Auschwitz-Birkenau
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Tipo | campo de concentración campo de exterminio museu a céu aberto (pt) patrimonio cultural | |||
---|---|---|---|---|
Epónimo | Brzezinka (pt) | |||
Parte de | Auschwitz | |||
Localización | ||||
División administrativa | Brzezinka, Polonia (pt) | |||
| ||||
Composto por | ||||
Características | ||||
Superficie | 171 ha Patrimonio da Humanidade: 171,6146 ha | |||
Monumento inmoble | ||||
Data | 2 de agosto de 1995 | |||
Identificador | A714/95 | |||
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade | ||||
Data | 1979 (3ª Sesión) | |||
Identificador | 31-002 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1940 | |||
Data de disolución, retirada ou demolición | 27 de xaneiro de 1945 | |||
Cronoloxía | ||||
1940-1945 | construción | |||
Código do catálogo | control de autoridades EHRI: camps/2. | |||
Auschwitz-Birkenau (en alemán Konzentrationslager Auschwitz-Birkenau (axuda · info), en polaco Oswiecim-Brezinka) é o nome dun grupo de campos de concentración localizados no sur de Polonia, símbolos do Holocausto perpetrado polo nazismo. A partir de 1940 o goberno alemán comandado por Adolf Hitler construíu varios campos de concentración e un campo de exterminio nesta área, na Polonia daquela ocupada. Houbo tres campos principais e trinta e nove campos auxiliares, converténdoo no maior campo de concentración dos nazis.
Os campos localizábanse no territorio dos municipios de Auschwitz e Birkenau, versións en lingua alemá para os nomes polacos de Oświęcim e Brzezinka, respectivamente. Esta área dista cerca de sesenta quilómetros da cidade de Cracovia, capital da rexión da Pequena Polonia.
En 1979, Auschwitz foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Os tres campos principais:
[editar | editar a fonte]- Auschwitz I - Campo de concentración orixinal que servía de centro administrativo para todo o complexo. Neste campo morreron preto de 70.000 intelectuais polacos e prisioneiros de guerra soviéticos.
- Auschwitz II (Birkenau) - Era un campo de exterminio onde morreron aproximadamente un millón de xudeus e preto de 19.000 xitanos.
- Auschwitz III (Monowitz) - Foi utilizado como campo de traballo escravo para a empresa IG Farben.
O número total de mortes producidas en Auschwitz-Birkenau está aínda en debate, mais estímase que entre un millón e un millón e medio de persoas morreron alí.
Historia
[editar | editar a fonte]A Alemaña nazi construíu a partir de 1940 varios campos de concentración e un campo de exterminio en Auschwitzque, do mesmo xeito que todos os demais campos de concentración, estaban dirixidos pola Schutzstaffel (SS) comandada por Heinrich Himmler. Os comandantes do campo foron Rudolf Höß (ás veces escrito "Hoess") até o verán de 1943, ao que lle seguiron Artur Leibehenschel e Richard Baer.
Höß deu unha descrición detallada do funcionamento do campo durante o seu interrogatorio nos Xuízos de Núremberg, detalles que complementou na súa autobiografía. Höß foi executado en 1947 en fronte da entrada ao crematorio de Auschwitz I.
O 17 de xaneiro de 1945 o persoal nazi iniciou a evacuación de Auschwitz. A maioría dos prisioneiros deberon marchar cara ao oeste. Aqueles demasiado febles para camiñar foron deixados atrás. Preto de 7.500 prisioneiros foron liberados polo exército Vermello o 27 de xaneiro de 1945.
Durante os anos de operación do campo, preto de 700 prisioneiros intentaron escapar do campo, dos cales 300 tiveron éxito. A pena aplicada por intento de fuga era, xeralmente, a morte por inanición. As familias dos escapados eran arrestadas e internadas en Auschwitz para seren exhibidas como advertencia a outros prisioneiros.
Auschwitz I
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Auschwitz I.
Auschwitz I foi o centro administrativo de todo o complexo. Foi aberto o 20 de maio de 1940, a partir de barracas de ladrillo do exército polaco. Os primeiros prisioneiros do campo foron 728 prisioneiros políticos polacos de Tarnów. Inicialmente, o campo foi utilizado para internar membros da resistencia e intelectuais poloneses, e máis adiante levaron alí tamén prisioneiros de guerra da Unión Soviética, prisioneiros comúns alemáns, elementos antisociais e homosexuais. Desde o primeiro momento chegaron tamén prisioneiros xudeus. Xeralmente o campo albergaba entre trece e dezaseis mil prisioneiros, alcanzando a cantidade de vinte mil en 1942.
