[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Epistemoloxía

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Busto de Platón.

A epistemoloxía[1] (do grego, ἐπιστήμη (epistéme), "coñecemento"; λόγος (logos) , "teoría") é unha rama da filosofía que trata sobre os problemas filosóficos relacionados coa teoría do coñecemento.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

O sentido da palabra epistéme é mellor comprendido se se compara co seu oposto, δόξα (dóxa), segundo Platón. Dóxa significa "opinión", "maneira de ver", "parecer", "crenza" etc., sendo o seu significado próximo a sentido común; esa opinión ten a connotación de coñecemento falso, ou baseado en algo falso, mal-construído, inconsistente etc. Así, a dóxa é aquel tipo de coñecemento van, vago, inútil, que expresa non a verdade, senón determinado punto de vista parcial e máis comprometido coa subxectividade de quen emite ese punto de vista que coa verdade do asunto do cal trata.

Contraposta á dóxa, a epistéme é o coñecemento, o logos, o enunciado comprometido co verdadeiro, e non cun punto de vista subxectivo e parcial (o cal, para Platón, era moi próximo da mentira). Este termo foi introducido por filósofos alemáns dentro da denominada Erkenntnistheorie ou teoría do coñecemento.

O Coñecemento é unha crenza da que estamos seguros,e ademais, podemos demostrar. O coñecemento divídese en grupos:

  • O coñecemento teórico: tamén denominado episteme, é o conxunto de todas aquelas informacións que describen e explican o mundo natural e social que nos rodea. Este coñecemento consiste en describir, explicar e predicir unha realidade, isto é, analizar o que ocorre, determinar o porqué e utilizar estes coñecementos para anticipar unha realidade futura.
  • O coñecemento práctico: é un saber actuar no mundo que nos fornecen as normas para vivir e ser felices.

O problema do coñecemento, xa que é unha crenza verdadeira, é que presenta algunhas dificultades á hora de recoñecer, o que é ou non verdadeiro. A verdade é un feito xustificable, esta ten dous sentidos.

  • Verdade de feitos: tipo de verdade demostrable que se confunde coa realidade. A verdade de feitos pode ser auténtica, se explica os feitos do mundo tal e como son realmente, ou aparentes, se explica como aparece ou se manifesta na realidade.
  • Verdade de proposición: tipo de verdade que non só se atribúe á realidade, senón, sobre todo, ás afirmacións que facemos sobre ela. As verdades de proposición poden ser de dous tipos: empíricas e formais.

A verdade de proposición empírica é a que afirma algo dos feitos e acontecementos do mundo. A verdade como correspondencia considera que unha proposición é verdadeira cando hai unha adecuación entre o que a proposición expresa e a realidade á que se refire. A verdade como suceso considera que unha proposición é verdadeira cando é útil e, polo tanto, conduce ao suceso. Por outra parte se atopa a verdade das proposicións formais que non afirman nada a respecto da realidade. É un tipo verdade de coherencia, que considera que unha proposición é verdadeira se non entra en contradición co resto das proposicións aceitas.

A epistemoloxía tamén estuda os criterios para recoñecer e estar seguros da verdade: a evidencia, sentimento que temos de seguranza da verdade tan claro, que non existe dúbida; e tamén a intersubxectividade, que defende a idea de que as nosas crenzas ten de ser aceptadas por calquera suxeito racional se queremos que sexan admitidas como verdadeiras e que constitúan coñecemento.

Posicionamentos

[editar | editar a fonte]

Ante a posibilidade do coñecemento existen diferentes actitudes que son as seguintes:

  • Dogmatismo; actitude filosófica defendida por Descartes segundo a cal podemos adquirir coñecementos seguros e universais, e ter absoluta certeza diso.
  • Escepticismo; actitude filosófica oposta ao dogmatismo a cal dúbida de que sexa posible un coñecemento firme e seguro. Esta postura foi defendida por Pirro.
  • Criticismo; actitude filosófica intermedia entre o dogmatismo e o escepticismo, que admite a posibilidade de atopar a verdade, mais esta verdade non é definitiva senón que é unha verdade criticable, esta postura foi defendida por Immanuel Kant.
  • Relativismo; actitude filosófica defendida polos sofistas que nega a existencia dunha verdade absoluta e defende a idea de que cada individuo posúe a súa propia verdade. Esta verdade depende do espazo e o tempo.
  • Perspectivismo; actitude filosófica que defende a existencia dunha verdade absoluta mais pensa que ningún de nós podemos chegar a ela senón que chegamos a unha pequena parte. Cada ser humano ten unha visión da verdade. Esta postura desenvolveuna Friedrich Nietzsche.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para epistemoloxía.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]