Harriet Jacobs
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1813 Edenton, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 7 de marzo de 1897 (83/84 anos) Washington, D.C., Estados Unidos de América |
Lugar de sepultura | Cemitério de Mount Auburn (pt) |
Grupo étnico | Afroamericano |
Actividade | |
Ocupación | babá (pt) , escritora, autobiógrafa |
Pseudónimo literario | Linda Brent |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Parella | Samuel Tredwell Sawyer |
Fillos | Louisa Matilda Jacobs |
Irmáns | John S. Jacobs |
Descrito pola fonte | Encyclopedia of African American Women Writers (en) African American Authors, 1745-1945 (1st edition) (en) , (p.275-279) The Meridian Anthology of Early American Women Writers (1st edition) (en) , (p.449-450) |
Harriet Ann Jacobs, nada en Edenton (Carolina do Norte) cara a 1813 e finada en Washington, D.C. o 7 de marzo de 1897, foi unha escritora abolicionista e feminista estadounidense.[1] En 1861 publicou Incidents in the Life of a Slave Girl baixo o pseudónimo de Linda Brent, unha das poucas autobiografías sobre a escravitude estadounidense escrita por unha muller.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi filla de Daniel Jacobs, un escravo mulato pertencente ao doutor Andrew Knox, e de Delilah, unha escrava mulata propiedade de John Horniblow, dono dunha taberna.[2][3][4] Harriet herdou a condición de escrava desde o seu nacemento polo principio de partus sequitur ventrem, pero tivo a sorte de ser criada pola súa nai Delilah até a morte desta en 1819.[2] A partir dese momento o seu coidado recaeu sobre a ama da súa nai, Margaret Horniblow, quen lle ensinou a ler, escribir e coser.[2]
En 1825, Margaret Horniblow faleceu e Harriet foi enviada co sobriño de Horniblow, cuxo pai, o doutor James Norcom, se converteu no seu novo amo.[2][4] Este non só a acosou sexualmente durante case unha década, senón que rexeitou concederlle o matrimonio cun carpinteiro local.[2] Posteriormente, mantería unha relación con Samuel Sawyer, un home branco e avogado co que tivo dous fillos que foron propiedade tamén de Norcom.[2][4] A autora afirma que Norcom a ameazaba con vender aos seus fillos se ela se opuña ás súas demandas sexuais.[2]
Por 1835, a súa situación doméstica volveuse tan insostible que tivo que fuxir, aínda que, sen medios, non puido ir ao Norte nin tampouco quería separarse dos seus fillos; viviu, pois, uns sete anos recluída nun pequeno espazo dentro do ático da súa avoa, sen sequera poder sentar, mentres ofrecían trescentos dólares a quen a devolvese ao seu propietario. En 1842 logrou marchar nun bote a Filadelfia, Pensilvania. Alí o bispo Paine propúxolle que publicase un esbozo da súa vida, pero ela desistiu nese momento de facelo, non considerándose competente para semellante tarefa.
Comezou entón a súa vida como unha muller libre, mudándose á cidade de Nova York en 1842. Puido conseguir emprego como enfermeira, sendo o seu xefe o destacado abolicionista Nathaniel Parker Willis.
Durante moito tempo Jacobs debateuse entre a presión dos activistas que querían utilizar a súa historia como propaganda para a causa abolicionista e a súa resistencia a confesar o que ela consideraba o seu "gran pecado", un amor ilexítimo, pero finalmente prevaleceu o seu compromiso co movemento antiescravista. Primeiro pediu a Harriet Beecher Stowe, autora de Uncle Tom's Cabin, que lle axudase a escribir a obra, pero a actitude condescendente desta autora fíxolle cambiar de idea. Así pois, redactou un manuscrito cambiando nomes de lugar e de persoa, non só porque aínda tiña parentes no Sur, senón porque segundo unha lei de 1850 aínda podía castigarse a aqueles que axudasen a escravos fuxitivos mesmo nos estados do norte que aboliran a escravitude. O manuscrito foi pasado a limpo pola súa filla, quen seguramente corrixiu a ortografía e a puntuación, e a autobiografía empezou a publicarse por entregas no New York Tribune, editado por Horace Greeley. Con todo, as pasaxes sobre acoso e abuso sexual por parte do seu amo foron considerados tan fortes para a lectora media daquel entón que a publicación se interrompeu ntes de contar toda a historia. Por este motivo Harriet atopou moi complicado vender o seu manuscrito ou publicalo na súa integridade, aínda que o tentou durante varios anos. Finalmente a editorial Thayer and Eldridge de Boston (Massachusetts) comprou os dereitos, pero crebou antes de que o libro se chegase a imprimir. Porén, logrou que un impresor comprase os ferros e o libro saíse á luz ao fin en 1861 á conta da súa autora cunha presentación de Lydia María Child. Ao pouco reimprimiuse en Inglaterra.