A entrada de Auschwitz I tiña (e aínda hoxe as ten) as palabras "Arbeit macht frei" (o traballo libera). Os prisioneiros do campo saían a traballar durante o día para as construcións do campo con música de marcha tocada por unha orquestra.
As SS xeralmente seleccionaban prisioneiros, chamados kapos, para supervisar o resto. Todos os prisioneiros do campo realizaban traballos e, excepto nas fábricas de armas, o domingo reservábase para limpeza con duchas e non había traballo. As duras condicións de traballo unidas á desnutrición e á pouca hixiene facían que a taxa de mortalidade entre os prisioneiros fose moi grande.
O bloque 11 de Auschwitz I era a prisión dentro da prisión e alí se aplicaban os castigos. Algúns deles consistían no confinamento por varios días nunha cela moi pequena para sentar. Outros eran executados, pendurados ou deixados morrer de fame.
En setembro de 1941, as SS realizaron no bloque 11 as probas do gas Zyklon B nas que morreron 850 prisioneiros polacos e rusos. As probas foron consideradas un éxito e en consecuencia construíronse unha cámara de gas e un crematorio. Esta cámara de gas foi utilizada entre 1941 e 1942 para logo ser convertida nun refuxio antiaéreo.
A primeira muller chegou ao campo o 26 de marzo de 1942. Entre abril de 1943 e maio de 1944 leváronse a cabo experimentos de esterilización sobre mulleres xudías no bloque 10 de Auschwitz I. O obxectivo era o desenvolvemento dun método sinxelo que funcionase cunha simple inxección para ser utilizado coa poboación eslava. O doutor Josef Mengele experimentou con xemelgos neste mesmo complexo. Cando un prisioneiro non se recuperaba rapidamente, xeralmente era executado aplicándolle unha inxección letal de fenol.
O campo bordel, creado no verán de 1943 por ordes de Himmler, estaba localizado no bloque 24 e utilizábase para premiar os prisioneiros privilexiados. Os gardas seleccionaban prisioneiras para este campo, mais tamén aceptaban voluntarias atraídas polas mellores condicións alimenticias.
Auschwitz II (Birkenau)
[editar | editar a fonte]Auschwitz II (Birkenau) é o campo que a maior parte das persoas coñece como Auschwitz. Alí foron encarcerados centenas de millares de xudeus e alí tamén se executaron máis dun millón de xudeus e xitanos.
O campo está localizado en Brzezinka (Birkenau), a 3 km de Auschwitz I. A construción iniciouse en 1941 como parte da Endlösung der Judenfrage (solución final). O campo tiña unha extensión de 2,5 km por 2 km e estaba dividido en varias seccións, cada unha delas separada en campos. Os campos, como todo o complexo enteiro, estaban cercados e rodeados de arame e cercas eléctricas (algúns prisioneiros utilizaron o cerco eléctrico para se suicidaren). O campo albergou até 100.000 prisioneiros en momentos dados.
O obxectivo principal do campo non era manter prisioneiros como forza traballadora (como era o caso de Auschwitz I e III) senón o seu exterminio. Para cumprir con este obxectivo, equipouse o campo con catro crematorios con cámaras de gas. Cada cámara de gas podía recibir até 2.500 prisioneiros por quenda. O exterminio a grande escala comezou na primavera de 1942.
A maioría dos prisioneiros chegaba ao campo por tren, con frecuencia despois dunha terrible viaxe en vagóns de carga que duraba varios días. A partir de 1944 estendeuse a liña do tren para que chegase directamente ao campo. Algunhas veces, ao chegar o tren, os prisioneiros eran pasados directamente para as cámaras de gas. Noutras ocasións, os nazis seleccionaban algúns prisioneiros para supervisión de Josef Mengele, para seren enviados a campos de traballo, ou para realizar experimentos. Xeralmente os meniños, os anciáns e os doentes eran enviados directamente para as cámaras de gas.
Cando un prisioneiro pasaba a selección inicial, era enviado a pasar un período de corentena e logo atribuíanlle unha tarefa ou era enviado a traballar nalgún dos campos de traballo anexos.
