[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Liang Hongyu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLiang Hongyu

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1102 Editar o valor en Wikidata
Morte1135 Editar o valor en Wikidata (32/33 anos)
Grupo étnicoPobo han Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónlíder militar, poetisa Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeHan Shizhong Editar o valor en Wikidata

Liang Hongyu (chinés tradicional: 梁紅玉; chinés simplificado: 梁红玉; pinyin: Liáng Hóngyù; Wade-Giles: Liang2 Hung2-yü4), nada no 1102 e finada no 1135, foi unha xeneral chinesa da dinastía Song. Fíxose célebre durante as loitas da dinastía contra os jurchen da dinastía Jin. O seu nome orixinal perdeuse co tempo. Na historia oficial é simplemente coñecida como "Señora Liang" (梁氏) "Hongyu" (红玉; en chinés, "Xade Vermello"), o nome que se conservou no folclore, as óperas chinesas e as novelas despois da súa morte heroica en batalla en 1135. Era a esposa de Han Shizhong, outro xeneral Song lembrado por resistir os invasores da dinastía Jin xunto con Yue Fei e outros.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

O pai de Liang era un comandante do exército na fronteira, onde o imperio Song era acechado polos jurchen. Ensinou á súa filla as súas habilidades marciais e non vendou os seus pés.[1] Foi unha mestra nas artes marciales. Varias crónicas preséntana como unha muller de incrible forza e mestría co arco.

En certo momento foi obrigada a servir como escrava ao ser castigado o seu pai por perder unha batalla crítica. Segundo algúns relatos históricos, o seu traballo escravo podería ser semellante ao dunha loitadora de loita libre. Durante a dinastía Song, a loita feminina era un deporte popular que mesmo atraía os emperadores. A maioría das loitadoras vestían como os loitadores varóns, levando nada máis que un taparrabos. Este deporte estaba xa completamente prohibido durante a dinastía Ming pois para entón a xente o percibía como indecente. Algúns historiadores modernos argumentan que esta sería a razón pola que a súa condición foi malinterpretada como prostitución por algúns historiadores Ming.

Nalgún momento da súa carreira, coñeceu o seu marido Han Shizhong, aínda que os relatos sobre como se coñeceron varían. A versión máis crible é que foi durante un banquete que Han ofreceu ás súas tropas. Han dirixira os seus homes no esmagamento dunha rebelión no sur da China, onde Han persoalmente arrestara o líder rebelde Fang La. Aínda así, o seu superior fíxose co mérito, para desgusto de Han. Liang sabía a verdade e admirou a vitoria de Han. Aforrara diñeiro abondo para comprar a súa liberdade e en canto foi libre, converteuse na segunda esposa de Han.

Os jurchen axiña iniciaron a conquista total do imperio Song. Han armou un exército para loitar contra eles e Liang actuou como xeneral no exército do seu marido.

Restauración do emperador Song

[editar | editar a fonte]

O exército de Han e Liang axiña se converteu na forza principal contra os jurchen despois de que os Song perderon a súa capital e se repregaron ao sur. Despois que os jurchen capturasen dous emperadores Song (o emperador Huizong e o emperador Qinzong), o emperador Gaozong restableceu o goberno dos Song no sur. En 1129 houbo un golpe de estado na corte e Gaozong foi tomado como refén e forzado a abdicar. Por entón, Han dirixía un exército na primeira liña. Liang tamén foi arrestada na súa casa coa esperanza de forzar o seu marido a renderse. Traballou cos partidarios do emperador Gaozong para elaborar un plan que induciu o líder rebelde a liberala como mensaxeira e xesto de boa vontade co seu marido. De inmediato, cabalgou ata o seu marido e describiulle as defensas dos rebeldes. Isto permitiu a Han esmagar o golpe e restaurar o emperador Gaozong. Despois, Liang foi recompensada co nobre rango de "Nobre Dama de Hu Guo" (护国夫; en chinés, Nobre Señora Protectora da Nación), o cal non tiña nada que ver co rango do seu marido. Isto é case único na historia chinesa, onde as mulleres nobres conseguían os seus rangos normalmente a través dos seus maridos.

Batalla de Huangtiandang

[editar | editar a fonte]

Pouco despois, cando os jurchen unha vez máis atacaron e invadiron Hangzhou en 1129, Liang e o seu marido lideraron as súas forzas nunha emboscada ao exército inimigo cando regresaba ao territorio Jin. As súas tropas eran inferiores en número, mais comezou a batalla de Huangtiandang. Esta consistiu nunha serie de batallas navais no río Yangtzé. Liang elaborou un plan para dirixir os soldados cos seus tambores. Cando se iniciou a batalla, as tropas Song foron rexeitadas polas jurchen, moi superiores en número. Con gran coraxe, Liang tirou o seu casco e a súa armadura, batendo os tambores e dirixindo a carga cara á formación inimiga. Isto converteuse nun punto de inflexión da batalla. Os barcos-tigre chineses, que estaban dotados de lanzachamas, destruíron moitos navíos Jin mentres Liang os dirixía cos seus redobres. Os jurchen víronse atrapados por un mes, ata que un traidor lles revelou unha debilidade no cerco chinés e fuxiron, aínda que con grandes perdas.

Vida posterior

[editar | editar a fonte]

En 1135 Han foi nomeado jiedushi de Wuning Anhua (武宁安化军节度使). Liang e o seu marido reconstruíron a fortaleza de Chuzhou e aumentaron as súas defensas. Eles e os seus soldados tamén traballaron reconstruíndo casas e plantando campos.[2]

Escribíronse varias poesías na honra de Liang Hongyu, o que contribuíu á súa fama.

Xunto con Qin Liangyu, a décimo terceira irmá e a lendaria Hua Mulan, é unha das guerreiras máis coñecidas na China.[3]

  1. Kang-i Sun Chang & Haun Saussy, eds. (2000). Women Writers of Traditional China: An Anthology of Poetry and Criticism. Stanford University Press. ISBN 978-0804732314. 
  2. Bennet Peterson, Barbara (2000). Notable Women of China: Shang Dinasty to the Early Twentieh Century. H. E. Sharpe. ISBN 978-0765605047. 
  3. Edwards, Louise P. (2001). Men and Woman in Qing China: Gender in the Red Chamber Dream. University of Hawai Press. ISBN 978-0824824686.