[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Barbados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaBarbados
Imaxe

HimnoIn Plenty and In Time of Need Editar o valor en Wikidata

Lema«Pride and Industry»
«Гордост и усърдие»
«Tự hào và Công nghiệp»
«Barbados Wych» Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 13°10′12″N 59°33′09″O / 13.17, -59.5525
CapitalBridgetown Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación303.431 (2023) Editar o valor en Wikidata (691,19 hab./km²)
Lingua oficiallingua inglesa (lingua oficial)
Crioulo bajan (pt) Traducir (non oficial) Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie439 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porocéano Atlántico Norte Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoMount Hillaby (en) Traducir (340 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoOcéano Atlántico (0 m) Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación30 de novembro de 1966 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Presidente (pt) Traducir Editar o valor en WikidataSandra Mason (2021–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernment of Barbados (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Primeiro-ministro (pt) Traducir Editar o valor en WikidataMia Mottley (2018–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoParliament of Barbados (en) Traducir , Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal4.843.800.000 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
PIB per cápita18.798 $ (2019) Editar o valor en Wikidata
MoedaDólar de Barbados Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.bb Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+1246 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia911, 511 (en) Traducir, 211 (en) Traducir e 311 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Código de paísBB Editar o valor en Wikidata

Sitio webgov.bb Editar o valor en Wikidata
BNE: XX455758

Barbados é unha illa nación situada no océano Atlántico que forma parte da rexión do Caribe. É unha das Antillas Menores. A súa capital é Bridgetown.

Os seus veciños máis próximos son as illas San Vicente e as Granadinas e Santa Lucía ao oeste e Trinidad e Tobago, país co que agora comparte unha fronteira marítima fixa oficial, e América do Sur ao sur. A superficie total do estado é de 431 quilómetros cadrados, principalmente de baixa altitude, con algunhas zonas máis altas cara ao interior da illa, sendo o punto máis alto o Monte Hillaby (336 msnm).

A composición xeolóxica de Barbados é de orixe non-volcánica, estando na súa maioría composta de pedra calcaria de coral. A illa ten un clima tropical, con ventos alisios do océano Atlántico constantes, que serven para manter unhas temperaturas suaves. Algunhas zonas menos desenvolvidas do país están constituídas por bosques tropicais e mangleiral. Outras partes do interior do país contribúen á industria agrícola, salpicadas con grandes leiras de cana de azucre e pastos de pendentes suaves.

Durante máis de tres séculos Barbados estivo baixo o dominio británico, ata se independizar do Reino Unido o 30 de novembro de 1966, pasando a ser un reino da Commonwealth de Nacións, con Isabel II como raíña. 55 anos despois, o 30 de novembro de 2021, o país converteuse nunha república e Sandra Mason na súa primeira presidenta.[1]

O posto de Barbados na clasificación do Índice de Desenvolvemento Humano é constante entre os 75 primeiros países do mundo, chegando, por exemplo, en 2006 a ocupar o posto 31, sendo o terceiro posto do continente americano, despois do Canadá e os Estados Unidos.

Os primeiros habitantes de Barbados eran amerindios nómades. Ao longo do tempo tres ondas de inmigrantes trasladáronse para o norte, camiño de América do Norte. A primeira estaba integrada por un grupo de agricultores, pescadores e ceramistas que chegaron en canoa dende o val do Orinoco, en Venezuela, ao redor do ano 350. Os pobos arauacos foron o segundo grupo que migrou dende o continente suramericano no ano 800, sendo asentamentos destes pobos na illa a punta Stroud, a baía de Chandler, a veiga de Saint Luke, e a cova de Mapp. De acordo cos relatos contados polos descendentes das tribos aborixes arauacas, noutras illas da zona, o nome orixinal de Barbados foi Ichirouganaim. No século XIII, os caribes chegaron dende América do Sur nunha terceira onda de inmigrantes, desprazando aos dous anteriores pobos da illa e vivindo illados nela así como fixeran os dous pobos anteriores.

Os portugueses, de camiño para o Brasil, foron os primeiros europeos que chegaron á illa. O nome de Barbados é probable que proveña do explorador Pedro Campos, que en 1536 chamouna Os Barbados, debido á aparencia das figueiras que hai nela, que teñen longas raíces aéreas colgando e que lle lembraban unha especie de barbas. Despois das observacións de Campos entre 1536 e 1550, os conquistadores españois capturaron moitos caribes e utilizáronos como escravos en plantacións, o resto deles puideron fuxir da illa con distintos destinos.