Os seleccionados para exterminación eran enviados a un dos grandes complexos de cámaras de gas/crematorio para os extremos do campo. Dous dos crematorios (Krema II e Krema III) tiñan instalacións subterráneas, unha sala para espir e unha cámara de gas con capacidade para millares de persoas. Para evitar o pánico, informábase ás vítimas de que recibirían alí unha ducha e un tratamento desinfectante. A cámara de gas inclusive tiña tubulacións para duchas, aínda que nunca foron conectadas co servizo de auga. Ordenábase ás vítimas que se espisen e deixasen os seus bens no vestiario, onde supostamente os poderían recuperar ao final do tratamento, de maneira que debían recordar o número da localización das súas pertenzas. Unha vez selada a entrada, descargábase o axente tóxico Zyklon B polas aberturas no teito. As cámaras de gas nos crematorios IV e V tiñan instalacións na superficie e o Zyklon B introducíase por xanelas especiais nas paredes. Logo, despois de mortos, os corpos eran levados a unha sala de fornos anexa por prisioneiros seleccionados, chamados Sonderkommando, onde eran incinerados.
Alemaña invadiu Hungría en marzo de 1944; entre maio e xullo de 1944, preto de 438.000 xudeus de Hungría foron deportados para Auschwitz-Birkenau e a maioría foron executados alí. Había días nos que os fornos non daban abasto e se tiñan que queimar os corpos en fogueiras ao aire libre.
Famílias enteiras de xitanos foron encerradas nunha sección especial do campoe pasadas polas cámaras de gas en xullo de 1944, e o 10 de outubro dese ano procedeuse á exterminación dos nenos xitanos restantes en Birkenau.
O 7 de outubro de 1944, os Sonderkommandos xudeus, que eran mantidos afastados dos demais prisioneiros e que traballaban na operación das cámaras de gas e fornos crematorios, organizaron un levantamento. As prisioneiras conseguiran extraer explosivos dunha fábrica de armas e utilizáronos para destruíren parcialmente o crematorio IV e trataren de escapar na confusión. Os 250 prisioneiros foron capturados e inmediatamente executados.
Auschwitz III e os campos subalternos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Monowitz.
Os campos subalternos de traballo instalados no complexo de Auschwitz estaban estreitamente relacionados coa industria alemá, principalmente nas áreas militar, metalúrxica e mineira. O maior campo de traballo era Auschwitz III Monowitz, que iniciou as súas operacións en maio de 1942. Este campo estaba asociado coa empresa IG Farben e producía combustibles líquidos e goma sintética. A intervalos regulares, facíanse revisións sanitarias por parte do persoal médico de Auschwitz II, a fin de enviar enfermos e febles ás cámaras de gas de Birkenau.
Mulleres en Auschwitz
[editar | editar a fonte]As primeiras prisioneiras, así como as primeiras vixiantes, chegaron ao campo en marzo de 1942 trasladadas do campo de Ravensbrück de Alemaña. O campo feminino foi mudado a Auschwitz-Birkenau en outubro de 1942, e María Mendel foi nomeada xefe da vixilancia. Preto dun total de 1.000 homes e 200 mulleres da SS serviron como supervisores en todo o complexo de Auschwitz.
O coñecemento dos aliados
[editar | editar a fonte]Dende 1940, Witold Pilecki, un soldado da Armia Krajowa (organización de resistencia polaca á ocupación nazi) foi voluntario para ser levado como prisioneiro a Auschwitz e obtivo unha considerable cantidade de información que foi levada a Varsovia e de alí a Londres. Por outra banda, os aliados tiñan información aérea detallada dos campos dende maio de 1944. Dous prisioneiros fuxidos (Rudolph Vrba e Alfred Wetzler) reuniran descricións precisas e mapas que chegaron aos aliados durante o verán de 1944. O 13 de setembro de 1944, bombardeiros dos Estados Unidos atacaron a fábrica de Buna Werke asociada con Auschwitz III, destruíndoa parcialmente.
Evacuación e liberación
[editar | editar a fonte]As cámaras de gas de Birkenau foron destruídas polos nazis en novembro de 1944 coa intención de esconder as actividades do campo das tropas soviéticas. O 17 de xaneiro de 1945 os nazis iniciaron unha evacuación do campo. A maioría dos prisioneiros deberían partir para o oeste. Aqueles moi fracos para camiñar foron deixados atrás. Preto de 7.500 prisioneiros (ou 3.000 segundo outras fontes) pesando entre 23 e 35 kg, foron liberados polo Exército Vermello o 27 de xaneiro de 1945.
Algúns prisioneiros coñecidos
[editar | editar a fonte]- Józef Cyrankiewicz - presidiu o goberno da Polonia entre 1947 e 1952, e entre 1954 e 1970. Foi tamén presidente entre 1970 e 1972.
- Anne Frank - foi internada en Auschwitz-Birkenau entre setembro e outubro de 1944. Logo foi trasladada ao campo de concentración de Bergen-Belsen onde morreu de febre tifoide.
