Laboratory of Ornithology. Consultado o 26 de agosto de 2008. 
  23. Ogilvie & Rose (2002) 92
  24. Fjeldsa (2004) 140
  25. Fjeldsa (2004) 31
  26. Johnsgard (1987) 26–36
  27. Fjeldsa (2004) 10
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 28,5 28,6 "BirdLife International Species factsheet: Podiceps grisegena". BirdLife International. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2008. Consultado o 12 de agosto de 2008. 
  29. Kloskowski, Janusz (2004). "Food provisioning in red-necked grebes (Podiceps grisegena) at common carp (Cyprinus carpio) ponds". Hydrobiologia 525 (1–3): 131–138. doi:10.1023/B:HYDR.0000038860.37405.d0. 
  30. 30,0 30,1 Harrison (1988) 217
  31. Savage, CDW (1968). "Rednecked Grebe Podiceps griseigena (Boddaert) again sighted in West Pakistan". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 65 (3): 773. 
  32. Rasmussen, PC & JC Anderton (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide. Smithsonian Institution and Lynx Edicions. ISBN 84-87334-67-9. 
  33. Gaston, A J; Pandey, S (1987). "Sighting of Rednecked Grebes (Podiceps grisegena) on the Pong Dam Lake, Himachal Pradesh". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 84 (3): 676–677. 
  34. Mundkur, Taej; Pravez, Rishad (1989). "Sight record of Rednecked Grebe Podiceps griseigena near Rajkot, Gujarat". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 86 (3): 440. 
  35. Sachs, Joel l.; Hughes, Colin R.; Nuechterlein, Gary L.; Buitron, Deborah (2007). "Evolution of coloniality in birds: a test of hypotheses with the red-necked grebe (Podiceps grisena)". The Auk 124 (2): 628–642. doi:10.1642/0004-8038(2007)124[628:EOCIBA]2.0.CO;2. 
  36. Nuechterlein, Gary L.; Buitron, Deborah; Sachs, Joel L.; Hughes, Colin R. (febreiro de 2003). "Red-necked grebes become semicolonial when prime nesting substrate is available". The Condor 105 (1): 80–94. doi:10.1650/0010-5422(2003)105[80:RNGBSW]2.0.CO;2. 
  37. Klatt, Paul H.; Nuechterlein, Gary L.; Buitron, Deborah (1999). "Frequency and distribution of behaviour of red-necked grebes breeding colonially and in classic territories". Behaviour 141 (3): 263–277. doi:10.1163/156853904322981842. 
  38. Jablow, Valerie (abril de 2003). "Bringing Up Baby: Scientists zero in on the caring and cunning ways of a seldom-seen waterbird". Smithsonian 34 (1): 333–337. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2014. Consultado o 29 de agosto de 2019. 
  39. "Red-necked Grebe Podiceps grisegena (Boddaert, 1783)". Bird facts. British Trust for Ornithology. Consultado o 14 de agosto de 2008. 
  40. 40,0 40,1 Ogilvie & Rose (2002) 94
  41. Kloskowski, Janusz (2001). "Temporal patterns of parental resource distribution in the red-necked grebe: equalizing the share of the survivors". Behaviour 138 (11): 1355–1370. doi:10.1163/156853901317367636. 
  42. Lott (1991) 74, 76, 146
  43. 43,0 43,1 43,2 "Red-necked Grebe (Podiceps grisegena)" (PDF). "Marshbird" species conservation status assessment. United States Fish and Wildlife Service. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de agosto de 2011. Consultado o 16 de agosto de 2008. 
  44. Chamberlin, Michael L. (1977). "Observations on the red-necked grebe nesting in Michigan" (PDF). Wilson Bulletin 89 (1): 33–46. 
  45. Piersma, T (1988). "Body size, nutrient reserves and diet of red-necked and Slavonian grebes Podiceps grisegena and P. auritus on Lake IJsselmeer, The Netherlands" (PDF). Bird Studies 35 (1): 13–24. doi:10.1080/00063658809476975. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de agosto de 2019. Consultado o 29 de agosto de 2019. 
  46. Ficken, Robert W.; Matthiae, Paul E.; Horwich Robert (setembro de 1971). "Eye Marks in Vertebrates: Aids to Vision" (PDF). Science 173 (4000): 936–939. PMID 17751319. doi:10.1126/science.173.4000.936. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xaneiro de 2014. Consultado o 29 de agosto de 2019. 
  47. Fjeldsa, Jon (1982). "The adaptive significance of local variations in the bill and jaw anatomy of North European red-necked grebes Podiceps grisegena". Ornis Fennica 59 (2–3): 84–9. 
  48. Kloskowski, J. (abril de 2003). "Brood reduction in the Red-necked Grebe Podiceps grisegena". Ibis 145 (2): 233–243. doi:10.1046/j.1474-919X.2003.00145.x. 
  49. Johnsgard (1987) 37–53
  50. "Podiceps grisegena". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2009. Consultado o 19 de agosto de 2011. 
  51. Ogilvie & Rose (2002) 96
  52. "Annex 2: Waterbird species to which the Agreement applies" (PDF). Agreement on the conservation of African-Eurasian migratory Waterbirds (AEWA). UNEP/ AEWA Secretariat. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xullo de 2011. Consultado o 4 de xullo de 2008. 
  53. "Introduction". African-Eurasian Waterbird Agreement. UNEP/ AEWA Secretariat. Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2012. Consultado o 4 de xullo de 2008. 
  54. Simmons, Tal; Dani Nadel (1998). "The avifauna of the early Epipalaeolithic site of Ohalo II (19 400 years BP), Israel: species diversity, habitat and seasonality". International Journal of Osteoarchaeology 8 (2): 79–96. doi:10.1002/(SICI)1099-1212(199803/04)8:2<79::AID-OA386>3.0.CO;2-I. 
  55. Zhilin MG, Karhu AA (2002). "Exploitation of birds in the early Mesolithic of Central Russia. In: Proceedings of the 4th Meeting of the ICAZ Bird Working Group Kraków, Poland, 11–15 de setembro 2001" (PDF). Acta Zoologica Cracoviensia 45: 109–116. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 29 de agosto de 2019. 
  56. Mannermaa, Kristiina. "The archaeology of wings: Birds and people in the Baltic Sea region during the Stone Age" (PDF). Academic dissertation. Faculty of Arts at the University of Helsinki. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de maio de 2011. Consultado o 31 de agosto de 2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]