Estatua de Horatio Nelson na Praza dos Heroes Nacionais, en Bridgetown

Máis tarde os mariños ingleses chegaron a Barbados, concretamente na década de 1620 desembarcando na actual Holetown, mais atoparon a illa deshabitada. Dende a chegada dos primeiros colonos británicos entre 1627 e 1628 até a súa independencia en 1966, Barbados estivo ininterrompidamente baixo control británico. Con todo, a illa sempre gozou dunha grande autonomía local: a súa asemblea comezou a funcionar en 1639. Entre a primeiras figuras ilustres da mesma cabe destacar a William Courten.

A industria do azucre desenvolveuse moi rápido en Barbados, e a illa dividiuse en grandes plantacións que substituíron as pequenas propiedades dos primeiros colonos británicos. Algúns dos granxeiros desprazados pola agrupación de terras fundaron novas colonias inglesas en América do Norte, sobre todo en Carolina do Sur. Para traballar as plantacións, escravos procedentes do oeste de África foron transportados en barco ata Barbados e outras illas caribeñas. O comercio de escravos cesou en 1804. En 1834 o escravismo foi abolido no Imperio Británico, aínda que en Barbados e no resto das colonias das Indias Occidentais Británicas, existiu unha moratoria doutros seis anos máis.

Os políticos locais estiveron dominados polos terratenentes e comerciantes descendentes de británicos. Non foi até a década de 1930, cando un movemento polos dereitos políticos comezou a arraigar entre os descendentes dos escravos emancipados. Un dos líderes deste movemento, Grantley Adams, fundou o Partido Laborista de Barbados en 1938.

Novos progresos cara a un goberno máis democrático de Barbados tiveron lugar en 1951 cando se introduciu o sufraxio universal na illa. Isto foi seguido de avances políticos encamiñados a alcanzar o autogoberno, acadando en 1961 a autonomía interna.

Dende 1958 até 1962, Barbados foi un dos dez membros da Federación das Indias Occidentais, sendo Grantley Adams o seu primeiro e único Primeiro Ministro. Cando a Federación se disolveu, volveu ao seu status de colonia autogobernada. A esta situación seguiron varios intentos de formar outra federación entre Barbados e as Illas de Barlovento e Sotavento que non culminaron, polo que Barbados negociou a súa propia independencia do Reino Unido nunha conferencia constitucional en xuño de 1966, acadando a súa independencia como estado membro da Commonwealth o 30 de novembro de 1966. A raíña Isabel II foi a xefa de Estado durante os seguintes 55 anos, ata que o 30 de novembro de 2021 o país converteuse nunha república parlamentaria, sendo Sandra Mason a súa primeira presidenta.[1]

Goberno e política

[editar | editar a fonte]
Edificio do Parlamento na capital

Barbados é unha república constitucional e a súa presidenta é Sandra Mason. Entre 1966 e 2021 foi un dos Reinos da Commonwealth de Nacións, polo que Isabel II era a Raíña de Barbados, e a súa Xefa de Estado, estando representada por un Gobernador Xeral. En Barbados o título que levaba a Raíña era o de: "Pola Graza de Deus, Raíña de Barbados e dos seus outros Reinos e Territorios, Xefe da Commonwealth". Varios gobernos do país propuxeron que Barbados se constituíse como unha república dentro da Commonwealth cun presidente como xefe de Estado, proposta que se materializou o 30 de novembro de 2021.[1]

O poder executivo descansa no primeiro ministro e no seu gabinete. O primeiro ministro é normalmente o líder do partido gañador das eleccións para a Asemblea, que é a cámara baixa do Parlamento e ten 30 escanos que son renovados cada cinco anos. O Senado ten 21 membros elixidos polo Gobernador Xeral.

Barbados é membro de pleno dereito na Comunidade Caribeña ou CARICOM.

Organización político-administrativa

[editar | editar a fonte]

Barbados está dividido administrativamente en once parroquias que deben o seu nome á relixión anglicana dos colonos ingleses. Ademais a capital da nación, Bridgetown, que está situada dentro da parroquia de Saint Michael é posible que poida formar nun futuro a súa propia parroquia.