- Maximillian Kolbe - foi prisioneiro en Auschwitz I facéndose voluntario para morrer de fame en lugar doutro prisioneiro e morreu en 1941.
- Witold Pilecki - soldado polaco do Armia Krajowa, voluntario para "internarse" en Auschwitz. Organizou a resistencia e informou aos aliados do occidente sobre as atrocidades que alí ocorrían. Tomou parte no levantamento de Varsovia.
- Edith Stein - católica de orixe xudía. Morreu nas cámaras de gas de Auschwitz II.
- Elie Wiesel - sobreviviu á súa reclusión en Auschwitz III Monowitz e escribiu sobre as súas experiencias.
- Władysław Bartoszewski - Foi ministro polaco de Asuntos Exteriores entre 1995–2000.
- Imre Kertész - húngaro, Premio Nobel de Literatura, permaneceu en Auschwitz II por tres días no verán de 1944, ao ser considerado apto para o traballo corporal foi transferido para Buchenwald.
- Primo Levi - escritor italiano, estivo preso durante dez meses en Auschwitz, onde tiña que traballar na fábrica Buna-Werke. Foi liberado polo Exército Vermello e máis tarde escribiu sobre as súas experiencias.
- Vladek Spiegelman - pai do debuxante Art Spiegelman, autor da novela gráfica Maus, onde escribe sobre a historia da súa familia.
- Simone Veil - avogada e política francesa.
- Jean Améry - escritor austríaco.
- Hans Krása - compositor checo, pereceu en Auschwitz.
- Pavel Haas - compositor checo, pereceu en Auschwitz.
- Viktor Ullmann - compositor checo, pereceu en Auschwitz.
- Felix Nussbaum - asasinado en Auschwitz en agosto de 1944 coa súa esposa Felka Platek.
Criminais de guerra
[editar | editar a fonte]Preto de 6.500 membros das SS serviron en Auschwitz realizando pequenas ou grandes tarefas co obxectivo de lograr a solución final ao problema xudeu. A maioría deles sobreviviron á guerra. Coas primeiras prisioneiras, chegaron tamén as primeiras vixiantes ao campo en marzo de 1942 trasladadas desde o campo de Ravensbruck en Alemaña. O campo feminino foi mudado a Auschwitz-Birkenau en outubro de 1942, e María Mendel foi nomeada xefa de vixilancia. Preto dun total de 1.000 homes e 200 mulleres das SS serviron como supervisores de vixilancia en todo o complexo de Auschwitz. De entre todos os funcionarios, soamente 750 foron levados a xuízo, case todos en relación con crimes contra a poboación polaca.
Negacionismo
[editar | editar a fonte]Dende a fin da Segunda guerra mundial houbo intentos por negar o propósito dos campos de exterminio ou a súa magnitude. Afirmouse que sería imposible queimar un tal número de corpos ou que as instalacións que poden ser visitadas na actualidade foron reconstruídas logo da guerra para que estivesen en concordancia co que se contou sobre Auschwitz dende o final do conflito.
En 2005, Oskar Gröning, un ex-funcionario nazi, decidiu dar testemuño. Gröning foi membro das mocidades hitlerianas, de alí pasou a ser membro do partido nazi e máis tarde enrolouse nas Waffen SS á idade de 20 anos. Logo de dous anos de traballo administrativo para as SS, foi asignado a Auschwitz en 1942. Inicialmente Gröning cría que este era un campo de concentración normal, pero inmediatamente observou, como parte da súa indución ao traballo do campo, a chegada dun primeiro convoi de prisioneiros, a selección por parte do persoal médico das SS, onde só o 20% dos recentemente chegados foi escollido para traballar nos campos. Os enfermos eran transportados por padioleiros que utilizaban os símbolos da Cruz Vermella para dar unha ilusión de normalidade. Logo acompañou ao grupo que levou aos non seleccionados para o traballo e aos enfermos até as cámaras de gas, disfrazadas como duchas e finalmente presenciou a queima dos corpos nos fornos crematorios e a organización dos bens para a súa posterior clasificación. Gröning solicitou ser transferido a unha unidade de combate, pero os seus servizos como persoal administrativo eran requiridos alí, de maneira que pasou preto de dous anos levando as contas dos bens recuperados das pertenzas dos prisioneiros, axudado polo abundante alcol dispoñible no campo. Ao final da guerra foi feito prisioneiro (estivo en cativerio até 1948) pero omitiu mencionar o seu período en Auschwitz nos interrogatorios. Anos despois saíu a relucir o seu pasado, pero nunca se formularon cargos na súa contra.
