Mercedes González López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de xaneiro de 1900 Sarria, España |
Morte | 1969 (68/69 anos) Riga, Letonia |
Actividade | |
Ocupación | política |
Familia | |
Fillos | Gregorio Cenitagoya González |
Mercedes González López, nada en Sarria o 18 de xaneiro de 1900 e finada en Riga en 1969, foi unha política galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de Jesús González Díaz e Carmen López. Pasou a súa xuventude en Gernika-Lumo como sobriña do carcereiro da prisión. Alí coñeceu a José Cenitagoya Echeandía, preso que viñera fuxindo da Primeira guerra mundial en Francia. Casaron e foron vivir a Muros (Asturias) cando José conseguiu un traballo no ferrocarril. Aos poucos anos instaláronse en San Esteban de Pravia. Como consecuencia da revolución de Asturias de 1934 o seu home, militante do PCE, fuxiu a Francia e o seu fillo máis vello foi detido e torturado. Mercedes quedou soa con sete fillos ao seu cargo. Iniciou a súa militancia no Partido Comunista de España nesas datas.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 permaneceu en San Esteban ata que as tropas rebeldes tomaron a vila o 7 de setembro; foi evacuada xunto cos seus fillos nun tren con destino ás concas mineiras. Instalouse en Avilés, onde formou parte do Comité Antifascista e foi secretaria do Socorro Vermello Internacional. En setembro de 1937 os seus fillos Adolfo, Francisco, Carmen, Manuel e Mercedes foron evacuados desde El Musel con dirección a Saint-Eser (Francia), para rematar en Leningrado.
Cando caeu a fronte de Asturias en outubro de 1937, volveu a San Esteban de Pravia co seu fillo Gregorio. Ao ser recoñecidos por falanxistas, foron detidos. Librou de ser fusilada no piñeiral de Salinas in extremis e foi recluída en San Esteban, nos almacéns de Gurín. Foi trasladada ao cárcere de Pravia estando embarazada de xemelgos. Foi condenada a vinte anos polas súas actividades políticas republicanas e estivo nas prisións de Oviedo (onde naceron os seus fillos José Luis e Juan) e Bilbao. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en outubro de 1938,[1] e un segundo expediente en decembro de 1943.[2] Logrou pasar a Francia onde estaban exiliados o seu home e o seu fillo. Viaxou á Unión Soviética co seu home en 1954 para reunirse cos seus fillos. Permaneceu na URSS como pensionista instalándose en Riga, onde morreu en 1969.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con José Cenitagoya Echeandía e foi nai de once fillos, entre eles Gregorio Cenitagoya González.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha de Mercedes González López no Centro Documental de la Memoria Histórica.
- El guerrillero vuelve a jugar a San Esteban (en castelán)