Manatí
Triquéquidos Trichechidae Manatís Rango fósil: mioceno inferior – actualidade | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Manatí do Caribe (Trichechus manatus) | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||
A dos triquéquidos (Trichechidae) é unha familia de mamíferos placentarios da orde dos sirenios coñecidos vulgarmente como manatís,[1] e tamén como vacas mariñas, peixes muller e sereas (igual que a algúns pinnípedes, como focas e morsas), cos que gardan algunhas similitudes morfolóxicas, e cos que os mariñeiros antigos confudían).[2]
Na actualidade só sobrevive un xénero desta familia, Trichechus, con tres especies (ou catro, segundo algúns autores).
Son animais grandes e pesados, e de movementos lentos, apracíbeis, herbívoros, que viven en augas tropicais, e pasan a maior parte do seu tempo buscando e inxerindo as plantas ribeiregas e do leito mariño de augas pouco profundas, tanto salgadas, como salobres e doces , nas costas de América oriental e de África occidental, nos estuarios e nalgúns ríos tributarios destas augas.
Características
[editar | editar a fonte]Os manatís teñen un corpo macizo, pero fusiforme. A pel é grosa e coriácea. As extremidades anteriores teñen forma de aleta, e as posteriores desapareceron e, para axudar na natación, desenvolveron unha cola plana e horizontal, de contorno arredondado, o que os diferencia do dugongo, que ten a aleta caudal falciforme (en forma de fouciño).
O labio superior está fendido no medio e presenta un bigote de longas sedas.
Poden permanecer baixo a auga durante vinte minutos, pastando plantas acuáticas, antes de emerxer á superficie para respiraren.
Viven en augas pouco profundas, o que os defende dos depredadores (como os tiburóns) que non se aventuran nestas augas. O seu único perigo represéntao o home, que antigamente cazaban estes animais pola súa carne, e tamén para aproveitar a graxa e a pel. Hoxe en día tamén están ameazados pola contaminación} do seu hábitat e polas feridas inflixidas polas hélices dos barcos.
Xusto debaixo da pel os manatís, como topdos os sirenios (e os cetáceos e pinnípedes), teñen unha grosa capa subcutánea de tecido adiposo vascularizado que lles serve como illante. En efecto, a auga conduce a calor 25 veces mellor que o aire á mesma temperatura.[3] e, sobre todo, ten unha capacidade calorífica moito máis alta, o que favorece o arrefriamento dos animais de sangue quente.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A familia foi descrita en 1872 polo ictiólogo e paleontólogo estadounidense Theodore Gill, en Smithson. Misc. Coll., 11 (1): 14.[4]
En canto ao único xénero actual, a súa descrición débese ao naturalista sueco Carolus Linnaeus, en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome da familia, Trichechidae, está formado, como é habitual, sobre a base do nome de xénero tipo, Trichechus, á que se lle engade a desinencia do larín científico ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.
O nome do xénero, Trichechus, é un composto formado polos elementos do latín científico trich-, tirado do grego antigo τριχός trichós, xenititivo de θρίξ thríx, "pelo",[5] e -echus, derivado do verbo grego έχω échō, "ter", facendo referencia aos pelos (sedas) que estes animnais teñen no labio superior.[6]
O nome vulgar manatí, é unha palabra de orixe taíno ou arauaco[7] que significa "peito", en referencia ás mamas que teñen as femias destes animais a carón das axilas, e que pasou aos idiomas europeos a través de castelán.[8]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome válido, que é o ue orixinariamente lle adxudicou Gill, o grupo coñeceuse tamén polos seguintes sinónimos:[4]
- Manatida Haeckel, 1866
- Manatidae Gray, 1821
- Manatina Bonaparte, 1837
- ManatoideaGill, 1872
- Trichechoidea Giebel, 1847
- Trichecida Haeckel, 1866
Nota: como pode verse, non todos os autores lle outorgaban ao grupo o rango de familia.
Xéneros
[editar | editar a fonte]Familia Trichechidae
Especies actuais
[editar | editar a fonte]Na actualidade só sobreviven tres especies, as tres do xénero Trichechus:[4]
Xénero Trichechus Gill, 1872
- Trichechus manatus Linnaeus, 1758, o manatí do Caribe ou antillano.
- Trichechus inunguis Natterer, 1883 o manatí amazónico.
- Trichechus senegalensis Link, 1795, o manatí africano.
Hai unha posíbel cuarta especie que habitaría no río Aripuaná, un afluente do Amazonas, no Brasil, un manatí anano dunha lonxitude de aproximadamente 1,3 m,[9] pero non foi definida de maneira válida e a opinión científica dominante é que estes animais non son máis que exemplares xuvenís do manatí amazónico.[10]
Galería de retratos das tres especies
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ manatí no dicionario da RAG.
- ↑ Ríos Panisse, Mª C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba. Anexo nº 19. Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-281-0, pp. 10-13.
- ↑ Sara J. Iverson (2009): "Blubber", en W. F. Perrin, Bernd G. Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.): Encyclopedia of Marine Mammals, 2nd ed. London: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Trichechidae en D. Wilson & D, Reeder, eds. (2005): MSW|Mammal species of the world: A taxonomic and geographic reference]], Vol. 2, Ed 3. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
- ↑ Cómpre recordar que, na formación de termos compostos no latín científico, se o primiero elemento é un substantivo, faise do xenitivo.
- ↑ trichecho, en: Nicola Zingarelli et al. (1996): Vocabolario della lingua italiana. 12ª ed. Bologna: Zanichelli. ISBN 88-08-16610-4.
- ↑ Linguas faladas polos indíxenas do Caribe.
- ↑ lamantino no Vocabolario de Zingarelli.
- ↑ Stern (25 de maio de 2005). "Biologe entdeckt Zwergseekuh". Consultado o 26 de xullo de 2009.
- ↑ "Trials of a Primatologist". smithsonianmag.com. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2009. Consultado o 15 de maio de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manatí |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Berta, A.; J. Sumich & K. Kovacs (2005): Marine Mammals: Evolutionary Biology. Burlington, MA, USA: Academic Press.
- Feldhamer, G.; L. Drickamer, S. Vessey, J. Merritt & C. Krajewski (2007): Mammalogy: Adaptation, Diversity, Ecology. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press.
- Jefferson, T.; S. Leatherwood & M. Webber (1993): Marine mammals of the World. Roma: United Nations Environment Programme.
- Jefferson, T.; M. Webber & R. Pitman (2008): Marine Mammals of the World: A Comprehensive Guide to their Identification. Londres: Academic Press.
- Nowak, R. (2003): Walker’s Marine Mammals of the World. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press.
- Reeves, R.; B. Stewart, P. Clapham & J. Powell (2002): Sea Mammals of the World. Londres: A & C Black.
- Reynolds, J. & D. Odell (1991): Manatees and Dugongs. Nova York, NY: Facts on File Inc.
- Ridgway, S. & R. Harrison (1985): Handbook of Marine Mammals: Volume 3: The Sirenians and Baleen whales. Londres: Academic Press.
- Self-Sullivan, C. (2006): "Evolution of the Sirenia".
- Vaughan, T.; J. Ryan & N. Czaplewski (2011): Mammalogy. Sudbury, MA. USA: Jones and Bartlett Publishers.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Trichechidae na Animal Diversity Web. Con abundantísima información, imaxes e bibliografía (en inglés)
- Trichechidae na Encyclopedia of Life (en inglés)