En galego
[editar | editar a fonte]Birkenau é a localización da novela O amor nos escuros días de Birkenau de Alberto Canal.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dopico, Montse (12 de agosto de 2016). "“Cómpre seguir lembrando o nazismo debido ao auxe do filonazismo na Europa actual”". Praza Pública. Consultado o 8 de xuño de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Auschwitz-Birkenau |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]En inglés
[editar | editar a fonte]- Aroneanu, Eugene (compilador) (1996). Inside the Concentration Camps (en inglés). Westport, CT: Praeger Paperbac,. ISBN 0-275-95447-1.
- Bezwinska, Jadwiga; Czech, Danuta (1992). Amidst a Nightmare of Crime: Manuscripts of Prisoners in Crematorium Squads Found at Auschwitz (en inglés). Fertig, Howard, Incorporated. ISBN 0-86527-404-5.
- Castle, John (1954). The Password Is Courage (en inglés). Souvenir Press Ltd. ASIN B0000CIZDC.
- Castle, John (2001). The Password Is Courage (en inglés). Reimpresión Souvenir Press Ltd. ISBN 0-285-63587-5.
- Debski, Tadeusz (2002). A Battlefield of Ideas: Nazi Concentration Camps and Their Polish Prisoners (en inglés). Columbia University Press. ISBN 0-88033-478-9.
- Dziura-Dziurski, Alojzy (1983). Freedom Fighter (en inglés). Portland (Australia): J.A. Dewar. ISBN 9780959250619.
- Friedrich, Otto (1994). The Kingdom of Auschwitz : 1940-1945 (en inglés). Perennial. ISBN 0-06-097640-3.
- Garlinski, Jozef (1975). Fighting Auschwitz: The Resistance Movement in the Concentration Camp (en inglés). Fawcett. ISBN 0-449-22599-2.
- Garlinski, Jozef (1993). Fighting Auschwitz: The Resistance Movement in the Concentration Camp (en inglés). Reimpresión Time Life Education. ISBN 0-8094-8925-2.
- Gutman, Y.; Berenbaum, M., eds. (1994). Anatomy of the AuschwGutman itz Death Camp (en inglés). Indiana University Press. ISBN 0-253-32684-2.
- Gutman, Y.; Berenbaum, M., eds. (1998). Anatomy of the AuschwGutman itz Death Camp (en inglés). Reimpresión Indiana University Press. ISBN 0-253-20884-X.
- Piekarski, Konstanty (1990). Escaping Hell: the Story of a Polish Underground Officer in Auschwitz and Buchenwald (en inglés). Dundurn Press Ltd. ISBN 1-55002-071-4.
- Nyiszli, Miklós (1993). A Doctor's Eywitness Account (en inglés). Nova York: Arcade Publishing. ISBN 9781559702027.
- Spiegelman, Art (1973). Maus: A Survivor's Tale (en inglés). Nova York: Pantheon Books, Random House, Inc. ISBN 9780394747231.
- Wiernicki, John (2001). War in the Shadow of Auschwitz: Memoirs of a Polish Resistance Fighter and Survivor of the Death Camps (en inglés). Syracuse University Press. ISBN 0-8156-0722-9.
En polaco
[editar | editar a fonte]- Jakubski, Antoni (1948). Organizacja Niemieckich Obozów Koncentracyjnych [Organitation of German Concentration Camps] III. Niepodleglosc / Pilsudski’ Institute. pp. 173–217.
- Kalendarium - Kalenndarz Wydarzen w KL Auschwitz
- Ptakowski, J. (1985). Oświęcim bez cenzury i bez legend [Auschwitz without censorship and legends].
En castelán
[editar | editar a fonte]- Friedländer, Saul (2009). El Tercer Reich y los judíos (1939-1945). Los años del exterminio (en castelán). Barcelona: Galaxia Gutenberg/Círculo de Lectores. ISBN 978-8481097955.
- Rees, Laurence (2005). Auschwitz. Los nazis y la «solución final» (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 84-8432-606-3.
- Snyder, Timothy (2011). Tierras de sangre (en castelán). Barcelona: Círculo de Lectores/Galaxia Gutenberg. ISBN 978-84-672-4527-1.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Expediente do Xornal Público sobre Auschwitz
- Por que Auschwitz non foi bombardeada durante a guerra? Arquivado 13 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
- Sobre Hans Münch Arquivado 19 de abril de 2007 en Wayback Machine. (médico nazi, amigo de Josef Mengele, director do "Instituto de Hixiene" de Auschwitz)
- UNESCO – Património Mundial – Campo de Concentración de Auschwitz-Birkenau
- Localización de Auschwitz e Birkenau por Google Maps.