[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Metropolitan Opera House

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ópera Metropolitana de Nova York
CidadeUpper West Side
PaísEstados Unidos de América
Arquitecto/sMax Abramovitz
Wallace Harrison
Capacidade3800
Outros nomesMetropolitan Opera House
Metropolitan
The Met
EstiloModernista
Na rede
https://www.metopera.org
editar datos en Wikidata ]

A Ópera Metropolitana de Nova York (Metropolitan Opera House, tamén coñecido simplemente como o Metropolitan ou o Met) é unha compañía e teatro de ópera situado no Lincoln Center de Nova York.

É un dos teatros máis importantes da ópera mundial, cun elenco de estrelas norteamericanas e internacionais.

O Met é a maior institución de música clásica dos Estados Unidos, e anualmente ofrece unhas 220 representacións de ópera. A súa sede considérase un dos principais teatros de ópera do mundo, e un dos maiores. Cada tempada do Met esténdese desde setembro até maio, e presenta ao redor de 27 óperas nun programa de repertorio rotativo, con sete representacións semanais de catro títulos diferentes. De luns a sábado as representacións ofrécense pola noite, cunha función extra os sábados, xeralmente ás dúas da tarde.[1]

O vello Met da rúa 39

[editar | editar a fonte]
O antigo Metropolitan.
Cheo do teatro o 28 de novembro de 1937 para un concerto de Józef Hofmann.

A Metropolitan Opera foi fundada en abril de 1880. A súa primeira sede estivo no 1411 de Broadway, no bloque entre as rúas West 39th e West 40th, no Garment District de Manhattan. O edificio, ao que se lembra actualmente como "the old Met" (o vello Met) foi deseñado polo arquitecto J. Cleaveland Cady, e abriu as súas portas o 22 de outubro de 1883, cunha representación de Faust. Foi destruído por un incendio o 27 de agosto de 1892. A tempada suspendeuse mentres se reconstruía o edificio.

En 1903 o interior do teatro renovouse completamente, incluídos os elementos característicos que mantivo até o seu peche, como o auditorio dourado, o candeeiro, o proscenio curvado e o pano de damasco dourado. En 1940 creouse a Metropolitan Opera Association, á que se traspasou a propiedade do teatro desde as familias que ostentaban a propiedade dos palcos. Suprimíronse os palcos do segundo piso e substituíronse por filas de butacas, manténdose só os palcos do primeiro piso. Desde entón, o aforamento do teatro foi de 3.625 butacas e 224 prazas de pé.

O teatro distinguíase pola súa excelente acústica e o seu elegante interior, mentres que as instalacións escénicas eran claramente insuficientes para unha compañía de ópera da categoría do Met. Era normal ver os decorados e escenarios do Met na rúa 39, onde tiñan que almacenarse entre representacións. Durante varios anos, puxéronse en marcha varios proxectos para a construción dunha nova sede para a compañía, en diferentes localizacións en Nova York. Finalmente, co desenvolvemento do Lincoln Center no Upper West Side atopouse a oportunidade para a construción dun teatro de ópera moderno.

O Old Met pechou o 16 de abril de 1966 cunha emotiva gala de despedida, na que participaron todos os artistas da compañía. A soprano Zinka Milanov, tanto tempo unida á compañía, fixo a súa última aparición no Met aquela noite. A pesar dunha campaña para preservar o edificio e conservalo como monumento, o old Met foi demolido en 1967 e substituído por un edificio de oficinas.

O novo Met no Lincoln Center

[editar | editar a fonte]
Vista dos palcos do teatro.

O actual teatro da Ópera Metropolitana foi deseñado polo arquitecto Wallace K. Harrison e é o auditorio máis grande do seu tipo no mundo, cun aforamento de preto de 3.975 localidades (3.800 asentos máis 175 prazas de pé). O escenario presenta unha embocadura cadrada de 16 metros de ancho por 16 de alto, cunha profundidade de 24 metros e unha torre escénica de 33,5 metros de altura sobre o chan do escenario.[2] O teatro ten a tecnoloxía necesaria para substituír diariamente o escenario da ópera que se representa, utilizando un complexo sistema de escenarios, tremoias e cicloramas. Esta calidade permite que no Metropolitan haxa funcións case tódolos días do ano.

