Bo Pastor
O Bo Pastor é unha advocación aplicada no Antigo Testamento a Deus (Iavé) como alegoría e no Novo Testamento a Xesucristo como parábola. A exéxese interpreta que a función de Deus ou Xesucristo como Bo Pastor é a salvación da «ovella descarriada» (o home como pecador).
Nas escrituras
[editar | editar a fonte]O tema aparece no Antigo Testamento, referido sempre a Iavé. No Salmo 23 ("O Señor é o meu pastor"), no Libro de Ezequiel e no Libro de Isaías.
Segundo os autores dos evanxeos, Xesucristo aprópiase da alegoría bíblica para aplicala a si mesmo como Fillo de Deus:
Entón Xesús díxolles esta parábola: «Se algún de vós perde unha ovella das cen que ten, non deixa as outras noventa e nove no deserto e vai na busca da que perdeu, ata que a encontra? E cando a encontra cárgaa moi feliz sobre os ombreiros, e ao chegar á súa casa reúne os amigos e veciños e dilles: “Alegrádevos comigo, porque encontrei a ovella que perdera”. Eu dígovos que de igual modo haberá máis alegría no ceo por un só pecador que volve a Deus que por noventa e nove xustos que non teñen necesidade de converterse».Evanxeo de Lucas 15, 3-7
Iconografía
[editar | editar a fonte]Desde o comezo do cristianismo, o Bo Pastor é a imaxe de Xesús de Nazaret que, na súa calidade de pastor, coida e salva o seu rabaño.
Desde os tempos do cristianismo primitivo asociouse a imaxe do pastor que sae na busca da ovella perdida coa de Cristo como Bo Pastor.[1] A profusión de representacións escultóricas e pictóricas do tema do pastor e a ovella na arte paleocristiá é notable: identificáronse até 892 representacións.[2][3] Poden identificarse imaxes datadas do século II; na súa maioría pertencen aos séculos III e IV. Unha destas imaxes é a do anel recentemente descuberto en Israel o 23 de decembro de 2021, a peza data do III.
A representación do Bo Pastor comezou a minguar na súa frecuencia cara a fins do século IV e practicamente desapareceu no século V.[4][5] Desaparece completamente na Idade Media, ata que se recupera entre o século XV e o XVI, para volver quedar relegada no século XIX. No século XVII e XVIII reaparece ás veces coa versión da Divina Pastora.
A inspiración das primeiras representacións tómase da imaxe de Orfeo —ao que se lle atribuía o don de encantar aos animais mentres tocaba a lira—, e da representación das obras romanas nas que o cordeiro entre os brazos era un símbolo de filantropía. No primeiro tema o Bo Pastor garda o seu rabaño, de pé ou sentado. A outra representación co cordeiro extraviado nos brazos ou sobre os ombreiros está moito máis estendida e procede directamente dos modelos pagáns do moscóforo ou o Hermes (Crióforo) que leva a ovella do sacrificio.
A variedade de representacións é numerosa. As características comúns das obras adoitan presentar a un neno que porta un báculo, basatón ou frauta, con túnica, e que ten no seu colo ou leva sobre os ombreiros un cordeiro. Tamén se representou con Xesucristo adulto.
En pintura atopábase xa na catacumbas de San Calisto ou de Domitila. Unha das representacións do Bo Pastor máis coñecidas é a de Bartolomé Esteban Murillo. Na escultura foi tamén unha imaxe común, que empezou sendo esculpida nos flancos dos sarcófagos e recorrente na música relixiosa, como a peza para órgano, O tríptico do bo pastor, de Jesús Guridi.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dodd, C. H. (1978). La Tradición histórica en el cuarto Evangelio. Madrid: Ediciones Cristiandad. p. 382. ISBN 978-84-7057-216-6.
- ↑ Pijoán, J. (1954). Summa Artis – Historia General del Arte. Vol. VII: Arte cristiano primitivo. Arte bizantino. Madrid: Espasa Calpe. pp. 97–98.
- ↑ Dulaey, Martine (1993). "La parabole de la brebis perdue dans l’Église ancienne: de l’exégèse à l’iconographie" (PDF) (en francés) 39: 3–22. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 7 de febrero de 2016. Consultado o 28 de enero de 2016.
La figure du berger est sans doute celle qu'on rencontre le plus fréquemment dans l'art paléochrétien : on a pu en recenser jusqu'à 892 représentations!
- ↑ https://www.continental.com.ar/sociedad/encuentran-en-israel-un-anillo-de-la-epoca-romana-con-la-imagen-de-jesus_a61c45a340b11b61ebe4c9b88
- ↑ Cartlidge, David R.; Elliott, J. Keith (2001). Art and the Christian Apocrypha. Nueva York: Routledge. p. 55. ISBN 978-0-415-23392-7. Consultado o 28 de enero de 2016.
The popularity of the Good Shepherd began to wane in the latter fourth century, and it virtually disappears in the fifth century.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Eliade, Mircea: Historia das crenzas e ideas relixiosas. Barcelona, 2005. ISBN 84-473-3841-X
- Burckhardt, Jacob: Historia da cultura grega. Barcelona, 2005. ISBN 8457338371
- VV. AA.: Historia da arte cristián. Biblioteca de autores cristiáns. ISBN 84-7914-427-0