[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ctenopharyngodon idella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ctenopharyngodon idella
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Cypriniformes
Familia: Cyprinidae
Subfamilia: Leuciscinae
Xénero: Ctenopharyngodon
Steindachner, 1866
Especie: C. idella
Nome binomial
Ctenopharyngodon idella
(Valenciennes en Cuvier & Valenciennes, 1844)
Adulto
Adulto
Xuvenil
Xuvenil

A carpa Ctenopharyngodon idella é unha especie de peixe ciprínido (o grupo das carpas) e a única especie do xénero Ctenopharyngodon. É a especie que se produce en maior cantidade en acuicultura no mundo (uns seis millóns de toneladas ao ano en 2016, o que supón preto dun 11% do total da produción acuícola).[1] É un gran peixe de auga doce herbívoro nativo do leste de Asia, cunha área de distribución nativa que vai desde o norte de Vietnam ao río Amur na fronteira chinesa-siberiana.[2]

Críase na China como alimento, pero foi introducida en Europa e os Estados Unidos para o control da vexetación acuática. É un peixe propio de ríos grandes de augas avoltas e está asociado a lagos de chairas de inundación, cun amplo grao de tolerancia de temperaturas. Entra en condición reprodutiva e desova a temperaturas entre 20 e 30 °C.[2][3]

Aspecto e anatomía

[editar | editar a fonte]

É unha carpa alongada, repoluda, con forma de torpedo. A boca é terminal e lixeiramene oblicua con beizos firmes e non carnosos e sen barbas.[4] A liña lateral completa contén de 40 a 42 escamas. Os dentes farínxeos anchos e con cristas están dispostos segundo a fórmula 2, 4-4, 2. A aleta dorsal ten de 8 a 10 raios brandos e a aleta anal está situada máis próxima á cola que na maioría dos ciprínidos. A cor corporal é oliva escura, variando gradualemnte a amarelo acastañado nos laterais, cunha bariga branca e grande, e escamas lixeiramente delineadas.

Medra moi rapidamente. Os peixes novos almacenados en primavera de 20 cm chegan a ter 45 cm en outono. A lonxitude media é de entre 60 e 100 cm. A lonxitude máxima é de 1,4 m e o peso raramente pasa de 40 kg, aínda que se contabilizaron pesos máximos duns 44 kg. Segundo un estudo, viven unha media de 9 anos, e o máis vello viviu 11 anos (aínda que en Silver Lake, Washington hai unha poboación próspera de 15 anos de idade.[5]) Comen ata tres veces o seu propio peso corporal diariamente.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Esta especie vive en lagos, lagoas, pozas, e remansos de grandes ríos, e prefiren corpos de auga grandes, de fluxo lento ou encorados con vexetación.[4] Na natureza, desovan en ríos de augas rápidas e os seus ovos, que son lixeiramente máis pesados que a auga, desenvólvense mentres van á deriva augas abaixo, mantidos en suspensión pola turbulencia das augas. Crese que os ovos morren se van ao fondo.[6]

Os adultos das especies aliméntanse principalmente de plantas acuáticas. Comen plantas acuáticas altas e vexetación terrestre mergullada, pero tamén poden comer detritos, insectos e outros invertebrados.[2][7]

Especie introducida

[editar | editar a fonte]

Esta carpa foi introducida en moitos países, como Taiwán, Israel, Xapón, Filipinas, Estados Unidos[8][8][9] (onde xa se atopa en 45 dos 50 estados[8][9], e xa se reproduce nos Grandes Lagos[10]), México, India, Malaisia, os Países Baixos, Suíza, Chequia, Eslovaquia, países da antiga Iugoslavia, Dinamarca, Suecia, Romanía, occidente de Rusia, Polonia, Italia, Alemaña, Francia, o Reino Unido, a Arxentina, Venezuela, Fidxi, Nova Zelandia, Australia e Suráfrica. Só conseguiu desovar e establecer poboacións autorreprodutoras en seis dos grandes ríos do hemisferio norte. O seu fracaso á hora de establecer poboacións noutros ríos suxire que ten necesidades para a reprodución moi específicas.[11]

A especie necesita ríos grandes para a supervivencia dos ovos e das crías máis novas.

Uso como control de vexetación acuática

[editar | editar a fonte]

A especie foi introducida nalgúns países, como Nova Zelandia (en 1966) para o control da vexetación acuática, e nese país foi estudado o seu potencial valor e impacto.[12] Cada introdución nese país necesita a autorización gobernamental.[13] Nos Países Baixos tamén se introduciu esta especie co mesmo fin en 1973, baixo o control do Ministerio de Agricultura, Natureza e Calidade dos Alimentos.