Pecha a perspectiva na gran praza do Lincoln Center flanqueado por outros dous inmensos teatros, o David H. Koch Theater (anteriormente coñecido como New York State Theater), que fora a sede da desaparecida New York City Opera, e o David Geffen Hall (primeiro Philharmonic Hall e logo Avery Fischer Hall), sede da Orquestra Filharmónica de Nova York. É un dos centros musicais máis importantes do mundo.

Foi inaugurado o 16 de setembro de 1966, coa estrea da ópera Antony and Cleopatra de Samuel Barber protagonizado por Leontyne Price e Jess Thomas en produción de Franco Zeffirelli.

No recibidor exhíbense dous inmensos murais creados especialmente para o espazo por Marc Chagall: "The Triumph of the Music" e "The Sources of the Music". Tamén hai esculturas de Aristide Maillol e Wilhelm Lehmbruck, e as lámpadas do vestíbulo e do auditorio foron construídas pola firma J. & L. Lobmeyr de Viena.[2]

O Met ofrece un servizo de transmisión radiofónica en directo. A primeira transmisión realizouse o 25 de decembro de 1931, cunha produción da ópera Hänsel und Gretel de Engelbert Humperdinck.

Incorporou o servizo de subtítulos a seis idiomas fronte a cada asento.

Tamén se usa para sala de concertos en ocasións especiais, Vladimir Horowitz, Daniel Barenboim e James Levine son algúns dos artistas que o utilizaron como sala de concerto.

A Compañía de ópera do Met

[editar | editar a fonte]

A Ópera Metropolitana creouse como unha alternativa á Academia de Música de Nova York, dirixida por un círculo restrinxido da máis alta sociedade neoiorquina. A nova compañía foi dirixida por algunha das novas familias ricas da época (Roosevelt, Vanderbilt, Morgan, Astor...). O director da compañía foi Henry Abbey, que a puxo en marcha a partir dun grupo de cantantes de orixe alemá, con baixos custos, entre os que non se atopaba ningún dos cantantes que máis éxito estaban a ter nos teatros europeos da época. A compañía puxo en marcha un repertorio internacional, pero cantado en alemán. Tralo incendio de 1892 e a posterior reconstrución, a dirección foi asumida por Maurice Grau, que conseguiu levar ao Met a unha primeira "Idade de Ouro", coa presenza de cantantes de nivel internacional, como os irmáns Edouard e Jean de Reszke, Lilli Lehmann, Emma Calvé, Nellie Melba, Marcella Sembrich, Milka Ternina, Ernestine Schumann-Heink, Francesco Tamagno, Francisco Viñas ou Victor Maurel. En 1898 a compañía iniciou unha xira anual de seis semanas por cidades dos Estados Unidos que se mantivo até 1986, cando se suprimiu por problemas orzamentarios.

Enrico Caruso, Rosa Ponselle e José Mardones en La forza del destino (1918).

Desde 1900, creáronse diferentes grupos ou "ás" da compañía, con cantantes e directores especialistas nos repertorios alemán, italiano ou francés. Desde a Segunda guerra mundial esta distinción foise desvanecendo, a medida que os cantantes comezaban a diversificar a súa carreira, e empregar menos tempo enrolados nunha única compañía. De 1900 a 1904 realizáronse as primeiras gravacións no Met, a cargo de Lionel Mapleson, que utilizou un fonógrafo Edison e que permitiu preservar os únicos testemuños sonoros de artistas como Jean de Reszke e Milka Ternina. Tralo debut, en 1903, de Enrico Caruso, co Duque de Rigoletto, comezou a época do empresario Giulio Gatti-Casazza (1908-1935), que elevou o nivel e o prestixio do teatro, coa presenza de cantantes como Rosa Ponselle, Elisabeth Rethberg, Maria Jeritza, Frida Leider, Amelita Galli-Curci, Lily Pons, Giovanni Martinelli, Beniamino Gigli, Giacomo Lauri-Volpi, Lauritz Melchior, Titta Ruffo, Giuseppe De Luca, Lawrence Tibbett, Friedrich Schorr, Feodor Chaliapin, José Mardones, Tancredi Pasero e Ezio Pinza, entre outros. Nesta época Arturo Toscanini e Gustav Mahler dirixiron regularmente no Met.

