Fanhui Shi Weixing
Fanhui Shi Weixing (satélite recuperable), abreviadamente FSW, é o nome dunha serie de satélites chineses recuperables de recoñecemento tanto civil como militar. Foron lanzados un total de 23 entre 1974 e 2005, cun único fallo. Os FSW agrúpanse en diferentes variantes, con cada unha delas con características distintas á anterior.[1]
FSW-0
[editar | editar a fonte]O programa que deu lugar á variante orixinal comezou en 1966, co seu primeiro lanzamento en 1974, que fallou por un problema co cableado. Posteriormente lanzáronse nove, entre 1975 e 1987, sen problemas. Tiñan forma de cono romo, unha masa duns 1800 kg e levaban cámaras coas que facer fotografías en película que logo era recuperada cando os satélites volvían a terra. Estaban formados por dúas seccións: o módulo de reentrada, de 1,5 m de longo, e o módulo de equipamento e retropropulsión, de 1,6 m. O seu diámetro máximo era de 2,2 m. Alimentábanse mediante baterías e non tiñan capacidade de manobra en órbita. Lanzábanse sen cofia, os catro primeiros mediante foguetes CZ-2A e os seis restantes mediante CZ-2C.[1][2]
FSW-1
[editar | editar a fonte]Os FSW-1 foron a continuación dos FSW-0. Ademais das cámaras de recoñecemento é posible que levasen experimentos de microgravedade a bordo. Tiñan unha maior masa (ata 2100 kg) pero a mesma forma cónica cunha altura total de 3,14 m (a dividir entre as seccións de reentrada e de equipamento) e 2,2 m de diámetro máximo. Tamén se alimentaban con baterías e se lanzaban sen cofia. Tiñan unha maior resolución: de entre 10 e 15 m para as cámaras de película (que só podían revelarse unha vez recuperadas) e de 50 m para as cámaras CCD, que ofrecían imaxes case en tempo real. Lanzáronse cinco cápsulas deste modelo, todas mediante foguetes CZ-2C entre 1987 e 1993, a última das cales non puido recuperarse por un problema co sistema de control de actitude. A duración típica de cada misión era de entre 7 e 10 días.[1][3]
FSW-2
[editar | editar a fonte]Da versión FSW-2 lanzáronse tres satélites entre 1992 e 1996, os tres mediante foguetes CZ-2D. Tiñan unha maior lonxitude e masa que os anteriores, 4,6 m e 3000 kg, pero o mesmo diámetro máximo, 2,2 m. Seguían tendo a mesma estrutura en dous módulos e seguían usando baterías como fonte de alimentación. As melloras en resolución e fiabilidade permitiron que cada satélite devolvera ata 13 veces máis volume de información que as versións anteriores. Os FSW 2 si tiñan certa capacidade de manobra en órbita, na que podían permanecer ata 18 días.[1][4]
FSW-3
[editar | editar a fonte]Lanzáronse tres FSW-3 entre 2003 e 2005, todos mediante foguetes CZ-2D. Podían permanecer ata 24 días en órbita.[1][5]
FSW-4
[editar | editar a fonte]A última versión constou de dous satélites, lanzados en 2004 e 2005 mediante CZ-2C. A diferenza de tódolos anteriores, lanzáronse dentro de cofias. Podían permanecer 27 días en órbita.[1][6]
Misións FSW
[editar | editar a fonte]Misión[2][3][4][5][6] | Data de lanzamento[2][3][4][5][6] | Data de regreso[2][3][4][5][6] | Notas[2][3][4][5][6] |
---|---|---|---|
FSW-0 1 | 5 de novembro de 1974 | N/A | Fallo durante o lanzamento |
FSW-0 1 | 26 de novembro de 1975 | 29 de novembro de 1975 | |
FSW-0 2 | 7 de decembro de 1976 | 9 de decembro de 1976 | Prototipo |
FSW-0 3 | 26 de xaneiro de 1978 | 30 de xaneiro de 1978 | |
FSW-0 4 | 9 de setembro de 1982 | 14 de setembro de 1982 | |
FSW-0 5 | 19 de agosto de 1983 | 24 de agosto de 1983 | |
FSW-0 6 | 12 de setembro de 1984 | 17 de setembro de 1984 | |
FSW-0 7 | 21 de outubro de 1985 | 26 de outubro de 1985 | |
FSW-0 8 | 6 de outubro de 1986 | 11 de outubro de 1986 | |
FSW-0 9 | 5 de agosto de 1987 | 10 de agosto de 1987 | |
FSW-1 1 | 9 de setembro de 1987 | 17 de setembro de 1987 | |
FSW-1 2 | 5 de agosto de 1988 | 13 de agosto de 1988 | |
FSW-1 3 | 5 de outubro de 1990 | 23 de outubro de 1990 | |
FSW-2 1 | 9 de agosto de 1992 | 25 de agosto de 1992 | |
FSW-1 4 | 6 de outubro de 1992 | 13 de outubro de 1992 | |
FSW-1 5 | 8 de outubro de 1993 | 12 de marzo de 1996 | A cápsula non puido recuperarse no momento previsto por un fallo no sistema de retropropulsión, que elevou a órbita do satélite. |
FSW-2 2 | 3 de xullo de 1994 | 18 de xullo de 1994 | |
FSW-2 3 | 20 de outubro de 1996 | 4 de novembro de 1996 | |
FSW-3 1 | 2 de novembro de 2003 | 18 de decembro de 2003 | |
FSW-4 1 | 29 de agosto de 2004 | 24 de setembro de 2004 | |
FSW-3 3 | 27 de setembro de 2004 | 15 de outubro de 2004 | |
FSW-4 2 | 2 de agosto de 2005 | 29 de agosto de 2005 | |
FSW-3 5 | 29 de agosto de 2005 | 17 de outubro de 2005 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Mark Wade (2020). "FSW" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "FSW-0 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 (JB-1 1, ..., 9)" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "FSW-1 1, 2, 3, 4, 5 (JB-1A 1, 2, 3, 4, 5)" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "FSW-2 1, 2, 3 (JB-1B 1, 2, 3)" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "FSW-3 1, 2, 3 (JB-2 1, 2, 3)" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "FSW-4 1, 2 (JB-4 1, 2)" (en inglés). Consultado o 12 de abril de 2020.