[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Chuchacabras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha representación gráfica dun chuchacabras.

O chuchacabras[Cómpre referencia] (en castelán chupacabras) é o nome dun críptido lendario contemporáneo, que se describe como un ser que atacaría a animais de diferentes especies en zonas gandeiras ou rurais. O mito tivo a súa orixe na illa de Porto Rico.[1]

Cóntase que existe en América Central e do Sur, en países como Costa Rica, México, o Perú, Ecuador, Bolivia, a Arxentina, o Brasil, Porto Rico, Honduras, Nicaragua, Colombia, Guatemala, O Salvador, Panamá, Chile, o Uruguai, Venezuela, Paraguai e nalgunhas zonas do sur dos Estados Unidos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A descrición máis popular é que sería unha criatura relativamente pequena (de 1 m de altura ou menos), que presentaría a pel verdosa e escamenta, ollos grandes e saltóns, e cabeza ovalada.

Outros atribúenlle un rostro de can con grandes ollos e caninos (normalmente dous no maxilar superior e só un no inferior, no centro, entre os incisivos) e pernas longas, como as dun canguro.

En todos os lugares considérase perigoso para a especie humana.

As primeiras citas de avistamento déronse en Porto Rico, de individuos que presentaban a primeira descrición dada, e despois foi citado en países como Chile, México e en Texas, estado no que describiu por primeira vez coa aparencia dun cánido.

Tipos de aparencias descritas

[editar | editar a fonte]

Dise que o chuchacabras aparece fundamentalente nas seguintes formas:

  • Reptiliana:

É a que máis comunmente se describe. Presentaría unha pel gris-verdosa, escamenta e con grosas espiñas dorsais e/o canelas agudas que corren cara a abaixo da súa parte posterior. De aproximadamente 0,9 a 1,2 m de altura, saltaría de maneira similar a un canguro.[2][3]

Esta variedade dise que ten un fociño e unha cara similares ás dun can ou un puma, e unha lingua bífida, con longos cairos. Así mesmo, dise que asubía cando está alarmado, e que deixa un cheiro de xofre ao seu paso.

  • Mamiferoide:

Esta segunda variedade tamén se erguería sobre as patas posteriores e saltaría como canguro, e tería a pel grosa con pelo facial agrisado. A cabeza sería similar á dun can, e a súa boca presentaría dentes grandes. Incluso varias testemuñas aseguran telos visto saltar máis de 50 m en liña recta, sorprendentemente sen o uso de ás ou outro medio de sustentación aerodinámico.

  • Quiroptoide:

As testemuñas din que algúns chuchacabras estarían cubertos de pelo negro, presentarían ollos vermellos, unha cabeza ovalada e ás tipo morcego. Algunhas veces arrastraríanse a catro patas, e outras estarían ergueitos (como cans das pradarías). Serían moi rápidos, poderían gabear, e caracterizaríanse por fuxir correndo, moi lonxe, cando son descubertos.

  • Cánido:

Presentaríanse como unha raza estraña de can salvaxe, sen pelo, cunha crista dorsal pronunciada, concas oculares infrecuentemente pronunciadas, dentes e gadoupas dun canino típico, segundo os describe Fernando Maldonado. Maldonado di que estes animais son o resultado do cruzamento entre varias especies de cans salvaxes, aínda que os entusiastas da criptozooloxía proclaman que pode ser que sexan individuos dunha especie dun réptil extinto similar a un can. Un caso dun suposto cadáver de chuchacabras que foi encontrado en Nicaragua en 2002 apoia a conclusión de que é simplemente unha estraña caste de can salvaxe. O devandito cadáver do animal foi encontrado en Tolapa, Nicaragua, e fíxoselle unha análise forense na Universidade de León (Nicaragua). Patólogos da Universidade encontraron que tan só era un can, porén era un exemplar infrecuente. Debe mencionarse que existen diferenzas morfolóxicas moi chamativas entre as diversas castes de cans (das que descenden os cans asilvestrados) que explican facilmente as estrañas características de tales animais.

