[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Edificio Castromil

Edificio Castromil
Coordenadas42°52′36″N 8°32′40″O / 42.876669920718, -8.5443376087667
editar datos en Wikidata ]

O edificio Castromil, coñecido previamente como café Quiqui-Bar, en Santiago de Compostela, foi un edificio de estilo modernista derrubado no ano 1975 que estaba situado na antiga praza de García Prieto, hoxe praza de Galicia. Foi o arquitecto coruñés Rafael González Villar quen o proxectou en 1922 e Antonio Alfonso Viana quen coordinou a obra en 1926. Os seus promotores foron os socios composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez, co propósito de destinalo a café-bar e restaurante.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia pronunciouse, pedindo que fose declarado monumento Histórico-Artístico, tras ser expropiado polo concello de Santiago para o seu derrubamento no ano 1974. Malia todo, o ano seguinte sería derrubado o edificio para construír un aparcadoiro subterráneo, impoñéndose o criterio da corporación municipal[1].

A actual praza de Galicia de Santiago de Compostela sufriu ó longo do século XX importantes cambios, coa demolición de antigos edificios e a construción doutros novos. A comezos do século XX recibía o nome de García Prieto, era o lugar de encontro para o viaxeiro que chegaba e o principal punto de acceso á cidade. Quen por alí transitaba podía contemplar nun recanto da praza o pazo da Inquisición, cuxa demolición se produciu en 1913 para levantar no seu lugar o que sería coñecido como "Teatro Royalty", en 1921, que sufriu a mesma sorte que o anterior anos despois. Finalmente inaugurouse en 1930 o actual Hotel Compostela, que ocupa ese curruncho da praza de Galicia na actualidade.

En 1926 construíuse, no que daquela era a praza García Prieto, un edificio de estilo modernista, que albergaría nun principio o coñecido como Quiqui-Bar. Foi a partir desa data, coa construción do edificio, cando verdadeiramente se pode comezar a falar de praza.

Problemas financeiros levaron ó seu traspaso poucos anos despois, debido ó alto custo que supoñía o mantemento do negocio. En 1929 adquiriu as instalacións a empresa Castromil, onde establecería a sede da compañía de autobuses, función que se mantivo ata o seu derrubamento en 1975. Esta edificación servía de transición entre a monumentalidade da zona histórica e os edificios modernos da zona nova. O inmoble formaba parte inseparable do enleado urbano e gozaba de moi boa consideración tanto pola cidadanía como entre os arquitectos da cidade.

En troques, a principios da década de 1970, o concello quixo construír un estacionamento soterrado, pensando en revitalizar a urbe compostelá. Para levalo a cabo decidiu derrubar o emblemático edificio Castromil, que varios arquitectos de Santiago definiron como "a mellor obra arquitectónica de uso público de que dispuxo o Ensanche" ou como "o edificio máis representativo da arquitectura de principios do século XX en Santiago de Compostela".

A proposta baseada en construír o aparcadoiro arredor do edificio sen derruílo, respectando os seus alicerces, non prosperou. Como tampouco o fixo o intento de declarar monumento Histórico-Artístico o edificio Castromil, que se atopou co rexeitamento da Comisión Provincial de Belas Artes[2].

En setembro de 1975 as picas comezaron o derrubamento do senlleiro edificio en medio dunha forte polémica desatada en tódolos ámbitos cidadáns, maioritariamente favorables á súa conservación. A demolición do Castromil foi un dos moitos exemplos de derruba de edificios emblemáticos nas cidades e vilas de Galicia dende os anos sesenta do século XX. Mais a polémica suscitada polo Castromil marcou un punto de referencia na toma de conciencia sobre o patrimonio histórico de Galicia e a súa conservación[3].

Proceso de derrubamento

[editar | editar a fonte]

O edificio foi derrubado entre os meses de setembro e outubro de 1975 culminando un proceso polémico que describimos a continuación:

  • O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, tras coñecer a decisión do Concello de derrubar o Castromil para a construción dun aparcadoiro, acorda solicitar o 18 de xaneiro de 1974 á Dirección Xeral de Belas Artes, Comisaría do Patrimonio Artístico, que sexa declarado monumento histórico-artístico, realizando amais as xestións necesarias perante a Dirección Xeral de Arquitectura (expropiadora do inmoble) para a súa conservación. Promóvese unha campaña nos medios de información en defensa do edificio.
  • Aparecen na prensa os primeiros artigos contra derruba en marzo de 1974. Días despois sae á luz a incoación do expediente de declaración de monumento, o 16 de abril de 1974. A Dirección Xeral de Belas Artes chama o concello compostelán no trámite de audiencia. O pleno municipal aproba por unanimidade opoñerse ás pretensións da Dirección Xeral de Belas Artes, con base nun detallado informe lido na sesión polo alcalde.
  • Aparecen algúns artigos e comentarios de prensa en contra do edificio Castromil en abril de 1974. Consecuentemente asínase un escrito por 48 arquitectos españois contrario á derriba do edificio Castromil o 22 de maio de 1974, propoñendo un concurso nacional de ideas relacionado co proxecto praza de Xelmírez.
  • En maio e xuño de 1974 xorde unha guerra de comentarios, notas e noticias de prensa sobre a conveniencia ou non da derruba. A Comisión Provincial de Belas Artes cualifica negativamente o expediente de declaración de monumento o 12 de xullo de 1974. O alcalde de Santiago manifesta o día seguinte que o edificio Castromil será derrubado.
  • A Dirección Xeral de Belas Artes saca unha resolución o 9 de setembro de 1974 que deixa sen efecto o expediente de declaración de monumento (sae na prensa o 22 de setembro).
  • O 20 de setembro de 1974 a permanente municipal compostelá repara na resolución anterior e acorda por unanimidade dirixirse á Dirección Xeral de Arquitectura para solicitar encarecidamente que se inicien o máis axiña posible as obras de derrubamento. Así mesmo, acordouse someter a pleno no Concello o anteproxecto[4].
  • As picas comezaron en setembro de 1975 a demolición do emblemático edificio compostelán, que albergara nos seus inicios o Quiqui-Bar e posteriormente a sede da empresa Castromil. Son moitos os que expresaron o seu pesar:
hai que anotar, de forma dolorosa, dous dos atentados patrimoniais máis graves que sufriu Compostela no último século (...) O primeiro, e quizais por iso máis esquecido, é a sangrante demolición da barroca Casa da Inquisición, obra de Casas Novoa (1729), destinada ata 1834 como sede da funesta institución (...) Pero é, sen dubida algunha, a desaparición do popular Edificio Castromil a agresión máis desafortunada que, aínda hoxe, pervive na memoria dos composteláns.
Costa Buján, Pablo (2013); Evolución urbana y cambios morfológicos. Santiago de Compostela 1778-1950, páxinas 149-150.

Estilo arquitectónico

[editar | editar a fonte]

Definido baixo o estilo ecléctico expresionista próximo ó modernismo, foi proxectado o edificio no ano 1922 polo arquitecto Rafael González Villar, inspirado nos canons de moda europeos desa época[3].

  1. La Voz de Galicia (19 de maio de 2013): "Animalada na praza de Galicia", "Despois de 38 anos, o maior crime urbanístico da cidade segue impune".
  2. El País (5 de maio de 2008): "Santiago pide perdón a Castromil". "A praza de Galicia será remodelada tras un século de polémicos cambios", en castelán.
  3. 3,0 3,1 "Demolición del Castromil", no blog de Miguel Nieto Bernat (11 de marzo de 2006), en castelán.
  4. "Otras obras destruidas. Edificio Castromil" pdf, en castelán.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]