[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

José Lezama Lima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé Lezama Lima
Biografía
Nacemento19 de decembro de 1910
A Habana, Cuba
Morte9 de agosto de 1976 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
A Habana, Cuba Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade da Habana Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoBelas letras, Cuban literature (en) Traducir, estética, dereito e Cuban poetry (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
OcupaciónNovelista
Período de actividade1930 Editar o valor en Wikidata -
Xénero artísticoPoesía Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX961892 Dialnet: 75357 Find a Grave: 9267026 Editar o valor en Wikidata

José María Andrés Fernando Lezama Lima, nado na Habana o 19 de decembro de 1910 e finado o 9 de agosto de 1976, foi un escritor cubano. Recoñecido como poeta e ensaísta, a súa novela Paradiso acadou unha enorme repercusión internacional desde a súa publicación en 1966.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Lezama naceu en 1910 no campamento militar de Columbia, na Habana. Era fillo de José María Lezama y Rodda, coronel e enxeñeiro, e de Rosa Lima.

En 1920 ingresa no colexio Mimó, concluíndo os estudos primarios en 1921. Comeza o ensino secundario no Instituto da Habana, rematando o bacharelato de Ciencias e Letras en 1928. Un ano máis tarde principia cos estudos de Dereito na Universidade da Habana.

A súa obra culterana está ateigada de claves, enigmas, alusións, parábolas e alegorías cun fondo de realidade secreta, íntima e certamente ambigua. Desenvolveu a erótica na escritura, anticipándose así ás correntes europeas da estilística estruturalista. Os seus ensaios son imaxinativos, tremendamente poéticos, abertos. Foi ademais promotor de revistas e cenáculos, soubo congregar arredor de si a poetas como Gastón Baquero, Cintio Vitier, Eliseo Diego, Virgilio Piñera ou Octavio Smith, entre outros. A súa amizade co poeta e sacerdote español Angel Gaztelú, contribuíu á conformación dun mundo espiritual de seu.

Participou o 30 de setembro de 1930 nos movementos estudantís contra a ditadura de Gerardo Machado. Publicou o seu primeiro traballo, o ensaio Tiempo negado, na revista Grafos, na que un ano máis tarde tamén habería publicar o seu primeiro poema, titulado Poesía. No 1937 funda a revista Verbum e sae a luz o seu libro Muerte de Narciso. Durante os anos posteriores creou outras tres revistas: Nadie parecía, Espuela de Plata e Orígenes xunto con José Rodríguez Feo, unha das publicacións clave dos anos 40, onde publicaría tamén os primeiros cinco capítulos da súa obra cumio: Paradiso.

O 12 de setembro de 1964 mórrelle a nai. Deseguido, o 5 de decembro do mesmo ano, casa coa súa secretaria, María Luisa Bautista. Soamente saíu de Cuba para facer breves viaxes a México e a Xamaica. Un ano despois ocupa o cargo de investigador e asesor do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias. É daquela que publica a Antología de la poesía cubana.

A súa novela Paradiso, obra cumio do autor, foi publicada no ano 1966. Está considerada por moitos críticos unha obra mestra da narrativa do século XX. Nela conflúe toda a súa traxectoria poética de carácter barroco, simbólico e iniciático. Foi publicada en 1970 pola editorial mexicana Era nunha edición revisada polo autor e ao coidado de Julio Cortázar e mais de Carlos Monsiváis.

Paradiso foi cualificada polas autoridades cubanas como pornográfica debido á temática homosexual da trama, e isto serviu de antesala para posteriores acusacións de participación en actividades contrarrevolucionarias en 1971, o que foi un desasosego continúo nos últimos anos da súa existencia.

Foi Lezama un profundo coñecedor de Platón, dos poetas órficos, dos filósofos gnósticos, de Luis de Góngora e das correntes culteranas e herméticas, devoto do idealismo platónico e devezado lector dos poetas clásicos. Lezama viviu plenamente entregado aos libros, á lectura e á escritura. Tense dito del que foi "un escritor de palabra larpeira, enchida de barruntos cos máis extraordinarios maxíns. Nel, o vocábulo afunde, coma inmensa culler, nun caldo que conten todos os saberes e todos os sabores e logra extraer, inimaxinablemente mesturados, bocados que son imaxes, que son poesía. Lezama é un poeta do sensual; escritor dunha palabra que é deleite, que é pracer, que é plenitude". (Rafael Fauquié, Escribir la Extrañeza)

A estética de Lezama é estética, intuitiva, de percepción primaria onde se atopan todas as clarividencias. Ao respecto da poesía, non se alterou especialmente na forma nin no fondo coa chegada da Revolución, manténdose coma unha sorte de monumento solitario dificilmente catalogábel. Para moitos especialistas, o conxunto da obra lezamiana representou dentro da literatura hispanoamericana unha ruptura radical co realismo e coa psicoloxía, aportando unha alquimia expresiva que non proviña de ninguén. Julio Cortázar foi sen dúbida o primeiro en advertir a singularidade da súa proposta.

En 1972 recibe o Premio Maldoror de poesía de Madrid e en Italia o premio á mellor obra hispanoamericana traducida ao italiano, pola novela Paradiso.

Fina o 9 de agosto de 1976 a consecuencia das complicacións da asma que padecía desde cativo. A pesar da escasa difusión editorial, a obra de José Lezama Lima segue a transcender máis aló do tempo e das fronteiras. Poetas e narradores cubanos, latinoamericanos e españois posteriores a el admiten sen tapuzos a influencia significativa de Lezama nas súas escritas: o caso máis salientábel sexa quizabes o de Severo Sarduy, quen postulou a súa teoría do neo-barroco a partir do barroco lezamiano.

Sendo un poeta hermético por instinto e polo exceso expresivo, procura a revelación do misterio da poesía. Foi un poeta relixioso que, como San Juan de la Cruz, priorizou o sentido fronte o dito.

Lezama estruturou un sistema poético do mundo sen importarlle a dificultade que podería supor a lectura. José Lezama Lima crea un sistema para explicar o mundo a través da metáfora e da imaxe. Unha célebre frase do autor resúmeo así a imaxe pertence en realidade ao mundo invisíbel.

  • Muerte de Narciso. (poesía) 1937
  • Juego de las decapitaciones (relato)
  • Patio morado (relato)
  • Coloquio con Juan Ramón Jiménez. 1938
  • Enemigo Rumor. (poesía) 1941
  • Aventuras Sigilosas. (poema) 1945
  • La Fijeza (poesía). 1949
  • Arístides Fernández. (ensaio) 1950
  • Analecta del Reloj. (ensaio) 1953
  • La expresión americana. (ensaio) 1969
  • Tratados en La Habana. (ensaio) 1958
  • Dador. (poesía) 1960
  • Antología de la poesía cubana. 1965
  • Órbita de Lezama Lima. 1966
  • Paradiso, novela 1966
  • Los grandes todos. (Antoloxía)
  • Posible imagen de Lezama Lima. 1969
  • Esfera imagen. Sierpe de Don Luis de Góngora
  • Las imágenes posibles. (ensaio) 1970
  • Poesía Completa. 1970
  • La cantidad hechizada. (ensaio) 1970
  • Introducción a los vasos órficos 1971
  • Las eras imaginarias (ensaio) 1971
  • Obras completas. 1975
  • Oppiano Licario. novela inacabada, aparecida postumamente en 1977
  • Fragmentos a su imán (poesía) 1978

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]