  1. Christ Church
  2. Saint Andrew
  3. Saint George
  4. Saint James
  5. Saint John
  6. Saint Joseph
  7. Saint Lucy
  8. Saint Michael
  9. Saint Peter
  10. Saint Philip
  11. Saint Thomas

Saint George e Saint Thomas son as únicas parroquias que non teñen contacto co mar.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Praia de Barbados
Mapa da Illa

Barbados é a illa máis oriental do Caribe, 34 km de longo e 23 km de ancho. Considérase relativamente plana, en comparación coas súas veciñas Illas de Barlovento. A illa elévase suavemente cara ao altiplano central, sendo o punto culminante do país o Monte Hillaby con 336 msnm. A illa está situada no océano Atlántico, ao leste das demais illas das Indias Occidentais. Con respecto á xeoloxía da illa, o chan está composto practicamente de coral (de 90 m de grosor). A terra cae nunha serie de "socalcos" no oeste e entra nun plano inclinado no leste. Gran parte do país está rodeada por arrecifes de coral.

Na parroquia de Saint Michael atópase a capital de Barbados e principal cidade, Bridgetown, sendo outras cidades importantes Holetown, na parroquia de Saint James; Oistins, na parroquia de Christ Church.; e Speightstown, na parroquia de Saint Peter.

Membros da industria privada de Barbados propuxeron ao goberno unha idea para a creación de dúas pequenas illas artificiais que estarían ancoradas na costa oeste da illa. A primeira das illas sería de arredor de 1 km2 e estaría principalmente adicada ao turismo e a segunda de 0,2 km2, servindo de parque nacional. Ambas as illas estarían situadas preto do Porto de Deep Water, en Bridgetown, a unha curta distancia do Porto de Deep Water en Bridgetown.[2]

O clima é tropical, cunha estación de choivas de xuño a outubro. Aínda que un poida crer que a illa soporta severas tormentas e furacáns tropicais durante esta estación de choivas, realmente isto non é así. A illa é alcanzada de cerca por algún destes furacáns cada 3,09 anos de media e sopórtao de cheo cada 26,6. O último gran furacán que causou graves danos na illa foi o Janet en 1955. As precipitacións anuais oscilan entre os 1 000 e 2 300 mm.

Economía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Economía de Barbados.

A economía tradicional barbadense baseábase na produción de azucre, principal materia de exportación. Coa explosión do turismo, produciuse unha reorientación da actividade. Agora mantén un sistema moi dependente dos Estados Unidos e Europa que son os lugares de procedencia da maioría dos turistas, o que debilita a súa economía nos períodos de contención nos países de orixe. Na actualidade diversificou parcialmente a súa economía con algo de industria lixeira. É así mesmo sede de importantes empresas, sobre todo financeiras, dado o alto nivel de protección do segredo bancario que ofrece e os baixos impostos que soportan. Está considerado pola comunidade internacional coma un paraíso fiscal.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Crecemento da poboación dende 1961 (en miles de habitantes)

Barbados conta cunha poboación de 280 946 (2007), dos cales ao redor do 90,0% son de orixe africana, o 4,0% europeos (ingleses, irlandeses e outros) e o 6,0% restante asiáticos e multirraciais (mulatos). O idioma oficial é o inglés, e o dialecto local bajan está recoñecido como lingua rexionais protexida e é falado pola meirande parte da poboación. A esperanza de vida é de 73,0 anos e a media de fillos por muller é de 1,65, sendo a taxa de crecemento da poboación do 0,36% anual. O 99,7% da poboación está alfabetizada.[3]

En canto á relixión, a maioría dos barbadenses son cristiáns (67%), principalmente da Igrexa anglicana, mais tamén hai protestantes, católicos, Testemuñas de Xehová, hindis, musulmáns, xudeus e algunhas outras minorías. Barbados é un dos principais destino de emigrantes da nación suramericana da Güiana.

Rihanna, unha das barbadenses máis coñecidas
Partido de crícket

A influencia británica é máis evidente en Barbados que no resto de illas do Caribe. Un bo exemplo diso é que o deporte nacional é o crícket, tendo dado a illa xogadores de renome neste deporte como Garfield Sobers e Frank Worrell.

