[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

O Canon da Medicina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Copia latina do Canon da Medicina, datada en 1484. Biblioteca Médica P. I. Nixon do Centro de Ciencias da Saúde da Universidade de Texas en San Antonio.

O Canon da Medicina (título orixinal en árabe: القانون في الطب Al-qanun fi al-tibb) é unha enciclopedia médica en 14 volumes escrita polo científico e médico musulmán persa Ibn Sina (Avicena) contra o ano 1020. O libro baséase nunha combinación da propia experiencia persoal do autor, da medicina islámica medieval, dos escritos de Galeno, Sushruta e Charaka, así como da antiga medicina persa e árabe.[1] Está considerado como un dos libros máis famosos da historia da medicina.

Coñecido tamén como o Qanun, que significa 'lei' en árabe e persa, O Canon da Medicina foi unha autoridade da medicina até o século XVIII.[2] Establece os principios da medicina en Europa e no mundo islámico e é unha das obras escritas máis reputadas de Avicena. Os principios de medicina que describiu neste libro hai dez séculos seguen a ser ensinados nas universidades de California, Os Ánxeles (UCLA), na Yale e noutras, como parte da historia da medicina. O libro introduce a experimentación e a cuantificación sistemáticas no estudo da fisioloxía,[3] e polo descubrimento das enfermidades contaxiosas entre outras cousas.[4]

George Sarton, considerado por algúns como o pai da historia da ciencia,[Cómpre referencia] escribiu na súa Introdución á historia da ciencia:

Un dos maiores expoñentes do universalismo musulmán e unha eminente figura na cultura islámica foi Ibn Sina, coñecido en Occidente como Avicena (981-1037). Durante mil anos conservou o seu renome orixinal como un dos máis grandes pensadores e investigadores da medicina da historia. As súas obras médicas máis importantes son o Qanun (Canon) e un tratado sobre medicamentos cardíacos. O Qanun fi-l-Tibb é unha inmensa enciclopedia de medicina. Contén algúns dos pensamentos máis esclarecedores, incluíndo a distinción entre a mediastinite e a pleurite, a natureza contaxiosa da tuberculose, a expansión das enfermidades pola auga e a terra, descricións minuciosas de problemas dermatolóxicos, as enfermidades de transmisión sexual e as perversións, e as enfermidades do sistema nervioso.[4]

Visión xeral

[editar | editar a fonte]
Ilustración do Canon da Medicina.

O libro explica as causas da saúde e a enfermidade. Ibn Sina cría que ao corpo humano enfermo non se lle pode devolver a saúde a menos que se determinen as causas tanto da saúde como da enfermidade. Ibn Sina afirmaba que a medicina (tibb) é a ciencia pola cal aprendemos os distintos estados do corpo humano cando ten saúde e cando non a ten, así como os modos polos cales é probábel que se perda a saúde e, unha vez perdida, recuperala. Noutras palabras, a medicina é a ciencia por medio da cal se conserva a saúde e é a arte por medio da cal recupérase esta tras habela perdido.

Avicena consideraba que as causas da boa saúde e das enfermidades eran as seguintes:

  1. As causas materiais.
  2. Os elementos.
  3. Os humores.
  4. A variabilidade dos humores.
  5. Os temperamentos.
  6. As facultades psíquicas.
  7. A forza vital.
  8. Os órganos.
  9. As causas eficientes.
  10. As causas formais.
  11. As facultades vitais.
  12. As causas finais.[5]

O Qanun distingue a mediastinite da pleurite e recoñece a natureza contaxiosa da tuberculose e a expansión das enfermidades pola auga e a terra. Ofrece un diagnóstico científico da anquilostomiase e atribúe a súa condición a un verme intestinal. O Qanun sinala a importancia da dieta, a influencia do clima e da contorna sobre a saúde, así como o uso cirúrxico da anestesia oral. Ibn Sina aconsellaba aos cirurxiáns tratar o cancro na súas primeiras etapas, asegurándose de extirpar todo o tecido afectado. A materia medica do Qanun nomea máis de 760 medicamentos, con comentarios sobre a súa aplicación e efectividade. Recomendaba a experimentación das novas medicinas con animais e humanos antes do seu uso xeneralizado.

Ibn Sina observou a estreita relación entre as emocións e a condición física, e soubo que a música exercía un efecto físico e psicolóxico total nos doentes. De entre as moitas enfermidades mentais que describiu no Qanun, unha é de interese particular: o mal de amores. Dise que Ibn Sina diagnosticoulle esta doenza a un príncipe en Khurján que estaba prostrado e cuxa enfermidade desconcertara aos médicos do lugar. Ibn Sina observou un desaxuste no pulso do príncipe cando se lle mencionaba o paradoiro e o nome da súa amada. O gran doutor prescribiu un remedio moi sinxelo: unir ao paciente coa amada.

A copia máis antiga do Canon da Medicina data de 1052, que se conserva na colección do Aga Khan, e hai plans de albergala no Museo do Aga Khan, que se construirá en Toronto, Ontario, Canadá.

O Canon da Medicina de Avicena en Europa

[editar | editar a fonte]

O texto árabe do Qanun foi traducido ao latín como Canon medicinae por Xerardo de Cremona no século XII e ao hebreo en 1279. A partir de entón, o Canon foi a principal guía da ciencia médica en Occidente créndose que influíu a Leonardo da Vinci. O seu contido enciclopédico, a súa organización sistemática e a súa filosofía pronto alcanzaron un lugar de prominencia na literatura médica de Europa, desprazando as obras de Galeno e converténdose no manual da educación en medicina nas escolas europeas. O texto estívose lendo nas escolas de medicina de Montpellier e Lovaina até 1650, e Arnold C. Klebs describiuno como "un dos fenómenos intelectuais máis significativos de todos os tempos". En palabras do Dr. William Osler, o Qanun foi "unha biblia da medicina durante máis tempo que ningunha outra obra". Os primeiros tres libros do Canon en latín imprimíronse en 1472 e en 1473 apareceu unha edición completa. A edición en hebreo de 1491 á a primeira aparición dun tratado médico en hebreo e o único publicado durante o século XV. Nos últimos 30 anos do século XV tivo 15 edicións en latín.

  1. Hakeem Abdul Hameed, Intercambios entre a India e a Asia Central no ámbito da medicina Arquivado 06 de outubro de 2008 en Wayback Machine. (en inglés).
  2. Ziauddin Sardar, A Ciencia na Filosofía islámica Arquivado 05 de maio de 2009 en Wayback Machine. (en inglés).
  3. Katharine Park (Marzo 1990). "Avicenna in Renaissance Italy: The Canon and Medical Teaching in Italian Universities after 1500 (Avicena na Italia renacentista: o Canon e a ensinanza médica nas universidades italianas despois de 1.500) por Nancy G. Siraisi, The Journal of Modern History (Revista de historia moderna) 62 (1), páxs. 169-170.
    "Os estudantes de historia da medicina coñéceno polos seus esforzos por implantar a experimentación e a cuantificación sistemáticas no estudo da fisioloxía".
  4. 4,0 4,1 George Sarton, Introduction to the History of Science (Introdución á historia da ciencia)
    (cf. Dr. A. Zahoor and Dr. Z. Haq (1997). Citas de famosos historiadores da ciencia (en inglés), Cyberistan)
  5. Existen moitas outras fontes que explican os seus conceptos en profundidade e que son accesíbeis desde a world wide web en sitios médicos e islámicos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]