O tenor canadense Edward Johnson foi o administrador xeral desde 1935 até 1950, e conseguiu conducir a compañía durante a Gran Depresión e a Guerra mundial, mantendo o nivel artístico. Zinka Milanov, Jussi Björling, Alexander Kipnis, Jan Peerce, Richard Tucker, Leonard Warren e Robert Merrill presentáronse ante o público do Met nesta época, mentres que Kirsten Flagstad reinou como a soprano wagneriana desta era. Kurt Adler, Sir Thomas Beecham, George Szell e Bruno Walter son algúns dos grandes directores contratados por Johnson.

A etapa da dirección do austríaco-británico Rudolf Bing foi a máis longa da historia do Met (1950-1972). Bing modernizou a administración e o sistema de venda de entradas e suprimiu a tradicional representación semanal en Filadelfia. Durante a súa etapa a compañía trasladouse ao novo Teatro no Lincoln Center. Aínda que non houbo unha dirección musical estable durante esta época, grandes nomes como Kurt Adler, Fritz Stiedry, Dimitri Mitropoulos, Erich Leinsdorf, Fritz Reiner e Karl Böhm pasaron polo foso do Met nos anos 50 e 60. En 1967 produciuse o debut de Herbert von Karajan, que dirixiu Die Walküre na produción deseñada por el mesmo para o Festival de Pascua de Salzburgo. Nos anos seguintes presentáronse o resto das obras do Anel do Nibelungo nesa produción, pero Karajan só dirixiu O ouro do Rin e as reposicións e A Valquiria en 1968 e 1969.[3] Un dos grandes acertos de Bing foi promover a integración dentro do elenco do Met, coa presentación de grandes cantantes de orixe afroamericana, comezando co histórico debut de Marian Anderson en 1955, á que seguiron Leontyne Price, Grace Bumbry, Shirley Verrett, George Shirley e moitos outros. Un gran número de famosos tenores e sopranos apareceron no Met contratados por Bing, entre outros Maria Calas, que mantivo unha amarga discusión con Bing a causa do repertorio, Renata Tebaldi, Joan Sutherland, Montserrat Caballé, Birgit Nilsson, Elisabeth Schwarzkopf, Mario del Monaco, Carlo Bergonzi, Nicolai Gedda e Jon Vickers.

Trala retirada de Bing, o cargo foi pasando por distintos administradores que colaboraron sucesivamente co director musical James Levine, que foi a guía artística do Met durante o último terzo do século XX. Nestes anos presentáronse os tenores que dominaron as tempadas do Met durante esta etapa: Luciano Pavarotti e Plácido Domingo. Joseph Volpe, que procedía da propia compañía, dirixiu o teatro desde 1990 até 2006, e destacou por ampliar notablemente o repertorio, presentando novas obras e estreas mundiais. Así mesmo, abriuse a porta a directores de escena que comezaron a introducir producións de estilo máis contemporáneo, en contraste coas producións máis tradicionais e conservadoras, que foran características no Met. En 1997, Volpe nomeou a Valery Gergiev como Director Convidado para ampliar o repertorio ruso. Durante a súa administración presentáronse no Met artistas como Marcelo Álvarez, Cecilia Bartoli, José Cura, Diana Damrau, Natalie Dessay, Renée Fleming, Juan Diego Flórez, Marcello Giordani, Angela Gheorghiu, Susan Graham, Ben Heppner, Dmitri Hvorostovsky, Anna Netrebko, René Pape, Bryn Terfel e Deborah Voigt.

O administrador actual é Peter Gelb, que está a levar a cabo plans para ampliar o repertorio, reducir custos nas producións e atraer novas audiencias, sen perder ao público tradicional. Destaca, nos últimos tempos, a difusión en directo en cines de todo o mundo das producións do Met en vídeo de alta definición. Gelb levou ao Met ás novas estrelas emerxentes do mundo da ópera, como Oīna Garanča, Jonas Kaufmann, Piotr Beczala, Joseph Calleja, Lawrence Brownlee, Mariusz Kwiecien, e Eric Owens, e a directores como Yannick Nézet-Séguin, Andris Nelsons, e Fabio Luisi. En 2011, debido aos problemas de saúde de Levine, que lle obrigaron a deixar de dirixir durante case dous anos, Fabio Luisi asumiu o cargo de "director principal", pasando Levine a ser o "director musical" da compañía. En 2014 Luisi anunciou a súa renuncia ao cargo, para dedicarse ao seu posto da ópera de Zúric, co que, na práctica, Levine volvía ser o responsable musical único do Met. Con todo, os problemas de saúde persistiron, e en abril de 2016 anunciouse que Levine deixaría o seu posto de Director Musical ao final da tempada 2015-2016, pasando a ostentar o posto honorífico de Director Musical Emérito. A continuación o Met anunciou a designación do canadense Yannick Nézet-Séguin para ser o novo Director Musical a partir de 2020, aínda que finalmente adiantouse a súa toma de posesión á tempada 2018-2019.[4]

