Inmunosupresión
A inmunosupresión é o fenómeno que reduce a activación ou eficacia do sistema inmunitario. Algunhas partes do propio sistema inmunitario teñen efectos inmunosupresores sobre outras partes do sistema inmunitario, para modular a súa resposta, pero a inmunosupresión pode ocorrer como resultado adverso dun tratamento ou outras condicións como certas infeccións, ou pode ser inducida deliberadamente.
En xeral, a inmunosupresión inducida deliberadamente realízase como prevención ante o rexeitamento de transplantes de órganos, ou para tratar a enfermidade de enxerto contra o hóspede despois dun transplante de medula ósea, ou para o tratamento de enfermidades autoinmunes como a artrite reumatoide ou a enfermidade de Crohn. Isto faise tipicamente utilizando certas drogas, pero pode implicar cirurxía (esplenectomía ou ablación do bazo), plasmaférese (extracción, tratamento e devolución do plasma sanguíneo), ou o uso de radiación.
Unha persoa que está experimentando uha inmunosupresión, ou cuxo sistema inmunitario é feble por outras razóns (por exemplo, quimioterapia, infección por VIH/SIDA, ou lupus eritematoso sistémico), dise que está inmunocomprometida.
Inmunosupresores
[editar | editar a fonte]Un inmunosupresor é unha substancia que ten como efecto a inmunosupresión do sistema inmunitario. Poden ser inmunosupresores exóxenos, como as drogas inmunosupresoras, ou endóxenos, como, por exemplo, a testosterona.[1] Cando a función do sistema inmunitario está suprimida, prodúcese un incremento da susceptibilidade ás enfermidades infecciosas e ao cancro.
O termo inmunotoxina tamén se usa ás veces (incorrectamente) para designar a inmunosupresores non desexables, como certos contaminantes. Son exemplos de contaminantes con efectos inmunosupresores os bifenilos policlorados (PCB)[2] e o herbicida DDT.[3][4]
Os inmunosupresores poden prescribirse cando a resposta normal do sistema inmunitario non é desexable, como no caso de enfermidades autoinmunes.
Despois dun transplante de órganos, o corpo case sempre rexeita o novo órgano debido a diferenzas nos haplotiopos do antíxeno leucocitario humano entre o doante e o receptor. Como resultado, o sistema inmunitario detecta o novo tecido como "hostil", e intenta eliminalo atacándoo cos leucocitos do receptor, o que acaba producindo a morte do tecido enxertado. Os inmunosupresores aplícanse como unha contramedida; os efectos colaterais son que o corpo se fai máis vulnerable ás infeccións e tumores malignos, de xeito similar ao que ocorre coa infección avanzada por VIH.
Inmunosupresión inducida deliberadamente
[editar | editar a fonte]A administración de drogas inmunosupresoras é o principal método de inducir deliberadamente unha inmunosupresión. En circunstancias óptimas, as drogas inmunosupresoras actúan só sobre os compoñentes hiperactivos do sistema inmunitario, e en circunstancias ideais non causan unha inmunodeficiencia significativa. Porén, en esencia, todas as drogas inmunosupresoras teñen o potencial de causar inmunodeficiencia. A inmunodeficiencia pode manifestarse como un incremento na susceptibilidade ás infeccións oportunistas e unha diminución da vixilancia do cancro.
A cortisona foi o prmeiro inmunosupresor que foi identificado, pero os seus diversos efectos secundarios limitan o seu uso. O inmunosupresor máis específico azatioprina identificouse en 1959, pero foi o descubrimento da ciclosporina en 1970 o que permitiu unha expansión significativa dos transplantes de riles en pares doante-receptor que non son completamente compatibles e para unha aplicación máis ampla en transplante de fígado, transplante de pulmón, transplante de páncreas, e transplante do corazón.
A terapia de radiación tamén se ten usado para diminuír a forza do sistema inmunitario.
Inmunosupresión non deliberada
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Inmunodeficiencia.
A inmunosupresión non deliberada pode ocorrer en casos como, por exemplo, malnutrición, envellecemento, moitos tipos de cancro (como a leucemia, linfoma, mieloma múltiple), e certas infeccións crónicas como a SIDA.[5] O efecto non desexado da inmunosupresión non deliberada é a inmunodeficiencia, que resulta nun incremento da susceptibilidade aos patóxenos, como bacterias e virus.
A inmunodeficiencia é tamén un efecto adverso potencial de moitas drogas inmunosupresoras. Neste sentido, o alcance do termo inmunosupresión en xeral inclúe tanto efectos beneficiosos como adversos da diminución do funcionamento do sistema inmunitario, mentres que o termo inmunodeficiencia en xeral refírese só aos efectos adversos do aumento do risco de sufrir infeccións.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Fimmel, S; Zouboulis CC (2005). "Influence of physiological androgen levels on wound healing and immune status in men". Aging Male 8 (3–4): 166–174. PMID 16390741. doi:10.1080/13685530500233847.
- ↑ "23 Studies of PCB Effects and Human Immune System Disorders". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2013. Consultado o 05 de xuño de 2013.
- ↑ Nikolaeva IS, Golovleva LA, Astashkin EI, Pertsova RN, Kovalev IE. Comitogenic and immunosuppressant action of p,p-DDT and its derivatives on phytohemagglutinin-stimulated human lymphocytes. Dokl Akad Nauk SSSR. 1980;253(2):503-5. PMID 7428595 [1]
- ↑ Udoji F, Martin T, Etherton R, Whalen MM. J Immunotoxicol. Immunosuppressive effects of triclosan, nonylphenol, and DDT on human natural killer cells in vitro. 2010 Jul-Sep;7(3):205-12. doi: 10.3109/15476911003667470. PMID 20297919. [2]
- ↑ Basic Immunology: Functions and Disorders of the Immune System, 3rd Ed. 2011.