A autora dirixiuse máis que nada a unha clase media branca de mulleres cristiás do Norte, a través da súa descrición da escravitude como destrutora da virtude feminina por medio do abuso e a violación:
Non me importa inspirar simpatía polos meus sufrimentos, pero desexo de verdade, coa maior seriedade, espertar nas mulleres do Norte o sentido de responsabilidade ante a condición de dous millóns de mulleres do Sur aínda en cativerio, que sofren o que eu sufrín, e moitas delas aínda cousas peores. Quero engadir o meu testemuño ao de plumas máis capaces para convencer á xente dos estados libres do que é realmente a escravitude. Só mediante a experiencia pode alguén darse conta do profundo, escuro e vil que é ese inferno de abominacións. Quizá caia a bendición de Deus sobre este imperfecto esforzo en nome da miña xente perseguida!Prefacio
Denunciou á relixión dos estados do Sur como anticristiá e seguidora do valor do diñeiro ("If I am going to Hhell, bury my money with me", di un inculto dono de escravos). Describe tamén a oración doutro propietario de escravos ("Hei boasted the name and standing of a Christian, though Satan never had a truer follower").
Jacobs sostiña que estes homes non eran a excepción á regra xeral. A crueldade da escravitude destruía a virtude dunha sociedade enteira e, ademais, is a curse to the whites as well as to the blacks.
A maior parte de Incidents in the Life of a Slave Girl está dedicada á loita de Jacobs por manter a liberdade dos seus dous fillos custe o que custe, antes de fuxir ela mesma en busca da súa. Por iso pasou sete anos escondida nun diminuto espazo construído dentro do celeiro da súa avoa para ocasionalmente poder ver e ouvir as voces dos seus fillos. O propietario escravista Flint é en realidade o seu primeiro amo, o doutor James Norcom.
Modificou os nomes de todos os personaxes, incluíndose ela mesma, e soamente grazas á exhaustiva investigación realizada pola profesora Jean Fagan Yellis descubriuse á verdadeira autora da obra, principalmente grazas a un conxunto de cartas que descubriu na Universidade de Rochester que lle serviron para a súa edición crítica (Harvard Universitiy Press, 1987).
O seu posto de enfermeira durante a Guerra Civil e a súa correspondencia con Child revela o seu entusiasmo pola Proclamación de Emancipación de 1862 e o seu desexo de que o seu pobo atribulado alcanzase por fin a liberdade, o que se logrou definitivamente a través da décimo terceira emenda á Constitución dos Estados Unidos de 1865, que suprimiu a escravitude. Jacobs viviu os últimos anos da súa vida en Washington, D.C.
O seu libro foi redescuberto polo Movemento a prol dos Dereitos Civís durante a década de 1960 e hoxe considérase xunto ao do tamén escravo fuxitivo Frederick Douglass un dos clásicos do xénero; nos últimos anos foi obxecto de especial atención e análise por parte do movemento feminista.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Harriet Jacobs - Biography, Book, & Facts - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-18.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Harriet Jacobs Wrote the First Female Fugitive Slave Narrative". ThoughtCo (en inglés). Consultado o 2023-12-18.
- ↑ Yee, Shirley (2007-02-15). "Harriet Jacobs (1813-1897) •" (en inglés). Consultado o 2023-12-18.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Silveira, Nathan (2018-05-30). "Harriet Jacobs - Lighting the Way, Historic Women of the SouthCoast" (en inglés). Consultado o 2024-04-13.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Shockley, Ann Allen (1989): Afro-American Women Writers 1746-1933: An Anthology and Critical Guide, New Haven, Connecticut: Meridian Books. ISBN 978-0-452-00981-2