Os seus habitantes refírense a eles mesmos como Bajans. Este termo parece provir dunha mala pronuncia do xentilicio en inglés Barbadian como Bar-bajan quedando finalmente en Bajan.

Existen dúas festividades de interese cultural e turístico que se celebran na illa como son: o Congaline Festival e o Crop Over Festival. Como ocorre noutros países do Caribe e de Latinoamérica o entroido é unha celebración moi importante do calendario. O Congaline Festival ten lugar durante a última semana de marzo e é o menos relevante dos dous. O Crop Over Festival inclúe competicións musicais, actividades tradicionais e adoita celebrarse desde o principio de xullo ata a primeira semana de agosto terminando cun gran desfile. O persoeiro barbadense máis destacado a nivel internacional é probablemente a cantante Rihanna.

Barbados mantén unha forte influencia británica e é chamado polos seus veciños "Pequena Inglaterra".

Tal como noutros países do Caribe de ascendencia británica, o crícket é o deporte máis popular. Ademais de varios encontros amigábeis e até seis partidos do "Super Eight", Barbados acolleu a final da Copa Mundial de Crícket de 2007. Ademais moitos grandes xogdores naceron na illa como Garfield Sobers, Frank Worrell, Joel Garner ou Clyde Walcott. Tamén da illa é Obadele Thompson, a única velocista de clase mundial do país, que gañou unha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Sidney 2000 na proba de 100 metros lisos.

En golf, o Aberto de Barbados foi unha das citas anuais do European Senior Tour entre 2000 e 2009. Ademais en decembro de 2006 a Copa do Mundo de Golf tivo lugar en Barbados.

O automobilismo tamén desempeña un papel importante co Rally de Barbados, celebrado cada verán e que actualmente forma parte do calendario da FIA NACAM. O baloncesto é tamén un deporte moi popular, sobre todo na escola e as universidade, e que está a aumentar en popularidade, ao igual que o voleibol. Nalgunhas praias como a de Brandons en Saint Michael moita xente reúnese para xogar ao voleibol praia.

Outros deportes que se practican inclúen o hoquei, tenis de mesa, fútbol, rugby, polo e natación. O netball é tamén popular entre as mulleres de Barbados.

Data Nome en galego Nome local
1 de xaneiro Confraternización Universal New Year's Day
21 de xaneiro Día de Errol Barrow Errol Barrow Day
Variable Venres, Paixón de Cristo Good Friday
Variable Pascua Easter Monday
28 de abril Día dos Heroes Nacionais National Heroes Day
1 de maio Día do Traballo Labour Day
Variable Pentecoste “Whit Monday”
2 de agosto Carnaval barbadense “Kadooment Day”
3 de agosto Día da Emancipación Emancipation Day
30 de novembro Día da Independencia Independence Day
25 de decembro Nadal Christmas Day
27 de decembro Confraternización de Nadal Boxing Day

A illa de Barbados ten un único aeroporto importante, o Aeroporto Internacional Grantley Adams (GAIA), cuxa identificación IATA é BGI. Este aeroporto recibe diariamente voos de varias importantes compañías de todos os puntos do mundo, así como voos rexionais e charters. É o centro máis importante de transporte aéreo do Caribe oriental e na actualidade está sendo remodelado e ampliado.

A illa está ben desenvolvida, dispón de bos hoteis, apartamentos de tempo compartido etc. As costas sur e oeste de Barbados son moi populares pola claridade das súas augas e a cor branca e rosada das areas das súas praias. Ao longo da costa leste, bañada polo océano Atlántico, existen lugares propicios para a práctica do surf.

As zonas comerciais son outro dos atractivos de Barbados, cunha ampla variedade de comercios libres de impostos. Existe a posibilidade de saír de noite na maioría das zonas turísticas como en Saint Lawrence Gap. Outras atraccións inclúen reservas de vida salvaxe, xoierías, pesca submarina, paseos en helicóptero, golf, festivais, excursionismo, exploración de cavernas etc.

Atraccións, edificios importantes e lugares de interese

[editar | editar a fonte]

- Parroquia de Christ Church

- Parroquia de St. Andrew

- Parroquia de St. James

- Parroquia de St. Joseph

- Parroquia de St. Lucy

- Parroquia de St. Michael

- Parroquia de St. Peter

- Parroquia de St. Philip

- Parroquia de St. Thomas

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]