Características dos ataques

[editar | editar a fonte]
  • Os animais mortos, presuntamente, polo ataque dun chuchacabras, non terían sangue nos seus corpos, e presentarían como feridas dous buratos que serían os dos dentes; a diferenza doutros depredadores que, na súa maioría, despezan o cadáver.
  • O normal é que ningún animal reaccione alarmado ou presente algún tipo de resistencia. Os donos do gando usualmente no relatan ruídos estraños, e nin sequera ladridos de cans gardiáns dos seus animais. Aínda máis, os cans ao seren observados posteriormente, reaccionan de forma moi estraña e, nalgúns casos, asustados.
  • Dise comunmente que non quedan pegadas do animal atacante ou, se has hai, son escasas, e semellantes ás dun cánido de gran tamaño, algunhas das cales presentan un prolongamento en forma de calcaño. Estas pegadas encóntranse a diferentes distancias (de 4 a 5 m), indicando que posuirían unha grande habilidade para saltar.
  • Comunmente non hai testemuñas directas dos ataques (por iso dise que é un mito).

A maioría dos ataques que corresponden a estas características resultan normalmente resultan corresponder a ataques dalgún tipo de animal nativo ou introducido na zona do ataque (é o caso dos ratos fociñudos como o rato fociñudo avermellado que atacarían aos animais pequenos), a dos cans asilvestrados, aos grandes, ou ben a ataques falsos de orixe humana, normalmente para facerse famosos.

Similitudes con outras lendas

[editar | editar a fonte]

Noutras partes do mundo hai culturas que teñen lendas con características semellantes á do chuchacabras.

  • Home-mosquito: algúns nativos suramericanos da selva tropical cren na existencia do "home-mosquito", unha criatura mítica do seu folclore anterior aos "avistamentos" do chuchacabras moderno. O "home-mosquito" succiona o sangue de animais co seu longo nariz, como un gran mosquito.
  • Piuchén: en Chile, o pobo mapuche cre na existencia do "piuchén", do que se di que nalgunhas ocasións petrificaría ás súas vítimas coa mirada, para despois chucharlles o sangue. Suponse que parecería unha serpe de gran tamaño, con ás de morcego e plumas de ave no seu corpo, e ademais tería unha cabeza similar á dun morcego.
  • Outros: as comunidades atacameñas, residentes no Deserto de Atacama, desde tempos ancestrais xa crían nunha gran cantidade de seres con características "tipo chuchacabras" chamadas achaches, umpillay, quilpaná, zampaxibas, choleles, xentilares, pachachos etc.

Outras criaturas míticas similares

[editar | editar a fonte]

Entre outros seres lendarios con características similares ao chuchacabras son o Demo de Jersey e Mothman, de Virxinia Occidental, ademais dos xa coñecidos vampiros.

As diferentes teorías do fenómeno

[editar | editar a fonte]

Explicacións sobrenaturais a favor

[editar | editar a fonte]

Todas as supostas testemuñas do fenómeno afirman que os ollos do chuchacabras teñen a capacidade de hipnotizar e de paralizar ás súas presas para atordoalas, o que permitiría que o chuchacabras chuche o sangue do animal no seu letargo. O efecto sería similar ao dunha araña que paraliza á súa presa con veleno.

Outra visión: se os responsábeis son seres humanos, aínda non se logrou identificar o instrumento cirúrxico utilizado nos ataques, o que fai que os partidarios da súa existencia indiquen que tería que descartarse a posibilidade de que o responsábel directo sexa o hombre, como tampouco outro depredador pertencente á fauna silvestre, xa que se di que as incisións estarían producidas por algo que nada coñecido pode realizar.

Explicacións naturais en contra

[editar | editar a fonte]

As mortes dos animais poden ser facilmente producidas por adoradores de certas seitas relixiosas ou individuos que presentan enfermidades mentais.

O fenómeno do chuchacabras é produto da histeria colectiva, mentres que outros pensan que esta é unha pobre explicación sobre as mortes de animais que resultan de ataques inexplicábeis.

Os ataques a animais pequenos presentan bastantes características que corresponderían a ataques de animais como os ratos fociñudos pertencentes ao xénero Oxymycterus.

