[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ganglio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para os ganglios do sistema linfático ver ganglio linfático.
Micrografía dun ganglio con tinguidura de hematoxilina-eosina.
Ganglio raquídeo da raíz dorsal dun embrión de polo de 7 días despois dunha noite de incubación en medio de crecemento NGF marcado con anticorpos antineurofilamentos. Os axóns crecen fóra do ganglio.
Esquema onde se mostra a posición dun ganglio espiñal dorsal e de ganglios simpáticos. Todos están preto da columna. Os ganglios parasimpáticos están máis afastados.

En anatomía, un ganglio é unha masa de tecido nervioso no que se encontran os corpos celulares (somas) neuronais das fibras nerviosas, que se presenta como un engrosamento na traxectoria dun nervio no sistema nervioso periférico. Das células dos ganglios saen fibras nerviosas (axóns), que forman parte dos nervios.[1]. Están rodeados por unha cápsula de tecido conectivo.

Ás células que se encontran nos ganglios se lles denomina células ganglionares, aínda que este nome utilízase tamén especificamente para designar un tipo de células da retina, as células ganglionares da retina.

Os nódulos linfáticos xeralmente se denominan ganglios linfáticos, aínda que neste caso non se trata de tecido nervioso.

Neuroloxía

[editar | editar a fonte]

Os ganglios nerviosos están compostos fundamentalmente polos somas neuronais e as súas dendritas. Os ganglios están a miúdo conectados con outros ganglios formando parte dun sistema complexo denominado plexo. Os ganglios son un punto onde se relevan as fibras nerviosas e as diferentes estruturas neurolóxicas fan conexións intermediarias.

Existen dous grandes conxuntos de ganglios no sistema nervioso:

  • Ganglios espiñais ou raquídeos, tamén chamados ganglios da raíz dorsal dos nervios espiñais. Están situados en columna moi preto da medula espiñal na raíz dorsal dos nervios que saen da medula espiñal. Conteñen os corpos celulares dos nervios sensoriais (aferentes).
  • Ganglios autónomos pertencentes ao sistema nervioso autónomo. Conteñen os corpos celulares dos nervios do sistemas nerviosos simpático e parasimpático. Os do sistema simpático están preto da medula espiñal e da cadea ganglionar dorsal espiñal, e os do parasimpático están máis lonxe, preto do órgano ao que controlan ou mesmo dentro del. Aos ganglios autónomos chega unha fibra preganglionar procedente do sistema nervioso central, e deles sae unha fibra postganglionar, que chega ao órgano efector.

Ganglios basais

[editar | editar a fonte]

O termo ganglio refírese propiamente ao sistema nervioso periférico.[2] Os lugares onde están os corpos celulares das fibras nerviosas no sistema nervioso central non se denominan ganglios senón núcleos. Porén, no cerebro, que é parte do sistema nervioso central, denomínanse ás veces "ganglios basais" un grupo de núcleos interconectados co córtex cerebral, tálamo e tronco do encéfalo, asociados con diversas funcións, como: control motor, cognición, emocións, e aprendizaxe. É máis claro chamarlles núcleos basais, tal como recomenda a Terminologia Anatomica.

Nos invertebrados

[editar | editar a fonte]

Nos invertebrados, que xeralmente non teñen masas encefálicas ben desenvolvidas, os ganglios son os centros nerviosos principais. Así, dise que os anélidos teñen un ganglio cerebroide ou os artrópodos unha cadea ganglionar ventral.

  1. Diccionario Terminológico de Ciencias Médicas. Masson. 13ª edición. Páxina 532. ISBN 84-458-0095-7.
  2. "UNSW Embryology- Glossary G". Consultado o 10 agosto 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]