En ambos os países, o control da especie é doada porque é improbable que se reproduza naturalmente nas condicións reinantes debido ás súas necesidades tan específicas para a reprodución,[13] pero noutros sitios o control faise utilizando peixes estériles triploides.[9][14]

Exemplar capturado con liña usando como isco pan branco.

Os exemplares grandes son grandes loitadores na pesca con cana, pero debido aos seus hábitos vexetarianos e á súa cautela son difíciles de capturar.[15] Os iscos de millo aumentan o éxito. Comen grans de millo enlatado, tomates cherry, e, malia seren primordialmente herbívoros, ás veces comen animais. Os iscos de pan en anzó flotando sobre a superficie funcionan ben, especialmente en lagoas e pozas. O récord mundial da IGFA de carpa capturada con liña e anzó é de 39,75 kg, pescada en Bulgaria en 2009.[16]

Prepárase para comelo ao vapor, fritido, cocido ou asado.[7]

  1. FAO (2018). The state of world fisheries and aquaculture 2018 : meeting the sustainable development goals. (PDF). Roma. p. 23. ISBN 9789251305621. OCLC 1082364233. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Mandrak and Cudmore. 2004. Biological Synopsis of Grass Carp (Ctenopharyngodon idella) Arquivado 06 de xullo de 2011 en Wayback Machine..
  3. Shireman, J.V. and C.R. Smith. 1983. Synopsis of biological data on the grass carp, Ctenopharyngodon idella (Cuvier and Valenciennes, 1844). Food and Aquaculture Organization Synopsis. 135: 86pp.
  4. 4,0 4,1 Grass carp in fishbase.org.
  5. Kirk and Socha. Longevity and Persistence of Triploid Grass Carp Stocked into the Santee Cooper Reservoirs of South Carolina Arquivado 04 de setembro de 2011 en Wayback Machine.. J. Aquat. Plant Manage. 41:2003.
  6. Krykhtin, M.L., and E.I. Gorbach. 1981. Reproductive ecology of the grass carp, Ctenopharyngodon idella, and the silver carp, Hypophthalmichthys molitrix, in the Amur Basin. Journal of Ichthyology 21(2):109-123.
  7. 7,0 7,1 Froese, Rainer; Pauly, Daniel, eds. (May de 2007). "Ctenopharyngodon idella". FishBase (en inglés). 
  8. 8,0 8,1 8,2 Nico, L.G.; Fuller, P.L.; Schofield, P.J.; Neilson, M.E. (15 March 2012). "Grass Carp (Ctenopharyngodon idella)". Nonindigenous Aquatic Species (NAS) database. Gainesville, FL: United States Geological Survey. Consultado o 12 January 2014. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Canover, G; Simmonds, R; Whalen, M, eds. (November 2007). Management and Control Plan for Bighead, Black, Grass, and Silver Carps in the United States (PDF). Washington, DC: Asian Carp Working Group, Aquatic Nuisance Species Task Force. pp. 21–27. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de agosto de 2020. Consultado o 16 de xaneiro de 2017. 
  10. Chapman, Duane C.; Davis, Jeremiah J.; Jenkins, Jill A.; Kocovsky, Patrick M.; Miner, Jeffrey G.; Farver, John; Jackson, P. Ryan (2013). "First evidence of grass carp recruitment in the Great Lakes Basin". Journal of Great Lakes Research 39 (4): 547–554. ISSN 0380-1330. doi:10.1016/j.jglr.2013.09.019. 
  11. Rowe, D. K., & Schipper, C. M. (1985). An assessment of the impact of grass carp (Ctenopharyngodon idella) in New Zealand waters. Rotorua N.Z.: Fisheries Research Division, Ministry of Agriculture and Fisheries.
  12. Grass carp Arquivado 30 de setembro de 2018 en Wayback Machine. in niwa.co.nz.
  13. 13,0 13,1 "Grass carp for weed control", DOC
  14. "Triploid Grass Carp Information" Arquivado 04 de setembro de 2018 en Wayback Machine., texas.gov
  15. Catching Grass Carp Arquivado 28 de maio de 2010 en Wayback Machine.. Missouri Department of Conservation.
  16. "Grass carp" Arquivado 16 de setembro de 2016 en Wayback Machine., IGFA Online. Retrieved 22 June 2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]