Ningún estudo científico serio probou a total falta de sangue nos animais mortos. O pelo que se recolleu en lugares de supostos ataques, e que foi sometido a probas de ADN (ademais de pegadas identificadas cerca das zonas de ataque de animais), indican que o ataque se levou a cabo por animais, sendo na maioría dos casos obra de cans. De feito, en Porto Rico, onde se orixinou o fenómeno en 1992, os investigadores Edwin Veláquez (zoólogo), Andrew Álvarez (antropólogo) e Gustavo Adolfo Rodríguez (ecólogo), ofreceron publicamente, a finais da década dos anos 1990, unha recompensa de 15.000 dólares á persoa que lles proporcionara algún tipo de evidencia física, como pelos, saliva, excrementos etc., recollida nalgún lugar de Porto Rico onde ocorrera un suposto ataque, e que, despois de ser examinada baixo o rigor de probas de ADN, se concluíra que o depredador causante das mortes era unha criatura descoñecida para a ciencia. Nunca se someteu ningunha evidencia requirida, e a recompensa tampouco non se reclamou nunca.

En Chile, tras unha investigación demostrouse que, a pesar de todas as opinións e versións de persoas "expertas" no tema, as evidencias apuntaban claramente a cans,[4] sen que existira o menor indicio ou proba de algo sobrenatural. Tamén se demostrou que algúns dos ataques tiñan orixe humana.

Investigacións

[editar | editar a fonte]

Unha nova investigación realizada por Benjamin Radford chegou á conclusión de que a descrición dada pola testemuña orixinal en Porto Rico, Madelyne Tolentino, baseouse na criatura Sil do filme de ciencia ficción Species.[5] A criatura Sil é case idéntica á descrición de Tolentino sobre o chuchacabras e esta señora vira a película antes do seu informe: "Era unha criatura que se parecía ao chuchacabras, con espiñas nas costas e todo... A semellanza co chuchacabras era realmente impresionante", informou Corrales.[6] Radford concluíu que "a descrición máis importante do chuchacabras non é fiábel".[5] Este problema afecta seriamente á credibilidade do chuchacabras como unha verdadeira criatura.[7]

Ademais os informes de que ás vítimas lles chuchara o sangue o chuchacabras nunca foron confirmados por unha necropsia,[5] a única maneira de chegar á conclusión de que ao animal se lle drenou o sangue. Unha análise realizada por un veterinario a 300 supostas vítimas do chuchacabras encontrou que non foran desangradas. Parece que as testemuñas confundiron a falta de sangue na zona cunha extracción do sangue, cando puido ocorrer simplemente que o animal que atacou á vítima non lle trabou unha arteria principal, ou que se desangrou internamente.

Radford dividiu os informes do chuchacabras en dúas categorías:

A finais de outubro de 2010, o biólogo Barry O'Connor, da Universidade de Míchigan, chegou á conclusión de que todos os informes dos chuchacabras nos Estados Unidos eran realmente de coiotes infectados polo parasito da sarna Sarcoptes scabiei, que presentan síntomas que poderían explicar a maior parte das características do chuchacabras: quedábanse con pouca pelaxe, presentaban engrosamiento da pel e despedían intenso cheiro. O'Connor determinou que os ataques producíronse "porque estes animais están moi debilitados, polo que van ter moita dificultade para a caza, así que poden verse obrigados a atacar o gando porque é máis fácil que cazar un coello ou un cervato".[8]

Aínda que varias testemuñas chegaron á conclusión de que os ataques non podían ser obra de cans ou coiotes porque non comeran á vítima, esta conclusión non é correcta.[5] Tanto cans como coiotes poden matar unha presa e non consumila, xa sexa por estaren pouco experimentados, ou por teren lesións ou dificultades para matar á presa.[5][9] A presa tamén pode sobrevivir ao ataque no momento e morrer despois por hemorraxia interna ou choque circulatorio.[5][9] A presenza de dous buratos na presa, correspondentes a cairos, son de esperar, xa que esta é a única maneira en que a maioría dos animais carnívoros terrestres teñen para atrapar á súa presa.[5]