Emisións de radio

[editar | editar a fonte]

O Met marcou o nacemento da primeira ópera transmitida por radio, que aínda estaba na súa infancia. O 13 de xaneiro de 1910 transmitiuse ao público a dobre representación das óperas Cavalleria rusticana e Pagliacci con Enrico Caruso e outros intérpretes.[5] A iniciativa para isto veu de Lee De Forest, un pioneiro da radio. A emisión mesmo se podía escoitar nun barco a 20 quilómetros de distancia.[6]

As actuacións do sábado pola tarde da Ópera Metropolitana escoitáronse en directo en moitas emisoras de radio dos Estados Unidos de América e máis aló desde o día de Nadal de 1931. A primeira peza transmitida foi a ópera Hansel e Gretel de Engelbert Humperdinck. Para financiar a emisión de radio, atopouse un patrocinador permanente en 1940, pero terminou a súa participación en 2004. Desde entón, o Fondo da Ópera Metropolitana tratou de pór esta emisión nunha base financeira segura coa axuda de doazóns.

Emisións de cine

[editar | editar a fonte]

As actuacións seleccionadas son transmitidas en vivo nos cinemas dos Estados Unidos e no estranxeiro na serie "Metropolitan Opera Live in HD". As emisións logran bos índices de ocupación e melloran a situación dos ingresos da casa.

Transmisión en vivo

[editar | editar a fonte]

O 25 de abril de 2020, o Met emitiu unha gala de catro horas exclusivamente en liña, cos invitados e músicos conectados desde as súas casas debido á pandemia de coronavirus COVID-19.

Tecnicamente notable foi, entre outras cousas, a actuación do coro de prisioneiros da ópera Nabucco de Verdi, onde máis de 50 músicos interpretaron a peza en paralelo por videoconferencia. Presentáronse 33 actuacións en vivo e sete pezas pre gravadas, e 300.000 espectadores de máis de 162 países seguiron a gala en vivo.[7][8]

Directores musicais principais

[editar | editar a fonte]

Aínda que só Rafael Kubelík e James Levine desempeñaron o cargo de "director musical", foron moitos os directores de orquestra que asumiron un papel de liderado ao longo da historia do Met. Estes directores estableceron os estándares artísticos e influíron na calidade e o estilo da orquestra do Met. Así mesmo, no Met actuaron moitos grandes directores invitados, que non aparecen nesta relación. Yannick Nézet-Séguin é o terceiro en ostentar o título de "Music Director".

  1. http://www.metoperafamily.org/metopera/season/calendar.aspx Arquivado 20 de maio de 2011 en Wayback Machine. Calendario de representacións do Met
  2. 2,0 2,1 Web de la Metropolitan Opera. "FAQs: The Opera House" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2013. Consultado o 6 de maio de 2013. 
  3. "MetOpera Database" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2018. Consultado o 15 de outubro de 2014. 
  4. Cooper, Michael (15 de febreiro de 2018). "Yannick Nézet-Séguin Will Lead the Met Opera, Two Years Early". The New York Times. Consultado o 22 de xullo de 2019. 
  5. "Wayback Machine". 23 de xuño de 2008. Archived from the original on 23 de xuño de 2008. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  6. "RADIO'S VERSION OF 'WHO'S ON FIRST?'" (en inglés). Archived from the original on 10 de agosto de 2006. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  7. "The Met Opera's 'At-Home' Gala Live Streams Performances to World Silenced by Pandemic" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2020. Consultado o 27 de abril de 2020. 
  8. Ashley, Tim (26 de abril de 2020). "The Metropolitan Opera’s At-Home Gala review – thrilling singing, live from the stars’ living-rooms". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 27 de abril de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]