Comezo da lenda en Porto Rico

[editar | editar a fonte]

A lenda do chuchacabras comezou en 1992, cando dous xornais de Porto Rico, El Vocero e El Nuevo Día, comezaron a divulgar as matanzas de moitos tipos de animais, tales como paxaros, cabalos e cabras. Naquel momento era coñecido como "El Vampiro de Moca", posto que algunhas das primeiras matanzas ocorreron na pequena cidade de Moca. Mentres que ao principio se sospeitou que as matanzas foron feitas aleatoriamente por algúns membros dun culto satánico, as matanzas comezaron a darse por toda a illa, e moitos granxeiros falaron de perdas de animais. As matanzas tiñan un padrón común: cada un dos animais achados mortos tiñan un ou dous buratos producidos por algo obxecto punzante no pescozo.

Algunhas supostas testemuñas informaron que viran unha figura pequena de cor verde escura nos arredores das zonas das matanzas, dando aos xornalistas e á policía a sensación de que os chuchacabras podían, de feito, seren unha forma extraterrestre, comezando deste xeito a idea popular de que se trataría dunha entidade alieníxena.

Pouco despois de darse a coñecer mundialmente as mortes de animais en Porto Rico, outras mortes de animais comezaron a referirse noutros países, tales como a República Dominicana, a Arxentina, Bolivia, Chile, Ecuador, Colombia, o Perú, o Brasil, O Salvador, os Estados Unidos e, máis notabelmente, en México. En Porto Rico e México, o chuchacabras alcanzou o status de lenda urbana. As historias do chuchacabras comezaron a seren divulgadas polos telexornais norteamericanos e hispanos a través dos Estados Unidos, e creáronse diversos produtos comerciais do chuchacabras, como camisetas e gorras de béisbol.

Onde máis auxe tivo este fenómeno e lenda foi en México, especialmente no norte do país, no municipio de El Álamo, no estado de Nuevo León, xa que aí se informou de moitos animais mortos, na súa maioría cabras, a causa supostamente do chuchacabras.

Presumíbeis aparicións a nivel mundial

[editar | editar a fonte]

Nas Américas

[editar | editar a fonte]
Arxentina

Na primeira metade de 2002 encontrouse gando vacún mutilado en varios puntos do país (na zona comprendida entre as provincias de Río Negro e Santa Fe). Aínda que se percibían ablacións dos aparellos reprodutores dos animais, os medios asociaban os feitos co fenómeno chuchacabras ou con ritos de seitas satánicas. Pasou moi pouco tempo para que o Servicio Nacional de Sanidad y Calidad Agroalimentaria (SENASA) concluíra que as mutilacións foran levadas a cabo por raposos ou ratos fociñudos.[10]

Brasil

Unha aparición na cidade de Varginha no estado de Minas Gerais, Brasil, atribúese frecuentemente ao chuchacabras. Porén, con respecto a este incidente particular, a maioría da xente asocia o incidente cunha entidade extraterrestre, xa que non se rexistrou ningún ataque.[11]

Chile

En abril de 2000, na cidade mineira de Calama (norte de Chile), informouse dunha centena de animais de curral desangrados ou mutilados de forma moi estraña, situación que se mantivo até case finais de 2002. Pronto se produciu unha serie de denuncias recollidas pola prensa sensacionalista, provenientes doutros sectores do país, aínda que nunca se puido concretar nada extraordinario.[12] Un campesiño matou un huiña provocando atención internacional [13] e outros confundiron o feto dun monito do monte con este ser. Xurdiu así un mito urbano de que unha suposta misión da NASA chegara ao país para estudar o fenómeno.[14]

Tras moitas especulacións os estudos terminaron indicando que os ataques só se debían a cans.[15]

Colombia

En Colombia desenvolveuse a célebre historia, nas cidades de Barranquilla e Neiva, de que unha criatura chamada chupapollos, de características similares á descrita contra o ano 1999, foi aparentemente vista e deixando tamén evidencias das súas atrocidades, nas que aparentemente lles succionaba o sangue a aves de curral, ovellas e gando maior, e cuxas características se asemellaban ao chuchacabras.

Estados Unidos

Dise que un chuchacabras se capturou en Texas.[16] Noticieiro Fox de Estados Unidos (en inglés) Consultado o 25/3/2012</ref> Outro informe tamén en Texas resultou ser un coiote con sarna.[17]

México

No verán de 2008, na cidade de León, un granxeiro afirmou que o chuchacabras atacara o seu rancho moi violentamente, matando ás súas cabras. Tamén se informou de ataques na parte sur do país, no Iucatán, Campeche e Quintana Roo.

Nicaragua

En agosto de 2000 afirmouse de que na cidade de Malpaisillo un granxeiro ferira de morte a un chuchacabras e que ao cabo dos días encontraran o seu suposto esqueleto.

Fóra das Américas

[editar | editar a fonte]
España

Nalgunhas zonas do país algúns pastores e gandeiros denunciaron ante a Garda Civil e o Seprona algúns supostos ataques de, segundo as testemuñas, "unha especie de can negro, ou como un aeroplano pequeno negro". Até hoxe non se demostrou a veracidade destes ataques e a relación directa co mito do chuchacabras.

O chuchacabras na televisión

[editar | editar a fonte]

Nun capítulo da sexta temporada da serie Bones, producida pola Fox, o presunto asasino da vítima era un chuchacabras. Ao final, naturalmente, descóbrese que non había tal, e que o asasinato fora obra dunha guía de excursionistas que buscaban probas da existencia do bicho, e o cadáver manipulado polo dono do hotel onde traballaba a guía, para que parecera obra do chuchacabras coa fin de aumentar o número de visitantes.

  1. CNN. May 2, 2006[Ligazón morta] Consultado o 25/3/2012
  2. "Chupacabras Biography". Consultado o 25/3/2012. 
  3. Stephen Wagner. "The Top 10 Most Mysterious Creatures of Modern Times". Arquivado dende o orixinal o 22/09/2008. Consultado o 25/3/2012. 
  4. Nunca fue el chupacabras, fueron ataques de perros Arquivado 22 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Mercurio de Calama, mércores 13 de maio de 2009. Consultada o 25/3/2012.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Radford, Benjamin (2011): Tracking the Chupacabra: The Vampire Beast in Fact, Fiction and Folklore. ISBN 978-0-8263-5015-2
  6. Corrales, Scott: Chupacabras: And Other Mysteries. ISBN 1-883729-06-8
  7. Radford, Benjamin: "Slaying the Vampire: Solving the Chupacabra Mystery", Skeptical Inquirer, Vol. 35, Nº 3, maio/xuño 2011, páxs. 45-48.
  8. "Scary chupacabras monster is as much victim as villain". umich.edu. }25-10-2010. Consultado o 25/3/2012. 
  9. 9,0 9,1 "Evaluation of Suspected Predator Kills". Arquivado dende o orixinal o 01/01/2012. Consultado o 25/3/2012. 
  10. Los zorros atacan Arquivado 11 de marzo de 2007 en Wayback Machine. Diario Clarín, 7-02-2002. Consultadfo o 25/7/2012.
  11. "Varginha". Espacio Misterio (en castelán). Consultado o 2020-02-03. 
  12. Campesino afirma en televisión haber sido atacado por Chupacabras Consultado o 25/12/2012
  13. Campesinos chilenos anuncian captura del famoso "Chupacabras" Arquivado 22 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Consultado o 25/3/2012
  14. El Mundo. Prensa nicaraguana hace eco de rumor que en Chile, Nasa capturó chupacabras Arquivado 11 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine. Consultado o 25/3/2012
  15. El Mercurioo. Tanto las huella de las pisadas como los pelos encontrados indicaban que eran perros domésticos Arquivado 22 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Consultada o 25/3/2012
  16. Los Andes. Hallan un animal muerto y dicen que es el “chupacabras Arquivado 22 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Consultado o 25/3/2012
  17. "El legendario chupacabras es sólo un coyote sarnoso". Arquivado dende o orixinal o 02/10/2010. Consultado o 25/3/2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]